
4 sept 2007

Tiven que frear de golpe. Acababa de pasar Castro Dozón cando vin o home cunha elegancia natural e hierática parado no medio da estrada. Semellaba ter uns setenta anos. Gastaba pantalóns de pana, boina e camisa clara. Pousaba no ombreiro esquerdo un inmenso paraugas negro co que se protexía do sol. Na man dereita sostiña firme un pau cunha bandeira que se notaba feita con cariño. Destacaban nela, sobre o fondo branco, unhas grandes letras "Bio" que non nos indicaban a vocación ecolóxica do abandeirado -tampouco a negaban- senón que o home usara un cacho de saco de penso para facela.
Parei, ollei polo retrovisor e puxen precavido os catro intermitentes. Mirei entón o home que coa súa presenza enchía o centro da estrada e pensei se estaría el ben da cabeza. Sen mover unha bandeira que colgaba de lado como vira eu facer aos gastadores nas procesións do Corpus, sorriume convencido. Un toliño, estaba empezando a pensar, cando de repente desde a beira dereita cruzan case correndo seis preciosas vacas rubias. Tanguíaas unha señora tamén maior, cunha aguillada máis grande ca ela, e animábaas -abilloei, ei vaca bei- a seguir o seu camiño tradicional, arestora cortado por esa estrada na que eu conducía un coche de moita tecnoloxía saído das fábricas proletarias de Vigo, na mesma nación pero noutro tempo.
O home, satisfeito, cruzou unhas palabras que non escoitei coa muller, enrolou a bandeira no pau como tantas veces fixemos todos na mocidade en Compostela, botoulle man polo saco para que non se desenvolvese, olloume de novo, azaneou educado e agradecido a cabeza de arriba abaixo e seguiu o seu camiño.
Un, que vai tendo unha tépeda aversión polos símbolos, insignias, himnos e bandeiras, acababa de encontrar unha pura. Con pau da terra e zume de xente. Con sentido común. Non para significar grandes construcións humanas, desexos ou parvadas (hai bandeiras de países, cidades, equipos de fútbol, bebidas, aceites de coche, gasolinas ou tabacos...). Esta fora concibida para algo esencial, práctico, útil, cotián. Para chamar a atención e facilitar a convivencia entre o gando tranquilo e un pai apurado que vai buscar a filla a un campamento da Xunta na outra punta do país. Ademais era branca, puña "bio" e parei ante ela. Declárome, pois, cidadán da república representada por esta bandeira. A miña.
3 sept 2007



Enviadas por Malós Cabrera (graciñas), tres fotos do acto de Trasalba e peche da mostra de Virxilio. Na foto do grupo, de esquerda a dereita: Abbe Rábade, V. Freixanes, M. Vilanova, R. Villares, Chus Pato, Luís Cochón, Virxilio, Víctor Campio, María do Cebreiro, MV, Susana Reboredo e os músicos José C. Ferro e Max Gómez.
("Extramuros", El Correo Gallego, 21 agosto 07)
Despois do xantar, tomo o café na taberna da Isaura, na Pedriña, a 50 metros da miña casa de Guimarás - O Irixo. Sempre os mesmos siareiros, agora aumentados cos traballadores das obras do ferrocarril de alta velocidade. Reparo nun deles, portugués norteño, trasmontano de Sao Martinho de Anta, orgulloso veciño e admirador de Miguel Torga, aínda que nunca leu nada del. É un rapaz de vinte poucos anos que en nada se distingue dos outros operarios, todos galegos. O chocante está na fala; o portugués non apea, por nada do mundo, o seu español chapurreado. Non se trata dun caso raro, a grande maioría dos nosos veciños cando se lles fala en galego contestan no seu peculiar castelhano.
