4 sept 2008
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO (Galicia Hoxe, 4-9-08)
Creada no ano 1993, a partir duns primeiros contactos levados a cabo pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, a Fundación Galicia Empresa naceu para, entre outros fins, teimar na cristalización dunha idea central: establecer un maior compromiso social das empresas coa cultura, concretando este máis particularmente "na recomendación de usar a lingua galega como símbolo dese compromiso e como marca de identidade e da calidade dos seus produtos, sen prexuízo do apoio á poliglosia como factor esencial da actividade empresarial". O primeiro presidente da Fundación Galicia Empresa foi Ramón Castromil e forman parte actualmente da institución -cito case de memoria- empresas e entidades tan importantes como Caixanova, Coren, Feiraco, Finsa, Gadisa, Otero Pombo, Pescanova, R Cable, Rodman, San Luis e Televés, entre outras. En definitiva, toda unha lección dada á sociedade galega por parte dun número altamente significativo de empresarios, todos eles punteiros e de gran calidade nas súas creacións e ofertas. Sinxelamente extraordinario. Como extraordinaria foi tamén a recente decisión do estaleiro vigués Barreras, unha empresa recoñecida mundialmente, que pasa a adoptar de xeito progresivo o galego como a súa lingua vehicular. Mais esta realidade normal e natural, intelixente, acaba de sufrir un golpe ben escuro, sen dúbida de carácter reaccionario e retardatario (como diría Díaz Pardo). O Club Financiero de Vigo -unha asociación empresarial- acaba de posicionarse, en coincidencia coa dereita extrema, en contra do emprego do galego no sistema educativo. Empresarios -altamente politizados- metidos a sociolingüistas. Empresarios contra o idioma galego, empresarios que falsean e manipulan os datos da realidade no que atinxe á lingua, empresarios que critican o Goberno Bipartito da Xunta dicindo (Jesús Bahillo) que hoxe "en Galicia es prácticamente imposible educar a un niño en castellano". Alguén (a Universidade) debería pór algo de racionalidade en todo isto.

Falo de "Bonanza", marca e símbolo da miña xeración. Neste verán puiden ver algúns capítulos, en horario matutino da TVG, con certo temor: co arrepío de asomarme ó pasado e encontrar decepción onde houbo felicidade. Pero non sucedeu tal. O paso do tempo non foi quen de estragar o mito. Con tramas sinxelas, pero ben articuladas; sen grandes medios, e con personaxes poida que tópicos pero ben construídos; cun espírito que cando menos bebe nas fontes do western clásico. Con xeito, co resultado final dun produto moi agradable.
Sobrevive "Bonanza" na TVG e nas webs de fans de internet. O gran Robert Altman dirixiu moitos episodios: non me sorprende.
3 sept 2008
Sobre a localización do campo de fútbol, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 2-9-08)
Vou provocar, aviso. Creo que a idea exposta o outro día polo BNG volve, simplemente, sobre unha vella idea de sentido común: concentrar nun punto da cidade as delegacións administrativas dos poderes autonómicos e centrais. É algo lóxico e útil que a todo o mundo lle debe parecer razoable. Ao igual que hai zonas con especialización sanitaria ou educacional, é lóxico que haxa unha con especialización administrativa. Que sexa no Couto está, ademáis, moi ben. É unha zona dinámica, ben comunicada co centro e coas estradas e levaría un impulso magnífico. Que se faga isto xogando coa localización do estadio de fútbol, discúteno algúns. Pola miña banda paréceme ideal. Unha posible utilización pública de, no mellor dos casos, un par de horas á semana, non debería pexar unha rendibilización do espazo ben maior como sería a dunha zona administrativa, que, ademais, metería moito funcionario, oficina, moita vida, no mesmiño corazón do Couto.Pero discrepo coa localización futura do campo de fútbol. Eu levar levaríao... ¡para ningún sitio! (...)
Artigo completo
Mover as mans como as move o Amo, de X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo 1-9-08)
(artigo completo)
Moitas persoas, xeralmente novas, non collen o lapis entre o dedo cachapiollos e o longo de todos (ou gordo) e pulgar axudándose co furabolos (ou índice) como era regra nas escolas e na vida. Agora, levados pola forma de empuñar o lapis nas películas, moitas de eiquí agarran o útil de escribir como unha garra ou pouta de ave rapaz. O cine norteamericano ensinoulle ao mundo a coller o vaso alto de whisky e a manexar o pito de tabaco rubio, e hoxe apréndelle a beber viño tinto en copa alta e a non fumar senón xarutos. Eu comecei a fumar por paipa fascinado polas películas. O beixo da boca, aínda que sexa unha práctica atávica na especie nosa, foi imposto como signo de prestixio no mundo a partir do cine norteamericano, e hoxe as parellas íspense reciprocamente con moita presa secundando na intimidade erótica un tópico igualmente norteamericano e cinematográfico. Non debemos extrañarnos de nada. O Amo é o dono de case todo, inclusivemente dos acenos e das poses. O escravo quer parecerse sempre ao Amo. Por iso o galego colonizado intenta unha falsa vía de dignidade imitando a forma de falar do colonizador. Hai quen lle fala ao can en castelán se este é de raza e en galego se é mesturado. (...)
En recente conversa cun médico teso e estúpido, este acusoume de non aceptar a morte, convertida en tabú pola sociedade contemporánea. Tal xeneralización resulta no meu caso abusiva, porque si asumo a acabación en determinadas circunstancias e dependendo de qué persoa pase a mellor vida. Por exemplo: se finase o mencionado galeno empertigado e idiota, eu afrontaría o seu óbito con encomiable presenza de ánimo, con resignación cristiá e extraordinaria serenidade de espírito. Pero dáse o caso de que a ameaza da Gadaña pende sobre unha persoa por min moi querida e loxicamente desexo esgotar tódalas posibilidades de supervivencia. O menciñeiro en cuestión desempeña o cargo de Xefe de Servizo, sendo o peor dos profesionais que coñecín no hospital dos meus pesares, de onde deduzo que na saúde pública impera a selección natural negativa, aquela que empoleira aos menos aptos. Velaquí un motivo para non votar nas eleccións e para nunca meterme en política (non podo tomar a serio ningunha xestión que non despida a metade das batas brancas e tal providencia está fóra do alcance das autoridades democráticas, incapaces de tusirlles a gremios intocables).
Aceptemos pois a morte, incluso se con ela se atúan as lembranzas da xente que nos importa e que facemos nosas. No sinistro cuarto hospitalario sentín falar estes días dunha egua medio cega que comía rostrollo e que lles propinaba tremendos couces a unhas vacas que se chamaban Cabana ou Vermella; de como se comía a bica de millo con leite mazado polo verán, con chourizos ceboleiros por Semana Santa e con fígado encebolado pola mata; e escoitei partes meteorolóxicos rimados: por Santa Mariña, unha canadiña (de auga), por San Pantaleón, un canadón. Sei que estas acordanzas desaparecerán, pois todo canto existe merece perecer (Hegel). O que me amola é que non vaian dediante os malvados ou simplemente maliciosos para ir deixando sitio. Sentenza dun señor de Sigüeiro, filósofo el: "A metade da xente sobra".

