18 jun 2007


DÚAS NOTAS SOBRE O 15-VI-77
La Región 18 xuño.

15 de xuño. As eleccións do 15-xuño-1977, conmemoradas nestes días, abriron unha nova etapa democrática na historia española sobre a que existe hoxe unha ampla e rigorosa bibliografía. A transición española mesmo se ten presentado como un modelo dentro do conxunto das transicións á democracia no mundo occidental, pero tampouco foi a única con éxito naquel momento (velaí Grecia ou Portugal). O tratamento mediático leva á simplificación e pode suceder que as novas xeracións vexan o fin do franquismo e a chegada á democracia como un conciliábulo dun reducido grupo de actores políticos. Por suposto, ninguén lle nega o seu papel a Adolfo Suárez, que encabezou o abano de reformistas comprometidos en autoliquidar a ditadura, nin tampouco o protagonismo do monarca ou das diversas forzas que se posicionaron na contorna internacional. Adóitase tamén subliñar o relevo dalgúns políticos antifranquistas (Santiago Carrillo dende o PCE) ou a moderación táctica dun movemento sindical que subordinou as súas estratexias á conquista da democracia.
Protagonismo popular. Todo o dito anteriormente non debe ocultar o protagonismo popular de centos de iniciativas, partidos, forzas sociais, que se organizaron contra a ditadura e marcaron dalgún xeito o ritmo dos cambios. Certo que moitas delas eran rupturistas e que o que logo saiu adiante foi un xeito de “reforma pactada” pero de amplas perspectivas: de feito, Javier Tusell fala dunha “ruptura por procedementos reformistas ou unha reforma tan fonda que fixo desaparecer radicalmente o reformado”. Os mesmos resultados das Eleccións do 15 de xuño de 1977, que nos situaron a todos no plano da realidade, ofrecen un mapa político non moi diverso do que xa se consolidara na Segunda República, feito este menos destacado. Así, as comunidades que votaron á esquerda na República fixérono tamén en 1977 polos socialistas e os comunistas. O centro reformista e a dereita (UCD e AP) tamén tiveron os seus mellores resultados nas zonas de predomino do centro e a dereita nos anos 30: velaí a memoria do pobo.
Algúns detalles. Dito isto e subliñada a lexitimidade daquel proceso electoral e reformista, tampouco sobra dicir que a UCD do 77 tivo a Televisión para ela soia e a maioría dos medios de comunicación, así como o respaldo dos poderes económicos e fácticos. Ou lembrar que a esquerda e o galeguismo tiveron que facelo todo dende os seus inicios: como crear medios de comunicación propios como a revista “Teima” (1976), por exemplo. Ou que moitos partidos á esquerda do PCE chegaron ás eleccións sen ser legalizados ou tiveron que acollerse a coalicións electorais para poder presentarse. Así lle sucedeu, por exemplo, á UPG creando xunto coa AN-PG a plataforma do Bloque Nacional-Popular Galego. Aínda en 1977, uns quince militantes da UPG eran (eramos) detidos na Praza do Toural e convidados a visitar os calabozos de Raxoi por querer vender na rúa o “Terra e Tempo”. Son “detalliños” menores estes: a letra pequena da historia.
CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL

1960: cUNQUEIRO, dEL RIEGO, mARTINEZ RISCO

1961: eSPLENDOR NA NARRATIVA

1962: lONGA NOITE DE PEDRA

Pois vai ter razón o amigo Arume: debín esquecer de colgar os artigos da serie CEN ANOS relativos a 1960, 1961 e 1962. Recupero agora sequera os textos, no apartado de comentarios (en Galicia Hoxe dixital xa non os vexo).
Polo demáis, se alguén quere clicar no apartado de Etiquetas (ó cabo destas liñas) encontrará os artigos ordenados, cara atrás, dende 1970 a 1950 (falta algún máis).
A serie empezou en 1906 e rematará, nuns meses, co 2006. Cando teña tempo (ben tan escaso) poñereille etiquetas a todos para que sexan accesibles dende aquí.

17 jun 2007








CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL.



Nas fotos, retrato de Xoana Torres (Adiós, María) e portadas dos libros de Alonso Montero e Celso Emilio Ferreiro.