Non nos enganemos. As voces ibéricas, encabezadas polo Nóbel Saramago, que hoxe reivindican a unión ibérica, ignoran intencionadamente a Galicia. Desprézannos, agás excepcións, porque para eles, fascinados pola España progre e moderna, representamos os avós pobres, aldeáns, cheos de miseria, falantes dun portugués arcaico que eles nunca quixeron nin queren entender. O galego segue a ser o espectro do aguador-aguadeiro brután e analfabeto. O guay, o espantoso -marabilloso- é o Corte Inglés, as grandes superficies e o bacallau a bo prezo. Todo moi uniforme, todo moi español. Pautas de comportamento cultural tan arraizadas, resultan de difícil mudanza. Recentemente, 150 estudantes de Valladolid, Zamora, Salamanca, Coímbra e Lisboa, realizaron unha experiencia de integración. O programa dos ruteros ibéricos resultou ben, agás na lingua. Os españois falaron decote no seu, os portugueses adaptáronse en portuñol. Nada disto ten interese para os meus amigos reintegracionistas que levitan ao pisaren terra lusa. Pretenden que os tomen por falantes de portugués, mais, pobretes, sempre son descubertos por un cheirinho español. As sibilantes non perdoan.

Iniciamos o ano cultural coa entrega en Celanova, na Casa dos Poetas, do premio a Manuel Lourenzo. A laudatio correspondeu ó escritor Henrique Rabunhal (ben escrita e sentida, quizais un pouquiño longa) e o noso home do teatro respostou dando as grazas e explicando un pouco o que para el era o teatro, o compromiso, o idioma, e todo iso (con lembranzas de F.Pillado e de tantos amigos). Antes do acto na Casa dos Poetas, fíxose a tradicional ofrenda a Celso Emilio nas afóras do mosteiro, cabo do seu busto, acompañada polo grupo de gaiteiros do concello. Falou alí o crítico Ramón Nicolás, editor da poesía galega e do xornalismo de Celso Emilio, cunha axeitada visión do mundo de Celanova a través dos versos do poeta. Ó remate de todo, o xantar ben enxebre e estilo feira na Horta dos Poetas: botouse en falta a Méndez Ferrín, que está a rematar unha conferencia que ten que dar de inmediato na Sorbona francesa, convidado por Alain Badiou, e a outros amigos habituais como Damián Villalaín ou Baldomero Moreiras. Por alí andaban, ademais dos amigos de Celanova, xentes como Xabier Casares, Xoán Fonseca, Luís Menéndez, Luís González Tosar, Pedro Blanco Llano e a sua dona, Neira Vilas e Anisia, Acisclo Manzano, Santalices, a cantante María do Ceo, Santiago Lamas (creo que non quedou a xantar), Paulino Vázquez, María do Cebreiro, Xosé C. Sierra, Gonzalo Iglesias, etc. E algúns amigos de Manuel Lourenzo, claro. O xantar, coma sempre, cheo de anécdotas que agora non se poden resumir: Luis Menéndez falounos con detalle das epopeas dos galegos en América, sobre todo dos pescadores de Malpica no Perú e dos galegos que construíron o Canal de Panamá, sobre o que seica acaba de saír un interesante libro na Barrié.
Ás sete da tarde pechabamos a exposición de Virxilio na Casa Grande de Trasalba cun acto poético-musical. Estiveron, co pintor, Víctor Freixanes e Ramón Villares, en nome do Consello da Cultura Galega. Tocoume presentar o recital poético no que contamos con (excusado Ferrín, polo que antes dixen) Manuel Vilanova, Chus Pato, María do Cebreiro e Víctor Campio. Catro voces ben diferentes, catro alentos literarios que resoaron na Casa Grande, arredor dos cadros de Virxilio. Rematou o acto cun excelente concerto de jazz a cargo de Abbe Rábade Tío, con Abbe Rábade ó piano, José Carlos Ferro ó contrabaixo e Max Gómez á batería. Mesmo houbo un bis de propina. Malós Cabrera quedou en mandarnos algunha das fotos que sacou: se le isto, que non se esqueza do compromiso. Vimos por alí a algúns dos amigos xa citados en Celanova e outros como Afonso Monxardín, Lois Paradelo e Mercedes, a concelleira de cultura ourensá Isabel Pérez, o subdelegado Camilo, Luis Cochón (comisario con Lamas da mostra de Virxilio), Susana Reboreda (coordenadora dos actos), Augusto Valencia, etc. Algúns son contertulios desta casa e poden engadir o que queiran a esta crónica urxente e inmediata. (Os organizadores agasállaronos con esta peziña de Virxilio, dedicada a cada un de nós, que irá a unha parede da miña casa ó carón dun fermoso cadro de vendimadoras que o artista me regalou, tamén dedicado, hai anos).
