13 oct 2007


ENTRE HORTAS E PORTAS (14)
Lixeiriño (Xosé M. González)
(Foto: www.lugotur.com/rutas/fotos/marques.jpg)

“Agora con estes cacharros Lugo ten pinta de gran ciudá”. Mediando os anos sesenta estableceuse a primeira liña de autobuses urbanos, e segundo Javier conferíanlle á aldea grande (constatación local de habitual minusvalor) dinamismo como o experimentado os domingos no cinema; porque vivilo, ao mellor na Coruña ou rara visita a Madrid que fornecía conversa previa para quince días, e a posteriori situaba ao viaxeiro na primeira liña de preguntas, interese ou certo prestixio igual por outros quince.

Aquí, sobre todo, a xente andaba. “En Lugo chégase a pé a calquera sitio” significa arestora circunstancia afortunada, ou en realidade leva consigo nostálxico aceno de expresión obsoleta; pero daquela connotaba por veces o aldeanismo sentido como atraso. “Iso é máis vello ca andar a pé”, sentencia o topos. “O de andar parece unha cousa tan antiga...”, ironizaba certo amable mindoniense que me recollera en autostop hai trinta anos. O automóbil fascinaba, tamén en parte o ascensor -grande, elegante, de madeira- que poucas e vellas casas do centro adoitaban incluír no seu equipamento.

Aínda moita xente madura presentaba o perfil delgado e fibroso doutrora, o que se advirte en fotos vellas; haberá quen llo apoña a unha alimentación tirando a minguada, pero dubido que fose razón exclusiva: parte da culpa tíñaa o andar. Os rurais camiñaban deica a leira, facían a cava ou semente e retornaban como viñeran; non todos os urbanos tiñan obradoiro onda o dormitorio. E tal costume persistía superado o tránsito laboralmente máis activo: xa contei de miña avoa paterna. A tía Vicenta, concretamente, adoitaba subir ao camposanto das Arieiras, visitaba os defuntiños e volvía. De San Roque un descende ao río, cruza a ponte e agabea -quen coñeza ese treito igual non encontra inapropiado o verbo- pola vella estrada de Santiago ata a derradeira morada. Sobe, baixa, rezo, baixa, sobe; igual non falta moito para dez quilómetros, se non soborda, e a avoa daquela xa non facía noventa anos.

Nos seus relatos lugueses, un Fole autodiexético pasea abondo. Pode perfectamente, en abril e acabando o café da tarde, dar unha volta á Muralla, endereitar cara Ombreiro, cear alí e volver á cidade por Meilán; tamén come, madia leva (desa feita, troitas, tortilla de patacas, queixo, cuns xarrotes), e conversa. Aínda se imita a nosoutros -con máis vagar el, así e todo- cando no verán e día festivo iamos e volviamos do río; baixando mantenza na ida, volvendo coa bolsa baleira. Moito me incomodaba a min, demandante de autobús, que miña nai aducise a conveniencia de estirar as pernas “e a garganta”. Porque a costa desde a Tolda, polas Pedreiras e o Polvorín, vía no solpor de agosto rea de grupos, en abano horizontal, afirmando plenitude con motivos canoros do país, da cidade, do barrio.

“Por dicir viva San Roque,
prenderon o meu irmau.
E agora que o soltaron,
Viva San Roque e o can”.

A perda de camiñar non foi privativa de lugueses; nin o son problemas metabólicos e acumulación adiposa. Aínda que a locomoción veloz ameace con volver anécdota o homo viator, peso e brandura chaman o ser humano cara ao vello camiño. E cando encontra polo Rato, estrada de Ombreiro ou Duquesa de Lugo -rutas vixentes do colesterol- corentóns ou cincuentóns de cara arrubiada, con carga de roupa e paso forzado, un cavila que igual era preferible, hai anos, persistir no deporte. Ou lembra o Paco Martín, resolto defensor da actividade disque natural, andar, xa que el non é propenso a máis vigoroso movemento: canto a exercicio ambulatorio, conste, e non doméstico. Libre me vexa de inducir furor magistri por sospeita de falsa imputación que declaro formalmente refugada.