O Miño afía o azul e segue a viaxe…

Os ourensáns somos fillos das augas. Fillos das Augas Quentes das Burgas nas que se bañaba a nosa Callpurnia Abana e fillos da indómita raza de mulleres que baixaban as beiras de Oira nun fermosísimo artigo de Florentino López Cuevillas, recollido en “Cosas de Orense”. Don Floro falou tamén de Navia, a deusa pagá que asociaba o noso arqueólogo ó culto das augas. Tamén o pai Miño é o noso deus da infancia, símbolo da liberdade primixenia nos tempos en que o río navegaba libre e os coiñais de Ourense eran lugar de baño habitual dos veciños. Alí aprendín eu a nadar co meu pai e irmán maior e tamén cun fermoso pastor alemán que era quen de cruzar o río sen repouso. Alí houbo antes moitos días de ledicia e descuberta da vida, vino despois nas vellas fotografías das revistas e xornais: os ourensáns a bañarse libremente arredor da Pena de Francia, antes dos lóbregos días da barbarie fascista.

Veu despois Oira, lugar de lecer organizado, as primeiras piscinas da cidade, que os ourensáns chamabamos, cun aceno algo cursi, a nosa “praia fluvial”. Os meus ollos de neno lembran ben cando acudín a Velle co meu pai, para ver desde preto, pero da outra banda do río, o recinto das piscinas totalmente cuberto polas augas, en calquera das cheas do río que se deron nos sesenta: xa daquela chovía a cachón e as augas invadían terreos virxes, nada era capaz de deter o seu pulo devastador. Como naquela arroiada dos anos corenta no Barbaña que levou consigo porcos e galiñas das humildes casas á beira deste río. As piscinas de Oira significaron dalgún xeito a decadencia dos anteriores lugares de baño, os coiñais arredor da Ponte Nova e, máis aló, as beiras do río ata a Ponte Vella, onde aínda asentaban daquela as súas chabolas algunhas familias xitanas.

O pai Miño era tamén o acubillo do misterio e os rapaces paseabamos polos arredores, dende a estación de tren na Ponte ata a Chabasqueira, patria infantil do xenial escritor noso Bieito Iglesias: o creador de “Miss Ourense” aínda lembra os seus anos de infancia eivada nese barrio cando os xitanos axudaban a levar o material para a construción da que demos en chamar Ponte Novísima e algún burro baixaba augas abaixo levado pola corrente. Ou subíamos á ponte do Viaducto a xogar co perigo adolescente e admirar as paisaxes dende as alturas sobre o río. Tamén había, cómo non, a Ponte Vella, quizais menos impresionante nos seus cumes, pero tan chea de historia e de vellos mitos transmitidos de boca en boca. Era a ponte dos suicidas e o poeta Antón Tovar dedicoulles un fermoso artigo ós que alí decidiran truncar a sorte do destino.

Porque o río simbolizaba ademais o perigo da morte presentida e cada ano se cobraba o seu óbolo de suicidas e rapaces afogados nalgún dos seus tramos á beira do mundo urbano, entre Oira e as milagreiras augas de Reza e O Tinteiro, onde nos levaban curar os grans e as feridas da pel. Pero os mozos non tiñamos medo e proba inevitable na loita pola vida era o reto cotián da baixada do río, dende as piscinas de Oira ata os coiñais, que só ousaban arriscar os moi bos nadadores, xa algo curados do medo nas recén inauguradas piscinas do Pavillón dos Remedios. Aínda que o río, traidor, non deixou de cobrar nunca as súas vítimas entre a mocidade ousada, quizais só para manter o seu ben coidado prestixio de misterio e fascinación.

Souben despois, moito despois, que aquel era o mesmo “río dos grandes destinos” que cantara Curros e que mereceu tamén versos e prosas ben fermosas de escritores como Celso Emilio Ferreiro, Miguel Moreiras, Xosé Fernández Ferreiro, Manuel de Dios, Víctor Campio, Fernández Naval ou Millán Picouto, entre outros. Malia iso os políticos ourensáns daquela hora non sabían da existencia do río máis que para denominar ó Festival do Miño-Canción do Mundo Celta, que seica descubriu algunhas voces famosas doutrora, dende o Andrés do Barro que agora relembran con nostalxia na TVG ata o asturiano Víctor Manuel ou o catalán Joan Manuel Serrat. Os ourensáns redescobren agora, e alegrámonos porque nunca é tarde, o benquerido río, o seu río, o pai Miño de Otero e Cuevillas, facendo unha nova peregrinación ritual polas súas beiras. Recupéranse as vellas termas, río abaixo, e todo o mundo fala do gran potencial termal da cidade que nos situará no mundo sen complexos e xerará a riqueza necesaria para seguir progresando.