2 sept 2007

A fráxil condición humana.
Andoliña martes 4 setembro
Nunhas cartas que mandou queimar á súa morte, decisión que non se levou a cabo, Teresa de Calcuta deitou reflexións relixiosas que evidencian as súas dúbidas de fe: xa en 1948 escribía a madre Teresa, premio Nobel da Paz: "Eu chamo, pero ninguén responde, ninguén a quen agarrarme, ninguén (...) Mesmo no máis fondo non hai nada, agás baleiro e escuridade (...) que esgazadura esta insospeitada dor, non teño fe". Hai corenta cartas deste ton que se recollen nun libro de próxima publicación. Por outra banda, Arthur Miller, un escritor que admiro por moitas razóns, ocultou durante anos que tiña un fillo con síndrome de Down: nin sequera o cita nas súas memorias e só se lembrou del á hora de facer o seu testamento. Son dúas novas recentes que nos desvelan as múltiples reviravoltas da condición humana.Dúas novas que, dalgún xeito, nos ofrecen unha visión máis humanizada dalgúns grandes personaxes do noso tempo. E que, ademais, nos permiten reconciliarnos coas fraquezas ás que todo ser humano ten que pagar o seu óbolo: se ata eles o fixeron, que nos semellan figuras case xigantescas, como non imos padecer nós tamén, humildes humanos do común, miserias semellantes ou outras peores?
1 sept 2007
Andoliña 1 setembro
Nas miñas terras ourensás, o ano cultural, tralas vacacións de agosto, empeza sempre en Celanova. Na vila de Curros e Celso Emilio mañá recibirá o premio Casa dos Poetas o escritor Manuel Lourenzo Pérez, autor de teatro, tradutor, versionador, director, actor, profesor e tamén ensaísta, poeta e narrador. A longa traxectoria na nosa cultura do autor de Ferreira de Valadouro enche de xustiza este premio: dende os anos 60 (a súa primeira obra, O moucho, publicouse en 1960) Manuel Lourenzo estivo na cabeza do teatro independente galego e formou na Xeración Abrente, xa nos 70, con nomes como Roberto Vidal Bolaño, Euloxio Ruibal ou Francisco Taxes. O gran público coñeceuno logo dende a TVG e o Melghacho de Mareas Vivas (na foto).
Autor dun cento de textos teatrais, a súa man está por tras de moitas das iniciativas dramáticas do país nos últimos anos: O Facho, Teatro Circo, Escola Dramatica Galega, Compañía Luís Seoane, Casahamlet, os Cadernos da Escola Dramática Galega e un longo etcétera. Con Francisco Pillado Maior fixo ademais un labor impagable de historiografía do noso teatro: O teatro galego, Antoloxía do teatro galego, Dicionário do teatro galego. Noraboa polo merecido galardón.
ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González8. De libris.
A Falsa
Ten o paseante certo lugar onde se acada perspectiva sen vértigo; tamén o enfaenado que non renuncia ao gozo visual. Da Porta Falsa á da Estación, e vice versa, contémplase a rentes do chan unha rea de cubos que é cohorte ou pelotón. No escuro ou se ventea rexo son duros lexionarios romanos, con ríxida atención dentro da súa armadura de láminas; sentinela relaxada no serán amable; cando o sol peta por agosto e os sentidos adelgazan, gardas-baralla de Alice in Wonderland. En tal mudanza parte da culpa hai que darlla ao ceo, xa lles contei que en Lugo manda moito.
