5 may 2007














Ferrín e John Rutheford



Fala hoxe Ferrín, no seu artigo do sábado ("Sucedido en Oxford"), de John Rutheford, premio Trasalba deste ano e, de camiño, de autores como J.R. Tolkien e C.S. Lewis. Hai uns meses Ferrín xa manifestou o seu agrado coas películas derivadas da saga Tolkien (tamén nos seus artigos do Faro) e agora observo que tamén admira a versión cinematográfica de C.S. Lewis en Tierras de penumbra, de Richard Attenborough, nunha interpretación antolóxica de Anhony Hopkins. Polo que vexo, compartimos a devoción por esa película, melancólica e dura, e supoño que esa admiración se pode extender a Una pena en observación, de C.S. Lewis (Anagrama, en versión de Carmen Martín Gaite), un deses libros que penetra ata o fondo dos nervos máis sensibles do corazón. Dese libro é este anaquiño:

¿Qué es la pena comparada con el dolor físico? Digan lo que digan los necios, el cuerpo puede llegar a sufrir veinte veces más que el alma. La mente siempre tiene algunha capacidad de evasión. En el peor de los casos, un pensamiento insoportable lo más que hace es volver una y otra vez, pero el dolor físico puede ser completamente ininterrumpido. La pena es comparable a un bombardero que nos sobrevuela dando vueltas y dispuesto a soltar una bomba cada vez que una de estas vueltas desde arriba coincide justamente con nuestra cabeza. El dolor físico es como el fuego constante en una trinchera durante la Primera Guerra Mundial, horas y horas sin cejar ni un minuto. El pensamiento nunca es estático, el dolor físico lo es muchas veces.

Non lle damos ben á música pop... ("Nós, os desafinados")

Segundo opina hoxe o amigo Henrique Alvarellos, os galegos non lle damos ben á música pop: velaí o seu simpático artigo de hoxe en Galicia Hoxe.

(...) Mais polo son das estrelas do sábado noite destas últimas semanas pasou unha bandada tal de foraxidos dos sons, dos tons, do estilo, que un perde algo de respecto pola presunta vea artística do noso pobo, que é un astro nos agudos da gaita, no esquecido acordeón, no canto e no baile popular... Pero niso que lle chaman pop, a selección do sábado noite está tan lonxe, tan lonxe, do que a mesma tele nos amosa noutras latitudes, que semella ás veces -e doe dicilo- que estamos sentados diante dun programa de humor, e non nun musical.

4 may 2007


o sal da Terra
Pídenme colaborar na difusión desta mobilización. En www.verdegaia.org
figura o manifesto, os obxectivos e os asinantes da mesma.
É obvio que é chegado o momento de mirar cara a Terra: sempre o foi, pero este país precisa de moita atención e respecto co seu medio natural.
Decepción (campaña Banco de España)

Hoxe celebrábase o último pleno municipal en Ourense antes das eleccións. Estaba previsto que os tres partidos representados (PPG, BNG, PSdG-PSOE) aprobasen por asentimento unha declaración institucional de apoio ó uso cultural para o edificio do Banco de España, declaración que deixaría o tema en boa medida endereitado ata despois do 27 de maio.

Por motivos de traballo non puiden asistir ó pleno, pero contáronme por tf. que todo foi un desastre. O alcalde leu a declaración (que tiñan os tres grupos) e amosou o seu acordo, igual que fixo o representante nacionalista. E o terceiro descolgouse, creo que aducindo motivos de formas.

Que pasa neste país? Non se pode facer nada con xeito? Só pensamos no partidismo e no sectarismo, no curto prazo e na política de galiñeiro?
Neste momento só teño unha palabra na cabeza: a miña máis fonda decepción. Mesmo entendo que moitos cidadáns o pensen dúas veces antes de ir votar: só se sementa frustración e logo pasa o que pasa ...

Humor: as ausencias da TYG.

(Pan por Pan 4 maio. Fotografía de H. Ritts)

Somos terra de grandes humoristas, de Castelao a Julio Camba, de Fernández Flórez a Cunqueiro. Lembra Celestino Fernández de la Vega que hai quen encontrou humor na obra do Padre Sarmiento ou do ilustrado Francisco Sánchez. E temos grandes humoristas gráficos (velaí o Carrabouxo, por exemplo). Pero creo que nos falta algo. A cotío chéganme vídeos da televisión vasca, sobre a realidade política e social de Euskadi, moitos para escachar coa risa. Na tele catalana teñen “Polònia” e “Minoria absoluta”, dous programas con prestixio no xénero satírico. Non hai ese tipo de sátira na TV galega. E non teño nada contra os Tonechos. E ata me caen simpáticas as garotas de Ribeira. Pero existen moitos tipos de humor. E falta ese rexistro na pantalla galega: un humor culto, satírico, provocador, etc. Hai artistas que o farían de marabilla. Non estamos aínda maduros para iso?

Luis García Mañá


Home comprometido coa causa do galego, novelista (presenteille en Ourense Meniño dorme), estudoso da realidade do Couto Mixto,
e ademais, amigo. Vaian, pois, os meus parabéns para esa decisión e que o noso idioma enchoupe de cheo todas as actividades sociais que nos definen, mesmo aquelas que corresponden á policía, que exerza tamén de galega dende a lingua.

3 may 2007

Comboio
(Bieito Iglesias, El Correo Gallego, 3 maio)


Por volta destas datas -arredor do 25 de abril- acostuman celebrarse recordatorios varios da Revolución dos Caraveis portuguesa e non faltan, como é de lei, os cabodanos musicais en memoria de José Afonso. Un dos meus temas preferidos, dentro do repertorio do cantor, é aquel que di: "No comboio descendente ía toda a gargalhada..." Tal vez porque actualiza un fascinio infantil polo tren, que vén das primeiras viaxes con partida nun andén de Ourense-Empalme e destino na vella estación do Norte madrileña. Cada etapa desta odisea tiña a súa graza. Primeiramente abría a boca admirando o teito do edificio da estación ourensá, pintado con frescos folclóricos que evocaban cabaceiros, mulleres vestidas con dengue e muradana, homes de polaina e monteira, un enxebrismo falsario que me seducía xusto porque eu coñecía o campo galego e achaba aquelas estampas rústicas tan exóticas como os indios emplumados de América que cabalgaban nas enciclopedias ou nas tapas das novelas de vaqueiros.
Logo viñan as soidades mesetarias, as chairas de trigo rateño (cativo) con mapoulas que contemplaba de día, e a vista forzada de noite por se vislumbraba a través da ventaíña (entre as sombras de aciñeiras en fuga das devesas) un fato de touros máis bravos que o morucho de Osborne. Xa en Madrid, agardaba o oso polar do parque de feras do Retiro e a cama con sobreceo de Isabel Clara Eugenia no Escorial.
Todos estes gozos experimentados nos camiños de ferro (incluso no celuloide, botando carbón á paila con Buster Keaton, o maquinista de The General) precipítanse no pozo negro da desventura e da neglixencia dos xestores públicos, cando temos que enterrar vítimas duns anacrónicos pasos a nivel con ou sen barreiras. Nas últimas décadas, os sucesivos gobernos centrais presididos por González e Aznar deron en retirar estas ciladas mortais a paso de boi, a un ritmo tan pousón que aínda é hoxe o día en que moitos cidadáns arriscan o pelico ao atravesar as vías, como se cruzasen a Estixia infernal e tal que se os coches fosen barcas de Caronte.
Materias Letras Galegas 2007

Chegaron ós centros de ensino, como todos os anos, os materiais do Día das Letras Galegas. E como outros anos, entre eles figura unha Unidade Didáctica de Educación Secundaria (non sei se tamén se fixo para Primaria) sobre María Mariño.
Esta Unidade contén uns datos biográficos mínimos e unha serie de entrevistas a escritores galegos sobre a escritora homenaxeada, ademais dalgunhas actividades e u
nha escolma de poemas.
Máis ou menos como todos os anos: noutras ocasións había máis traballo de investigación (e, sobre todo, de documentación fotográfica) no lugar das citadas entrevistas a escritores (nove autores/as, supoño que escollidos ó chou).