E eu lembro aqueles versos de Euxenio Montes:
“Ourense é afiador.
Roda de pedra
O Miño afía o azul
e segue a viaxe”.

16 jun 2007

Culturas políticas (achega de Isildur para abrir o debate)

Por iniciativa de Isildur abro un novo fío de debate sobre o tema que encabeza este post: as culturas políticas das diferentes forzas e partidos deste país. Pode ser continuación do fío sobre os Pactos Municipais, xa selados nesta hora. De certo hai non moitos anos era difícil sequera imaxinar que forzas como o BNG e o PSdG-PSOE puidesen chegar a cogobernar a Xunta e as principais cidades do país. Doutra banda, o que hoxe parece tamén imposible (acordos de goberno, en calquera nivel, entre o PPdeG e o BNG), quizais en datas non moi arredadas chegue a materializarse sequera nalgúns campos: os "populares" que ata agora negaban totalmente esa posibilidade, fartáronse de seducir ó BNG tralas municipais. Existen realmente culturas políticas diferenciadas? Hai barreiras infranqueables? Ata onde dominan os vectores dereita-esquerda ou nacionalismo-estatalismo? En palabras de Isildur:

Por que semella ser tan difícil a convivencia harmónica e a experiencia de cogoberno entra o PSdG e mais o BNG? Por que son, en xeral, tan tirantes as relacións? Son comparábeis ás que hai entre forzas políticas do abano da esquerda (ERC, IpC e PSC en Cataluña, IU e PSOE noutras partes do Estado...) noutras latitudes? Que hai na cultura política de socialistas e nacionalistas galegos que fai parecer que non son quen de xerar unha cultura de coalición? Por que é tan difícil poñerse de acordo en pontos comúns? A ver se vai ser verdade aquela vella teoría da que tanto gostaban algúns líderes da UPG e que tamén se lle escoitaba aos do PP "da boina": que, no fondo máis fondo, os políticos do PP rural e os nacionalistas teñen máis en común que os "enxertos" españolizantes do PSOE urbanita. Hai algo de verdade nese aserto? Ou é só unha de tantas ocorrencias e miraxes etnicistas?



ENTRE HORTAS E PORTAS (Xosé Manuel González)

(Imaxe: San Roque, bastantes décadas antes. Seguramente, a corporación municipal vai cumprir o voto ao santo. Sería, logo, 16 de agosto. Do Arquivo Castro Freire. Tomada da web http://personal1.iddeo.es/palvez/glugo.htm)

1. A cen metros de San Pedro.
A lembranza máis antiga trae unha imaxe de nena declarando que xa tiña sete anos; inquirido, retruco eu con medio imitada resignación que sigo en catro. Pola conta, debeu ser no 1958. Fico no limiar da casa, temos á fronte o lateral da Capela de San Roque e non hai vía pavimentada: camiño de terra, sen nome, conduce desde a rúa do santo ata a de Ramón Montenegro, facendo curva que deixa á dereita un campo onde pace o cabalo do carboeiro, miña nai pon a roupa ao clareo e nós xogamos con pelota ou o que cadre.

Era verán. Dous nenos fóra da escola, en hora bastante ceda e mañá medianamente luminosa; ata non sei se o arrecendo do xardín, para alá da igrexa, non mandaría no ambiente. Pouca xente pasa, e ningún coche pola rúa que é sen aínda eu sabelo a N-VI, estrada que seica vén de Madrid á Coruña. A radial vence a costa, igualmente anónima, que desde a Tolda deixa á esquerda As Pedreiras e logo á dereita o cuartel de cabalaría das Mercedes; pasa o fielato, vólvese recta cuxo primeiro treito se chama -de hai pouco- Muñoz Grandes e por onda as casas de Méndez asume o vello nome de San Roque, dous ou trescentos metros antes do número trinta e sete onde eu estou e a estrada non para, camiño da Muralla e a Ronda de Castela.