Non é nin pode ser entrada grandiosa. Miren que co seu nome evoco sempre o Petapouco da Porta Falsa, imaxinario solista dun grupo chamado Píngalle o Moco e Cáelle a Baba que entre o 1965 e o 70 actuaba ocasionalmente na cociña-sala de certo fogar sanroquino. Por fóra estivo o Barrio do Paxaro, que aparece moito na documentación e Xosé Miranda identifica coma a vía Ruíz de Alda; xaora eu non llo discuto, aínda que directamente á porta dá a Rúa de Monforte, onde andan a tirar o derradeiro das vellas e populares edificacións. Popular foi o contorno e como tal traballador. Porén, a bibliofilia luguesa debeu pasar moito por ela, efecto de tres lugares xa soamente lembrados.
Era bonita a entrada pola Falsa. No cimo das escaleiriñas aínda hoxe resiste, á dereita, o antigo hospital de peregrinos e á esquerda encóntrase unha das subidas patentes ao adarve. Comezando os anos oitenta destruíuse o engado remanente na Praza de Ferrol, coa retirada de venerables paulonios para construír o aparcadoiro soterrado; algunha dama da vella sociedade local e outros cidadáns tentaran salvar as árbores e pódense imaxinar os comentarios en voz alta nunha sociedade onde opor botánica, bucólica ou arqueoloxía á construción non era actitude moi ben considerada. Quince anos para atrás aínda estaba o edificio de Barras Eléctricas a carón do cuartel de San Fernando, agora tamén obxecto de discutibles planos transformadores; e ao outro lado da sede eléctrica, a Libraría Celta.
Entre os estudantes, a Celta e a Balmes adoitaban ser establecementos de referencia para adquirir os libros de texto; a primeira, ademais, editaba. Se a entrada á libraría daba á rúa de San Marcos, na de Bolaño Ribadeneyra un escaparate amosaba algunha das publicacións; durante moito tempo, a portada azul de Barco sin luces (prologado por Dámaso Alonso) mostrou a especial relevancia outorgada a Luís Pimentel e o seu póstumo.
Non sei por que a familia Esteban resolvería publicar; como for, a determinación luguesa aparenta inequívoca. Pimentel; do pai Rodríguez López, varias reedicións das Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares; do fillo Rodríguez Pedreira, Cartas a una madre (Temas de Puericultura): extracto entre os naturais da cidade. Unha escolma de residentes e vinculados mostra o que a casa lles deu ás letras galegas durante corenta anos: Palabra no tempo; Espantallo amigo; cinco libros de Manuel María, entre eles Os soños na gaiola e Terra Cha. Os dous primeiros títulos que este servidor posuíu en lingua do país: Xuntos cara ó mañán, dun compañeiro que empezaba, Xesús Rábade Paredes; Os cen mellores poemas da lingua galega, do profesor que saben. O esteso mar da poesía nacional contemporánea asulagou mente, ollos e ser.
Alonso Montero e a Celta deixaron pegada en Lugo; na outra beira de San Marcos asenta o pazo homónimo e nel a Deputación. Case por fronte á libraría, na ala dereita da sede provincial estaba a Biblioteca Pública lucense, que a mediados dos sesenta, os sábados pola tarde, era practicamente invadida na parte dedicada ao público infantil e xuvenil; a ocupación de case todas as mesas e cadeiras constituía testemuña inapelable de que bastantes rapaces descubrían e gozaban cos libros. Certa colección, por exemplo, familiarizaba os lectores co hábitat e costumes da fauna salvaxe a través de narracións con protagonista ben identificado: Inkosi, el león; Miska, la foca; Thunda, el búfalo... Pero un auténtico fenómeno triunfaba por goleada en todo o recinto: Tintín.