12 oct 2007


Doris Lessing, Nobel de Literatura. A nova en Galicia Hoxe.
Felicitada de inmediato por Gabriel García Márquez (El País)

Da privacidade
Pan por Pan venres 12 outubro. Imaxe de Genovés.
Non sei que dirán os xuristas sobre o dereito á privacidade, pero tal cousa se está a poñer moi difícil no mundo no que vivimos. Por iso resulta interesante a decisión de Google de retirar de You Tube un vídeo que reproducía unhas imaxes nas que un grupo de mozos se burlaba dun enfermo mental. As protestas do pai, a denuncia pertinente e o eco dos medios de comunicación posibilitaron esa decisión e paga a pena aplaudila. Hoxe calquera pode colgar un vídeo en You Tube, onde xa hai millóns deles, moitos abondo disparatados. E non só iso: calquera pode caer nas redes dun desaprehensivo e verse colgado no sistema, en contra da súa vontade (falo por experiencia). Vivimos unha sociedade tan mediática como exhibicionista e ese cóctel resulta explosivo axitado por persoas irresponsables: velaí os casos de agresións provocadas a escolares para despois colgalas en Internet.

11 oct 2007

en poleiro alleo

no xornal Galicia Hoxe (11 outubro), Suso de Toro, na Revista das Letras, converte un infarto en literatura
e interesante entrevista co politólogo José M. Rivera:

Diso pódese tirar que Galicia é unha nación?
Galicia é culturalmente unha nación. Pero hai que deixar claro que ser unha nación no século XXI é moi diferente ao que eran as nacións no XIX. Non é nación porque teña un sistema político propio, senón porque ten elementos de lingua, de cultura, de identidade, de vontade de construción de país que a posibilitan para selo, pero non no sentido nacionalista.

¿De nación igual a estado?
Claro. Non no sentido de que nación significa algo que vaia máis aló da construción do país pola súa cidadanía. Nación no aspecto construtivista da identidade, que non anula que España sexa tamén unha nación, e un poida sentirse que é, ao mesmo tempo, membro da nación española e da nación galega.
Nación no sentido das identidades compartidas e non exclusivas.
(...) (...)
Galicia superou a mentalidade de sociedade dependente e subvencionada?
Este é o gran reto do país, e estámolo superando. En 2006 creáronse 35.000 postos de traballo e este ano o dobre. Cada creación dun posto de traballo é unha expresión de confianza do país en si mesmo. O depósito de confianza da xente no futuro de Galicia é maior hoxe que o que houbo en toda a súa historia. Temos que facer un esforzo para que os nosos mellores recursos humanos non emigren. Crear un espazo competitivo para os sectores económicos máis potentes. Ir a un sistema produtivo de maior calidade, que dea máis valor ó coñecemento e innovación, que permita que estas xeracións moi formadas teñan o seu sitio en Galicia. O gran salto que vexo é o interese das institucións para que o país sexa o motor do propio país.

¿A sociedade galega é máis progresista que conservadora?
Non teño ningunha dúbida: Galicia é máis progresista que conservadora. Os emprendedores e os mozos son máis progresistas que conservadores.
¿Que transcendencia teñen na rúa os conflitos que xorden entre os socios do Goberno?
Teñen unha transcendencia menor. En todos os gobernos sempre hai un grao de conflito interno. O Goberno do PPdeG era monocolor, e o seu nivel de crise foi alto e chamativo.
Iniciativas.
Encontro de Periodistas FAPE e FEGAPE.

Dende esta noite e ata o domingo andarán por terras ourensás un amplo colectivo de xornalistas galegos e españois, nun encontro organizado pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España e a Federación Galega de Asociacións de Periodistas.
Os actos están concentrados en Ourense, Celanova (venres 12), Allariz (sábado 13) e Ribadavia (domingo 14), con intervencións de Fernando González Urbaneja (presidente FAPE) e outros xornalistas (entre os promotores galegos está o amigo Luís Menéndez Villalva, que nos convidou a participar). Haberá tempo para unha visita guiada ó barrio xudeu de Ribadavia e para dúas breves charlas sobre "Curros xornalista" (que impartirá Marcos Valcárcel, Celanova, Casa de Curros, venres 13, 13,30 h.) e "Vicente Risco xornalista" (Fundación Risco, día 13). (Adxuntamos programa completo en Comentarios)
Conto oriental