Poucos anos deberan pasar deica a segunda instantánea, pero xa mudaría a década. É inverno agora, se non nevou logo o fará, e hai matanza. Temos horta a douscentos metros da casa, e bichos. De alí traen a cocha, que vai a onde miña nai a chama e moita pena lle dá; co bo tempo, ás tardes sacabámola por fóra e tiña costume de achegarse á dona atal un can. Vai a marrá pola rúa de San Roque e case non estraña; algún transeúnte se cadra aínda viu carros transpoñendo o muro romano para retirar estrume dos cortellos. O matachín actúa alí perto e a min non me levan; quizais demasiado cruento para un neno, e iso que na cociña da casa un xa está familiarizado coa morte de polos e coellos. Tamén sinto mágoa, pero comerei frebas e filloas sen remorso. Nas vacacións de Nadal, a mamá vai facendo nos chourizos ao tempo que avía casa e xantar.

Miñas primas e eu somos os primeiros da familia que nacemos en Lugo; coma cas doutra xente. As construcións do barrio adoitan ser populares e vellas, con raro enclave burgués e dous grandes edificios: a igrexa e o antigo Mesón dos Toldaos, onde se debeu hospedar o difusor da Biblia George Borrow, agora convertido en dúas vivendas e morada para o popular ex-alcalde Portela. Conta meu pai como fora pasar aló algunha noite, pois había ameaza expresa do maquis ou noticia de incursión; o pai é garda municipal, e completa ingreso a cobrar recibos e representar firmas comerciais: así se pagará a miña carreira e algunha longa viaxe, pero de momento ninguén sabe nada diso. Transcorre o tempo de lecer entre a lectura (os Capitán Trueno e Jabato que troca a Carmiña no portal-libraría, algún raro libro, canto prospecto apaño), o trato cos mozos que a nai ten de pensión (nesta casa, todo o mundo traballa seguido), o irmán e os do meu tempo que encontro fóra.

Deles, dúas portas por medio vive Cheché Real; nin concibe presidir unha Asociación de Empresarios de Hostalaría que aínda non existe. Un triciclo seu, azul, embalado costa abaixo e que me envorca, terá moita responsabilidade en que eu nunca chegue a andar en bicicleta; estou vendo, mazado e na terra, como o Cheché apaña o meu sombreiro en papel de cores, pono na cabeza e sae apalillando, o moi paspán, coma se riba miña non quedase o triciclo; coma se en San Roque non houbese pais, nin lei nin orde.

Polas rúas de abaixo mora o Xosé Manuel Sarille, rapaz con pelo mesto que de seguro non cavila para nada en normalizar o uso da lingua galega. Cando en xullo e agosto baixo co porrón de arxila, baleiro, cara á fonte dos Paxariños, el a miúdo está por onda o taller do Lombao. Posiblemente segue alí cando subo de volta co porrón cheo, mais a miúdo non estou para detalles. Vémonos e coñecémonos; trato, naquela altura, pouco.

Bole San Roque, hai tendas de comestible (a do señor Gabino e algunha outra), chacinaría, estanco e despacho de pan, tabernas, farmacia... Na beirarrúa da esquerda, a penúltima casa antes da prazuela é nova e ten moi amplo baixo; será garaxe, pero antes albergou concorridísimas xornadas artísticas con ballet. Á praciña mencionada chamámoslle A Mosquera e xa case linda coa Muralla, catro ou cinco casas polo medio. No portal da última á dereita senta unha velliña, con touca e pano de loito, que ofrece mercadoría de melindres e outras lambetadas, disposta nunha cesta; loce sorriso desdentado e permanente.

Por alí e apegados ao propio monumento (éo, Monumento Nacional, desde o 1921) a ambos lados da
Porta de San Pedro, a Perrucaría de Saavedra, cafés e tabernas onde se botan a parva e a partida: o Riveira, Bar Lugo, Asuero... Neste, posiblemente coinciden Antonio Rosón e Ramón Piñeiro; xaora, a Manel, a min, que non me pregunten. Van chegando os 25 Anos de Paz.)

