11 jun 2008

Ramón Piñeiro e Álvaro Cunqueiro falan de Carlos Maside, 1958
Da sección "Historia en 4 tempos", de Maribel Outeiriño, La Región 11 xuño

(1) "O amor ó arte foi a lei fundamental de súa eisistencia, toda ela condicionada pola ascética entrega ó estudo i ó cultivo artísticos, pois pra il, ademáis dunha gozosa contemplación ou dunha fruición creadora, o arte era un problema inteleitoal, unha paixón cognoscitiva.Tanto, que unha boa parte das súas enerxías espritoás consumíunas no cultivo desta paixón cognoscitiva, con míngoa do seu esforzo creador.O amor ó pobo ben patente está na súa obra.Pódese dicir que, nela, o pobo é o tema básico, ben para o defender da inxusticia a través da caricatura, ben pra captar e refrexar a súa realidade huma i a súa atmósfera vital.Non hai máis que reparar na garimosa atención que Maside poñía nas tendas, nos mercados, nas feiras, nos peiraos -ou nas lavandeiras, nos mariñeiros, nos labregos, nas mulleres i os nenos do pobo, nas leiteiras ou nos afiadores - pra nos decatáremos de que responde a unha moi fonda e leal devoción".(Ramón Piñeiro, 1959)
"Chegados diante dun cadro de Maside o primeiro é a luz, un longo pano de ouro, e dende a luz vades vendo o color, cada e cada un, onde a luz viva nasce e medra, e todo o que non é luz, é orde, precisa e docementes premiosa arquitectura, único elemento puramente subxetivo do cadro e, con todo, decisivamentes formal i-onde descansan os elementos reás, que son, de seu, invencións, isto e, descobrimentos, i-a fiestra por onde o pintor comunica, dice, confesa o seu segredo.Nin máis nin menos que o primeiro segredo, parte do segredo da Creación".(Alvaro Cunqueiro, 1954)

CARMEN MARTÍN GAITE
Andoliña mércores 11 xuño

Hai dúas ou tres semanas presentouse e Allariz un estudo titulado “Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite”. Era coñecida de vello a existencia de raíces galegas na vida e obra da salmantina e diso falara o malogrado Luís Rivas Villanueva en 1988: dos irmáns Joaquín e Antonio Gaite y Núñez, chegados de Teruel a Galicia a mediados do XIX. O primeiro foi un daqueles catedráticos de Instituto aurorais, cun papel sobranceiro na prensa ourensá.
O traballo que citei é da autoría de David González Couso e esculca na presenza galega na salmantina: dende riscos do seu carácter (“la flexibilidad, ese doblarse sin partirse”) ata o retrato do lugar idílico da infancia (a aldea de San Lorenzo de Piñor), o familiar apelativo de Carmiña ou mesmo obxectos citados nas novelas: un vello aparador traído de Galicia que evoca a memoria do avó.
David González fai unha análise intratextual e tamén intertextual da narrativa de Martín Gaite e rexistra evocacións galegas nos espazos de “Las ataduras”, “Retahílas”, “El cuarto de atrás”, “El pastel del diablo” e “La Reina de las Nieves”. Os amantes da obra de Martín Gaite encontrarán moitas suxerencias valiosas nestas páxinas.

10 jun 2008


en poleiro alleo

Eloxio do prato vello, de Afonso Monxardín (GH 10 xuño)

Moitas grazas, Manolito, de X.M: Sarille (ECG 10 xuño), sobre as descargas dende Internet

Tempos prosaicos e aburridos, de Alfredo Conde (ECG 10 xuño)

Á VISTA DE CERTOS COMENTARIOS DO FÍO “De desastre en desastre...”