Á nosa comunidade zen só chegan náufragos. As súas historias, por recorrentes, non deixan de suscitar interese: abandonos, adicións, ruínas económicas, depresións, enfermidades crónicas, mortes de seres queridos… A desgracia e a beleza son tan comúns como efémeras, igual que o brillo dunha perla. O propósito daquel home era firme: desexaba non desexar. Tal e como lle sinalamos, sentouse sobre o coxín na posición do loto, e soportou con admirable enteireza nun principiante as longas sesións meditativas fronte á parede, os cantos e o xaxún. Era o primeiro en ofrecerse voluntario para fregar o chan ou reparar o tellado do templo. Afeitou a cabeza. Pagaba puntualmente a cota da asociación. Ó pouco tempo, a luz ilumináballe o cranio como se unha lámpada se acendese no seu interior. Diríase que camiñaba sobre unha claraboia de vidro; a un paso de acadar a comprensión, a un paso do abismo. Sóubeno porque xamais dubidou e na súa faciana había claridade. Un día, marchou. Non houbo reproches: ninguén o buscou nin lle preguntou por el. Non deixou pegadas, nin débedas. Pero estou tranquilo: cedo chegará outro malpocado.
(Cuentos del Jíbaro, de Juan Gracia Armendáriz)

en poleiro alleo

BAÑESES, de Bieito Iglesias
(ECG. 11 outubro)

Na miña infancia teleadicta a pantalla era un fanal que nos alumeaba cunha luz exótica. As series ou telefilmes americanos (actores e decorados de USA e dobraxe chicana) transportábannos á xungla de asfalto dos gangsters (Os intocables), ao mapa de Nevada que ardía ao empezar Bonanza ou a ambientes diplomáticos enrarecidos polos espías da Guerra Fría. Agora, co suceso da tele-realidade e das comedias de situación, a grella oriéntase ao autoexotismo: tenta explicarnos qué pasa na comisaría da esquina e convencernos de que son riquiños os médicos de emerxencias. Ata as series dos EEUU se volven próximas, sigan se non Caso aberto, que recupera un tema tradicional galego: as señas ou espectros dos mortos que se aparecen aos vivos no remate de cada capítulo.
Na última entrega de Hospital central chegaron a penetrar na miña intimidade. Parte da historia transcorreu en escenarios aurienses, nas escadas de Santa María Madre e na Burga da Chavasqueira. Neste ámbito presentemente dedicado aos baños budistas (hai un pavillón de madeira de traza xaponesa), moraban nos anos sesenta os xitanos que viñan pasar o verán ao pé do Miño. Os veciños aproveitaban o que bombasticamente se coñece hoxe como termas para escaldar e facilitar o desplume das galiñas. No agosto baixaban os bañeses dos Chaos de Amoeiro, labregos que esperaban aliviar a reuma mollando os membros nas charcas quentes. Estes bañistas non se bañaban, apenas mergullaban as partes doloridas, porque existía daquela a convicción de que a auga desgastaba o corpo e quitaba o arxil. Por se non abondase tal intromisión no meu paraíso perdido, no coiñal miñoto en que brinquei e naqueles canedos que proporcionaban o material para confeccionar asubiotes, en Hospital Central actuou Miriam Blanco, parenta coa que partillo ancestros comúns en Vilamarín. (É esa actriz pencosa que leva pintados nas meixelas varios arquipélagos polinesios). Espero que ao roteirista que escribe a serie non se lle ocorra matala en sucesivos capítulos, porque causa graza ver unha prima onde antes mangoneaba O Santo ou O Virxiniano.

Drama e traxedia.

Pan por Pan xoves 11 outubro


Falamos onte dos bechos que nos rodean e quedamos en que hoxe lles falaría da leoparda e o babuino. Non, non se trata dunha fábula nin dunha lenda oriental (hainas preciosas). Trátase de que tecleen en San Google as palabras “leoparda” e “babuino”: o primeiro que encontrarán é un vídeo de National Geographic que ben pode cualificarse de impresionante. Non lles conto de que trata: mellor que o descubran vostedes mesmos. Só dicirlles que ten os ingredientes todos do drama e a traxedia clásica: violencia, sangue, medo, amor, supervivencia, tenrura, etc. E logo virán as preguntas. Como estas: Podemos afirmar con seriedade que os animais carecen de sentimentos? E logo non soñan coma nós? Podemos manter imperturbable a nosa visión androcéntrica que nos sitúa no centro do universo, á marxe dos animais e do resto dos seres vivos que nos acompañan nesta viaxe?