Como vostedes lembrarán, o ano pasado este tipo de Unidades (que daquela faciamos AVM e eu mesmo) eran un despilfarro inútil de fondos públicos e materias pouco valiosos e proveitosos. Por iso mesmo, supomos, Carlos Callón e os dirixentes da MNL acudiron ó rexistro da Xunta a devolvelos, eles moi indignados ante tamaña ignominia. Non lles importou por iso desprezar dese xeito o autor homenaxeado (daquela Lugrís Freire) e, ademais, ós seus familiares e ós autores das unidades (tanto no plano teórico, nós, como no técnico e de deseño).
Pois ben, as unidades deste ano son moi semellantes e se lle poden aplicar os mesmos improperios e lamentacións daquela hora. Na filosofía dos protestantes de onte, con isto non se dignifica a cultura galega e só se malgastan os cartos públicos.
Os que así pensaban, antes, supoño que seguirán pensando o mesmo: por iso agardo que un día destes de novo C.Callón e os seus amigos/as acudan solícitos ó rexistro da Xunta a devolver os materiais das Letras Galegas 2007.
E, en aras da xustiza equitativa, sería bo que chamasen de novo polos medios e enchesen os xornais de fotos da súa indignada cólera...

1 may 2007


Brincadeira: Pataki en bikini
Unha man amiga faime chegar esta brincadeira, que sen dúbida ten a súa gracia: ofrécenos unha nova e orixinal perspectiva da que din unha das mulleres máis sexys de España.
Supoño que a el llelo farían chegar outras mans amigas. Dende logo cada día sorprende máis o enxeño e as gañas de darlle voltas ás cabeciñas que teñen algúns. Todos recibimos todos os días notas simpáticas coma esta e teñen unha difusión masiva dende a Rede. A min gústanme especialmente os sckeths da ETB que tamén me mandan de cando en vez: ogallá en Galicia se puidese facer algo semellante, tan libre de prexuízos e do control dos censores.






Manuel Peña Rey.
(Andoliña 2 maio. Na imaxe cartel do Estatuto do 36, de Díaz Baliño)

Viña o seu nome antonte na prensa local ourensá, porque faleceu hai 50 anos. E creo que paga a pena dedicarlle estas liñas para loitar contra a desmemoria. En efecto, o 1 de maio de 1957 era soterrado en Auria coa presenza dun núcleo reducido de galeguistas Manuel Peña Rey: “Era o noso presidente”, lembraba Otero Pedrayo nun emocionado artigo na prensa do exilio, en Galicia Emigrante, titulado "Lembranza dun bon e xeneroso".
Xinecólogo de profesión (“un dos grandes xinecólogos de Galiza”, di Otero), de orixe nas terras pontevedresas de Viascón, Peña Rey militara no Partido Nazonalista Republicano de Ourense e fora logo presidente do Partido Galeguista nos anos 30, cando o centro galeguista tiña sede na antiga rúa de Alba.As verbas de don Ramón lembran o eminente doutor naqueles días de esplendor republicano: “Todo era bondade, calmo gozo de espranza, xenerosidá, irmandade. Sen xerarquías, orde e leial acatamento, con bos escritores ningunha vaidade literaria. Requintados artistas e homes de oficio artesán quentábanse ó mesmo fogar”. Co corpo morto de Peña Rey no camposanto de San Francisco remataba para os galeguistas ourensáns a etapa máis gloriosa da súa historia.

Manuel Peña Rey (e II)
Manuel Peña Rey veu para Ourense nos anos dez, seica animado por Losada Diéguez, despois do seu matrimonio con Celia Bouzas. Xinecólogo de profesión, montou na cidade o primeiro sanatorio desta especialidade, co doutor Manuel Pol Piñeiro. Polas datas ata podería ser o médico que ve as mulleres en coiros e do que falan alarmados os neniños de Xente ao lonxe. No Ourense dos 30, dirixiu con bo sentido o Partido Galeguista, en momentos difíciles: polas polémicas cos socialistas e pola confrontación cos monárquicos. Saíu en axuda de Otero Pedrayo cando este era atacado no Galicia calvosotelista e en 1931 deuse de baixa como subscritor e anunciante deste xornal polas súas campañas contra a autonomía de Galicia.
No alzamento militar foi expulsado da súa praza no Hospital Provincial, detido e preso no cárcere do Carballiño e confiscada unha parte dos seus bens; mesmo estivo preto de perder a súa casa no Parque de San Lázaro ourensán. A represión dos galeguistas en Ourense foi menor, cando menos dos que vivían na cidade (Bóveda, fusilado na Caeira, tamén era ourensán). Peña Rey morreu en 1957, honrado polos seus amigos galeguistas. A súa viúva falecería moito despois, en 1989.

30 abr 2007


O MEDO É LIBRE E A CONDICIÓN HUMANA

La Región 30 abril (Imaxe de G. de Chirico)