1. Sería doado establecer esta hipótese: os políticos nacionalistas nunca se equivocan.
No seu desenvolvemento, demostraríase que iso é imposible, antinatural. Non sucede. Nunca pasou. Nunca pasará. Non pode pasar.
A conclusión é fácil tamén: se se critica a actitude dun político nacionalista, estase a facer antinacionalismo e a seguir os ditados de non sei qué poderes ocultos.
2. Cando un xornal critica a un político é porque, din algúns, ese mesmo político non se someteu ós seus designios. Decátanse que, dicindo isto, a tese concluínte sería que de todos os outros políticos dos que se fala polo xeral ben (p.ex. de nacionalistas como Quintana, Suárez Canal, Alex S. Vidal, Rubén Cela, etc.), hai que supoñer, xa que logo, que esas gabanzas tamén estarían “contaminadas”? Por ex., hai un programa de Telemiño monográfico e exclusivo dedicado á Tenencia de Alcaldía... mantemos ese argumento??
3. Unindo as ideas anteriores, é fácil deducir, así o fan varios contertulios, que este blog é de seu antinacionalista. Está escrito en galego si, con contidos galeguistas, de esculca da nosa historia, de defensa da nosa cultura e da nosa identidade, de xeito constante, etc. Pero todo iso debe ser secundario. Hai unha razón determinante para a conclusión xa predeseñada: un blog que critica algunha estratexia ou personalidade do nacionalismo é, per se, antinacionalista. Que fácil, non?
(Se o Marcos estivese calado, moito mellor... pensa máis de un. E conste que non me foi grato escribir o Pan por Pan de hoxe sobre a concelleira ourensá, á que a nivel persoal lle gardo a mesma amizade de sempre. Se analizan con xeito o estilo, verán que quixen ser suave nas formas. Pero moitos non me van crer, claro...)

Cultura.
Pan por pan martes 10 xuño. Imaxe de Valerio Pini.

O nacionalismo sempre dedicou unha relevancia especial ó campo cultural: véxase “A Nosa Terra” dos anos 20 e 30 cunha clara denuncia do que se consideraban modelos espurios e importados de acción cultural. Pero os galeguistas daquela época non tiveron que facer xestión: esa era unha materia pendente. E, cando menos a nivel local, estamos a vivir o ronsel desa inmaturidade. Ata hoxe o nacionalismo no bipartito ourensán non puxo en marcha ningún proxecto novidoso no plano cultural, como era de desexar polas súas críticas ós gobernos anteriores. Por outra banda, na xestión acumúlanse os erros: os magos que eran magas, a carta coactiva ós veciños, o conflito cos grupos musicais ourensáns, etc. Os votantes galeguistas agardaban máis. Vexo decepción no ambiente. E algúns ata lembran con morriña o digno papel que fixera no seu día Balbino Álvarez.

9 jun 2008

De desastre en desastre ata...

Segundo conta hoxe La Región (non o encontro na web), a concelleira de cultura de Ourense quería que os grupos ourensáns de rock actuasen gratis nas festas... Eles negáronse e, ó cabo, actuarán por sorteo. Isabel Pérez convertida nun novo Salomón, cunha xeira de despropósitos que xa vai sendo longa (raíñas magas, cartas coactivas ós veciños, etc.). Por certo, constituiuse o Consello Municipal de Cultura, case clandestino (alguén sabe algo disto?)...
Autocrítica (A Nosa Terra, 5 xuño)

Leo nos xornais que Vicente Álvarez Areces estivo en Compostela para recoller unha orla honorífica de cando estudou na nosa Universidade nos 60, algo que non puido facer no seu día porque entón estaba no cárcere. O suceso lémbrame unha faísca da miña biografía. Cheguei a Compostela no 75 e pertencín á Xeración ERGA, segundo axeitada definición de Pepe Miranda: da mesma quinta que o escritor Bieito Iglesias e o historiador Bieito Alonso “Roi”, bos amigos. E lembrei que, asolagados no compromiso político, a miña promoción non fixo a famosa orla. Ou cando menos non estamos na mesma os progres do curso, que aínda eramos uns cantos. Aprendín moitas cousas naqueles anos, algunhas nas clases dos bos profesores, que tamen había: poñamos nomes como Ramón Villares, Xosé R. Barreiro ou Pegerto Saavedra. Da maioría dos riscos daquela andaina non me arrepinto: aínda máis, algúns dos acenos de coherencia mesmo privada da miña biografía proceden das ideas sementadas naquela hora, como o non someter ó imperio da Igrexa un contrato de convivencia coa persoa que queres. Pero, por unha vez, quero facer autocrítica, que dicíamos en linguaxe de célula clandestina. Refírome á orla: hoxe estou convencido de que o negarse a facela, que xustificamos entón como unha gran batalla contra os convencionalismos clasistas e pequenoburgueses, foi un erro. Non me desgustaría contrastar a miña cara de pasmón coa dos compañeiros daquela aventura. Hoxe facemos nos Institutos unhas cerimonias, cada vez máis solemnes e dignas, de despedida dos alumnos e alumnas do Bacharelato. E fan a súa orla. Por certo, teño que preparar o discurso dos profesores. Menos mal que os nosos alumnos, para estas cousas, son un pouco menos progres que os da vella garda.