OMAGH
Andoliña mércores 3 setembro
O 15 de agosto de 1998 un coche-bomba explotaba no centro da cidade irlandesa de Omagh. Morreron 29 persoas e houbo máis de douscentos feridos: entre os mortos una moza e un neno españois, que participaban nun intercambio escolar. O atentado foi reivindicado no seu día polo IRA Auténtico, una escisión do IRA provisional oposta ó proceso de paz iniciado no Acordo de Venres Santo.
O pasado luns, TVE-2 contábanos a historia de Omagh a través dunha película de Pete Trevis (2004): un documento erstremecedor que enfoca o drama dende a perspectiva das familias das vítimas, organizadas para coñecer a verdade. Excepcional a interpretación de Gerard McSorley (na imaxe) no papel de Michael Gallagher, portavoz do Grupo de Autoapoio. A cinta, en clave de falso documental, está en cambio chea de verdade e autenticidade e esculca nas lúgubres miserias da chamada Razón de Estado.
Hai só unhas semanas cumpríronse dez anos da traxedia. Houbo actos conmemorativos en Omagh pero moitos dos familiares non asistiron. Tal como conta a película, aínda hoxe ningún dos acusados por aquel atentado foi declarado culpable polos xuíces.
2 sept 2008

Rescaldos de agosto
Os días de lecer garanten unha certa ilusión de arredamento: para os que escribimos nos xornais, a capacidade de ver o mundo dende fóra. Como se a vida parase. Pero non para, non. O mundo segue a moverse e os xornais de agosto tiveron tintas ben escuras de traxedia. O horroroso accidente de Baraxas encheunos a todos de preguntas: as respostas que a investigación está a dar non son moi compracentes coas autoridades desa compañía aérea. Ese avión nunca debeu despegar.
E no mundo, os aires da traxedia leváronnos ata Xeorxia. A lei da forza é a que invocou a Rusia de Putin para invadir terras xeorxianas amosando toda a grotesca chulería do Exército ruso. Dubido que Putin entenda os nacionalismos, nin sequera os de Osetia do Sur e Abxazia. Velaí a súa política criminosa de sempre en Chechenia. Rusia actúa só en función dos seus propios intereses estratéxicos, económicos e militares. Ó servizo de grupos mafiosos e criminais que controlan esas áreas e os negocios do tráfico ilegal de armas, persoas e narcóticos.
A cara positiva do mes foi a fascinante posta en escena dos Xogos Olímpicos. Ó réxime chinés saíulle ben a xogada. Agardemos que reviva agora a causa dos Dereitos Humanos no coloso asiático.
1 sept 2008
Unha recomendación de Tacho
O 26 de agosto fixo 40 anos que se editou Hey Jude dos Beatles: la lalalala lalalala , hey Jude. Interminable. Ano 1968. A cancion estaba adicada a Julian Lennon, pero soaba millor Jude que Jules. Unha gozada.
Toca volver ó día a día e aquí estamos.
Para empezar, recupero algúns artigos de interese das últimas semanas.
O novo Mediterráneo, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 30-8-08)
