13 feb 2009


DENDE A PALABRA, DENDE O CORAZÓN (PRIMEIRAS ANDOLIÑAS)

O próximo domingo, día 15 de febreiro, o xornal GALICIA HOXE agasallará a todos/as os seus lectores cun exemplar de
DENDE A PALABRA, DENDE O CORAZÓN (PRIMEIRAS ANDOLIÑAS),
unha escolma do primeiro ano da miña sección nese xornal, outubro 2003-outubro 2004, antes de abrir o blog.
Son un total de 180 artigos de moi variada temática, enriquecidos cun fermoso e xeneroso limiar do amigo Afonso Vázquez-Monxardín.
Moitas grazas dende aquí a Caetano Díaz, a Miguel Seoane e a Afonso.
Reserven o seu exemplar no quiosco. Se lles parece.
Paraninfo
X. L. Méndez Ferrín, Faro Vigo 13-12-09

O artigo completo


(...) Esoutro día estivemos, pois, no paraninfo da Universidade Compostelana para escoitarmos o discurso de recepción de Margarita Ledo Andión na Academia Galega. Por un momento, dúas academias sobrepuxéronse nun só paraninfo.Os paraninfos foron no século XIX templos da ciencia liberada da autoridade eclesiásticas. Habilitado o de Compostela no interior dun edificio que fora expropiado á Compañía de Xesús para ser destinado a sede universitaria polo liberalismo, axiña cobrou o paraninfo un intenso valor simbólico. Na súa decoración non locen elementos relixiosos e só figuran alegorías e os nomes das grandes figuras claustrais. Ninguén coma Otero Pedrayo soubo evocar os días da Lei Moyano nos que, rosmando os moderados o Himno de Riego polo baixiño, se ergueron os paraninfos das universidades e dos Institutos de Galicia e de España; mesmo como trasuntos dos templos masónicos. O cerimonial da universidade española contemporánea procede daquela época. Tamén vén dela a regularización do traxe académico e as cores das facultades en mucetas e barretes. A etiqueta académica española uniformouse visualmente e os usos e costumes tradicionais das vellas universidades desaparecen seguindo a pauta do centralismo burgués de inspiración napoleónica. A Universidade Central de Madrid era a única que podía dispensar o grau de doutor e, igual que Galicia desaparece escartelada polas catro provincias e os novos municipios, a Universidade Compostelana pasou a ser una simple dependencia de administración de instrucción pública con sede en Madrid. O latín desaparece das aulas pero o galego non entra nelas. A Universidade Compostelana convértese nun axente de castellanización de Galicia sumamente efectivo.Durante o século XIX e até días moi recentes a Universidade e a cultura galega viviron de costas. Non hai moito o historiador Villares Paz ingresaba na Academia Galega nun acto celebrado no paraninfo compostelano. Acaba de facer o propio Margarita Ledo, profesora universitaria coma Villares e Rosario Álvarez, e o presidente Barreiro. Todo parece indicar que as academias conflúen.
O Bipartito repetiría na Xunta fronte a un PP que perdería un ou dous escanos", di o CIS

A enquisa do CIS, en Galicia Hoxe 13-2-09

Socialistas e nacionalistas poderían reeditar o Bipartito á fronte da Xunta de Galicia se se cumpren os resultados da enquisa preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que sitúa o PP como gañador das eleccións, pero cun e dous escanos menos respecto dos 37 que ten na actualidade, mentres que o PSdeG conseguiría dous deputados máis ata os 27 e o BNG quedaría cos seus 13 actuais ou ata podería perder un.

Aproveiten para deixar, como outras veces, a súa previsión de resultados.
CADERNO ABERTO
Internacionalizarmos a cultura galega

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO en Galicia Hoxe 13-2-09

12 feb 2009


RECOMENDABLE
Grafismo de Sara Lamas

No blog SIBILA, unha colección de Aforismos de Ética, Estética, Política, Crítica e Erótica Poética, de Claudio Rodríguez Fer.
Darwin o revolucionario
CRAIG PATTERSON, galicia hoxe 12-2-09

Celebramos esa semana o bicentenario dun dos seres humanos que máis mudaron a nosa maneira de entender o noso lugar no universo. Por medio da súa visión integradora da biodiversidade e da selección natural, o ser humano moderno puido optar a unha vida guiada polo empirismo da ciencia. Por iso Darwin foi un auténtico revolucionario, e son poucas as revolucións que compaxinan dunha maneira tan axeitada e pacificamente o rexeitamento da orde establecida e o liberador acto de asumir unha verdade centificamente innegábel. Deulle, literalmente, unha volta á tortilla da ríxida sociedade do seu tempo.
Non lle foi nada doado ao autor de A orixe das especies tomar a decisión de publicar unha obra que se xestara na viaxe arredor do mundo que fixo no Beagle (1831). Inda que el se fora achegando cada vez máis a unha visión atea do universo, ben sabía que a polémica que xeraría a súa obra lle podería arruinar a reputación para sempre. Ben sabía que o seu libro revelaba unha existencia case cruel e nada requintada. As fermosas e terríbeis leis do determinismo biolóxico non reflicten unha natureza perfecta porque a natureza non o é: ollemos as imperfeccións do ollo humano, por exemplo, ou a forma dalgúns dos bechos máis estrafalarios do ecosistema. Pero agasalla o ser humano coa conciencia da fatídica lei do máis forte, coa absoluta necesidade de vivir conforme unha norma moral se pretendemos ser o organismo máis evolucionado se non ilustrado da natureza.
Unha vez nunha festa nun piso de Chicago, encetei conversa cunha profesora de instituto. Parecíame unha persoa bastante aberta, ata que me confesou que nas súas clases lles aprendía aos rapaces que un deus creara o mundo en sete días. Ao pensar nese novo grupo de mozos que sairían do colexio cos miolos lavados, púxenme a pór en dúbida as bases das súas afirmacións, e a conversa acabou nunha situación un tanto incómoda. Non o dubidemos: Darwin deunos as ferramentas para crearmos un mundo sen demos nin anxos, pero a tarefa inda está por cumprir ao deixarmos que o ensino estea influído por institucións relixioso-políticas ao xeito da Palin. A revolución na cosmovisión humana que causou Darwin en 1859 só terá un equivalente se no futuro aterran os marcianos no céspede da Casa Branca.
Androlla
BIEITO IGLESIAS, ECG. 12-2-09