A FAME: FRACASO EN ROMA
La Región 9 xuño. Imaxe de I. Lloret

O cumio da FAO. Fracaso total en Roma, no cumio da FAO sobre a fame no mundo ó que asistiron un total de 183 países. Iso contan os xornais. Nin sequera se puxeron de acordo nas causas da carestía dos alimentos: a especulación, os monopolios da distribución, o cambio climático, o proteccionismo dos países ricos, os efectos reais dos biocombustibles, etc. Cada país defende os seus propios intereses. O real é que cada 30 segundos morre un neno de fame e cada día son 25.000 seres humanos as vítimas da fame. Un problema de 850 millóns de persoas, pero que non lle restará tempo nas televisións á Eurocopa nin ós reality-shows, non hai caso. Esoutro día a escritora Rosa Pereda reclamaba nun artigo: que alguén nos explique por que millóns de nenos van morrer de fame?. É unha pregunta vella: rematamos o século XX con moitos encontros semellantes que proclamaban que a fame ía ser un problema do pasado. Pero os especialistas recoñecen que a crise alimentaria durará cando menos ata o ano 2015: dá pavor facer contas dos millóns de persoas condenadas á desesperanza que iso significa.
(o artigo completo en comentarios)

8 jun 2008

Fóra de contexto (dun blog amigo)

estamos afeitos a darlle valor as cousas nun determinado contexto...

Tintxu, un gladiador do xornalismo
A morte cruzouse no seu camiño deixando tras de si unha vida plena e enérxica. Os seus amigos lémbrano como un “xornalista ilustrado” e sobre todo como un “home bo” (ROSA RODRÍGUEZ en GH. 8.6.08).
Colgamos esta ligazón en homenaxe, ademais de a Tintxu, á amiga e contertulia Lourixe (creo que en nome de todos/as os que andamos por esta casa).
2004: Narrativa, historia, memoria (GH 08.06.2008)

A narrativa galega do ano 2004 viña marcada polo compromiso coa memoria e as esculcas no noso pasado máis conflitivo. En Xerais, aparecían obras como O exiliado e a primavera, de Manuel Veiga, premio Xerais 2004 centrado na volta dun exiliado á Galicia do final do franquismo; a primeira novela de Xesús Fraga, Solimán, premio de novela Rubia Barcia de Ferrol; a ficción autobiográfica de Ramón Chao, O lago de Como,publicada en castelán en 1982 (onde Reigada é Vilalba); Os ollos da ponte, segunda entrega da triloxía da memoria de Ramiro Fonte; ou Orixe, de Sechu Sende, premio Blanco Amor 2003, historia de amor ambientada na ditadura franquista.
Na mesma editorial saían Era por setembro, de Xabier Quiroga; Vermella con lobos, de Carme Blanco; Segunda convocatoria, de X.A. Perozo; Os últimos fuxidos, de Xosé Fernández Ferreiro, que segue a liña temática da súa anterior Agosto do 36; Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras, presentación do detective Horacio Dopico nos baixos fondos ourensáns; e volumes de relatos, na colección Abismos, como Rebelión no inverno, de Mario Regueira, e A ferida, de Begoña Paz. Galaxia achegaba títulos como As humanas proporcións, de Xesús Constenla, premio Torrente Ballester 2003 e premio da Crítica Española para narrativa galega, historias minimalistas marcadas pola calidade e o risco; Amor e música lixeira, unha nova entrega do mundo satírico de Bieito Iglesias; Capitol, última sesión, de Miguel Anxo Fernández, homenaxe ás vellas salas de cine; Ser ou non, de Xurxo Borrazás; Reserva especial, de X.M. González Trigo; Ao pé do magnolio, de Marina Mayoral; Xeración perdida, de Francisco Castro; Os ciclos do bambú, de Xavier Queipo; Oitocentos, de Xavier Franco; 'Unha viaxe no Ford-T', de Xerardo Agrafoxo, premio García Barros.
Xavier Alcalá iniciaba con Entre fronteiras, a súa saga sobre a historia da represión dos evanxelistas en Galicia, neste caso na Pontevedra anterior á guerra civil.