Ignóroo todo canto á orixe da moda. A doada e gratificante proxección naquel rapaz valente que percorría mundo, conducía todo tipo de vehículos e nunca se aburría pode explicar ben o éxito, así como o atractivo do formato a cor, Milú (quen non quería ter un can?), a lealdade e choqueiradas do capitán Haddock, as choqueiradas e sabedoría de Tornasol e a choqueirada sen máis dos Fernández. Nunca Hergé me pareceu un fascista perigoso, en todo caso conservador amable: fronte ao mozo e ben disposto rei de Syldavia, os bordurios -aínda con uniforme semellante ao soviético- eran o pouco simpático expoñente dun autoritarismo con certo feitío prusiano. E o lector acadaba sentido xeográfico e histórico, vía o fondo do mar con peixes e pecios, lía nomes e estruturas lingüisticamente varias, chegaba á lúa. Tintín e Milú, para moitos, eran osíxeno, modernidade e apertura que tanto faltaban hai corenta anos; por iso se ve un tan estraño fronte a algún comentario e proposta de arestora.
Posiblemente alleas ao cómic, unhas monxas Salesas vivían tralo muro do seu convento na Ronda. As profesas recolectas adoitan realizar algunha manufactura a miúdo gastronómica, pero na disque severa Lugo non se emulaban as pastas de Belvís, galletas de Trasmañó, pastelón de Ribadeo ou confituras do Rosal. Aquí encadernábase, con notorio mimo e notable eficacia, tapa dura, folla de respecto veteada, lombo imitando pel e letras douradas. Dous volumes de lingüística histórica -un maiormente de fonética galega (Amable Veiga), outro de sintaxe portuguesa (Epifânio da Silva)- dan fe de tal destreza nos meus andeis. Diversa estancia luguesa ha gardar máis testemuños, posiblemente algún como presenza inadvertida por herdeiros que nunca souberon do labor claustral.
Onde estivo a Celta hoxe hai un banco. Hai tempo que a Biblioteca foi para Ramón Ferreiro. As Salesas trasladáronse onda o río, e o edificio administrativo da Xunta suplantou o vello convento. Arestora, coma case toda cousa, o libro abunda máis ca hai catro décadas. Por finais de xuño encontra un textos deixados coa varredura, e que o colector non sexa o azul acredita dous fracasos. Cando o volume está limpo e en bo estado, collín costume de recollelo para mandalo a América Latina. É lenitivo.
31 ago 2007
(Atendendo as peticións recibidas reproducimos aquí este artigo de ARUME, collido en préstamo dende o seu blog)
Para meu amigo a. p.-c., agora Apicultor
Case vinte impresións en apenas dous meses. Número un de ventas en Italia en libros de ficción e non ficción. E iso con andeis cheos de novelas premiadísimas e de libros que resaltan, con énfase sensacionalista, a crise política do país italián (outro día falarei das librerías). O libro en cuestión, traducido como A casta: así chegaron a ser intocables os políticos italiáns, é un repertorio abraiante de cómo os políticos italiáns constitúen un grupo apartado dos cidadáns, empeñados en gastar, de modo absolutamente indecente, os cartos públicos. Os autores, Sergio Rizzo e Gian Antonio Stella son xornalistas do Corriere della sera, expertos en información económica e editorialista o segundo do propio xornal. Apoiados en datos sacados non moi doadamente das contas italiáns, repasan un por un os distintos niveis da administración italiana, desde a Presidencia da República ata os alcaldes pasando por Presidente de Goberno, Ministros, Parlamentarios, Senadores, financiamento de partidos, gobernadores das rexións, parlamentarios rexionais e toda a corte de funcionarios, asesores, amigos e demáis persoal adscrito á calquera desas instancias. Todos, pois, con soldos e con indennità (o que aquí chamamos consolidación ou paga a perpetuidade por ocupar tales postos).
O resultado da investigación, tal é o nome que lle adxudican ao libro, é demoledor. Resulta, sen embargo, imposible facer un resumo de todo o libro porque se presenta como un catálogo dos escándalos máis eminentes. Unha pequena introducción no primeiro capítulo de escasa entidade teórica pero sólida presentación coloca a todos os grupos políticos, sen excepción aínda que con matices, nunha especie de limbo social que eles chaman sen dubidar casta. Termo que agora mesmo en Italia aparece por todos os lados como resultado e consecuencia do éxito indudable do libro. Os autores teñen o cuidado ademáis de evitar calquera tentación demagóxica co emprego dunha ironía por momentos vitriólica, que resulta nalgúns casos insuficiente diante da magnitude da denuncia. O libro está cheo de anécdotas insólitas que permiten, de forma exemplar, adquirir unha idea cabal das dimensións das barbaridades políticas do país. Ao final un apéndice, que fotografiarei para ensinárvolo, resulta moi ilustrativo.
