en poleiro alleo
BAÑESES, de Bieito Iglesias
(ECG. 11 outubro)
Na miña infancia teleadicta a pantalla era un fanal que nos alumeaba cunha luz exótica. As series ou telefilmes americanos (actores e decorados de USA e dobraxe chicana) transportábannos á xungla de asfalto dos gangsters (Os intocables), ao mapa de Nevada que ardía ao empezar Bonanza ou a ambientes diplomáticos enrarecidos polos espías da Guerra Fría. Agora, co suceso da tele-realidade e das comedias de situación, a grella oriéntase ao autoexotismo: tenta explicarnos qué pasa na comisaría da esquina e convencernos de que son riquiños os médicos de emerxencias. Ata as series dos EEUU se volven próximas, sigan se non Caso aberto, que recupera un tema tradicional galego: as señas ou espectros dos mortos que se aparecen aos vivos no remate de cada capítulo.
Na última entrega de Hospital central chegaron a penetrar na miña intimidade. Parte da historia transcorreu en escenarios aurienses, nas escadas de Santa María Madre e na Burga da Chavasqueira. Neste ámbito presentemente dedicado aos baños budistas (hai un pavillón de madeira de traza xaponesa), moraban nos anos sesenta os xitanos que viñan pasar o verán ao pé do Miño. Os veciños aproveitaban o que bombasticamente se coñece hoxe como termas para escaldar e facilitar o desplume das galiñas. No agosto baixaban os bañeses dos Chaos de Amoeiro, labregos que esperaban aliviar a reuma mollando os membros nas charcas quentes. Estes bañistas non se bañaban, apenas mergullaban as partes doloridas, porque existía daquela a convicción de que a auga desgastaba o corpo e quitaba o arxil. Por se non abondase tal intromisión no meu paraíso perdido, no coiñal miñoto en que brinquei e naqueles canedos que proporcionaban o material para confeccionar asubiotes, en Hospital Central actuou Miriam Blanco, parenta coa que partillo ancestros comúns en Vilamarín. (É esa actriz pencosa que leva pintados nas meixelas varios arquipélagos polinesios). Espero que ao roteirista que escribe a serie non se lle ocorra matala en sucesivos capítulos, porque causa graza ver unha prima onde antes mangoneaba O Santo ou O Virxiniano.

.jpg)

(Imaxe tomada de 

.jpg)