Mitos clásicos.

Pan por Pan 16 xuño


Formeime como lector, entre outras cousas, lendo libros de mitoloxía clásica. Son sempre útiles para nenos e mozos, como son necesarios os contos infantís e, por favor, sen censuras de corrección política. Logo coñecín traballos valiosos sobre mitoloxía, como os de Carlos García Gual, catedrático de Filoloxía Grega na Complutense, que dos mitos falou nestes días en Vigo. Os mitos seguen aí como decorado –no cine, na linguaxe, na psicoloxía, nas artes, etc.- pero perderon o seu valor heroico e exemplarizante. Hoxe chamámoslle mito a todo: un actor novo, un novo grupo musical prefabricado polas multinacionais, o que sexa. E o sistema remata por devoralo todo, ata os mitos políticos. Velaí: en Vallegrande, Bolivia, onde apareceu o cadáver do Che Guevara queren facer o roteiro turístico do Che, con hoteis e todo o necesario. Se Hércules levantase a cabeza!

15 jun 2007


En poleiro alleo


"Que din os rumorosos" (Ferrín, FV, 15 xuño) : Ferrín continúa co tema do Himno Galego e penetra no seu significado (observen o cambio de trato, con respecto ó artigo anterior, sobre os aludidos XCC e BI: case semella unha rectificación que pola miña parte agradezo).
(Imaxe: Beata Ludovica Albertoni, de Bernini)

Nervios, caras demudadas
Andoliña 15 xuño. Imaxe: Retrato de muller, Goya.

Nervios a esgalla, caras demudadas, consultas ó médico en busca de tranquilizantes… Primeira xornada da selectividade. Moitas mozas, inmensa maioría, os mozos son os menos. Pertencen a unha xeración que non viviu as reválidas nin o temido exame de ingreso. Enténdese a súa sensación de pánico. Algúns perden as etiquetas. Outra pega a da compañeira sen querer: menos mal que se deu conta. En castelán caen o eterno Bueno Vallejo e un texto ben pensado de Javier Cercas sobre o ensino, a memoria, a autoridade nas aulas e todo iso. En galego, un anaco de Xabier Quiroga e un comentario sobre a eutanasia: non son difíciles ningún deles. Coa Xeración Nós na teoría. Algúns xa parecen máis calmados. Non pasa nada. Sen infartos.
A mañá non foi difícil. Tampouco a tarde: en filosofía hai abondo para escoller. En historia, o mundo obreiro ou a Guerra Civil: a memoria do pobo en calquera caso. E o de inglés, máis fácil que outros anos, con audición e todo. Véselles a todas máis tranquilas.
Eu, que estou do outro lado, lembro cando estaba aí sentado, 1975. ERGA convocara un boicot ás probas. Pero non houbo valor. Como di o amigo X.M. González, coas cousas de comer non se xoga.

14 jun 2007


Brincadeira: os cartos da Pantoja
O malo dos cartos e que non te deixan dormir. Se non me credes, mirade o leito da Pantoja.
(Envío de Tacho: graciñas)
Bob Dylan
Na foto con Joan Baez, na marcha dos Dereitos Civís, 1963.

Era o cantante preferido do meu irmán maior nos primeiros 70. El trouxo a casa os seus discos. El levoume, case escondido (eu non tiña aínda a idade), a ver "Pat Garret e Billy o neno". Eu sempre asociarei a Bob Dylan co meu irmán na súa fase "hippie" cando quería estudar Belas Artes en Madrid.

Recomendado. "Dylan, o premio premiado" (Manuel Ángel Candelas Colodrón, hoxe en Faro de Vigo).