(o artigo completo)

LUIS GONÇALES BLASCO
'Foz', o home que a UPG eliminou da súa historia (Galicia Hoxe 08.06.2008. Foto: P. Santos)


Foi un dos fundadores do partido. De feito, estivo no xantar da Rocha no que se constituiu a Unión do Pobo Galego. Non obstante, o seu nome non aparece na versión oficial do nacemento desta forza política. Agora, vai ser homenaxeado por compañeiros que queren destacar a súa contribución á historia do nacionalismo e recoñecerlle o que outros lle negan. Trátase, non só de lembrar o seu labor na UPG, senón toda a súa traxectoria ligada ó Movemento de Liberación Nacional, ó independentismo e ó reintegracionismo lingüístico.

"O que define unha literatura é a lingua"
(Darío Villanueva, en GH e ECG)
Interesante entrevista de L. Pousa co catedrático galego, cando prepara o seu discurso de ingreso na RAE. Na charla sucédense interesantes suxerencias sobre a lingua, a literatura e autores como Cervantes, Shakespeare, Cela e Torrente Ballester, Joyce e Ruiz Zafón.

A MEMORIA RETIDA (5)
O PAI MIÑO (La Región 8 xuño)

Dous libros recentes fannos volver a mirada ó Miño: a novela de Julio López Cid, “El río”, e o poemario gañador do último Cidade de Ourense, “Miño”, de Francisco X. Fernández Naval. Pero o certo é que o pai Miño sempre estivo aí. E poetas e narradores sempre esculcaron nos seus misterios. O río flúe nos versos vangardistas de Eugenio Montes, na novela “O bosque das antas” (de Fernández Naval), en moitas páxinas de Bieito Iglesias e en poemas de Víctor Campio, Otero Pedrayo, Manuel de Dios, Augusto María Casas, Vázquez Naval, Millán Picouto, entre outros.
O neno que foi Carlos Velo deixounos na súa “Memoria erótica” o eco das lavandeiras e campesiñas que se achegaban ás súas beiras: nas súas carnes entrevistas o neno imaxinaba o engado pecaminoso das grandes actrices das orixes de Hollywood, como Clara Bow ou Perla White.
E sempre foi lugar central de sociabilidade e lecer, memoria íntima de descubertas. Como ben reflicte esta foto dunha barcaza no medio das súas sedutoras augas, ás veces tan perigosas.

Unha visión crítica do Maio


A distancia do Maio 68,

7 jun 2008

Timor Leste, a illa do Sol (en Terras de Acolá)

