31 jul 2008


Preguiza.
Pan por pan xoves 31 xullo. Imaxe: Paul Lafargue.

Releo un libro curioso. Que empeza así: “Unha estraña paixón invade ás clases obreiras dos países nos que reina a civilización capitalista; unha paixón que na sociedade moderna ten por consecuencia as miserias individuais e sociais que dende hai dous séculos torturan á triste Humanidade. Esa paixón é o amor ó traballo, o furibundo frenesí do traballo, levado ata o esgotamento das forzas vitais do individuo e a súa proxenitura. En vez de reaccionar contra esta aberración mental, os curas, os economistas e os moralistas sacrosantificaron o traballo. Na sociedade capitalista, o traballo é a causa de toda dexeneración intelectual”. Teses radicais e discutibles de Paul Lafargue. Pero é certo que grandes civilizacións como a Grecia de Fidias, Aristófanes e Aristóteles desprezaban o traballo: iso era só para os escravos. Pensarei nisto, exercendo o meu Dereito á Preguiza: ata setembro.

30 jul 2008

Microrrelatos Concurso Carlos Casares Liceo de Ourense

Dende hai unha semana o xornal La Región, de Ourense, está a publicar algúns dos microrrelatos presentados neste 2008 ó concurso Carlos Casares do Liceo de Ourense. Publícanse cuns interesantes debuxos de Xoán Baltar (fillo de XLG, O Carrabouxo).
Por suposto, pedímoslle permiso previamente a todos os escolmados e algúns preferiron manter o carácter inédito do seu relato e non publicalo. Eu mesmo fixen a escolma dos que sairán en LR.

Como mostra, deixo aquí, en COMENTARIOS, algúns exemplos dos xa publicados. Estes:

VUELA LIBRE, por LIDIA GREGORIO SELAS, de VIGO (accésit)

EL OTRO, por GUILLERMO MASCARÓ LLINÁS, de PALMA DE MALLORCA

ADEUS, BOLBORETA!, por RAFAEL LASO LORENZO, de VIGO

Novo ensaio sobre a cegueira, por JORGE EMILIO BÓVEDA ÁLVAREZ, de OURENSE

Histórica cuántica de Röos, de Mariña Pérez Rei. por MARIÑA PÉREZ REI, de SANTIAGO
Os mariñeiros de Xinzo, de Afonso Monxardín

GH. 29-7-08
en poleiro alleo

Paratextos para LG Tosar, de Anxo Tarrío (GH 30-7-08). Poden dar datos para desvelar importantes claves con que explicar a nosa historia contemporánea.

Congresos.
pAN por Pan 30 xullo. Debuxo: Otto Dix.
Se vostedes se molestan en revisar a información sobre o congreso do PSdG-PSOE da fin de semana, en todos os xornais, comprobará dúas cousas. Primeira, o 80 por cento do publicado refírese ós cargos e responsabilidades: quen foi elixido, quen non, quen entrou na dirección ás tres da mañá, etc. Segunda, a abraiante ausencia de novas sobre os debates ideolóxicos e programáticos do congreso, que tivo que haber, pero que se descoñecen. O mesmo vale para un encontro do PPG ou unha asemblea do BNG, aínda que, por filtracións dunha banda ou doutra, dos nacionalistas acaba por saberse todo. Ou sexa, que do que queren que nos informemos é de quen manda a partir de agora no partido. O cidadán ignora as diferenzas estratéxicas entre Pachi Vázquez e López Vidal, se é que as hai. O cidadán case está a pensar que os congresos só serven para fixar como se reparte o poder interno.

29 jul 2008


Ava.
Pan por Pan martes 29 xullo

O meu tempo de cine combina as estreas de películas recentes e a revisión dos grandes clásicos, que xa vin hai máis de 30 anos. Dedícolle máis tempo a estes. Por unha sinxela razón: nunca me defraudan. Un exemplo, “A noite da iguana” . Que se pode agardar da encrucillada de John Huston e Tennessee Williams? Só a xenialidade. Un intenso drama espiritual e poético (non só relixioso, aínda que o protagonista sexa un pastor protestante). E un recital de bo facer actoral: Richard Burton, Deborah Kerr, a Sue Lyon de “Lolita”. Pouco importa a orixe teatral do texto, tan evidente. Ou o catálogo de mulleres: dende a nínfula perversa (alguén falaría de misoxinia) ata o anxo redentor. E sobre todo, Ela: Ava Gardner, a encarnación da Deusa Nai en formas de extrema sensualidade. Alguén dixo desta actriz que era o animal máis bonito do mundo: velaí, non esaxeraba.