A conclusión do libro é inquedante: a pregunta que formula calquera lector é sempre a mesma: cómo pode sobrevivir un país a este roubo manifesto á cara, sen vergonza nin disimulos, de todo o mundo? Eu, desde logo, non teño respostas. O único que teño é unha escolma de textos que puiden traducir para dar conta do fenómeno. Vaia aquí os primeiros exemplos. Para tomar nota, Gaiás e sobresoldos:
1. Vós de Estado.
Tomade cinco Boeing 737 coma eses da Ryanair de 150 pasaxeiros e facedeos voar de Roma a Londres ida e volta. Todos os días, Nadal e Fin de ano incluidos. Ou alugade oito jet privados de envergadura coma os Gulfstream V de 18 pasaxeiros na ruta Roma-Madrid e volta. Todos os días, Nadal e Fin de ano incluidos. Ou collede en aluguer trece aerotaxis de nove pasaxeiros e mandádeos de Roma a París e volta. Todos os días, Nadal e Fin de ano incluidos. E facede en suma todas as hipoteses que queirades pero as contas non teñen volta: como carallo fixo Palazzo Chigi, no último ano da era berlusconiana, para gastar 179.452 euros ao día en vós de estado? Como fixo para acumular 37 horas de vó ao día? Por curiosidade, quen viaxaba naqueles avións de Estado? Secreto. Confirmado, mesmo despois da entrada de Prodi: secreto.
2. Viaxes varios.
O máximo foi o da Rexión Sicilia que, tendo que preparar un campeonato mundial de ciclismo, organizou un viaxe a Oslo para ver coma o montaban os noregueses. Foron 120, incluidos os músicos dunha orquestina folk, as mulleres (foi espectacular a explicación do asesor Sebastiano Spoto Puleo: “que íamos facer? Despois ían dicir que erabamos os únicos homes de Sicilia que deixabamos en casa as mulleres” (no orixinal en siciliano: “fimmini”), 30 xornalistas e 4 cociñeiros. Os cales viñan precedidos por un trailer de despensa con todos os ben de deus: pomodorini secchi alla bottarga (tomates secos con mojama), berenxenas ao fiuncho silvestre, e viño de Donnafugata.Outra vez, tendo que preparar unha universiada, decidiron ir ver como organizaban os xaponeses en Fukuoka. E montaron unha viaxe que, se non fora bloqueado pola apertura dunha investigación, prevía unha excursión ao país do sol nacente de 231 persoas: deputados, funcionarios, amigos. Máis o necesario para darlles aos hóspedes xaponeses un simpático espectaculiño durante a cerimonia de apertura: 30 abandeirados de Siena, 30 trapecistas da Emila Romagna, 30 gondolieros veneciáns, dez cantantes románs e 30 Pulcinella napolitáns. Todos con reserva en el Hyatt Residence: 500.000 liras (uns 300 euros) ao día. Caro? "Non, non", explicou o asesor de turismo Luciano Ordile: “Dinme que o café costa 10000 liras!”. E preguntáronlle: Non bastaba, por exemplo, levar só os traxes de Pulcinella e usar figurantes xaponeses? Resposta: “Non entendo todas estas polémicas. Non estamos organizado unha festa de aldea.”
Continuará.

O meu amigo Xavier Castro, historiador da cotidianidade, escribe libros, profire palestras e concede entrevistas para explicarlles aos contemporáneos que hai catro días (por aí catro décadas) que a maioría dos galegos carecían de auga corrente e de sanitarios nas casas. Dá detalles sobre o vestiario que apenas se mudaba e sobre a dieta dunha época na que caro custaba gañar a vida. Sospeito que o público, entrampado nas actualidades, cre que fala dun mundo desaparecido onde el vai, sen decatarse de que así vivimos varios que andamos nas cincuenta primaveras.