Recibín unha mensaxe do amigo Luis Menéndez: “Mirade ó de Timor este sábado, ou como nos entendemos en galego no Extremo Oriente, a 22.000 qms..”.
E vin o programa, por suposto, o “Terras de Acolá”, do que xa falamos ben aquí (ver 16 marzo). E, en agradecemento, vai aquí un breve resume do mesmo.
País independente dende o 2002, está na área da cultura portuguesa no mundo. Unha parte da illa pertence a Indonesia.
Terras de arroz, bananais e plantacións de café. Dende o 1515 andou por alí a presenza dos misioneiros e conquistadores portugueses. E hoxe, a tantos miles de quilómetros, segue sendo visible esa pegada lusa: velaí o Menéndez, no programa, entendéndose, en galego, cos habitantes da illa.
A reportaxe salienta tamén a pegada da cultura chinesa e do catolicismo, que os diferenza dos veciños indonesios (o maior país musulmán do mundo). Vemos imaxes dos túneles que furan a illa, feitos polos xaponeses na segunda guerra mundial, onde hoxe xogan os nenos.
A illa foi colonia portuguesa ata 1975. Logo invadiuno o xeneral Suharto coas tropas de Indonesia. En 1999 aprobaban un referendo de autodeterminación: quedaban douscentos mil mortos dese período de 25 anos.
A reportaxe fala ademais do heroe independentista do FRETILIN (Fronte de Liberación de Timor); Xanano Gusmao, e entrevista ó arcebispo Ximenes Belo e o avogado Jose Ramos Horta, actual presidente, os dous premio Nobel da Paz (nas fotos). Este último fala do seu país como unha terra contraditoria, un pobo guerreiro e pacífico á vez. Cunha moi alta diversidade étnica e lingüística: coexisten 16 linguas autóctonas e son oficiais o portugués e o crioulo (tetu): no ensino poténciase a excelencia do portugués co crioulo como complementario.
E algunhas notas de gastronomía, economía e crenzas. Manteñen, xunto co catolicismo, o animismo: nos camiños vense túmulos animistas feitos con caveiras de búfalo. No plano económico, aspiran a vivir do desenvolvemento agropecuario e do petróleo, ata agora explotado por Australia. O deporte nacional é a pelexa de galos, cunha extrema violencia. Unha lenda di que a illa foi creada, como o mundo, por un crocodilo: e ven nas súas montañas a imaxe do réptil deitado.

FÍO MUSICAL (22), de Xabimusic.
¿OUTRO CATASTROFISTA MÁIS OU UN ATINADO OBSERVADOR?

Segundo o investigador Bernie Krause a sociedade actual está poñendo en perigo tamén o equilibrio e a harmonía sonora natural das especies animais. Segundo a súa teoría do nicho cada especie ocupa un espectro acústico propio que non interfire co das demais: os sons dos cans non se confunden cos das rás ou dos humanos, por exemplo.No seu traballo está tamén a rexistrar os sons en perigo de extinción.

¿Cren vostedes que por aquí hai tamén sons en perigo de extinción e que debamos salvar e preservar? Velaí: Sons a preservar.
FÍO MUSICAL (21), de Gustavo Peaguda

DELIRiOUS LOVE*
... e se o señor Brecher ten razón e non somos mais que unha existencia espida?
Así que esta maña de venres deixei que a voz de Neil Diamond que non escoitaches cando saias ben cedo pola porta fuxira pola ventá da miña casa e se perdera pola rúas do Ensanche de Compostela para que chegue a zona vella e se pouse nos teus beizos de doce morneza e así podamos cantar os dous en voz moi baixiña.
Delirious Love!
Delirious Love!
Delirious Love!
* Delirious Love. Neil Diamond. 12 songs (2005).

A estrela e as cores. Andoliña 7 xuño.

(Na imaxe, un dos últimos carteis do BNPG, creo que o derradeiro, 25-7-1982. Por certo, aínda se reivindicaban as Bases Constitucionais...)

O Bloque presentou antonte a súa campaña do Día da Patria Galega e así como quen non quere a cousa, anunciou o cambio máis radical da súa historia nas tres últimas décadas. E indico, para evitar suspicacias, que non falo dende a ironía. Porque o equipo de Quintana presentou uns carteis onde a histórica estrela vermella se converte agora nunha estrela azul. Feito non casual nin anecdótico: calquera que coñeza a importancia dos símbolos no nacionalismo albiscará a relevancia deste aceno. E a moitos militantes tampouco lles gustará.
Cando menos dende os inicios de 1976, coa fundación da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), o nacionalismo de esquerdas usou sempre a bandeira coa estrela vermella no medio. Antes a mesma icona estivo en moitos deseños da UPG ou do PSG: identidade nidia de esquerda e dos movementos de liberación nacional do Terceiro Mundo, do anticolonialismo que se espalla dende os 60.
Supoño que o tema provocará debate. Agora soamente quero subliñar a transcendencia do cambio. O azul está na bandeira da Galicia e sempre foi, pois, símbolo identitario. Podíase engadir aínda que é a color do mar, nun país mariñeiro, e a color da Terra dos mil ríos.