28 jul 2008

Luís González Tosar: “É o momento de levar a cabo unha alianza, un gran Pacto polo Idioma”
Profesor e escritor, cre que o sistema literario galego necesita unha reorganización
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE, en Galicia Hoxe 28-7-08

Curros en ‘El Correo de Celanova’ (e 2)
27.07.2008, Galicia Hoxe

Ó longo do século XIX o mundo da prensa vaise convertendo de forma lente nunha profesión, pero sen deixar de ser tamén, moitas veces, unha vía para a carreira política ou para o éxito literario. Era, desde logo, unha profesión reservada para xentes con paixóns literarias e políticas, dispostas a soportar difíciles condicións de traballo e presións moi fortes das empresas e editores. Os medios máis destacados podían preparar o camiño para acceder ó poder político, mesmo desde posicións progresistas como sucedería nos anos da Segunda República, pero os xornais máis humildes eran tamén a miúdo refuxio de fracasados noutras profesións, ó prezo de sacrificar por un sustento económico outro tipo de ilusións máis nobres. A iso era ó que se refería Alejandro Lerroux en 1901 cando afirmaba que o xornalismo adoitaba ser "refugio de fracasados en la literatura, hospital de inválidos de otras carreras, o camino por donde marchan en carrera desenfrenada las ambiciones políticas" (citado por Mª Cruz Seoane e Mª Dolores Saiz na súa Historia del periodismo en España, 1998).

Outras veces a necesidade dun soporte económico mínimo ou as presións das autoridades explicaban viraxes políticas tan sorprendentes como as dun Lamas Carvajal partidario incondicional dos liberais de Vicente Pérez cando sae á rúa El Eco de Orense para, poucos anos despois, transformarse en inimigo frontal desas mesmas posicións políticas e abrirse, pola contra, ás teses dos antes moi criticados conservadores (situación esta estudada no seu día polos historiadores Jesús de Juana e Xabier Castro).
Curros volve aparecer no xornal El Correo de Celanova, de forma indirecta, meses despois, nun artigo de redacción titulado "Variedades. La ... Pardo Bazán" que é unha crítica desaforada á decisión de designar unha rúa da vila co nome desta escritora, da que o redactor afirma descoñecer os méritos que legou á mesma para honrar a súa memoria. O texto é claramente denigratorio da escritora ("hace unos cuantos años que la señora de Bazán vino a Celanova a correr una "juerguecita"...) e mesmo contén de-sagradables alusións machistas; ademais sublíñase o agravio da designación cando carecen dese honor figuras máis vinculadas ás rúas de Celanova como o médico Fernández Losada e "el inspirado poeta" Curros Enríquez, "dos hombres que juguetearon en ellas en su infancia y que han dado fama y nombre al pueblo que las vió nacer, el uno con sus celebradas poesías, y el otro manejando el escalpelo para mitigar los sufrimientos de la humanidad paciente" (5-XI-1893).
LAICISMO. E TRES FOTOS.
La Región 28 xullo 08


