29 sept 2008


luar na lubre (Fío Musical 34)
A mil quilómetros de distancia, unha benquerida amiga e exalumna mandoume esta fermosa canción, con non menos agarimosas palabras de ánimo. Dende aquí llo agradezo de corazón.


Balada para encetar o Outono. (Tacho).
Fío Musical 33.

Ariel Rot e Mclan _ Me estás atrapando otra vez




Os Beatles, alto segredo
O Goberno británico seguiu durante anos os pasos da banda de Liverpool

Informes desclasificados tachan a Lennon de obsceno e drogadicto

ANDOLIÑA martes 30 setembro.
OS BEATLES VIXIADOS.
Perto de Londres, nos arquivos de Kew Gardens, consérvanse unha chea de informes reservados sobre a actividade dos Beatles entre 1964 e 1972. Acollen dende documentación diplomática sobre as súas xiras ata esculcas da Policía ou de funcionarios de Facenda. Con temas do máis diverso: dende unha moza fan que lle cortou con tesoiras unhas guedellas do pelo a Ringo ata denuncias do consumo de drogas e unhas litografías eróticas (pornográficas, se o prefiren) de John Lennon e Yoko Ono, requisadas en 1970.
Un investigador, Mario J. Cereghino, recuperou esta material e descubriu que os guedelludos da banda de Liverpool foron vixiados polo goberno británico durante anos. Estas novas xa non me sorprenden: hai anos sóubose tamén que a CIA pagou campañas a favor da arte abstracta. Pero si imaxino a cara dalgún funcionario gris que durante anos gozou en solitario posuíndo a chave secreta destes chismes duns mozos dos que quizais detestaba a súa música e estilo.
Velaí o soño do Gran Irmán. Está acochado, supoño, en todos os seres humanos, pero con máis xeito en certas profesións. Pero, cando fai falla, iso non quere dicir que a policía sexa eficaz. Nin moito menos.

DA fascinación do cine clásico

Sobre o xornalismo

Coincidimos varios columnistas nas últimas semanas, arredor deste tema:

"Peros", de Juan Tallón (LR. 28-9-08)

Socioloxía do autobús,
de Marcos Valcárcel (La Región, 29-9-08)

A fotografía é da coruñesa Victoria Diehl, sobre a que escribía onte mesmo Brétemas.

A prendendo. Dende hai varias semanas só me desprazo en autobús por esta cidade. É un sistema máis lento e que che obriga a esperar de cando en vez, pero tamén se aprende algo. Como en todo o que facemos de novo na vida. Da miña experiencia nestes días voume atrever a facer para vostedes, agardando que lles interese, un bocexo de Socioloxía do Autobús. Porque este medio de transporte público ten ó seu arredor todo un microcosmos propio digno de atención.Para empezar, é obvio que a maioría dos usuarios do autobús son persoas humildes ou da clase media baixa. Nun mundo onde o automóbil é símbolo máximo de status, os máis posuidores, digámolo así, raramente soben a un autobús nos seus desprazamentos cotiáns. Entre o público máis habitual deste medio eu distinguiría tres sectores ben definidos. Chamarei grupo A ós máis maiores, xubilados sobre todo, que collen o bus para acudir a citas médicas, ir coidar os netos ou, sinxelamente, dar un paseo cos amigos á solaina da Alameda. O grupo A é maioritariamente galegofalante e entre os seus viaxantes non é raro aínda escoitar a expresión ‘imos coller o carrito’, que garda a cerna dos sabores emotivos doutros tempos.

28 sept 2008


A mirada azul
Xa falamos aquí algunha vez de A gata sobre o tellado de zinc de Tennessee Williams, para min autor de culto. E hai quince días quixen revisar unha escena da versión fílmica dirixida por Richard Brooks e interpretada por Paul Newman e Liz Taylor. Era a escena da foto, un dos diálogos iniciais onde Paul amosa todo o seu desprezo contido cara a súa muller e cara o mundo. A miña intención era ver só dez minutos, porque vin a película varias veces. Pero non puiden resistirme: cando me decatei, xa a vira enteira outra vez. Adeus á mirada azul.

escrito en cafeterías : Lares,
de Miguel Anxo Murado (LVG. 19-9-08)
Imaxe: In ictu oculi, de Valdés Leal (igrexa do Hospital da Santa Caridade, Sevilla)