Somos uns bestas. Non se asuste, querido lector, non me refiro a vostede nin tampouco a min mesmo, claro. Pero se vostede pertence á categoría home, vostede tamén ten razóns para avergonzarse da subespecie natural na que o seu ADN o deixou predeterminado. E se vostede pensa en masculino, o menos que pode facer, coma min, é horrorizarse ó ler titulares coma este: “Cada 12 minutos detense un home por violencia de xénero” ou “Un de cada dez arrestos que se fan en España é por maltrato machista”. Non, non é para estar satisfeitos da condición masculina, aínda que eu non coñeza na miña contorna a elementos destas características. Cando menos moitos homes son seres capaces de facer un dano considerable ós seus supostos seres queridos e de impregnar de medo a aqueles que con eles deberían compartir a súa vida e os seus afectos. E o medo é libre: por iso non se entende a decisión dese xuíz de Valladolid que arquivou unha denuncia de maltrato presentada por unha profesora de instituto por descartar, dicía este orixinal xuíz, que unha persoa licenciada poida sufrir maltrato sen pedir axuda externa. Pouco sabe da condición humana este maxistrado. Recomendámoslle unha viaxe polas novelas europeas do século XIX: quizais recoñeza mellor a realidade dende as páxinas dun libro.
Videla e Massera. Foron perdoados polo presidente arxentino, o peronista Carlos Menem, en 1990. Dende aquela cada semana fóronse coñecendo novas atrocidades contra os dereitos humanos por parte do expresidente da xunta militar da ditadura e do seu xefe da Mariña. Videla está hoxe en arresto domiciliario, acusado polo roubo e entrega en adopción ilegal de nenos nacidos de mulleres embarazadas detidas, que logo eran asasinadas e feitas desaparecer. Unha páxina horrorosa da historia de Arxentina (e de Chile e da mesma España hai unhas cantas décadas). Agora a xustiza arxentina declara ilegal o indulto destes militares: os seus foron crimes contra a humanidade e como tales non prescriben. Ninguén pode devolverlle a vida ás vítimas, pero si, cando menos, a dignidade da súa propia memoria.
Homenaxes. Hai unhas semanas o Partido Popular facía unha interesante proposta, desas que só se lle ocorren ás forzas políticas cando están na oposición: prohibir as viaxes a América dos políticos nas previas ás eleccións. Porque as campañas electorais perturban as boas intencións. Pola mesma razón, quizais houbese que prohibir no mesmo período a celebración de homenaxes: ninguén dubida que personaxes como Celso Montero, Luís Taboada ou Antón Moreda merezan moitos recoñecementos, pero pode resultar sospeitoso que se promovan cando hai que pelexar por una foto de interese electoral.
A imaxe de España dende fóra. Sobre este tema falaron no Foro La Región unha xornalista inglesa, Elizabeth Nash, e outro alemán, Werner Herzog. “Ó falar, o español revela o seu xeito de ser e, sen darse conta, amosa o seu subconsciente”, dixo Herzog, subliñando que as linguas son moito máis que un sistema de comunicación. Proben a cambiar na frase o concepto “o español” por “o galego” e mediten despois se seguen estando de acordo coa citada frase.

29 abr 2007






















CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1964. FERRÍN. OS ÁLVAREZ BLÁZQUEZ.

(Fotos de Ferrín nos 60, as Cantigas da UPG de Celso Emilio e Darío Álvarez Blázquez)
Arrabaldo do norte. Nace a UPG, con Ferrín e Luís Soto
Edicións Castrelos e Xosé Mª Álvarez Blázquez na RAG
Día das Letras Galegas dedicado a Castelao. Crecente Vega, R. de Valenzuela, os cancioneiros de Airas Nunes e Lourenço
Torrente en Pontevedra: os artigos no Faro. Créase Museo Arqueolóxico Provincial da Coruña. Bal i Gay. Gómez Ledo. Emilio Pita. Rey Romero, primeiro Pedrón de Ouro. Morren Gala Murguía, Suárez Picallo, Arturo Souto, Fernández Flórez, Elsa Fernández.
Portugal
Dende outro ámbito cultural, o poeta Carlos Marzal reivindicou recentemente a necesidade de incorporar o portugués á escola e aproveitar as sinerxias culturais que iso xeneraría, alternativa que tamén se defendeu recentemente neste foro.
Velaquí o seu excelente artigo, completo (só dicir que eu engadiría na lista de traductores lusófonos ó noso Basilio Losada).

En mis ensueños de pedagogo por libre, se me ocurre que una hora semanal de portugués en las escuelas –ahora que el español es lengua de enseñanza obligatoria en Brasil– haría más por la formación integral de nuestros alumnos que las tan necesarias y bien empleadas horas de inglés. Con muy poco esfuerzo los acercaría a una extraordinaria e inacabable literatura, a una de las civilizaciones más apasionantes de la historia cultural, y a formar parte de una comunidad hispano-portuguesa de cerca de 700 millones de hablantes. Casi nunca, con tan poco, se podría hacer tanto.

Brincadeira

(Pan por Pan 29 abril. A caricatura de Ramón Villares é de Fausto e está publicada na II Bienal de Caricatura de Ourense)

Tocoume onte compartir o xantar con varios amigos do mundo cultural, no Balneario de Mondariz. Na conversa, en ton lúdico, xurdiu o tema dos parecidos con famosos. Alonso Montero confesou que máis dunha vez o confundiran co humorista Quique Camoeiras. A Pepiño de Redondela case lle fan inaugurar unha exposición en Compostela pensando que era o alcalde Xerardo Estévez. Noutra ocasión xantaban xuntos o mesmo Pepiño e Ramón Villares, cando era reitor, nunha taberna de Redondela. E viron que uns paisanos miraban cara eles de seguido dende a barra. Un deles achegouse e intercambiaron unhas palabras. Volveu pouco despois e invitounos a unhas copas. Quedaron agradecidos e sorprendidos. Aínda se achegou de novo e díxolle a Villares: “Logo tennos que contar os chistes de onte na televisión”. Daquela caeron da burra: pensaban que o reitor era Moncho Borrajo.

28 abr 2007


Rigorosa exclusiva: Premios da Crítica

Sairá mañá nos xornais, pero voullelo adiantar ós meus lectores/as. Reuníronse hoxe todos os xurados dos Premios da Crítica de Galicia, no Balneario de Mondariz.

Tocoume no de Creación Literaria e podo anunciarlles xa que o gañador foi a extraordinaria novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal, cunha mención ademais para o poemario Parábola do incrédulo, de Manuel Álvarez Torneiro.

Se non estou errado, noutras categorías houbo premios para Francisco Sampedro, Ricardo Gurriarán, Os Xérmolos de Guitiriz e o programa musical Alalá, da TVG. Noraboa a todos eles por tan merecido galardón.

E podo engadir, cheo de orgullo, que, non sei cómo nin proposto por quén (entereime de esguello no xantar posterior), estivo a debate no apartado de Iniciativas Culturais este humilde blog, As uvas na solaina, que facemos entre todos e todas nun clima de tolerancia e bonhomía. Aínda que desta vez non caiu o premio, é evidente, como xa temos falado outras veces, que hai moita xente que nos segue e nos escoita con atención. Graciñas a todos e todas.
(De agasallo vai unha foto de Manuel Rivas, iso si, un pouco máis noviño, como é obvio)

Sobre Cine e Literatura (un consello)
Pan por Pan sábado 28 abril (Imaxe: Anxélica e o eremita, de Rubens)

No mundo actual Cine e Literatura non son xa realidades paralelas, senón a cotío complementarias ou converxentes: os escritores de hoxe non se poden sentir alleos á pegada das linguaxes do cine. Tamén nas letras galegas, cando menos dende os 50 e a Nova Narrativa Galega.
Pero, a relación entre estas dúas formas de expresión non ten só unha dirección. Canto lle debe o Cine á Literatura? Antonte estivo o director Vicente Aranda en Vigo, onde roda unha película, e tivo alí un encontro con alumnos de varias escolas audiovisuais. E deulles un consello moi claro: pediulles que leran ós escritores realistas, a Stendhal, a Balzac, a Flaubert, etc. Porque os cineastas fan o mesmo que eles: narrar. E facer cine non é só colocar ben un plano, senón saber narrar unha historia. Para facer cine, díxolles tamén, apréndese máis lendo a literatura do século XIX que vendo películas.
CASA DE CITAS (2)
Pálido sol en cielo encapotado,
mozas rollizas de anchos coliseos,
tetas de vacas, piernas de correos,
suelo menos aburrido que regado.
Campo todo de tojos matizado,
berzas gigantes, nabos filisteos,
gallos del Cairo, búcaros pigmeos,
traje tosco y estilo mal limado.
Cuestas que llegan a la ardiente esfera,
pan de Guinea, techos ahumados,
candelas de resina con tericia,
papas de mijo en concas de madera,
cuevas profundas, ásperos collados,
es lo que llaman Reino de Galicia.
GÓNGORA