Pan por Pan 17 xuño

“Cantos camiños ten que andar un home/ antes de que lle chamedes home? (...). “Si, e cantos anos pode existir unha montaña/ antes de ser bañada polo mar? / Si, e cantos anos se permiten vivir a algúns/ antes de que se lles conceda ser libres?/ Si, e canto tempo pode un home volver a cabeza/ e finxir exactamente o que non ve?/ A resposta, meu amigo, está a soprar no vento,/ a resposta está a soprar no vento./ Si, e canto tempo ten un home que mirar cara enriba/ antes de que poida ver o ceo?/ Si, e cantos ouvidos ten que ter un home/ para que poida oír á xente berrar?/ Si, e cantas mortes se aceptarán, ata que se saiba/ que morreu demasiada xente?/ A resposta, meu amigo, está a soprar no vento,/ a resposta está a soprar no vento”. Premio Príncipe de Asturias das Artes, Bob Dylan. Discútese no meu blog se tiña ou non boa voz: a estas alturas da película iso non sei se iso importa.


Máis sobre Irán.

Pan por pan 14 xuño. Foto de Abbas, da súa serie sobre Irán.

Saben quen foi o primeiro país do mundo en meter no cárcere a un internauta por facer un blog, aló polo ano 2003? E saben cal é un dos países con maior número de blogueiros, que segundo diversas estimacións están moi por riba do medio millón de persoas? Pois nos dous casos a resposta é Irán e non calquera outro europeo ou occidental que estean imaxinando. Irán vive unha auténtica explosión de comunicación na blogosfera, di Nasrin Alavi, sobre todo porque as condicións de censura son moi duras e o goberno filtra ou bloquea máis de dez millóns de sitios web. Pero, malia iso, os iranianos fan marabillas para comunicarse dende a Rede e xerar novos espazos de liberdade. O goberno iraní pechou na última década máis de cen publicacións, incluídos 45 diarios: moitos destes xornalistas están agora refuxiados no periodismo dixital. E aí non hai que cubrirse co velo.

13 jun 2007

Falan de nós, bastante ben (e a selectividade)

Hoxe estiven coas alumnas e o alumno (no meu centro só había un rapaz aprobado, o resto eran mozas) nos exames de selectividade. Bastante ocupado, polo tanto. Só agora tiven tempo de revisar un bo mangado de mensaxes atrasadas dende onte. E entérome de que falan de nós, destas Uvas na solaina noutro espazo virtual significativo deste país: o foro de Arroutadas.
E, ademais, en xeral falan abondo ben de nós, con gabanzas mesmo personalizadas e outras hiperbólicas (Xeración Nós, etc.). Dende aquí un saúdo para os compañeiros de Arroutadas e graciñas a todos, os que nos dedican as boas palabras e mesmo os que nos critican, porque o fan con graza e sen mala intención, de seguro.

Polo demáis, como hai ensinantes escoitando, pola Selectividade bastante ben. Os primeiros exames non foron difíciles en xeral: nin o de Lingua e Liter. española nin o de Lingua e Liter. Galega nin o de Historia nin o de Filosofía. Ata o de inglés, que ten fama todos os anos de ser máis complexo, este ano non era demasiado difícil, segundo din, sobre todo un texto que falaba de Agatha Christie. En Lingua española caiulles un anaco de La fundación de Buero Vallejo, libro de lectura obrigada, e outra opción cun interesante artigo de Javier Cercas en El País Semanal sobre educación, o papel da memoria ou o tema da disciplina e a "autoridade" intelectual na educación: moi na liña do que aquí temos falado. En Lingua Galega un texto breve de Xabier Quiroga e na outra opción un texto xornalístico de Victorino Pérez Prieto arredor da eutanasia. En Historia, textos sobre a guerra civil ou, na outra opción, sobre o movemento obreiro e a industrialización.
Os rapaces, por suposto moi nervosos. Non estamos xa no tempo das reválidas nin dos grandes exames de ingreso doutrora e iso lévaos a darlle unha dimensión excesiva a este evento: é a primeira vez que os examinan fóra do seu instituto e profesores que non coñecen. Pero xa saben que logo aproban o 94 por cento ou algo así.
En fin, lembro na miña memoria recente os días da miña selectividade en Compostela, cando a primeira (ou segunda?) convocatoria. Que ben o pasamos a panda ourensá: Bieito, Xan, Roi, etc. !! Por certo, ERGA convocara daquela un amago de boicot ás probas, pero non houbo valor e todo quedou en nada.

Dúas caras.

Pan por Pan 13 xuño. Debuxo de Renoir.