Laicismo. No recente congreso federal do PSOE anunciáronse unha serie de medidas laicistas que logo quedaron en nada. Os alcaldes de Santiago e Lugo, socialistas os dous, opuxéronse ás mesmas, por exemplo. Aínda máis, supoño que para xustificarse, Sánchez Bugallo, o alcalde compostelán, declaraba nunha entrevista que el non percibía que a sociedade demandase máis laicismo. Pois depende onde se mire. Como todo. Nestes días as Xuventudes Socialistas de Galicia sacaron un comunicado reclamando que non se participase, dende instancias políticas, en cerimonias relixiosas. O concello vigués, da man do concelleiro de cultura (nacionalista), o ourensán Xesús López Carrera (fillo de Anselmo L. Morais), vén de desvincularse tamén da procesión oficial do Cristo da Victoria. E hai moitos datos estatísticos (matrimonios relixiosos e civís, etc.) que indican que un sector cada vez máis numeroso da sociedade non quere que a vida política siga subordinada ás mitras episcopais. Dende logo un partido progresista como o PSOE debería atender estas demandas e non outras máis inconfesables. Unha sociedade plenamente democrática casa moi mal con rituais que fan depender dun Apóstolo ou dun santiño calquera a solución do paro, do terrorismo ou do cambio climático.
Dúas fotos. Dúas fotos foron noticia estes días. Polo seu valor expresivo, a foto do monarca collendo a Adolfo Suárez polos ombros está cargada de significado: en calquera persoa minimamente sensible, esperta un sentimento de empatía co líder político da Transición castigado pola enfermidade. A outra foto para a historia foi a da recuperación do pazo de Baión. En tempos vimos os colectivos antidroga loitando contra as mafias do narcotráfico ó pé da porta dese pazo: a escena recreouse con xeito na película “Heroína”, de Gerardo Herrero. Agora vemos a Carme Avendaño, en nome dos que loitaron con tanto esforzo e intelixencia, atravesar fachendosa esa porta como símbolo da vitoria da sociedade civil contra Oubiñas e similares. Ó seu carón, o presidente da Xunta e o ministro de sanidade, Bernat Soria, e outras autoridades: se eu fose responsable de protocolo pediríalles que se quedasen tres ou catro pasos por detrás nese momento. O impacto da foto sería aínda maior no recoñecemento dunha xusta causa.
Karadzic. A outra foto da semana pode ser a da detención do criminal de guerra e exlíder dos serbios de Bosnia, Radovan Karadzic. Algúns autores matinan niso tan clásico de que a cara é o espello da alma: dende logo a fisionomía do carniceiro de Saraxevo hai anos, con vestimenta militar, non inspiraba para nada confianza. Pero un sinxelo disfrace con longas barbas brancas e lentes xa o converteron nun xeito de místico e curandeiro case bonachón. A Xustiza chega con 13 anos de retraso, pero chegará e Karadzic será xulgado polo Tribunal Penal Internacional da ex-Iugoslavia: as vítimas non merecen menos. En fin, tamén hai aquel dito de non fiarse nunca das aparencias.

27 jul 2008


C´est la vie´(Fío Musical 30)

Antes de marchar de vacacións, o amigo Tacho deixounos, para todos/as, esta cantiga:
"Como dia a canción de Chuck Berry, e eiqui canta Emmylou “C´est la vie” . Unha grande aperta a todos e até a volta"
http://www.youtube.com/watch?v=ZGJHhFYI9ww&feature=related

congreso do psdeg-psoe
Touriño ve aos socialistas "parte central" de Galicia e proclama que "xuntos" gañarán ao PP
17.03h. Asegura que "pasarán" as dificultades da "crise económica", á que se referiu así porque "así é como o perciben os cidadáns" (Galicia Hoxe 27-7-08. Foto: R. Escuredo)
Gustoume especialmente isto:
O PSdeG acusa ao PPdeG de usar a língua para desprezar a Galicia.
Collendo unha achega de Arume máis abaixo, aquí queda noticia do congreso dos socialistas galegos: "que logo din que aquí só se pode dar caña ó BNG".
en poleiro alleo
Para Arume e para todos/as

Preguntaba Arume, nun fío que xa non encontro, polos meus problemas médicos, creo que citados de pasada un día destes. Ben, o tema é que levo case dous meses co brazo e man esquerda con pouca mobilidade e flexibilidade, coa man bastante agarrotada. Consultei xa unha chea de médicos e o que máis precisou (nun 95% apostou o seu diagnóstico: plexopatía) dixo que podía ser consecuencia ata dunha mala postura a durmir e que tiña para rato (falou dun ano). O martes fago unha nova proba en Santiago (electromiografía): mentres, levo días xa indo a rehabilitación e con medicación para o que parece, agardo, un problema nervio-muscular quizais serio, iso si. Con todo isto noto unha melloría moi lene e agardo que a cousa vaia mellorando. Xa veremos…

P.S.: eu estou case seguro que a cousa puido ter que ver cun medicamento que viña tomando contra o colesterol (Liplat). Pero non podo demostralo. Pero o abano de contraindicacións con problemas nervio-musculares do mesmo é inmenso. De feito, tamén tiña calambres nos pés durmindo e pasáronme dende que deixei de tomalo.
A MIRADA RETIDA (27-7-08). O FINAL DE BASILIO.