Tierra donde las doncellas
llaman hígado al rubí,
y andan hechas San Antones
con su fuego y su gorrín.
En donde las regaladas
llevan su cuerpo gentil
en talegos, como cuartos,
huyendo del caniquí.
Muy góticas de facciones
y de pelo muy espín;
virginidades monteses
aman a lo jabalí.
FRANCISCO DE QUEVEDO

27 abr 2007


A TRISTE HISTORIA DA HISTÓRICA SIGLA
(Manuel Rivas, hoxe en El País: o artigo completo. Na imaxe, Antón Villar Ponte)
Algúns experimentos que se andan a facer, teñen que ver coas mutacións no tradicional electorado da dereita en Galicia. Son novos e vellos palangreiros que tratan de pescar nese caladoiro. Para metamorfose, a do Partido Galeguista. Eu xa non sei se é coleóptero ou lepidóptero. Da historia das siglas, esta é unha das máis tristes da historias. Unha coruñesa, María Teresa Alvajar, contábame hai pouco como a súa nai galeguista, Amparo Jean, trataba a Castelao de irmán en público, para escándalo dos túzaros. Así era, o partido dos irmáns. Esas siglas atesouraron, en tempos decisivos, a honra ilustrada de Galicia. Foron un referente político, mais tamén moral. E na Coruña, o Partido Galeguista tivo máis importancia e presenza da que se adoita falar. A Agrupación de Mulleres era a máis importante. E figuras como a do xornalista Antón Villar Ponte déronlle unha clara identidade de esquerdas. Agora, pobres siglas, son usadas como nun teatro de monicreques. Nin a propaganda é feita en galego. Nin se defende o topónimo coruñés. Unha mofa e unha befa. Iso si, o candidato convida a voar en avioneta por riba da cidade, nun acto de perigosa seducción electoral. A campaña friqui. E Carlos Marcos, que así se chama, vén de decir que pode pactar con calquera, agás co Bloque Nacionalista Galego. Por que? Porque son "inimigos da Coruña". Eu non teño que ver co BNG, e mellor para o BNG e para min, mais penso que esta linguaxe non debería figurar no vocabulario democrático e ten moi pouco que ver co verdadeiro carácter coruñés, de estilo e tradición republicana. É unha linguaxe bélica que nos leva ás teorías do Carl Schmitt. Inimigos? Xa pasou o tempo dos inimigos, ho.

26 abr 2007

Igrexa e franquismo
Chegáronme hoxe (grazas á editora 3C3) estes dous tomazos sobre a Igrexa e o franquismo, que onte se presentaban en Compostela. Sabemos da seriedade do seu autor, Xosé Chao Rego (foi o meu primeiro xefe de seminario de galego nun Instituto de Compostela, aínda que só por mes e medio: eu ía de sustituto daquela), unha das máximas autoridades neste campo de estudo e investigación, e esperamos aprender moito das súas páxinas: comentarémolo aquí en canto lle metamos o dente.
Os nabis e os escultores españoles das vangardas

Este solto vai dirixido sobre todo ós lectores/as non ourensáns (e tamén os ourensáns se aínda non as viron) : porque vou recomendarlles dúas magníficas exposicións que temos en Ourense estes días e que quizais ata se animen a facernos unha visita na ponte para vir velas.

A primeira delas inaugurouse antonte e leva como título LOS NABIS. PROFETAS DE LA MODERNIDAD: está no local de Caixanova, en plena Praza Maior, e creo que xa estivo antes en Ourense. Ten pezas de Paul Gauguin (na foto, "A filla do patrón"), Emile Bernard, Edouard Vuillard, Paul Sérusier e Georges Lacombe, entre outros, procedentes todas de museos franceses.

E no Centro Simeón segue EL VOLUMEN APROPIADO, unha colectiva de escultores españoles do tempo das vangardas: Pablo Gargallo (na foto un seu debuxo: "Retrato dunha moza na praia", 1933); Pablo Serrano; Honorio García Condoy e Ramón Acín, este último militante republicano fusilado no inicio da guerra (deseñou un monumento a Galán e García Hernández en Jaca que non se chegou a facer, na mostra están os bocetos). Esta é unha mostra patrocinada por Ibercaja que tampouco ten desperdicio.
Nos dous casos editáronse dous catálogos excepcionais que tamén paga a pena gardar.
Os nabis.
Pan por Pan 2 maio
Dende hai uns días pódese ver, nos locais da Praza Maior da Fundación Caixa Galicia, unha exposicións imprescindible: Os Nabis. Profetas da Modernidade. Con ese nome se designa a un grupo de artistas franceses, que seguiu a pegada de Paul Gauguin nos doce últimos anos do século XIX: Paul Sérusier, Paul Ranson, Pierre Bonnard, Felix Vallotón, Xavier Roussel, Georges Lacombe e Edouard Vuillard. As súas pezas, como esas mulleres bretoas xogando coas augas bailantes de vizosa decoración modernista, falan dun mundo cheo de espiritualidade, crítico cos xeitos mecanicistas e materialistas da nova civilización urbana e industrial. Do tempo dos poetas simbolistas, os nabis reivindican o misterio e os soños, as lendas e as alegorías, a color como expresión dos estados da alma: a arte como nova relixión, unha arela que segue sendo válida para os artistas de hoxe.









TELEXENIA
(Pan por Pan 26 abril. Imaxe de Bud Fisher)

Chegou a hora da telexenia. Dos programadores de imaxe. ¿Firmeza ou naturalidade? ¿Modernidade ou determinación? ¿Frescura ou seguridade? Non se preocupen: todo está previsto, todo pensado. Para iso están os asesores de imaxe: non haberá candidatos do PP con polo, porque iso seica é demasiado informal. Os socialistas van amosarse relaxados, sorrindo e mirando de lado a cámara. A liberdade individual non conta: e el non será todo isto outra mostra de homes e mulleres obxecto? Porque, nos tempos da corrección política, os candidatos están máis predeseñados que as misses das pasarelas.
Por certo, sorprende esa foto de Francisco Rodríguez nalgúns carteis (candidato socialista en Ourense), cos brazos e as mans abertas á vista: coa mesma iconografía dun Cristo na Santa Cea ou dicindo aquilo de “que os nenos veñan canda min”. Pero supoño que quere dicir “deixade que os votos veñan canda min”.
Zeca Afonso: moi ben pola TVG

Na noitiña do mércores fomos todos á cama entoando para nós o Venham máis cinco e Verdes son os campos...: velaí o milagre da televisión. Moi ben pola TVG, pola gravación da gala de homenaxe ó Zeca Afonso, Sempre 25 abril, en Pontevedra. Non é doado axuntar tal cantidade de grandes figuras da música galega e portuguesa, ata 22 cantores e grupos: só contemplar nun mesmo espectáculo a Uxía Senlle e Dulce Pontes xa é un agasallo irrepetible.
Para os que rondamos os 50, o espectáculo, mesmo visto por televisión, foi tamén un doce remoer da memoria. Ensarillados na nosa saudade, vimos pasar diante nosa os ecos dunha parte notable da nosa mocidade: Xosé Afonso, Miro Casabella, Sergio Godinho, Fausto (este só nunha entrevista), etc. E descubrimos outros grandes artistas da música portuguesa máis recente que seguen o ronsel de tan egrexios mestres. Houbo tempo, por suposto, para a apelación ó combate: ese Franco asasino na voz de Antón Reixa e os vivas ó Poder Popular.
Zeca Afonso segue vivo na súa música para nós, sen dúbida. Pero que pensarán os mozos de hoxe, que non viviron aquelas vedrañas emocións, aquel alento ergueito que estaba na raíz das súas cantigas?