Esoutro día o historiador Antonio Elorza publicou en “El País” un traballo moi crítico con algúns intelectuais islámicos moderados como Tariq Ramadán. Segundo el, este ensaísta usa unha dobre linguaxe: moderada e democrática cando se dirixe ó mundo occidental e coa súa faciana máis fundamentalista cando fala para o mundo islámico. O relevante do artigo de Elorza é que Ramadán é hoxe a cara máis aberta do Islam en Occidente. Pero toda realidade ten dúas caras. Mesmo en países islámicos como Irán, onde as mulleres poden ser multadas por maquillarse ou ensinar os cabelos, a sociedade vai por outro lado. Segundo Mehdi Kalaji, o islamismo está en declive en Irán e as clases medias, con estudos e mentes independentes, están a moita distancia das arroutadas do presidente Ahmadineyad. Só queda saber quen vencerá: os cidadáns ou os fanáticos empoleirados no poder?

12 jun 2007

Luc Ferry, filósofo e exministro francés
Moi interesante a entrevista con Luc Ferry, en El País. Subliño estas súas dúas respostas sobre a educación e sobre o poder real e o goberno. Ámbalas dúas moi pertinentes.

P. ¿La educación no se ha resentido?
R. Sí, junto a los valores tradicionales se destruyó también la autoridad. En los colegios se ha impuesto la ilusión pedagógica: primero hay que apasionar a los alumnos y después hacerlos trabajar. Es al revés. Uno sólo trabaja por obligación. No hay espontaneidad en el aprendizaje. A todos nos ha marcado algún profesor, y solía ser un gran carismático que nos hacía trabajar, no un animador cultural. La ilusión pedagógica nos dice que podemos reemplazar el trabajo por el juego. De ahí el desastre. Hay que inventar nuevas formas de autoridad sin volver atrás como reaccionarios. Los pilares de la educación europea son griegos (por la cultura), judíos (por la ley) y cristianos (por el amor). Si damos el amor sin la ley, no funciona.

P. ¿Cuando un filósofo se hace ministro se vuelve más pragmático?
R. La experiencia más fuerte que tienes cuando llegas al poder es que no tienes poder. El proceso se nos escapa. Tenemos las apariencias del poder: coches, banderas... Como mucho, un ministro puede alegrar o fastidiar la vida de 300 personas, ahí se acaba todo. Si alguien moviera los hilos de la marioneta, como creen los militantes antiglobalización, estaríamos de enhorabuena. La lógica del mercado es anónima y ciega. Los políticos tienen ahora mucho menos poder que hace 40 años.
O resultado dos pactos (foro de debate)

Por indicación de APC abrimos este foro para quen considere pertinente opinar sobre o resultado final do novo mapa político municipal galego.

Homofobia.

Pan por pan 12 xuño

Xa teño confesado aquí que en cuestións como o cine (sobre todo clásico), unha parte da música contemporánea, algúns grandes escritores e artistas USA e as series de televisión non son nada antinorteamericano. Prefiro os orixinais ás copias: gústame máis “Anatomía de Grey” que as versións españolizadas por aquí. Pois ben, Isaiah Washington, actor negro e doctor Preston Burke en “Anatomía de Grey”, foi despedido da serie por chamar “marica” a un compañeiro, o actor T.R. Knight, quen logo recoñeceu a súa homosexualidade. Os propios compañeiros de Washington non querían xa traballar con el. Nestas cousas os norteamericanos sonche moi seus: lembren a historia da novela “A mancha humana” de Philip Roth (logo levada ó cine con Anthony Hopkins e Nicole Kidman) onde un profesor de Universidade cae en desgraza tras chamar “negro” a un alumno das súas aulas.