(...) Pero non aprendemos. E na crise dos Balcáns -nacida da axitación nacionalista primaria coa que vellos beneficiarios do sistema iugoeslavo buscaban oco na historia- durante o exterminio de Sbrenika, os soldados holandeses e franceses dirixiron os ollos á bóla da petanca coa que xogaban e houbo de ser a aviación USA quen parase os pés aos nacionalistas serbios.Hoxe novo capítulo. Unha Europa sen política exterior común promociona, irresponsable, a independencia de Kosovo, e Putín, volatilizados os acordos de inviolabilidade de fronteiras e integridade territorial de Helsinki 1975, esmaga feliz e inmisericorde a ousadía de Xeorxia de recuperar de facto Osetia do Sur. Incluso se permite ameazar a Europea a Polonia -a nosa Polonia da UE, designada como obxectivo militar- e calamos coma petos. ¿Onde vai o progresismo do ‘non á guerra’? ¿Ou é que era só vello antiamericanismo e antisemitismo? Pois eu creolles que gañe Obama -improbable- ou McCain, convén retomar a historia e estreitar lazos dentro do novo Mediterráneo atlántico. Fóra chove. Ou o que é peor, trona.
- Contar a traxedia, de Miguel Anxo Murado (LVG 25-8-2008)
Falo da reporteira que dicía que se ían pedir mostras do «DNI» dous familiares para comprobar as identidades dúas corpos. Falo dá insistencia en referirse a ese corpos como «cadáveres», a expresión menos humana de todas cantas hai para falar dunha vítima, un falecido, un defunto.
Falo do acoso dous micrófonos a familiares para preguntarlles como se sentían, unha pregunta tan banal como cruel. «Están traendovos cadáveres aquí porque hai unha inmensa neveira na que caben todos e así non se descompoñen», dicía un locutor; «vin un ferido tan queimado que pensei que era un negro, pero era un branco», dicía outra; «as caixas negras do avión, que todos coñecemos polas películas de Hollywood», comentaban desde ou estudo, sorrindo. Non trátase de adoptar un xesto compunxido nin de ocultar información, senón de pensar un pouco non que se dei. (...) É certo que é difícil enfrontarse á dor, mesmo á dous demais. Por iso a sociedade inventou lugares comúns («acompáñote non sentimento») para permitir mostrar solidariedade sen meter a patas. Ou xornalismo ten que aprender dese vello tacto popular e comprender que a dor é unha substancia que hai que manexar con coidado, porque queima coma ou lume e é fráxil coma ou cristal.
- Las tonterías de Steiner, de J.M. Ponte (Faro Vigo 26-8-08)
No post desta mañá creo que o sistema non deixa poñer comentarios aínda: non sei o motivo. Mentres o amigo Xulio o arranxa, poden tamén trasladar aquí os seus comentarios sobre os artigos de Monxardín, Murado e Ponte (excusas polo imprevisto tecnolóxico). Se lles parece ben. E saúdos a todos os contertulios/as que se van incorporando: Apicultor, Arume, Xoán da Cova, etc.
1 ago 2008
31 jul 2008

30 jul 2008
Dende hai unha semana o xornal La Región, de Ourense, está a publicar algúns dos microrrelatos presentados neste 2008 ó concurso Carlos Casares do Liceo de Ourense. Publícanse cuns interesantes debuxos de Xoán Baltar (fillo de XLG, O Carrabouxo).
Por suposto, pedímoslle permiso previamente a todos os escolmados e algúns preferiron manter o carácter inédito do seu relato e non publicalo. Eu mesmo fixen a escolma dos que sairán en LR.
Como mostra, deixo aquí, en COMENTARIOS, algúns exemplos dos xa publicados. Estes:
VUELA LIBRE, por LIDIA GREGORIO SELAS, de VIGO (accésit)
EL OTRO, por GUILLERMO MASCARÓ LLINÁS, de PALMA DE MALLORCA
ADEUS, BOLBORETA!, por RAFAEL LASO LORENZO, de VIGO
Novo ensaio sobre a cegueira, por JORGE EMILIO BÓVEDA ÁLVAREZ, de OURENSE
Histórica cuántica de Röos, de Mariña Pérez Rei. por MARIÑA PÉREZ REI, de SANTIAGO
Paratextos para LG Tosar, de Anxo Tarrío (GH 30-7-08). Poden dar datos para desvelar importantes claves con que explicar a nosa historia contemporánea.