25 abr 2007


CASA DE CITAS
O alento étnico
"... O canteiro ó decorar unha parede aldeá, ou o labrego ó deseñar coa súa navalla un mundo ornamental na madeira dun xugo de bois, non obedecen a capricho individual. responden ó impulso étnico que non saberían nunca explicar"
RAMÓN OTERO PEDRAYO
(Imaxe: Espiral, de Menchu Lamas, obra presente na exposición de homenaxe a Méndez Ferrín)

O EQUILIBRIO ELECTORAL EN FRANCIA

Andoliña 25 abril

Europeos coma nós, os franceses non son moi diferentes de nós mesmos: seguen as mesmas series televisivas, aman o seu cine (máis que en España), andan a loitar contra o tabaco e gustan tamén das humoradas do guiñol. Teñen máis fillos que os españois, iso si, e máis inmigración e uns valores laicos asentados, aquí máis minoritarios. En cambio, o seu sistema de partidos actual ten diferencias notables co dos seus veciños do sur. Velaí a ausencia electoral de partidos nacionalistas ou a forza relativa, na primeira volta, da estrema esquerda, moi dividida pero que supón case un 10 por cento dos votos (máis de tres millóns de votos). Teñen tamén unha estrema dereita racista e xenófoba, autónoma na súa organización, con Le Pen e mesmo Philippe de Villiers, cun 13 por cento electoral, con catro millóns e medio de votos.
Polo demáis, o peso electoral de esquerda e dereita semella equilibrado en dous bloques arredor do 30 por cento (con ventaxa do conservador Sarkozy sobre a socialista Ségolène) e un amplo colchón de voto centrista, perto do 20 por cento (desaparecido en España dende a disolución da UCD). Serán os electores do centrista F.Bayrou os que decidan ó final: solución que algúns mesmo envexan dende España.

24 abr 2007

Do voto emigrante e dun país que desaparece...

En casa allea, encontramos hoxe dúas entregas que merecen ser aquí recollidas e supoño que comentadas. Por exemplo, o que opina en Galicia Hoxe Afonso Monxardín sobre O disputado voto do señor emigrante:

Os emigrantes debían ser os primeiros en se manifestaren contra o seu dereito a voto nas eleccións españolas. Porque cun dereito vén un deber. E non podemos obrigalos a ser partícipes das nosas liortas, nin a ser sabedores, polo miúdo, do que acontece nestas terras. E aínda é peor a división artificial que se produce alá. Galicia -e España- débense ocupar dos seus emigrantes en América por pura xustiza, non por un puñado de votos. Eles sacáronnos a fame, por activa, ao enviárennos cartos nos anos da posguerra, e por pasiva, ao restaren bocas dunha España famenta. Agora tócanos a nós. Así, a emigración -e a inmigración-, deben ser cuestións de Estado, afastadas no posible do debate político.

E esta reflexión de Xosé M. Sarille sobre a caída demográfica e a escasa atracción de poboación inmigrante por parte do noso país: Galicia é un barco sen luces, xogando o autor coa metáfora pimenteliana:
Segundo o organismo estatístico da UE, Galiza perderá trescentos mil habitantes nos próximos vinte anos. Ficará con dous millóns catrocentos mil, dos cales a terceira parte serán vellos con máis de sesenta e cinco anos. Esta noticia, recollida por EL CORREO GALLEGO e Galicia Hoxe, é extraordinariamente importante porque a poboación é unha riqueza básica, sen a cal non se pode construír ningún país que queira chamarse país, e xa non digo nación.
Galiza non ten capacidade para atraer inmigrantes, un factor fundamental para o desenvolvemento e a saúde social, e ademais perde peso demográfico no conxunto do Estado español. Talvez para esa data sexamos máis ricos que hoxe, por estarmos aínda máis subvencionados, pero teremos menos que dicir socialmente. Politicamente seremos un país residual e apenas teremos futuro.

DÍA DO LIBRO. PAN POR PAN martes 24 abril
(A imaxe é do debuxante de BD italiano Giardino. En comentarios adxuntarei o listado de textos lidos e de alumnos/as participantes)

Celebramos onte no Instituto da Carballeira o Día do Libro. En mancomún varios departamentos organizamos un recital poético no que un amplo grupo de mozos e mozas recitaron máis de 60 poemas en diversos idiomas: en galego e en castelán, tamén en inglés, en francés, en latín e en grego. Un power point de retratos de escritores e imaxes de artistas foi o único decorado necesario para os versos de Lorca e de Alberti, de Pedro Salinas e de Miguel Hernández, de Paul Éluard e de Shakespeare, de Emily Dickinson e de Neruda, de Celso Emilio e de Antón Tovar, de Ferrín e de Manuel Luís Acuña, de Olga Novo e de María do Cebreiro, de Catulo e de Ovidio, entre outros. Foi un acto sinxelo, si, pero conseguimos que durante case dúas horas un cento de rapaces escoitasen poesía en silencio, ese xénero que algúns queren dar por morto. Pero a poesía aínda pode facer moitos milagres neste mundo.

23 abr 2007

PERIGO DE HIPERSATURACIÓN
La Región 23 abril
(Imaxe de "Salammbó", do debuxante de BD francés Philippe Druillet.

A campaña interminable. Levamos xa moitos meses de campaña electoral interminable, porque isto non é precampaña, é campaña pura e dura: cada día temos visitas de ministros, conselleiros, altos cargos políticos, con maletas cargadas de promesas. Xa temos no mercado, só na cidade de Ourense, unha cidade termal, catro mil vivendas protexidas (se sumamos as ofrecidas por partidos diferentes), un Palacio de Congresos, por suposto o AVE, non sei cantas residencias para maiores e unha autopista sen peaxe ata Dozón. (Ademais, do Banco de España para usos culturais, que non nos esquecemos do tema). Todo iso está moi ben: se logo se mantén despois do mes de maio.
As axendas dos candidatos botan fume e van precisar de moita xelea real e horas de ximnasio para resistir incólumes ata dentro dun mes. Pero ás veces me pregunto se os estrategos dos grandes partidos (existe tal cousa?) non terán pensado na posibilidade do efecto contrario: non pode ser que tal hipersaturación da campaña produza aburrimento e mesmo desengano entre as xentes e mesmo moitas se absteñan de ir logo votar. Entendo que o reto de mobilización do voto afecta sobre todo á esquerda, porque o electorado de dereita é máis disciplinado e obediente e non faltará á cita. Pero na esquerda é preciso algo máis: algo que leve mesmo ó elector desencantado a molestarse en acudir ó colexio electoral. Ese algo pode ser a sensación de sentirse estafado como sucedeu no 14-M ou a protesta contra a guerra de Iraq ou o desgoberno no Prestige. Agora ofrécese xestión, promesas electorais a esgalla, o eterno sorriso do candidato: chegará con iso?