Non ou vin mencionado en ningures, pero é imposible que ninguén máis se decatase de que Madrid Fashion Week, a semana de moda que se celebra lestes días en Madrid, transcorre non mesmo lugar onde hai unhas semanas estaban vos corpos dúas falecidos non accidente de Barallas e, hai uns anos, vos dous atentados de Atocha.
Quizais é unha forma brutal de facernos ver que a vida segue a pesar de todo. Non xulgo, reflexiono. Pensamos que ou Barroco foi un tempo de artistas morbosos, pero ou Barroco é en realidade ou ser humano. Se onte xacía en Ifema a carne inmolada na violencia ou na mala sorte, hoxe paséanse alí rapaciñas somnámbulas e serias vestindo roupa prestada. Quevedo escribiríalle un poema a esta sucesión de morte e vida, de traxedia e banalidade, e Valdés Leal pintaríao con claroscuros graves e sentenzas latinas, como nese cadro onde, xunto a unha caveira, escribe: In ictu oculi (nun abrir e pechar de ollos), literalmente: nun chisco. Quería dicir que a fronteira que separa a vida dá morte é un instante, pero non é certo: é toda unha vida, teña a duración que teña, ou iso quero crer eu.




A MIRADA RETIDA
( Marcos Valcárcel, La Región 28-9-08)
DEMASIADAS VIDAS.

Escoiteille dicir nunha ocasión ó escritor Jhon Berger (“Puerca tierra”) que “negar a experiencia campesiña é negar o valor de demasiadas vidas”. Ben atinada reflexión para unha cidade como esta Auria de vellas raíces labregas: as viñas enseñoreaban os arredores da cidade habitada cando estas mulleres posaron, haberá xa uns cen anos, enriba da fonte das Burgas. Hoxe, cando a paisaxe se fixo máis urbana, lembro esa experiencia rústica diante da leiteira do Paseo, que xa se gañou o agarimo de turistas e concidadáns. A estatua de Ramón Conde serve para relembrarnos esas “demasiadas vidas” que dormen no substrato rural auriense, as leiteiras que lavaban os seus cacharros nos canos das Burgas e que desapareceron, non hai moito, con algún regulamento de necesaria hixiene sanitaria. As leiteiras da Marquesa de Atalaya Bermeja, contan os máis vellos, que chegaban dende o Couto ó Paseo para nutrir as casas dos cativos burgueses e fidalgos. Gardemos cando menos a memoria dunhas raíces non demasiado arredadas.
(A foto da leiteira é de Nacho Rego)

Vanse os mellores
Por motivos de saúde, non poderei, como sería o meu desexo, acudir á despedida cívica do amigo de vello Xesús R. Jares. O blog Brétemas informa deste acto que terá lugar hoxe mesmo en Vigo.
Nacido en Viana do Bolo hai 53 anos, foi un dos nomes fundamentais da historia da renovación pedagóxica e da Educación pola Paz en Galicia. Hai uns poucos anos presentamos no Liceo algúns dos seus últimos libros cando xa loitaba, con todas as súas forzas, contra os fados do destino.
Hoxe é só o día das lembranzas, do seu labor en Auria no nacionalismo popular, hai máis de 30 anos, na Auriense ou na A.C. Os Nemetanos de Viana, que el impulsou naquelas datas.
Tamén o día para acompañar á familia, á súa dona Paz e á súa filla Sira, e a todos os seus familiares e amigos, entre os primeiros tamén o poeta Román Raña, irmán da súa muller.
(A engadir...)
ANDOLIÑA mércores 1 outubro
XESÚS R. JARES

Souben da triste nova por unha nota necrolóxica no xornal “La Región”: nacera en Viana do Bolo, hai 53 anos. Lembro que alí impulsou no seu día a Agrupación Cultural Os Nemetanos e tamén o nacionalismo popular de ERGA e da AN-PG: coñeciámonos de vello, hai máis de 30 anos. Falo de Xesús R. Jares, falecido o pasado sábado en Vigo. A nova conmocióname aínda que fora temida xa hai algún tempo: o propio Suso despediuse no limiar dun seu libro dos seus seres queridos. Unha grave enfermidade cruzóuselle no fatal destino, pero non logrou derrubar o seu espírito nestes anos, de seguro tan duros.
No ano 2005 presenteille no Liceo ourensán o seu libro “Educar para la verdad y la esperanza”: tan fermoso título sintetiza con acerto toda a filosofía que conduciu a andaina vital de Suso Jares. Foi un nome fundamental na historia da pedagoxía, da renovación educativa e dos movementos de Educación pola Paz. Todo iso é moi importante e remito ó lector a Brétemas, o blog de Manuel Bragado que relembra con xeito ese longo e intenso labor. Pero por riba de todo foi unha excelente persoa. Por iso escribín na miña bitácora: “Vanse os mellores”. Unha aperta para os seus familiares e os seus moitos amigos.

