19 abr 2008


cabaceiro culé
Para min o fútbol é un mundo totalmente alleo, xa o teño dito. Pero non quero deixar de compartir esta simpática foto, que me envía Tacho. Cosmopolitismo e raíces, fusión total.

FÍO MUSICAL PERMANENTE

Gústame a idea que deixaron algúns contertulios de ter un xeito de Fío Musical Permanente no blog.
E teño unha idea ó respecto. Podería abrirse cada sábado un fío de tema musical, para opinar e desenvolvelo ó longo de toda a semana.
E propoño que o faga cada semana un contertulio diferente. Vostedes teñen o meu correo persoal (está no Perfil do blog). Preparan un texto breve (10-15 liñas) como entrada e nel fagan as súas suxestións musicais, coas ligazóns a Youtube que queiran. Creo que estaría ben recomendar en cada post entre 3 e 5 temas ou cantantes ou grupos musicais. Despois só terían que enviarme ese texto e eu colgaríao, por exemplo, cada sábado (como fixemos no seu día coas entregas de Xosé M. González).
Eu publicaría os post por orde de chegada. E emprazo, para empezar, ós contertulios máis habituais: Xoán da Coba, Apicultor, Jimmy de Rairo, Xabimusic, Julio Medela, Arumes, Trebi, Leituga, Xosé M. González, Jim Morrison, Monxardín, Lourixe, M. Swan, David Paz, Xulio Outumuro, G. Peaguda, M. Fraga, etc., e escusas polos que esquezo neste momento. Se se animan, xa saben. (Isto non impide, por suposto, que deixen cancións ou agasallos musicais noutros fíos, cando queiran).

E, como hoxe non temos aínda redactor do Fío Musical, déixolles un videoclip dunha das miñas cancións favoritas.
Entereime tamén por Miraxes (TVG), que vai cantar na Coruña a marabillosa Elephteria Arvanitakis.

Casos e cousas (de Auria), bis

A miña noraboa a Jesús M. García, xornalista de LVG, premio X.A. Carracedo deste ano polas súas novas e reportaxes sobre temas do patrimonio na nosa provincia.

No mesmo xornal, Xosé M. Rodríguez informa tamén da nova novela de Antón Risco, Obxectos antigos de orixe ignorada, publicada por Galaxia.

E ó grupo Lamatumbá (na foto), polo seu novo disco, que por certo seica fai unha homenaxe nel ó Paraugas Universal de don Xoán da Coba (conta LVG): non sei se o noso amigo XDC non reclamará dereitos de autor.
Casos e cousas (de Auria)

Monxardín reflexiona sobre as fotografías e o seu abuso, en Sobredose fotográfica (La Región 19 abril).

Por outra banda, o concurso de "políticas guapas" que propuña Moncho Conde Corbal esoutro día na súa sección seica non gustou ás agraciadas. Hoxe respóndenlle en La Región tres delas (Marta Arribas, María Quintas e Laura Seara), bastante indignadas (non encontro na web de LR este artigo). MCC puido ser máis astuto e comezar ó revés: cos "políticos guapos homes". Así, logo quizais non lle acusasen de machismo.

"Casos e Cousas" era unha sección fixa do xornal O Tío Marcos d´a Portela. Como outras veces, a nosa cabeceira é unha homenaxe ó xornalismo galego.
O home das pombas
Andoliña sábado 19 abril

Estou a agardar polo autobús, na Alameda de Ourense, e el achégase, silandeiro. Un home de máis de sesenta anos, diría eu, ben vestido, cun xersei de la (vai frío en Auria) e gafas. De seguro, xubilado ou quizais prexubilado dalgún oficio onde sobraba nas contas de resultados. Chega con dúas bolsas de plástico dun supermercado, e sitúase preto do monumento a Cuevillas. De súpeto, vese rodeado de pombas, máis dun cento delas, que o agariman por todos os lados. Unha sóbelle a unha man, outra polo medio do brazo, outras nos ombreiros.
O noso amigo bota alí un bo anaco, por riba da media hora, a espallar todas as migas de pan que trae nas bolsas do Froiz, sempre acompañado polos arrolos das pombas. As aves non paran de voar e de deseñar complicadas rotas máis ou menos elípticas ó seu arredor. O espectáculo é fascinante: toda unha ópera da natureza diante dos ollos. O home está feliz, notáselle ben: estou seguro de que nese momento, se puidese escoller, non preferiría estar en ningún outro lugar.
No mundo do libre mercado e da apoteose do capital, o aceno deste home, repetido a diario, non ten ningún "valor", dito sexa en termos pecuniarios. Quizais por iso sexa, porén, un xesto útil.