11 jun 2007

UNHA VERDADE INCÓMODA
La Región 11 xuño

Al Gore. Celebrouse o 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente e nestes días puiden ver a película de Davis Guggenheim, “Unha verdade incómoda”: o proxecto de Al Gore, exvicepresidente dos Estados Unidos, convertido xa en gurú do clima para percorrer o mundo alertando das consecuencias do cambio climático.
A película está concibida para lucimento do que foi candidato presidencial no 2000 fronte a Georges W. Bush (Gore logrou máis votos, pero non a presidencia, lembren) e nese sentido enténdese a clave biográfica do documental (as alusións á enfermidade dun seu fillo ou á carreira presidencial), ó que quizais lle sobre un certo alento narcisista. Pero hai que recoñecer que o tema ecoloxista non é novo en Al Gore: en 1992 publicou un bestseller titulado “A Terra en equilibrio: ecoloxía e espírito humano”. Os críticos apuntan que puido facer moito máis cando foi vicepresidente e defender Kioto con máis pulo en vez de venderse ós intereses económicos que agora denuncia. O documental, con todo, é útil e necesario: dende un enfoque didáctico (comprensible por un alumno de segundo ciclo da ESO, cando menos), non carga as tintas en deseños apocalípticos como outros produtos semellantes. A realidade xa é bastante aterradora e así a presenta esta película: zonas moi importantes e urbanas de Europa, Estados Unidos ou a India pagarían moi caro, mesmo asolagadas, o desxeo das masas polares que xa está nos seus inicios, segundo todos os cálculos científicos.
Mil trescentos millóns. Mil trescentos millóns de persoas vivirán graves secas polo desxeo provocado polo cambio climático: así o constataba esta semana un informe específico da ONU. Sen neve nas grandes montañas non hai ríos e os principais ríos de Asia nútrense das neves do Himalaya. Só a suba dun grao centígrado na temperatura supón elevar a cota de neve nos Alpes 150 metros, con importantes consecuencias na economía da zona e no abastecemento de auga. Sobran informes que constatan o descenso das cubertas de neve e o quentamento espectacular do Ártico e todo isto afectará a todas as rexións xeográficas do mundo: como se indica na película de Al Gore, nin sequera se sabe cómo se comportarán as correntes mariñas que xa hoxe provocan furacáns tan devastadores como o Katrina. Onde antes había grandes glaciares, estes vanse retirando e deixando só como restos grandes lagos que deixan constancia deste quecemento global.
Príncipe de Asturias. Al Gore acaba de obter tamén o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional 2007: é importante que líderes mundiais coma el se poñan á fronte destas causas que antes se desprezaban como “teima neurótica de catro ecoloxistas tolos”. As opinións públicas deben facer valer a súa presión, porque está todo por facer: o recente cumio do G-8 foi frustrante nas súas conclusións a este respecto. Quizais porque á cabeza dos países ricos está o país máis contaminante e consumista do planeta: os Estados Unidos que quixo presidir o mesmo Al Gore.

África, a gran esquecida

Andoliña 12 xuño
A Feira do Libro de Madrid deste ano, que rematou este domingo, estivo dedicada a África. Dese continente íase falar tamén no cumio do G8, na aldea alemá de Heiligendamm, aínda que disque pouco se acordou a este respecto: había outras prioridades que ocuparon todo o tempo. Os africanos tampouco van protestar por iso.
África segue sendo a esquecida nas axendas mundiais. A visión do continente segue a abanear entre a traxedia (as pateiras, as guerras xenocidas, o drama xigantesco da sida) e a color exótica das visións turísticas. Só a núcleos reducidos chega a noticia da súa riqueza e diversidade na produción cultural (literatura, música, artes). Hai 20 anos deseñouse unha Nova Orde Mundial da Información cun novo papel para os países africanos: tamén quedou no caixón dos proxectos.
África só representa o un por cento da riqueza do mundo. Nin sequera é unha potencia contaminante, tan pouco conta. Foi, é na actualidade e seguirá sendo territorio privilexiado de todos os espolios. Para máis mala sorte é rica en fontes de enerxía e materias primas cobizadas polos países ricos. Non hai peor desgraza para calquera país africano que posuír petróleo ou diamantes: alí nacen todas as guerras.

10 jun 2007



CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: BALANCE DOS 60

A entrega de hoxe nos "Cen Anos..." fai balance do acontecido na década dos 60, comentada nas dez últimas semanas. En clave de resume, isto foi o que deu de si aquela "década prodixiosa".
Nas fotos, Miro Casabella na Nova Canción Galega; Celso Emilio Ferreiro con Farruco Sexto; primeiro cartel do Día das Letras Galegas; Pilar Jeremías e Clotilde Iglesias recitando en Buenos Aires, e foto de Muros nos anos 60 realizada por Blanco Amor.