27 sept 2008


O asmático que fumaba puros, de Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 27-09-2008

Moitas veces, de tanto oír convenccións sociais, tópicos e terreos comúns, tendemos a integralos sen querer, automaticamente, sen pensalo, como íntimas convicións propias. Así nolo ensinou o xenio -e demo- da propaganda moderna que foi Joseph Goebbles. Unha desas matracas asumidas sen máis é o de cualificar o Che Guevara como unha especie de Cristo dos tempos modernos que deu a súa vida pola redención dos pobres. Así, igual que o de Xudea non morreu de todo por que vive na súa Igrexa, a querida presenza do comandante -como cantaría Carlos Puebla- tamén seguiría viva no corazón dos progresistas de todo o mundo. Pois si e non.
O Che que hoxe coñecemos -e glorificado hoxe polo cine capitalista- naceu meses antes da súa morte, hai corenta anos e pico. Daquela, como é sabido, trataba de erguer unha guerra na que tivo o dubidoso honor de acabar sendo o principal morto. A súa figura-mito ten xa unha existencia propia como mercantilizado icón camiseteiro da rebeldía do século XX grazas á foto de Alberto Korda, aceptado en todo o planeta menos no mundo musulmán. Alí, o enfrontamento e revolución ten outro nome máis difícil de pronunciar: Bin Laden.
E o mito Che, resistente e inoxidable, proxectado en nós, sen grises nin sombras, ten cada vez menos que ver coa vida real de don Ernesto Guevara de la Senra e con aquela época que hoxe podemos ver con outros ollos. Nestes corenta anos que pasaron desde a súa atolada aventura boliviana, a percepción da realidade mellorou e as análises que se fan son máis libres e multifocais, unha vez desaparecida a voz dominante do sistema antioccidental. Xa non hai problemas en loar o ecoloxismo capitalista de Al Gore nin en gardar distancias crítica das revolucións que empezan como liberadoras e rematan en tiranías, nin sequera -e cómpre aclarar ben o termo a nivel internacional- en defender a lexítima inxerencia humanitaria por riba dos gobernos locais.

Palin contra o oso branco.
pan por pan sábado 27-9-08

Foi intelixente a xogada do candidato republicano McCain ó colocar unha muller como candidata á vicepresidencia dos Estados Unidos. Pensouse que ata podería arrebatar votos femininos entre as defraudadas polo fracaso de Hillary Clinton. Pero as últimas novas indican que o efecto Palin desfaise como terrón de azucre. Por varias razóns. Porque a candidata republicana ten unha formación escasa en varios campos, sobre todo en economía: de feito non lle deixan dar entrevistas por se mete a pata. Hai moitas sombras tamén na imaxe de Palin respecto a temas medioambientais: é sabido que non lle importaría estragar o futuro de Alaska á procura de gas e petróleo. Preiteou hai meses contra unha decisión do goberno a favor de incluír o oso polar na lista de especies ameazadas: tal decisión sería lesiva para as instalacións de gas e petróleo nas costas onde o oso ten o seu hábitat.

26 sept 2008


Stephen Hawking
andoliña 26-9-08

A presenza dun científico da talla de Stephen Hawking en Santiago prestixia tanto a propia Universidade como a cidade de Compostela e toda Galicia no seu conxunto. Grazas, pois deben ser dadas, a Jorge Mira e a todas as persoas e institucións que posibilitaron esta visita, que debeu ofrecer de seguro infinitas dificultades.
Disque Hawking se declarou socialista (vota os laboristas e fala ben de Gordon Brown) e escéptico respecto do papel do transcendente: "A ciencia non deixa moito espazo para os milagres ou para Deus". Tampouco se amosou moi optimista sobre o futuro: cre que non se poderá evitar un desastre no planeta nos próximos cen anos e opina que algúns grandes avances, como o coñecemento do xenoma humano, xerarán co tempo unha sociedade dual, cunha raza de "superhumanos" que explotará os "humanos non mellorados". Así, a fuxida ó espazo exterior na busca de condicións posibles de supervivencia é unha opción verosímil nese contexto.
Algo que describiu a ciencia-ficción múltiplas veces, dende Huxley e Orwell ata os autores de hoxe. De certo, somos tan previsibles que non é estraño que coincidan os relatos de científicos e de escritores.

O RACISMO CONTRA OBAMA
PAN POR PAN xoves 25 setembro.
Escribín eu neste recuncho hai meses que o principal perigo de Obama nas eleccións norteamericanas era o racismo latente naquel país. Pois oxalá nos equivoquemos, pero unha enquisa on-line realizada aló amosa que o 40 por cento dos votantes brancos ten unha visión parcialmente negativa” dos afroamericanos. Aceptaban nese traballo adxectivos despectivos cara os negros como “violentos”, “preguizosos”, “irresponsábeis”, etc. Iso afectaría tamén ós votantes demócratas e por iso Obama non dá arrincado nas proxeccións de voto. O comentarista Ben Smith dixo que “aquí hai xente que non votaría por un home negro aínda que viñese camiñando sobre as augas da man de Cristo e Moisés”. Tamén é certo que a crise económica podería axudar ó candidato demócrata, pero nos tempos duros aínda medra moito máis o racismo. En fin, oxalá nos equivoquemos, repito.