Caricaturas en Ourensanía

Esta noite tivemos unha invasión de Caricaturas na Ourensanía. Se teñen un momentiño de vagar e lecer, pasen por alí.

E vanse encontrar con Antón Losada Diéguez, Basilio Álvarez, Xesús Alonso Montero, Eduardo Blanco Amor, Adolfo Domínguez, Xoaquín Lorenzo, Otero Pedrayo, Xavier Casares, Mani Moretón, Xaime Quessada, Manuel de Dios, José Luís Baltar, Victorino Núñez, etc.
Os debuxos son de Siro López, Carlos Quesada, Xosé Lois, Castelao, Omar Pérez, Pepe Carreiro e Antonio Amado Lorenzo e proceden dos catálogos da I e III Bienal de Caricatura (1993 e 1996), que organizaramos dende o Clube Alexandre Bóveda e a Casa da Xuventude, con Benito Losada como artista maior do evento.
Díganme, se lles parece pertinente, cal lles parece a mellor caricatura das colgadas (e, se queren, cal a peor?).

18 abr 2008


Manuel de Dios

tamén falamos esoutro día aquí
do músico, poeta e compositor,
director da Coral de Ruada durante tantos anos,
Manuel de Dios.
Por iso recupero esta súa caricatura, feita por Carlos Quesada en 1995.
Velaí van tres dos seus poemas, todos tres incluídos na miña escolma "Ourense, craro río, verde val" (Concello Ourense, col. Auria, 2001)
O CRISTO

Nautilo da Fisterra. Bou doente
amargullado no peirao do pranto,
cobrir quero o teu corpo co meu manto
para che ripar os cravos do relente.

¿De ónde ves? ¿Quén é a tua xente?
¿Por qué mar de tristura e desencanto
viñeches acougar a este recanto
onde naufraga en tebra a luz do abrente?

Choran os sinos e salaia o vento.
Mentras se troca en pena e sentemento
o sono da cidade estrelecida,

eu vou pola noitiña acobardado,
sen che poder valer, Cristo mourado,
sen saber qué facer da miña vida.

AS BURGAS

Para seres fonte, tes o encantamento
dunha estrela dormida na ribeira.
Fonte da Burga. Fonte da Barreira.
Flor de fontes na pedra do moimento.

Din que pasas co paso medoñento
polo Cristo da negra cabeleira
e que levas, morniña e rezadeira,
un salaio de amor no teu alento.

O corazón de Ourense é unha fonte
que ceiba o latexar do Cristo á Ponte
nun rebrilo de prata e limoeiro.

Cando se poña o día tras da serra,
eu quero que me enterren nesta terra
na lentura da Burga, compañeiro.

A PONTE

Pente do vento. Xugo da saudade
que choran os teus ollos entre os montes.
Ponte de pedra, catedral das pontes,
espadela do pranto da cidade.

Ancorada no sono. Mocidade
brincadeira de ríos e de fontes.
Pomba devanadoira de horizontes
que voa dende o tempo a eternidade.

Cantas veces de neno eu perseguía
na ribeira do río a algarabía
dos vencellos no ar engaiolados.

Fuxiron os paxaros pola noite,
e non hai, ponte vella, quen escoite
os seus chíos no tempo sulagados.

Aimé Césaire

Citeino aquí esoutro día falando dos líderes da negritude. Agora temos que despedilo. Poeta e político da Martinica, autor do Discurso sobre o colonialismo (1950), militante comunista, fundou logo o Partido Progresista Martiniqués.

Quedan (en Comentarios) algúns dos seus poemas, accesibles na Rede.

para golosos e golosas,
cando veñades por Auria
(Fina Rei, rúa da Paz. Foto Trebolle)


Esoutro día leveille á muller uns anacos de chocolate de Allariz
e semella que aínda me saben no padal.
Italia e a Casta (andoliña 18 abril)