22 abr 2007




CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1963

Primeiro Día das Letras Galegas
Nace a revista Grial
Nacen Castrelos e Ed. Do Castro
Historia da Literatura Galega Contemporánea (Carballo Calero)
O segredo do humor (Celestino Fernández de la Vega)
Poemarios de Pura Vázquez, María Mariño, Díaz Jácome, Guerra da Cal, Anxel Sevillano, Delgado Gurriarán, Emilio Pita, etc.
Raíz e Tempo, radio en galego, por Xoana Torres.
Nace a AC. O Facho.
Cen Anos de Literatura Galega, exposición en Lugo, da man de Alonso Montero.
Vicente Risco na cultura galega, de Ramón Lugrís

Ánxel Fole e A. Cunqueiro na RAG
Nace o Partido Socialista Galego (PSG) cunha forte presenza de intelectuais galegos.
Moren Vicente Risco, Gonzalo López Aberte, Antón Valcárcel, Manuel Gómez Román, Vidales Tomé, Xosé Rubinos, María Dolores Díaz Baliño, etc. E nacen ...

Cafés e salarios.
Pan por Pan 22 abril (Imaxe: Carta amorosa, de F. Clouet, s.XVI)

A min non me parece relevante que Zapatero ou Rajoy saiban o que vale un café nunha cafetería da rúa: é obvio que poucos cafés pagarán eles e de seguro teñen cousas máis importantes nas que pensar. Hai grandes problemas no país ós que deben atender con prioridade e xa terán asesores e xestores para estas miudezas que, ó cabo, son determinadas polo mercado. Tampouco me preocupa saber o qué gaña cada político, sempre que o faga ben no seu posto: pero quizais Rajoy foi un pouco covarde ó eludir o tema e declarar que “miro mi cuenta a final de mes porque lo necesito, y muchísimo”. Outro pobre de solemnidade como Esperanza Aguirre. Pero isto non é certo e pode ser un insulto ós millóns e millóns de persoas que non vemos nin en soños os nove mil ou doce mil euros ó mes que din que gaña Rajoy. Non somos ricos, xa o sabemos, pero tampouco parvos.


Galicia Hoxe, as portadas máis ousadas
Sen ningunha dúbida, o xornal Galicia Hoxe merece o título de medio galego máis ousado nas súas portadas, a xuzgar polo ofrecido nos últimos meses. Vexan esta imaxe de Kate Moss que se publicaba, en gran formato, o pasado 18 de abril. No interior ofrecíanse outras imaxes máis, entre elas un excepcional retrato que lle fixera Chuck Close no 2003.
E pechemos aquí o pé de foto antes de ser alcuñados de machistas intolerantes.

Os parabéns da semana
(Imaxe de Peter Zokosy)
A Agustín Fernández Paz, por eses 65.000 exemplares de Cartas de inverno (nova comentada en Brétemas).
Ás forzas de seguridade por explicitar o seu compromiso coa lingua galega na xuntanza do pasado venres: En galego, con toda seguridade, campaña promovida pola Asociacións de Funcionarios de Normalización Lingüística.
A Méndez Ferrín e a Manuel Rivas, por reivindicar a memoria de Casares Quiroga e reclamar que se anule a impudicia do nome falanxista dun hospital coruñés (nova comentada en Arumes). A Manuel Rivas, ademais, por conseguir o merecido premio dos Libreiros de Madrid do ano 2006 pola súa novela Os libros arden mal.
Ó concello da Coruña que inaugurará nesa cidade, o próximo día 27, un Parque co nome do escritor Carlos Casares.
Ó poeta Darío Xohán Cabana, por ofrecernos un poemario tan auténtico, tan no seu estilo, como Cabalgada na brétema (Galaxia).
A Francisco Xosé Fernández Naval, gañador, segundo conta a prensa hoxe, do Premio Cidade de Ourense de Poesía, co seu poemario Miño.
E a Xavier Puente Docampo , grazas cinéfilas (xa sabe el por qué).
Poden engadir vostedes, se o desexan e lles parece pertinente, máis parabéns.

21 abr 2007

Escribía Ramón Piñeiro
(Fragmento dun artigo de prensa. O artigo enteiro vai colocado como primeiro comentario)
Asistimos ó nacemento da revista “Grial”, emulando o modelo da “Cruz y Raya” de Bergamín, e comprobamos a plena consciencia que tiña o grupo Galaxia do significado no seu tempo da tradución ó galego de Heidegger: “para aniquilar dunha vez a tese insidiosa de Dámaso e outros segundo a cal o galego só sirve para facer poesías ou para lles falar ós labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía”. Mesmo Piñeiro rexeita con acerto, xa en 1954, unha crítica que anos despois lle sería dirixida, o seu suposto “culturalismo”: “o meu orgullo galeguista cifrábase en ter incorporado á lingoa galega dous nomes de primeirísima calidade: Ánxel Fole e Luís Pimentel. Eu penso que a incorporación dun bo poeta ou dun bo prosista é máis importante para o porvir histórico de Galicia que a posible incorporación dun ministro ao Goberno de Madrid. Na etapa actual da vida galega pódese dicir que os verdadeiros ministros de Galicia son mesmamente os seus poetas e mailos seus escritores e artistas”.
Arredor do blog

Estes días tiven múltiples problemas informáticos, dos que vostedes non se enteraron, pero por iso escribín menos (colgando textos dende o Instituto). Unha treboada averiounos ascensor, tv e conexión a Internet: telefónica foi rápida e cambiei a conexión un día despois, pero logo empezou a fallar o portátil. Bloqueábase case ó empezar. Revisado por amigos (Antonio, da Casa da Xuventude) quizais o motivo sexa que o aparello se quenta con facilidade: o técnico de Inforcom (Manuel Expósito) onde fun hoxe limpou a fondo o ventilador, a ver se agora vai ben...
E a noitiña do sábado tiven unha longa entrevista coa xornalista Belén Regueira e co amigo Manuel Bragado (Belén tamén estivo en Ourense, cun fotógrafo, e charlamos moi de vagar). A Belén sorpréndelle sobre todo que dous "carrozas", arredor case dos 50, sexamos tan fieis no asunto este (moitos outros pinchan) e ademais teñamos un coro de seguidores tan entusiastas: no diálogo intentamos explicar as causas diso e niso teñen vostedes moito que ver. (Pola nosa-miña banda, o principal mérito quizais sexa a constancia e dispor dunha vida abondo organizada e rutinaria -agás cando fallan os aparellos-: hai uns meses falaba eu disto con Antón Costa, que me coñece de vello, e dicía el: "ti, si; ti, sendo como es, poderás manter un blog no tempo...").
A entrevista vai destinada a unha reportaxe sobre o mundo dos blogs que seica estará na páxina do Consello da Cultura Galega, no Culturgal e na rede en xeral. Falamos con toda a vivacidade e liberdade co trebello ese do Messenger que nunca usará, pero confeso que é divertido. Agora sei por que entrampan os rapaces co tema. Falamos de moitas cousas das que temos falado aquí (xa lles avisarei cando se publiquen os resultados da charla) e mesmo dei tres ou catro enderezos de contertulios que máis trato, porque creo que tamén lles queren preguntar algo ó respecto (así que, se os chaman, non se asusten, será por isto). Máis nada, seguiremos fedellando...