A estrañeza circula tamén en sentido inverso. Calquera que, ao saír dunha febre tifoide alá polo 1963, saborease unha cabeza de xurelo como se fose delicadeza de nouvelle cuisine hase admirar de que os mozos de hoxe sexan capaces de avaliar os cartos que levamos no lombo (en roupa e complementos) á primeira vista. En presenza do principal trazo do noso tempo -o imperio dos signos externos de riqueza-, sentirase estranxeiro. Os vellos sentenciosos dicían: "A metade da moza está no comercio". Tanto en homes como en mulleres, ese cálculo quédase hogano moi curto, porque xa non somos máis que o que vestimos ou compramos.
1 ago 2007
Como todos os anos, este blog pecha en agosto. É o meu mes de lecer e adoito aproveitalo só para iso: para o repouso. Neste mes non escribo nos xornais e tampouco no blog. Agardo reencontralos/las a todos/as en setembro.
O 1 de setembro o blog reabrirá as súas páxinas (ou quizais xa nos últimos días de agosto, se estou en Auria e con humor para iso). Que o pasen ben todos vostedes.
31 jul 2007





Andoliña 31 xullo
E chega a hora do lecer e as Andoliñas van repousar un mes. E morre Ingmar Bergman, sentímolo ben, velaí vai un bo anaco da nosa mocidade: por sorte está a saír en DVD case toda a súa filmografía e revisamos cintas míticas como Amorodos salvaxes, Un verán con Mónica, Segredos dun matrimonio ou Fanny e Alexander. Confésolles que aínda non me atrevín de novo con Berros e murmurios: tal foi o impacto que me causou na súa estrea. Que o pasen ben, ata setembro.

O país perde poboación e ignoramos as medidas, os plans, as ideas para a recuperación. A Cidade da Cultura é un enigma grandioso, resulta un misterio saber onde se situará o prometido por Zapatero, onde se incrustará Latinoamérica, onde as ideas das forzas da cultura, as das cándidas e ilusas reunións deste outono.
Nada sabemos do Plan integral para Ferrol, ao que se lle dá unha man dialéctica cando visita Santiago algún alto cargo do goberno central.
Hai outras débedas e máis responsabilidades ante os cidadáns, tanto do goberno como da oposición, tan gris, desorientada e sucursalista esta última. A fracaso máis grave deica agora é o da reforma estatutaria, un espectáculo de quinta división. E a agonía do idioma galego, da que ninguén quere falar. A rexión europea e o lume deixámolo para cando pare de chover.

A foto que faltaba... Hai uns meses falouse abondo nesta casa da histórica xornada do 12 de outubro de 1936 en Salamanca, cando Unamuno pronuncia o seu famoso discurso ante o xeneral fascista Millán Astray. Hoxe, en homenaxe a aquel gran aceno, un dos meirandes da historia político-cultural española, recupero esta foto: Unamuno e o bispo Pla i Daniel sáíndo daquel acto entre berros e mans en alto de saúdo fascista e ollos de odio e ira. (A calidade da foto non é boa, excusas: publicouna El País na súa escolma fotográfica sobre a guerra civil)
30 jul 2007

La Región 30 xullo
Simbolismo. A perla na orella da moza era, segundo Norbert Schneider, un símbolo da castidade. Foi un motivo moi presente na pintura do Renacemento e no Barroco: o propio Vermeer insistiu nel, pois o citado autor recolle este elemento ata en en doce retratos femininos da man do artista (“Vermeer. Sentimientos furtivos”, Taschen). Para demostralo o crítico acode ó místico Francisco de Sales que escribiu no século XVII que era un costume habitual nas mulleres pendurarse perlas das orellas polo pracer causado cando aquelas tocaban a pel ao moverse. Pero, na súa “Introducción á vida devota” (1608, oito anos despois publicado en Holanda), engade Francisco de Sales: “Dado que eu sei que Isaac, gran amigo de Deus, enviou pendentes á pura Rebeca como sinal do seu amor, penso que esta xoia significa en sentido espiritual que a orella é a primeira parte que un home quere ter da súa muller e que a muller debe conservar máis fielmente, de tal xeito que non debe traspasala ningún discurso ou tono que non sexa o doce son das palabras castas, que son as perlas orientais do Evanxeo”.