Seguimos a darlle voltas ó que pasou en Italia: esa vitoria abafante de Berlusconi. Eu lembrei onte un libro que seica foi número un en vendas en Italia durante meses: A casta: así chegaron a ser intocables os políticos italianos. Dedicoulle un moi interesante post no seu blog (Arumes) o amigo vigués que asina co seudónimo Arume dos Piñeiros, no que resumía así o contido do volume: "é un repertorio abraiante de como os políticos italianos constitúen un grupo apartado dos cidadáns, empeñados en gastar, de modo absolutamente indecente, os cartos públicos". Os autores, Sergio Rizzo e Gian Antonio Stella son xornalistas do Corriere della Sera, expertos en información económica, e poñen exemplos moi concretos deste dispendio espectacular: velaí, no último ano de Berlusconi gastáronse 180.000 euros diarios en voos de Estado, incluídos os días festivos. Quen viaxaba e a onde? Misterio insondable. Mira ti que son os cidadáns ben curiosos...
Moito me temo que algúns dos desesperados con esa clase política, nas zonas industriais do norte, votarían pola Liga e os seus aliados. Desaparecen do Parlamento a esquerda radical e os verdes. Consolídase a Casta. O futuro ten unha cara moi semellante ó pasado.

en poleiro alleo (18 abril)

Firmes! , de X.L. Méndez Ferrín (Faro Vigo 18 abril)

O acoso escolar é unha realidade, pero tende a magnificarse (Xesús R. Jarés en FV)

17 abr 2008

en poleiro alleo

"Sospeitosos habituais", Bieito Iglesias (ECG 17 abril)

Aymerich: "Ou gobernamos xuntos, ou goberna o PP" (ECG 17 abril)

SORPRESA!! UNHA FOTO
HISTÓRICA
(na parroquial de Santo Domingo, 1960)

Jokin Zumalakarregi, o xesuíta que me axudou no tema da multa do meu cuñado Roque, andaba a remexer nos antigos arquivos do KGB, na actualidade 'División Especial para a Contraintelixencia e a Contrasubversión da República Karakalpakstan-Estado Uzbeko". De súpeto, reparou nunha vella fotografía. Tal vez tiña algunha cousa a ver co expediente persoal e secreto de Alfonso Vázquez - Monxardín (sobriño). Moita bandeira republicana, moito himno de Riego, e ao cabo, todo se sabe..."
(Vía Julio Medela: adiviñen os tres protagonistas da foto, un xa se dixo).
A Cope despide á redactora Isabel Quintairos por homosexual e nacionalista
A cadea dos bispos ignora unha sentencia de readmisión

(A nova contada por Ana Flotats en El País 18 abril)

Escoitei antes en TV dicir ó responsable da COPE, supoño que en Santiago, que, por suposto, esa cadea nunca dá instruccións ós seus xornalistas de como teñen que enfocar as novas. Faltaría máis...
O Café Victoria
Fermosa imaxe (vai tamén para a Ourensanía) que nos envía o amigo Trebolle. É o Café Victoria, na Avda. de Pontevedra. Leva meses pechado, por orde municipal, por un problema urbanístico: ten os servizos intercalados no edificio da súa esquerda e este está ameazado de derruba, creo.
Por sorte, os novos propietarios deste café, cando o instalaron (haberá uns 20-25? anos), tiveron o bo gusto de deixar a decoración orixinal do mesmo, dun antigo comercio de "Coloniales Plus Ultra". Téñenme contado que foi a xornalista Maribel Outeiriño quen impediu que tirasen abaixo ese mural con azulexos cando o ían estragar os obreiros da reforma e convenceu ós propietarios de que se salvasen.
En Ourense sempre estamos a laiarnos do que se perdeu (o Volter, tantos murais en comercios e edificios privados, etc.): ben, aquí temos, por sorte, unha mostra do contrario.

(Tamén na Ourensanía: os dous carteis de Alberto Guitián para as XX Xornadas de BD Ourense)

Volve Berlusconi (Andoliña xoves 17 abril)
Por cortesía de ARUME, velaí dúas fotos de Porto Rotondo e Porto Cervo, os lugares onde Berlusconi ten o seu feudo de verán (e tamén de inverno). O iate non é de Berlusconi (é unha discoteca), pero podería ser calquera dos que ancoran nesa parte de Sardegna.
Hai un anuncio nos medios audiovisuais e tamén nas vallas do país co moi rechamante lema “Eu quero ser galego”. Suponse que fala un empresario, envexoso das supostas vantaxes que unha empresa concede ós empresarios galegos. Hoxe mesmo nos ambientes da esquerda italiana o lema ben podería ser “Eu quero ser español”, á vista dos resultados das eleccións italianas da pasada fin de semana e da idealización que por aqueles lares teñen moitos progresistas do modelo Zapatero. A volta de Berlusconi, xa temida, demostra que o sistema italiano segue sen encontrar unha saída plenamente democrática. E que as realidades que denunciaba o ensaio “A casta”, tan crítico coa clase política italiana, retratan con fidelidade a corrupción da mesma.
Xa é moi preocupante saber que che vai gobernar o segundo home máis rico do país (o PP perdeu votos aquí co supercandidato Pizarro). Se por riba é un populista e demagogo e está marcado por un personaxe tan perigoso como Umberto Bossi, o líder da Liga Norte, é doado entender a desolación da esquerda italiana que cando menos tiña en Veltroni un dirixente culto e ben formado nas loitas políticas. Gañou a xenofobia, o medo ós inmigrantes e o discurso antieuropeo.
Estase a dereitizar Europa?