24 sept 2008


Cerebro e medo.
Pan por pan martes 23

Un estudo de politólogos da Universidade de Nebraska seica relaciona a actitude política cunha estrutura cerebral. Segundo estes investigadores a xente que non se asusta doadamente defende o pacifismo, o control de armas, unha política tolerante coa inmigración e o apoio económico ó Terceiro Mundo. En cambio, os máis asustadizos apoiarían o patriotismo, o gasto en defensa, a guerra de Iraq e a pena de morte. Algo semellante indiquei eu neste recuncho noutra ocasión. É perigoso tomar estes traballos ó pé da letra e inferir unha base biolóxica nas condutas políticas. Pero tamén é lóxico que persoas optimistas, que cren na vida e na convivencia, saiban domear por igual os nosos medos internos e aqueloutros que nos queren impoñer. Os asustadizos, di o estudo, tamén están contra o matrimonio gai, a pornografía, o sexo preconxugal e o aborto. Mira ti que cousas!
Spanair, de X.M. Sarille

(...) Creo que se confirmou esa pulsión cando os medios de comunicación anunciaron que outro avión da mesma compañía realizara unha aterraxe forzosa. Estábase máis perto de atopar unha válvula para tanta impotencia. Mais todo o mundo sabe que nos países ricos os accidentes aéreos son excepcionais, e pouca xente sabe que as aterraxes preventivas son moi frecuentes, e que case nunca son noticia. Spanair puido converterse inmediatamente e de xeito arbitrario nunha ruína económica, porque ía prevalecer a idea de que é unha empresa perigosa. Non é que houbese unha estratexia calculada para arruinala, senón que o grande teatro da información, este descomunal simulador da realidade, ten vida propia, e nalgunhas ocasións crea monstros sen basearse na razón, aínda que case sempre os críe interesadamente e baseándose nela. (...)

En ECG. 23-9-08

Unha sentida evocación do val do Douro portugués.

Percorrín esas mesmas paisaxes hai uns poucos anos. Anxo Tarrío (a foto tamén é súa) contánolo no Galicia Hoxe.

Fobia á Memoria
Andoliña 24-9-08

A película de Cuerda, Os xirasoles cegos, resucitou un debate cultural que vén de vello. Refírome ás posicións que non xulgan a calidade da película, discutible como todo, senón a escolla dun tema relacionado coa guerra civil. Así, insisten algunhas voces no repetitivo da trama argumental, posición un tanto sorprendente. Primeiro, porque crítica e público recibiron ben historias sobre a guerra española como “Ay, Carmela”, de Saura; “As bicicletas non son para o verán”, de Chávarri; ou “A lingua das bolboretas”, de Cuerda e Rivas.
En segundo lugar, non é esa trama argumental a que define a oportunidade dunha película calquera. Cantas veces nos contaron a historia dos Estados Unidos no cine clásico a través do western? Cantas adaptacións literarias de Jane Austen e doutros autores nos levaron unha e outra vez ata o século XVIII en Inglaterra ou en Francia, en boas películas polo xeral? Ninguén protestou por iso. Así pois, a xenreira contra o subxénero da guerra civil só se entende se se pensa que a nosa historia máis achegada é secundaria e non merece ser levada ó cine. Ou, outra posible razón, se se padece unha curiosa fobia á Memoria.

Violencia
PAN POR PAN mércores 24 setembro

Hai menos dun ano, no instituto de Tuusula, perto de Helsinki, un mozo mataba a oito persoas antes de suicidarse. Onte mesmo, en Kauhajoki, outra pequena cidade finlandesa, repetíase o mesmo argumento: neste caso co asasinato de dez compañeiros. A nova sorprende sobre todo pola súa ubicación: Finlandia non está habituada a situacións violentas e os seus resultados educativos son os mellores en diversos estudos como o Informe Pisa. O tema, pois, é moi complexo: o que antes só pasaba nos Estados Unidos hoxe pode pasar en calquera lugar. É unha consecuencia tóxica da globalización: non hai fronteiras posibles nun mundo onde os autores destas macabras fazañas se ven a si mesmos como personaxes mediáticos que colgan as súas ameazas en Internet. Houbo épocas máis violentas na historia, pero daquela só as vítimas directas coñecían o horror. Non se invenrara aínda o Youtube.