29 jul 2008

28 jul 2008
Profesor e escritor, cre que o sistema literario galego necesita unha reorganización
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE, en Galicia Hoxe 28-7-08

Curros volve aparecer no xornal El Correo de Celanova, de forma indirecta, meses despois, nun artigo de redacción titulado "Variedades. La ... Pardo Bazán" que é unha crítica desaforada á decisión de designar unha rúa da vila co nome desta escritora, da que o redactor afirma descoñecer os méritos que legou á mesma para honrar a súa memoria. O texto é claramente denigratorio da escritora ("hace unos cuantos años que la señora de Bazán vino a Celanova a correr una "juerguecita"...) e mesmo contén de-sagradables alusións machistas; ademais sublíñase o agravio da designación cando carecen dese honor figuras máis vinculadas ás rúas de Celanova como o médico Fernández Losada e "el inspirado poeta" Curros Enríquez, "dos hombres que juguetearon en ellas en su infancia y que han dado fama y nombre al pueblo que las vió nacer, el uno con sus celebradas poesías, y el otro manejando el escalpelo para mitigar los sufrimientos de la humanidad paciente" (5-XI-1893).
La Región 28 xullo 08
Laicismo. No recente congreso federal do PSOE anunciáronse unha serie de medidas laicistas que logo quedaron en nada. Os alcaldes de Santiago e Lugo, socialistas os dous, opuxéronse ás mesmas, por exemplo. Aínda máis, supoño que para xustificarse, Sánchez Bugallo, o alcalde compostelán, declaraba nunha entrevista que el non percibía que a sociedade demandase máis laicismo. Pois depende onde se mire. Como todo. Nestes días as Xuventudes Socialistas de Galicia sacaron un comunicado reclamando que non se participase, dende instancias políticas, en cerimonias relixiosas. O concello vigués, da man do concelleiro de cultura (nacionalista), o ourensán Xesús López Carrera (fillo de Anselmo L. Morais), vén de desvincularse tamén da procesión oficial do Cristo da Victoria. E hai moitos datos estatísticos (matrimonios relixiosos e civís, etc.) que indican que un sector cada vez máis numeroso da sociedade non quere que a vida política siga subordinada ás mitras episcopais. Dende logo un partido progresista como o PSOE debería atender estas demandas e non outras máis inconfesables. Unha sociedade plenamente democrática casa moi mal con rituais que fan depender dun Apóstolo ou dun santiño calquera a solución do paro, do terrorismo ou do cambio climático.
Dúas fotos. Dúas fotos foron noticia estes días. Polo seu valor expresivo, a foto do monarca collendo a Adolfo Suárez polos ombros está cargada de significado: en calquera persoa minimamente sensible, esperta un sentimento de empatía co líder político da Transición castigado pola enfermidade. A outra foto para a historia foi a da recuperación do pazo de Baión. En tempos vimos os colectivos antidroga loitando contra as mafias do narcotráfico ó pé da porta dese pazo: a escena recreouse con xeito na película “Heroína”, de Gerardo Herrero. Agora vemos a Carme Avendaño, en nome dos que loitaron con tanto esforzo e intelixencia, atravesar fachendosa esa porta como símbolo da vitoria da sociedade civil contra Oubiñas e similares. Ó seu carón, o presidente da Xunta e o ministro de sanidade, Bernat Soria, e outras autoridades: se eu fose responsable de protocolo pediríalles que se quedasen tres ou catro pasos por detrás nese momento. O impacto da foto sería aínda maior no recoñecemento dunha xusta causa.
Karadzic. A outra foto da semana pode ser a da detención do criminal de guerra e exlíder dos serbios de Bosnia, Radovan Karadzic. Algúns autores matinan niso tan clásico de que a cara é o espello da alma: dende logo a fisionomía do carniceiro de Saraxevo hai anos, con vestimenta militar, non inspiraba para nada confianza. Pero un sinxelo disfrace con longas barbas brancas e lentes xa o converteron nun xeito de místico e curandeiro case bonachón. A Xustiza chega con 13 anos de retraso, pero chegará e Karadzic será xulgado polo Tribunal Penal Internacional da ex-Iugoslavia: as vítimas non merecen menos. En fin, tamén hai aquel dito de non fiarse nunca das aparencias.