Recupero esta foto inédita, cedida polo amigo fisterrán Modesto Fraga. O terceiro pola dereita, coa paxarela, é Basilio Álvarez. A foto é de 1937, tomada en Buenos Aires, cando publica o libro “España en crisol”: na foto están tamén os galeguistas Rodolfo Prada e o fisterrán Castro Insúa. Antes de 1936, Basilio foino todo. Orador de raza e principal impulsor do movemento agrarista con Acción Gallega. Profesor de periodismo e xornalista en varios medios, fundador e propietario de “La Zarpa”, voz da República para os ourensáns. Avogado de prestixio en Madrid. Deputado e líder do Partido Radical. Vocal do Tribunal de Garantías Constitucionais. Recibe os máximos honores nesta cidade en 1928 e en 1935. En xullo de 1936, os franquistas quítanlle a placa da súa rúa, pechan e espolian o Centro Basilista, arrastran polo chan o retrato que lle fixera Lloréns e que presidía o Círculo, toman a imprenta de “La Zarpa” e editan o xornal, quince días, co xugo e as frechas. Exiliado en Arxentina, en 1938 está nunha cadeira de rodas, case mudo. Morre no Hospital do Centro Español de Tampa (Florida) en 1943. De seguro, abafado pola tristura.

O sexo.
Pan por pan sábado 26 xullo. Imaxe: Otto Mueller.

Na súa “Historia da vida cotiá en Galicia” fala tamén Xavier Castro das prácticas sexuais. Que podía empezar nos xogos infantís e onde os papeis estaban repartidos así: o mozo ía de caza e a moza tiña que resistirse, por medo a quedar preñada e que os pais a botasen de casa. Nas aldeas da montaña os mozos eran máis rudos e brutáns que nas da costa. Pouco disto pasou ás letras, porque os nosos clásicos eran pudorosos: esqueceu Castro o exemplo do poeta Pondal con algúns poemas machistas e misóxinos. Pero estes respondían ás ideas do pobo naquela altura. Velaí o relato dunha conquista por un labrego: “Eu ventaraa como un can. Sentín un lóstrego no sangue. Boteille a mao. E seguiu o conto”. Tamén podería ser un poema de Pondal esta copla da Limia, recollida nos anos 30:
Como te pille no campo,
como te pillei máis veces,
heiche de meter no corpo
erba para nove meses”.

25 jul 2008


Paga a pena lelo...

(23 xullo 2008)

Os costumes.
Pan por pan 25 xullo
Imaxe: Van Dongen.

Moito cambiaron os costumes e xeitos de vida, digamos nos últimos 90 anos. Por exemplo, Castelao vai a París en 1921, a estudar a arte europea e volve escandalizado ó ver como as “couples” se bicaban con descaro na rúa á luz do día. Lembra isto Xavier Castro na súa historia da vida cotiá en Galicia. Nesa época había por estes lares as profesión de “dama de compañía” e dela quedaron algúns restos literarios. Era o que vimos chamando unha “carabina” que acompañaba á moza noiva e casadeira para que o mozo non tivese ningunha ocasión de sobrepasarse. Nos anos da ditadura de Primo de Rivera unha muller anunciábase para esa función nun xornal e daquela cobraba dúas pesetas diarias polo desempeño. Adoitaba ser unha solteirona de familia ben vida a menos. Pasarían aínda anos, cunha guerra polo medio, para que a muller conquistase o seu dereito a saír soia á rúa.
P.S.: supoño que é obvio que me encantan os expresionistas alemáns. E mañá, no PAN, seguindo este fío, falaremos de sexo.