10 oct 2007


cousas do oficio

Unha circular da Xunta concreta un tema que ata agora non sempre se trataba coa seriedade precisa: o das exencións do galego na escola. En comentarios inclúo a comunicación oficial ó respecto que restrinxe situacións ata agora pouco lóxicas: dende agora os alumnos que se integren nun curso inferior a 4º de ESO non poderán ter exención, dado que proseguirán os seus estudos en Galicia e precisarán coñecer o galego como lingua vehicular (antes moitos alumnos chegados de fóra mantiñan esa exención bastantes anos).
Por outra parte, infórmanme que, despois de todo o barullo montado o ano pasado coas programacións de Lingua Española, para este ano modificouse o dito entón e os profesores desta materia (só desta materia) poderán facer, se queren, a súa programación en castelán. Como xa dixen no seu día, paréceme lóxico se se considera como documento pedagóxico ese material e, de paso, evitamos un conflicto ridículo e innecesario (non é aí, creo eu, onde se debe xogar a fondo a favor da normalización do galego no ensino).

Os bechos que nos rodean.
Pan por Pan 10 outubro. Na imaxe unha das arañas xigantescas de L.Bourgeois, diante do Guggenheim de Bilbao (por certo hoxe falan en EP desta provocadora escultora)

Son dos que seguen os documentais sobre natureza na televisión. Véxoos sempre que podo: polo xeral resúltanme relaxantes e aprendo moito. Non sobre os animais, que tamén, senón sobre os seres humanos. Porque calquera conduta humana imaxinada ten o seu paralelo nalgunha das especies naturais que enchen o planeta. Esoutro día soubemos dunhas formigas capaces de vivir nun formigueiro inundado cada poucas horas polas mareas: quen lles dera ós mellores técnicos en emerxencias atender o desastre dunha inundación coa planificación que amosaban estes simpáticos bichiños. E tamén vimos unhas perversas arañas que, tras copular co macho, o enredaban nos seus fíos para devoralo logo: os humanos tamén temos Guantánamo e Abu Grahib, crueldades moito menos instintivas, creo eu. E mañá fálolles da leoparda e o babuino.
(P.S. 1: aproveito para felicitar, no seu cumpreanos, ós amigos Henrique Alvarellos, Manuel Outeiriño e Xaquín Marín. E, xa postos e sen que sirva de precedente, tamén para Fidel Fernán Vello, a quen non trato pero é irmán de Miguel Anxo, e tamén para José Luís Baltar, que seguro ben coñecen vostedes. Todos eles están de cumpreanos e eu estou xeneroso hoxe).
(P.S.2: O CULTURAS de La Vanguardia trae hoxe unha ampla crítica do libro de Vasily Grosman, dunha xornalista checa residente en Cataluña. Coméntoo porque sei que hai lectores que leron o libro recentemente. Creo que o artigo non está accesible on-line).

9 oct 2007

en poleiro alleo: incendios, democracia e zapatillas

As zapatillas decisorias (Monxardín en Galicia Hoxe 9 X)

Con chuvia non hai incendios (X.M. Sarille en El Correo Gallego 9-X)

Mester de amor.
Pan por pan martes 9 outubro. Imaxe W. Bouguereau.

Cando as letras de Catalunya están de noraboa, como protagonistas da Feira de Frankfurt, déixenme facerlles un pequeno agasallo. Un fermosísimo poema de amor do gran poeta catalán Joan Salvat-Papasseit. Velaí unha posible versión galega:

“Se sabes o pracer non escatimes o bico
pois o gozo de amar non comporta mesura.
Déixate bicar, e bica ti logo
que sempre é nos beizos onde o amor perdura.
Non biques cal escravo ou cal crente,
senón cal camiñante ó brindado venero,
e déixate bicar –sacrificio fervente-
que canto máis ardido será máis fiel o bico.
Que farías, se morreses antes
sen outro froito que o aire na túa cara?
Déixate bicar, e no peito, e nas mans
amante, amada – a copa ben alta.
Bebe ó bicar, que o vaso cure o medo:
bica no pescozo, a máis bela comarca.
Déixate bicar,
e se che quedase nostalxia
bica outra vez, que a vida se acaba”.