O pasado xoves presentouse no Liceo ourensán A autopsia da novela, título que leva a primeira novela do autor de Vilardevós, xornalista e escritor, Xoán Tallón (autor tamén hai anos dunha interesante biografía do xornalista republicano e mártir Jacinto Santiago).
El Correo Gallego ofrece hoxe unha entrevista co autor e tamén unha moi breve referencia do que eu dixen no acto do Liceo da semana pasada.

León e Olvido, de Xavier Bermúdez
Se alguén aínda non a viu, que non perda hoxe a oportunidade: na TVE-2, ás 22 h., ou que aproveite para gravala. Paga a pena, non se arrepentirá.
Velaí o seu argumento, premios e moitos méritos.
(Sen dúbida, teño que estar agradecido ó escritor Alfredo Conde polo entusiasmo que amosa xa en varios dos seus artigos a favor deste blog. Entusiasmo compartido por todos/as, pois, como el mesmo di, esta é unha aventura intelectual compartida, casa común de moitos amigos/as)
Os tempos de Erasmo foron xerminais. A entón a penas recén estreada imprenta, permiteu que os coñecementos circolaran con unha velocidade que daquela semellaría vertixinosa. Xa non era preciso o monacal traballo dos copistas e dun libro podíanse tirar centos e centos de exemplares que os intelectuais europeos se intercambiaban cunha frecuencia outrora nin soñada. O saber espallóuse moito máis e moito máis rapidamente do que ata ese momento o fixera. E notóuse.
Vendo o que sucede coas uvas na solaina -xa me entenden, os que me siguen, e, os que non me entenden, saiban que falo dun blog moi nutritivo- non podo menos que evocar os tempos de Erasmo. Hai uns días os máis asiduos e pertrechados lectores do blog participantes nas terturlias, debates ou polémicas que nel se producen a cotío, empezaron a largar, cousa fina.
Largaban coñecementos, largaban opinións, loubanzas e críticas a esgalla, intercambiandoo todo entre eles a traves dun fair play intelectual que embelesaba. Permitíao a internet. Eran os tempos de Erasmo redivivos. Chegado un momento empezaron a intercambiar bibliografía, datos, referencias de todo tipo e, os ocultos lectores do seu faladoiro, poidemos disfrutar o que non estaba escrito: é dicir, non só o que non esperabamos, se non tamén o que intuiamos detrás da ausencia de mezquindade intelectual de todos eles; é dicir, unha xenerosidade que non implicaba pedantería ningunha e si moito afán de comunicar e de saber, de inquirir e resolver. E todo Made in Galicia. Os que siguen ese blog de certo que han saber ó que me refiro. Cultura actual, cultural universal e universalizada, os grandes temas da contemporaneidade, expresados en Galicia e en galego con idéntica desenvoltura intelectual que a que un pode atopar por aí adiante, neses países que disque van diante e tantas veces non é mintira.
E, mentres, a cultura oficial, qué? Pois facendo bo o aserto de que o millor ministerio de Cultura é o que non existe. Moito máis valido, o aserto, nun país coma o noso que debeu de estar maiormente habitado por campesiños e mariñeiros a selo por unha clase funcionarial que lle imprimeu o carácter que substituíu xa a aquel outro, enraizado na lingua e na cultura na mesma medida na que este, funcionarial e espeso, se esta a desenraizar delas. Aquela lingua servía pra algo, este castrapo noso de hoxe pode empezar a servir se o camiño de xente como esta da que estamos a falar é seguido pola máis da tribo, coa mesma fineza de espírito