24 jul 2008



Roupa interior,
de Bieito Iglesias
(ECG 24-7-08.
Imaxe: Caetano Veloso)

Por aproveitar papel e atenuar a deforestación do mato amazónico, acostumo escribir a man no envés de folios mecanografados. Este artigo redáctoo nunha folla que, pola volta, ten impresas as notas dunha partitura e quizais sexa esa notación musical subxacente a que me impulse a pór en solfa o concerto dos Ten Tenors, ofrecido o sábado á noite no Obradoiro. Tamén inflúe o feito de que ceamos na terraza (dá ás Hortas e ata ela chega calquera ruído orquestrado no casco vello), abouxados por un potpurrí de temas dos Bee Gees, Abba e Beatles mesturados con arias de Verdi ou Bizet.
A falar verdade, apenas identifiquei as cantigas, se dou aquí a relación de grupos ou compositores parodiados é grazas ás crónicas xornalísticas do domingo, que informaron do repertorio e de que "o grupo fixo as delicias de popeiros e amigos non puristas do bel canto". Aseguran os cronistas que os dez tenores australianos enriqueceron a lista canora habitual cunha escolma de cantigas populares españolas (as notas de Granada rebotaron na catedral e susurraron nas pólas das árbores de detrás do pazo de Raxoi, ata penetrar nos meus oídos como eses insectos ortópteros chamados cadelas-de-frade, que segundo a superstición do pobo teñen a cisma de furgar nas orellas). Non se descarta que en vindeiras actuacións en Vigo, Pontevedra ou Coruña interpreten A Rianxeira.
The Ten Tenors seica son novos e bonitos, adornos que convidan ás féminas a guindar bragas ao palco, asimilando os seus concertos coas touradas de Jesulín de Ubrique. As fans compostelás abstivéronse así e todo de tales expansións, talvez porque o nordés que sopra estas noites desaconsella quedar co cu á recacha.
O luns tocoulle actuar a Caetano Veloso e o cantor quentou o ambiente cunha entrevista na que declarou: "A lingua (no seu caso a portuguesa) marca toda a cultura!" Proferidas na Galiza, esas palabras son case revolucionarias. Por que? Porque moitos galegos falamos case brasileiro.
Do noivado.
Pan por Pan xoves 24 xullo

No libro de Xavier Castro que citei onte hai unha descrición detallada dos xeitos e ritos do noivado na aldea e na cidade. Na aldea o “locus” profano eran a fonte, como nas cantigas medievais; o monte onde a moza ía de pastoreo ou os bailes e romarías. E os fiadeiros, por suposto: dende o século XVIII a Igrexa persegue, ata a excomuñón, ás mozas licenciosas que acudían ós fiadeiros. Se a moza acode, que vaia coa súa nai, din os cregos. Remataban moitas veces xogando todos ás apalpadelas, cando non con pelexas violentas entre os mozos por ciumes. Nas cidades había un control absoluto. Castro recolle un caso en Bilbao, a finais dos anos 30, en que un mozo é detido por darlle un bico á súa noiva nun xardín. Ou podían ser multados. Un poemiña de Edgar Neville fala así dun castigo de dous duros de multa: “Tus labios valían/ el Banco de España,/ y los dos duritos / poco me importaban”.

23 jul 2008

Presentación L. González Tosar

Onte, no Simeón: Estúrdiga Materia. O poeta axuntou un grupiño importante de amigos, contra as calores do xullo auriense. Había por alí algúns contertulios. Tamén estaban Víctor Campio, Eduardo Ananín, Mariluz Villar, Monxardín, Luís Menéndez, Xoán Fonseca, o Celso de Maceda, etc. etc.
Dos presentadores, moi emotivo o seu amigo o pintor Lamazares. Rigoroso, exacto, como sempre, Gonzalo Navaza. E Bieito Iglesias, ademais da análise literaria do poemario, todo un crack: Accatone de Pasolini, Amarcord, Buenos Aires, A Chabasqueira, a linguaxe e o non ruralismo (si visión dende dentro dunha comunidade campesiña) dos textos, John Berger, Faulkner, Cunqueiro e Blanco Amor, foron algúns dos esteos da súa intervención. Moi ben tamén o violinista armenio.

Abelardo Pérez Gabriel,
Ánimo e adiante...!!

Moitos o coñecerán pola TVG e o seu papel de cacique en Libro de Familia. O domingo o FARO daba a coñecer que está a enfrontarse co seu guión máis difícil.
Encontreime onte con el, en zona de médicos, e falamos un pouco. Pouco porque nunca sabes qué dicir nestes casos, ademais de darlle unha aperta. A situación é moi difícil, iso si puiden comprobalo.
Aproveito esta solaina, que é casa tamén de tantos ourensáns e galegos/as, para mandarlle unha nova aperta a Abelardo e unha mensaxe de ánimo, que lle fai falla, seguro.