8 oct 2007


O GALEGO DE LIDIA SENRA
La Región 8 outubro
Coidar o idioma. Falabamos no meu blog (As uvas na solaina) da despedida de Lidia Senra, a brillante secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, que deixa o despois de dezaoito anos de loita. Alguén subliñou con acerto o seu fermosísimo galego, nacido das máis fondas raíces do país: engadiu ademais que lle gustaría ter a súa fonética, con vocais átonas, tónicas e nasalizadas, lonxe do galego “de granxa señoritinga”. Outra voz, moi ben ilustrada, anotou que, sen dubidar da excelente pronuncia de Lidia Senra, todas as demais son igualmente galegas. E amosou o seu temor a que unha rixidez a este respecto “impida que calquera poida achegarse ó galego oral con total liberdade. En español, a ninguén lle loan a súa pronuncia, porque todo vale. E nos outros idiomas igual. Se pronuncio un galego de rúa asfaltada urbanita, non podo falar galego?”. Outro amigo, filólogo de profesión, interveu con sentido común: “O caso é falar, benvido sexa, cunha gran aperta, aquel que fale o galego que poida e saiba. Con todo, o modelo existe (é ben que exista) e o diferencial fonético tamén; no caso do galego, coa existencia de factores especialmente interferentes, cobra importancia particular, iso si, máis sentida por uns ca por outros. Tamén os andaluces tenden aínda moito a evitar o seseo en contexto formal, tal a misa ou o Parlamento; non digamos a aspiración do ese implosivo.”
O diálogo seguiu e pareceume pertinente amosar este pequeno exemplo ós lectores deste xornal. Ó remate houbo varias conclusións cifradas na necesidade dunha norma fixa para a escrita (para entendérmonos nunha coiné convencional); na relevancia de conservar a nosa propia fonética, empezando polo vocalismo de sete vocais, para fortalecer o propio sistema lingüístico e, finalmente, na necesidade de ser ó tempo coidadosos co idioma e respectuosos cos novos falantes que se incorporan ó mesmo. Como indicaba un dos participantes, ás veces planifícanse campañas que fan recaer os problemas do galego só na falta de interese dos falantes ou na escasa vontade dos individuos, o cal tamén pode resultar contraproducente.
Monarquía. Fálase de acoso á monarquía e énchense con este tema páxinas dos xornais. Dende os inicios da transición sempre houbo grupellos radicais a queimar bandeiras ou fotografías. Agora o novidoso é que algúns medios constitúen en altofalantes dos mesmos: xornais, emisoras de radio, ata tertulianos dos programas de corazón. Ten toda a razón o socialista Manuel Chaves cando indica que o que máis pode danar a Monarquía son algúns editoriais, títulos e faladoiros. A apropiación da idea de España como pertenza de seu leva a algúns sectores a erixirse en intérpretes do que debe ser España e a monarquía e do que cabe ou non na democracia. Nese camiño pásase da loita lexítima entre forzas políticas a deslexitimar o propio sistema democrático: un camiño que na maioría dos países europeos é o que seguiron sempre as forzas de extrema dereita. (Foto: Andrea Costas)

7 oct 2007










Cen anos de historia cultural. Os 70, cambio de rumbo.
07.10.2007 Foron anos nos que xurdiron novas liñas renovadoras na nosa poesía: Ferrín, López-Casanova, Pexegueiro, Rompente, Manuel María, García Bodaño, entre tantos outros
Morreu Franco e veu a democracia. E logo a Autonomía. E polo camiño unha progresiva galeguización da sociedade. Velaí a prensa: Teima, A Nosa Terra, nacidas nos 70. Puxéronse en marcha novas iniciativas e institucións culturais: o Instituto da Lingua Galega, o Museo do Pobo Galego, o Seminario de Estudos Galegos, a mostra de teatro de Abrente, as Xornadas do Cine das Nacionalidades en Ourense, os premios da Crítica de Galicia en Vigo, etc.
Foron anos nos que xurdiron novas liñas renovadoras na nosa poesía: Ferrín, López-Casanova, Pexegueiro, Rompente, Manuel María, García Bodaño, entre tantos outros. E novas voces que consagraron, tras os clásicos de preguerra, novas carreiras literarias na narrativa galega: Carlos Casares, Xavier Alcalá, Alfredo Conde, Víctor Freixanes, Rey Ballesteros, etc. Anos tamén en que se marchaban os grandes mestres das letras; podemos simbolizalos en catro nomes falecidos na década: Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Seoane e Eduardo Blanco Amor. Deixáronos antes algunhas das súas obras mestras como Xente ao lonxe ou Onde o mundo se chama Celanova.
E libros que marcan época, só citarei, dende perspectivas moi plurais, O atraso económico de Galicia, de Xosé M. Beiras; Olladas no futuro, de Ramón Piñeiro; o Informe dramático da lingua galega, de Xesús Alonso Montero, e Conflicto lingüístico e ideoloxía na Galiza, de Francisco Rodríguez. (o artigo completo)
identidade
Pan por Pan domingo 7 outubro
O pasado venres tivo lugar nesta cidade a inauguración oficial de curso da Universidade de Vigo, cun acto no que pronunciou a lección maxistral Jesús de Juana, catedrático de Historia Contemporánea, co título “Historia e galeguidade”. Desta conferencia, pronunciada en galego, cabe subliñar o retrato da responsabilidade do historiador no noso tempo, con mención destacada do exemplo humano de Marc Bloch (na imaxe), profesor francés que se incorpora ós 50 anos á Resistencia contra os nazis para ser logo detido, torturado e fusilado. A segunda parte da intervención xirou arredor do eterno problema da Identidade galega, cunha reflexión final tamén sobre a achega a este concepto da emigración espallada polo mundo, nunha perspectiva integradora e universal: un xeito, dixo o historiador con palabras de E. Morin, de selar os vínculos entre o universal e a esixencia de ter raíces.