CARLOS GIMÉNEZ E A MEMORIA
Carlos Giménez é un dos nomes máis relevantes do que en tempos se chamaban tebeos e a modernidade deu en chamar comic ou banda deseñada. Os lectores da miña quinta lembrarán as súas series en medios como “El Papus”, “Totem” ou “Muchas Gracias”. Neles e tamén en albumes independentes popularizou historias como “Paracuellos”, que relata, nun clima lóbrego e gris, a infancia de moitos nenos da posguerra española no “Auxilio Social” franquista. Moi logo soubemos que o propio Giménez pasou boa parte da súa infancia nun orfanato franquista. Nos anos 70 devoramos as historias de Giménez, singularmente aquelas tan tinguidas de sátira e denuncia, que levaban os títulos de “España una”, “España Grande” e “España Libre”.
Leo agora unhas súas declaracións nas que afirma que foi un adiantado en reivindicar a memoria histórica. E dende logo non lle falta razón. Poucos retratos tan duros da España franquista e miserenta trala guerra civil como as historias deste gran debuxante e guionista. Agora que os lexisladores discuten como restaurar a dignidade das víctimas da ditadura, recoñezamos que ese labor xa se fixo, con toda humildade pero tamén co rigor necesario, dende aqueles tebeos memorables.

20 abr 2007


Lembranza de Bonifacio Borreiros

Andoliña 20 abril

Chégame o volume Bonifacio Borreiros na memoria de Galicia, no que ademais teño a honra de colaborar. Editado polo Concello de Ferrol e Biblos e coordinado por Pedro X. Blanco Llano, o libro é a homenaxe dos amigos a este home, falecido hai só uns meses con 51 anos e sempre comprometido co galeguismo e o socialismo. Militou no Partido Socialista Galego nos 70, cando era estudante de Medicina, e logo no PSdeG-PSOE. Era un home moi querido no Ferrol, onde foi concelleiro de cultura, e desempeñou a Dirección Xeral de Cultura no goberno Laxe. Como profesor traballou tamén en Ourense, no Instituto da Carballeira, onde compartimos arelas e soños no labor cotián.
Este libro de homenaxe é unha auténtica regalía: nesta evocación colaboran máis de oitenta autores, entre eles Xosé R. Barreiro, Ramón Villares, Justo Beramendi, Damián Villalaín, F. X. Fernández Naval, Salvador García Bodaño, Isaac Díaz Pardo, González Laxe, Ánxela Bugallo, Caetano Díaz e Emilio Pérez Touriño. Ademais o libro pode lerse como unha ampla escolma de grandes poetas, presentes aquí cos seus versos: Celso Emilio, Lorca, Goytisolo, Neruda, Juan Ramón Jiménez, Ferrín, Benedetti, Octavio Paz. Os poetas da nosa xeración.

19 abr 2007






Que facer co actual Bacharelato?
Andoliña 19 abril

(Na imaxe, Carreño Miranda, "A monstra espida", peza que estivo exposta hai uns meses en Compostela)

Coñezo a obra de Mercedes Cabrera como historiadora e nesa perspectiva respéctoa e admíroa: sei da súa valía intelectual. Pero con iso no casan as novas que chegan sobre a proposta de reforma do Bacharelato, que tería lugar dende o curso 2009-2010. Non discuto as súas posibles boas intencións, pero sospeito o drama das súas consecuencias: facer ese chamado curso ponte entre 1º e 2º de Bacharelato e permitir pasar de primeiro con case a metade de materias suspensas é un autén-tico disparate. E a sociedade (os profesores, os primeiros) vaino ler como máis deterioración do ensino e aparcamento dos alumnos/as á marxe dos niveis de aprendizaxe.
Dise que esa proposta de reforma vén motivada porque case un trinta por cento de mozos abandona a escola tralo ensino obrigatorio. Pero hai que buscar outras solucións. Eu creo que 2º de Bacharelato, coa presión da selectividade, é un curso hipersaturado de materias e coñecementos. A única alternativa lóxica sería ir a un Bacharelato de tres cursos, ben necesario, e repartir así con xeito contidos e materias troncais e optativas. Pero nunca a conta de rebaixar aínda máis a calidade do ensino: sería irresponsable e suicida para esta sociedade.l

18 abr 2007

As mulleres na cultura galega
Andoliña 18 abril

Con este título comezou a semana pasada un ciclo da Sección de Literatura do Liceo ourensán que pretende, como é obvio, subliñar a presenza feminina na nosa cultura, tantas veces ocultada ou invisible, como se di agora. Abriu o lume Encarna Otero falando da tan singular Sofía Casanova, personaxe extraordinario por todo o que sabemos dela (hai traballos na rede de Lois Leira e da mesma Encarna), pero tamén polo moito que albiscamos que queda por coñecer: habería que estudar a fondo todos os seus libros e os papeis que se gardan en Madrid. E menos sabemos aínda de Felicia Auber, xornalista do século XIX que Rosa Aneiros rescatou dos arquivos: colaborou acotío na prensa cubana e en Galicia. Revista universal deste reino. Tiña a necesaria ousadía intelectual, mesmo discutindo a obra dos filósofos clásicos, para deixar unha forte pegada na nosa historia cultural.Grazas a estas autoras e a especialistas como Carmen Blanco, Dolores Vilavedra, Carme Vidal e Aurora Marco, entre moitas outras, comezamos a desvelar a verdadeira achega feminina destas mulleres esquecidas: velaí o magnífico Álbum de Mulleres da web do Consello da Cultura Galega. Neste campo, sospeito, seguirá habendo sorpresas.l

17 abr 2007

Sempre o idioma
Só o Vicepresidente Anxo Quintana dixo algo novo. Para el a realidade do estudo é tal como a pintan, só que a culpa é do vello goberno. Eu creo sinceramente que fan menos e peor que os anteriores. O decreto do PP de ensino era de primeira, copiado de Cataluña, mentres que o novo está copiado de Baleares, unha comunidade de segunda. E até a campaña de Fernández Albor titulada Fálalle Galego era superior a esta que agora se puxo en marcha. No demais, antes era a nada e agora a nada é.

Resulta doado constatar que historicamente as relacións do estamento policial co idioma galego non teñen sido amables nin neutrais, o mesmo que acontece, aínda hoxe, coa Administración de Xustiza. Non é indiferente nin casual que estas Administracións optasen, xunto con outras institucións de exercicio do poder, polo uso case exclusivo do castelán nas súas relacións e actuacións oficiais. De aí a importancia de superar esta fronteira invisible que non permite a fluidez nin a naturalidade lingüística cando se trata da interacción cos estamentos do poder público e que actúa a modo de barreira psicolóxica facendo que o noso idioma non funcione espontaneamente no diálogo policía-sociedade. Malia todo existen aspectos positivos e exemplares pola súa constancia como é o caso da brigada da Policía Científica de Vigo, que dende hai varios anos leva emitindo en galego os seus informes dactiloscópicos que posteriormente son incorporados aos procedementos xudiciais.