Estase a dereitizar Europa, como sostiña onte Enrique Gil Calvo en El País. ?
Non quero que ese traballo, ben suxerente, pase desapercibido. Sostén Gil Calvo que existe esa dereitización, como resposta de dereitas á globalización, e que nesa liña van tamén os resultados do 9-M, por riba da aparente vitoria da esquerda: en realidade, os votos do centro van ó PP e o PSOE recolle votos da esquerda radical e do nacionalismo; xa que logo, os espazos electorais vanse correndo á dereita. E a esquerda que gaña é pouco máis que unha dereita con rostro humano. Velaí:
¿De dónde procede este vendaval derechista? Las razones son muchas y complejas, y aquí sólo cabe aludir a las más significativas. El fin de la guerra fría significó la derrota irreversible del socialismo histórico, sin que hasta ahora sus bases sociales hayan podido recuperarse creando un nuevo proyecto político legitimado por un discurso innovador. Por eso la izquierda se limita a vegetar, viviendo de unas rentas ruinosas (el estéril anticapitalismo comunista) o al menos conservadoras (la defensa socialdemócrata de los derechos sociales), pues el incipiente movimiento antiglobalización aún carece de credibilidad. De ahí el éxito de la tercera vía social-liberal a lo Giddens-Blair, aquí adoptada por Zapatero, que renunciando a los valores de izquierda sólo propone una derecha con rostro humano. Y ante el vacío de la izquierda en retirada, la derecha ha podido invadir y ocupar toda la esfera del debate público sin encontrar resistencia, imponiendo sus agendas neoliberales, nacionalistas, teocráticas y neoconservadoras.
De periodistas
Medran as fontes de información, pero non sempre a calidade das mesmas nin da súa presentación final. Velaí varios exemplos:
* Onte, nun informativo de TV, fálase da nova novela de Ruíz Zafón. Dise que vendeu non sei cantos millóns en non sei cantos países. Pero ó redactor isto aínda lle debe parecer pouco. Pois remata: Ruíz Zafón es el David Bisbal de las letras (imaxino a CRF vermello e abraiado).
* Nun xornal galego, hai un par de días. Unha mostra de falsa autocorrección en galego. Titular: Só un oito por cento dos erros xudiciais están en galego. Que? Que hai máis erros xudiciais logo en castelán ou que? Menos mal que lemos a nova noutros xornais: o ultratraductor refírese ós "fallos" ou "sentenzas" xudiciais. E desta vez pasouse na traducción...
* Nas páxinas ourensás doutro xornal: polo acto do cemiterio de San Francisco, fálase dos ourensáns fusilados y combatientes... Pobriños eles! Moi pouco combatiron: en Galicia matáronos a todos antes.

16 abr 2008

Velaí a tumba de Jim Morrison en Pere Lachaise, París,
da que falamos nestes días (a foto é do amigo Apicultor)
Cuando se jodió Italia?, que diría don Mario

"El pasado del futuro", de M. Á. Bastenier (El País, 16 abril)

Bossi se convierte en el hombre fuerte de Italia. El mensaje demagógico de la Liga Norte atrae a más de tres millones de votantes

Lluís Bassets sobre a Liga Norte:
Es un partido con fuertes componentes xenófobos, todos los síndromes de ley y orden, un acusado egoísmo fiscal, un rechazo de la solidaridad y de la función de cohesión social y territorial que tiene el Estado, etc. ¿Racista? Puede llegar a serlo, como demuestran las iniciativas de algunos alcaldes de la LN respecto a los inmigrantes. Yo lo caracterizaría de una forma rápida como un partido de oposición derechista a la globalización. De ahí que sea además, muy antieuropeo, un elemento extremadamente preocupante para el conjunto de la UE. El sur puede sufrir las consecuencias del peso de la LN. Aunque formalmente eviten el discurso antimeridional, sí procurarán evitar al máximo las transferencias fiscales.