6 oct 2007


Shakespeare?
Pan por Pan 6 outubro
Sempre houbo moita polémica sobre o xeito de adaptar os clásicos ós tempos modernos. Eu creo non ser moi conservador ó respecto, pero os meus límites de tolerancia non chegan ata un Romeo que se acaricia as súas partes mentres lle declara o seu amor a Xulieta. Falo da versión teatral da inmortal obra de Shakespeare, estes días en Auria, a cargo do Teatro do Noroeste e con dramaturxia de Eduardo Alonso. Música tecno, escenografía de discoteca, linguaxe de botellón: que queda do fermoso texto de Shakespeare tras de todo isto? Moi pouco ou moi difícil de apreciar. De verdade ten sentido ir ó teatro para ver un botellón? A resposta é si se só se espera o aplauso fácil do público xuvenil que se mira no espello. Só nalgúns momentos andaban por alí os auténticos Romeo e Xulieta encarnados por Sara Casasnovas e Christian Escuredo.
ENTRE HORTAS E PORTAS
13. Nabú (Xosé M. González)

(Imaxe tomada de http://www.pasqualinonet.com.ar/images/Nabiza.jpg)

Certa moza do meu tempo, daquela cando aínda eramos mozos, nun mercado de Londres indicáralle ao froiteiro os nabos. Ao observar as operacións previas -selección do tubérculo, envío ao lixo das follas- seica proferiu un “No, please”, translación comedida e británica do “Pero ti que fas, hom?” seguramente concibido. Temporeira en Inglaterra, ela experimentara o desexo -necesidade quizá- do caldo de nabizas. E o grocer non era de Lugo.

Non sei cando empezaría a moda, nin o vin rexistrado -por exemplo- nas miñas ben incompletas lecturas do Rexurdimento; pero hai anos era ben corrente asociar a cidade co nabo. A pouco de chegar a Santiago, alguén me fixo unha pregunta que soar, soaba así: “Cal é a maior potencia naval do mundo?”; tras breve pausa para o cálculo, houbo resposta plausible, “a Gran Bretaña”. Pois non, a primeira potencia nabal era Lugo e un introducíase na sutileza e balance homografía-homofonía; ou sexa, que non todo é como soa.

As hortas, moitas hortas, chegaban ao pé do casco urbano cando non se inserían dentro del. A terra cultivada lucía os seus nabos e a mentalidade local asumía como propio aquel estereotipo. Nos sesenta, durante algunhas campañas o clásico futbolístico por excelencia foi o Lugo-Ferrol, de feito eu pensaba erradamente que o pasodobre homónimo de Gregorio Baudot tiña ese motivo. Unha vez, “El Progreso” destacou o enfrontamento cun debuxo: sobre a Muralla, sorrinte xogador co uniforme de listas branquivermellas -brancas e negras en realidade, coma todo- arrimaba lume a un vello canón inmóbil que lanzaba nabos; desde o exterior, moderno buque de guerra devolvía peixes. Onde o país restante manifestaba abraio cun “manda truco”, para nós mandaba nabo; encomiábanse feitos e destrezas como “de moito nabizo”.