(A imaxe é un "Retrato de muller" de Ghirlandaio: como non está este artistazo entre os grandes recoñecidos do Renacemento italiano?).

16 abr 2007


A mala máis mala da historia do cine
Debe facer cando menos uns 30 anos que non vía esta película. Só relembraba algunhas escenas soltas: Que foi de Baby Jane?, de Robert Aldrich (1963). Maxistral Bette Davis, pero non menor a miña tan admirada Joan Crawford. Revisiteina na tardiña do domingo e comprobei que non perdeu nada da súa forza expresiva. Pareceume unha historia tan actual como calquera das que saen todos os días nos xornais. Ó mellor é que me estou facendo vello e sinto certa empatía por unha persoa impedida como o personaxe de Blanche na película.

Literatura de viaxes
(Nas
imaxes Julio Camba e Claudio Magris)
Atendendo varias suxerencias do post sobre Turismo (que está a punto de caer de páxina, con máis de 50 entradas), abrimos aquí un novo para proseguir o rico e gorentoso debate que alí se estaba a dar. Propóñolles, ademais, abrir unha nova xanela no tema abordando a Literatura de Viaxes. Que pensan ó respecto? Que libros estiman máis neste xénero? Que pensan da Literatura de Viaxes en galego?
E tócame abrir lume, así que alí vou. Así de memoria, en castelán, estimo eu moito os clásicos como o Viaje a la alcarria de Cela; toda literatura viaxeira de Julio Camba (Aventuras de una peseta; La rana viajera, e os seus grandes retratos de ingleses, franceses, italianos, alemáns, suízos, portugueses, ianquis, xudeus, etc.) e as entregas nesta liña do mestre Josep Pla (Un viaje frustrado, Cartas de Italia...).
E habería que facerlle un oco ós viaxeiros románticos e liberais, de Jorgito Borrow a Hemingway, pasando por Richard Ford, Aubrey Fritz Gerald Bell, Charles de Davillier, Nina Epton, etc., que todos eles pasaron tamén por Galicia e dela escribiron.
Da literatura viaxeira nas letras galegas, creo que o máis destacable son algunhas obras de Otero Pedrayo (Pelerinaxes; Por os vieiros da saudade), que pouco viaxou, e as polémicas viaxes de Risco (Mitteleuropa) e esa marabilla que é o Diario 1921 de Castelao. Aínda poderiamos engadir nomes como Plácido Castro e algúns máis. Ou o magnífico volume Galicia (Ed. Destino) de don Álvaro Cunqueiro. Nas letras recentes hai clásicos novos como Xavier Alcalá, Alfredo Conde ou Víctor Freixanes que entran nas letras viaxeiras, cando enmarcan as súas novelas en paisaxes arredadas, dende Sudamérica á Italia do Renacemento. En Caderno de Viaxe, Xerais quíxolle dar un pulo ó xénero, que non foi moito máis alá: escribían daquela Xavier Alcalá, Vicente Araguas, Fdez. Naval, Ramiro Fonte, Margarita Ledo, Manuel María, Martínez Oca e Suso de Toro.
Das letras contemporáneas, entre os meus preferidos estarían o Danubio, de Claudio Magris, e La costa de los mosquitos, de Paul Theroux. En coleccións de Bibliotecas Viaxeiras, teño libros como Boomerang. Viaje al corazón de Australia, de Xavier Moret (que me encantou no seu día) e outros que teño lidos a medias ou por anacos, como John Steinbeck, Viajes con Charley. En busca de América; Olivier Rolin, Sete ciudades (Evocaciones literarias de Buenos Aires, Trieste, Lisboa, Alejandría, Leningrado, Praga y Valparaíso); ou Joe Kane, El descenso del amazonas. La primera travesía completa por el río más salvaje del mundo.

15 abr 2007

As Uvas hai un ano

Abrín esta bitácora hai pouco máis dun ano, reproducindo unha Andoliña do 10 de marzo de 2006 sobre os “Columbarios nas igrexas e nos estadios”. De que falamos naqueles primeiros días de marzo. Pois pode ter interese relembralo. Andabamos os do Liceo a recitar contos para os nenos do Hospital Infantil e nestas Uvas falábase destes temas: Do Lacisimo na escola. Da funcionalidade educativa dos relatos de Blanco Amor. Do comunicado de tregua de ETA. Da misoxinia na literatura. Do xornalismo literario e de Antón Villar Ponte. De Nani Moretti e de Xurxo Sierra Veloso. Da Bienal da Caricatura.
Do Honoris Causa de Franco. Do apoio popular de Franco.
De Xoaquín Lorenzo e Cuevillas. De Xosé Luís Parente.
Da conferencia de Santiago Carrillo en Ourense. Da demisión de Ánxeles Cuña.
De Francisco Ayala. De Beiras, “Galego Egrexio”.
Dos inicios da Autonomía Galega e de Francisco Vázquez falando en galego.
De “grazas” ou “graciñas”. Do epistolario de Carballo Calero. Dos refráns sobre a muller de M. Schipper. Pois xa pasou un ano, pero moitos destes temas seguen ben vivos aínda. Non cren?

Un mundo de avós.

Pan por Pan 15 abril. Imaxe: Avó e neto, de Ghirlandaio.


Segundo un informe da ONU, dentro de 35 anos España será o país máis envellecido de Europa, seguido de Italia. O número de maiores de 60 anos será daquela o 32 por cento da poboación mundial e por vez primeira na historia superará ó número de cativos. Daquela mudarán moitas cousas, é de supoñer. Será un cambio dramático e non sei se o mundo estará preparado para iso. Porque, haberá moitos outros retos dramáticos que atender: cambio climático, esgotamento de fontes de enerxía, persistencia do fanatismo terrorista e guerras polos recursos, etc. Que pasará, por exemplo, co cine? Haberá máis películas para os maiores, hoxe escasas (pero algunhas excelentes como No estanque dourado)? Entrarán en crise as americanadas de mozos aparvados? Vaise triplicar a poboación de maiores de 60 anos no mundo: se descenden os nenos, a quen lle van contar as súas batalliñas?


Primo Levi (Pan por Pan 13 abril)

Cumpríronse 20 anos da morte de Primo Levi, vítima do nazismo, testemuña indeleble do alegato contra o Holocausto. Na súa lembranza, estes seus versos:
Se isto é un home/ os que vivides seguros / nas vosas casas caldeadas/ os que vos topades, ao volver pola tarde,/ o xantar quente e os rostros amigos: / considerade se é un home/ quen traballa na lama/ quen non coñece a paz/ quen loita pola metade dun panciño/ quen morre por un si ou por un non. / Considerade se é unha muller/ quen non ten cabelos nin nome/ nin forzas para lembralo/ baleira a mirada e frío o colo/ como unha ra invernal. / Pensade que isto aconteceu: / Encoméndovos estas palabras. / Gravádeas nos vosos corazóns/ ó estar na casa, ó ir pola rúa,/ ó deitarvos, ao erguervos;/ repetídeas aos vosos fillos. / Ou que a vosa casa se derrube,/ a enfermidade vos imposibilite,/ os vosos descendentes vos volvan o rostro.