A metáfora erótica resulta obvia (“levou un nabo...”), e así e todo non me parece que os de aquí obtivésemos ao respecto fama especial nin mediante hipérbole ou metonimia. E iso que a asociación froito-cidade chegaba lonxe, transcendendo a moderna fronteira do país para abranguer espazos da antiga Gallaecia; “Lugo, a terra do nabo!” berráranos no Porto, con arrastrado erre uvular e riso intencionado, un daqueles rapaces que as adegas destacaban na cidade a buscar visitantes entre os que identificaba aquela matrícula automobilística, branca, negra e con indicativo provincial.

No aspecto culinario penso que o lugués -auténtico especialista- prefería a temperá nabiza ao serodio grelo, entre nós chamado cimo. Ou polo menos é o meu caso, dado que aquela caracteriza o prato rei da gastronomía universal, caldo de nabizas; ou máis ben o vice-rei, por debaixo do caldo de nabizas requente ao segundo día. Gustado e enxalzado, coma o queixo homónimo, polo labrego da aldea e o patricio da urbe, o gungan e o nabú.

Unha coincidencia fonética non dá para tanto, seguro; as fervenzas acó son modestas, non hai impoñente construción se cadra cun algo bizantino. Quero ver, con todo, na superficie onde reinou Amidala coma un airiño da vella terra, o espazo verde e as nobres fábricas. Imaxe especular onde tamén fican enriba algo arrogantes e pálidos suxeitos, debaixo bravos loitadores con bastante receo pola arrogancia daqueles.

A vella terra... Desacóugame certo acordo: onde de neno dúas veces na semana, o caldo coce agora en todo caso mes a mes; fogares haberá que perderían a letra da receita, o senso do vagar e celme do arrecendo. Se as hortas inzan de silva e non hai tempo para o caldo, eslúese algo máis ca un hábito, o senso profundo dun sabor irrepetible.

Pero hoxe é San Froilán, o outono mozo e Lugo loce espléndido.

5 oct 2007


Inauguración oficial do curso na Universidade de Vigo

Como xa anunciaramos, hoxe pola mañá tivo lugar a inauguración oficial do curso 2007-2008 na Universidade de Vigo, no campus de Ourense, cunha conferencia do catedrático de Historia Contemporánea, Jesús de Juana. A conferencia, pronunciada en galego, titúlase "Historia e galeguidade" e reflexiona sobre o papel e función do historiador no mundo de hoxe e sobre a construción da identidade galega dun xeito aberto, cunha mención especial á Galicia da emigración.
Na foto inferior, grupo de amigos arredor do conferenciante, despois de quitarse toga e birrete: de esquerda a dereita, M.V., Manuel Ángel Candelas Colodrón, Jesús de Juana e Xosé R. Quintana. As uvas xa estaban ben vendimadas como demostra a copa que porta na man Manuel A. Candelas. As fotos son do amigo Pepe Trebolle (Trebi no blog) que tamén estivo presente durante toda a ceremonia e tertulia posterior.

en poleiro alleo

Desfeita no sul (Méndez Ferrín comenta no Faro os desastres patrimoniais nas terras de Bande)

Adeus a Lidia Senra, tras 18 anos de loita no mundo sindical agrario galego (entrevista no Faro de Vigo)
(Foto Bernabé, de FV)
Refraneiro (2).
Andoliña sábado 6 outubro. Imaxe de Mar R. Caldas.

Outra nota sobre os refráns das mulleres: creo que din máis da posición submisa e marxinal da muller na sociedade tradicional que un longo ensaio. Á muller non se lle permitía sen mofa non ser fermosa: “A muller con bigote, non necesita dote”, di un dos ditos máis crueis. E a mofa caía con todo o seu peso sobre as donas que xa pasaran a mocidade: “A muller despois dos corenta, pónseche balorenta”. Tampouco debía queixarse, seica: “Can que moito ladre, e muller que moito se queixe, é mellor que se deixe”. A muller, en fin, aparece obxectualizada e utilizada: “A muller e o muíño queren uso continuo”.
Velaí o espello dunha situación de despezo e marxinación que foron ben reais ata tempos moi recentes. “Home casado nin muller é” di outro dito moi popular, creo que tamén en Portugal, que amosa con contundencia como a desvalorización feminina serve mesmo para ridiculizar ó home, neste caso ó home casado.
O indicado non é privativo da cultura popular galega: os mesmos riscos poden encontrarse noutras culturas tradicionais e campesiñas, tamén nas que hoxe obrigan ás mulleres a levar velo. Insisto no xa dito: memoria crítica dun pasado que tiña luces e sombras.