Ao acollido das refoladas de vento e dos aires cativos que sopraron o domingo a favor e en contra da manifestación polo apartheid lingüístico, tiven ocasión de mougar unha androlla achegada por Montse Aira, amiga que trouxo o embutido desde as terras do Cebreiro, do lugar de Rabaceira por máis sinal. Por parte dos ósos embuchados no pedro, tamén se comeron chourizos de carne (nada de chourizos de chofre), repolo e cachelos. Unha comerota ideal para combater este inverno caroal que amorica nos altos trousos de neve. Se aquí se implantase o sistema idiomático escolar do País Vasco, tal como defenden "Galicia Bilingüe" e o Partido Popular, cunhas aulas en galego e outras -separadas- en castelán, dacordo coa lingua materna, moitos rapaces non terían onde aprender palabras como "pedro", "chofre", "trouso", "caroal" ou "refolada", esta columna sería ilexible para eles e un servidor daría en comunicarse, vía médium e en sesións espiritistas, cos devanceiros que descansan onda o galo cataventos do campanario.
Non é que rabee por palicar con Gloria Lago, Rosa Díez ou Ana Pastor, preferiría practicar o reintegracionismo no Río de Xaneiro e faltaríame tempo para fuxir cara alá se tivese conta nas illas Caimán, como ese ex candidato do PP por Ourense. Vou facer, así e todo, unha precisión sobre a lingua materna e o fracaso escolar, que Díaz atribúe ao ensino en galego. A miña nai falou galego 63 anos e italiano 17 (os que morou na Suíza); conforme ao modelo dos manifestantes dominicais, debería ser instruído nas linguas de Rosalía e do Dante, pero estudei en instituto franquista monolingüe en castelán. Sendo galegofalante, seica estaba condenado a fracasar no bacharelato, porén obtiven o mellor expediente académico da miña quinta. Non llo apoñan ao idioma galego, o fracaso escolar élles cousa de parvos.
Manual de amor.
Andoliña venres 13-2-09

Por un blog dunha autora galega, Lula Fortune, souben que na Biblioteca Capitular de Verona encontrouse o primeiro manual para escribir cartas, do século XII, asinado por un tal Guido, quizais un crego, e que inclúe un capítulo dedicado ás cartas de amor. Seica saíu no xornal La Repubblica, segundo a propia blogueira.

Alí, nese capítulo sobre as perfectas cartas de amor, aconsella gabar sempre a beleza e calidades da amada, con exemplos de parellas mitolóxicas (Paris e Helena, Píramo e Tisbe), usando imaxes de pedras preciosas ou enviando "tantos saúdos como peixes hai no mar" ou "flores leva o verán". Convén referirse ó sentimento de amor como algo imposible de describir: "ámote tan fondamente que non sería capaz de explicalo aínda que todos os membros do meu corpo puidesen falar". Tamén fala ese manual de bicos, apertas e "cousas doces, cousas para facer xuntos" e recomenda dirixirse ó destinatario con expresións deste xeito: "a túa beleza sabe que...", "a túa dozura coñece...".

Outras expresións refírense ó tópico do mal de amor: "a mente non responde", "o ánimo enlouquece de tanta alegría". Que sorte tiveron as mulleres amadas naquela xeira, cando menos na literatura.

11 feb 2009


DE LETRAS E DE SIGNOS
Eluana descansa
POR ANXO TARRÍO VARELA, Galicia Hoxe, 11-2-09. Ilustración, A.Goyanes.

Aínda sentindo un total respecto por quen poida pensar doutra maneira, resulta moi difícil comprender cómo hai quen prefire ver sufrir unha persoa e todo o seu entorno familiar antes que ceder a unha eutanasia que, en casos como os de Ramón Sampedro ou Eluana, estaba máis que xustificada. Un querería saber se quen defende esas cativas (cautivas) vidas, cheas de sufrimento e desespero pasou algunha vez por ter na súa familia un caso semellante. Dá a impresión de que non, non saben o que é ter un familiar enfermo no seu día a día, con dores ás veces insoportábeis; con dependencias absolutas, dende inxerir a comida até todo o que supón o necesario mantemento diario da hixiene, e sen esperanza de volver a ter unha vida normal nunca máis. O cronista sabe de que fala.
Resulta inhumano impoñer as propias crenzas sobre o sufrimento dos demais, administrando así os males alleos sen ceder aos argumentos máis elementais acerca dunha vida sen posíbel aumento de calidade pola que se xustificaría a esperanza de que algún día volvería o enfermo a gozar de plena autonomía e dos praceres aos que acceden os que están con boa saúde. É tan elemental que mesmo dá algo de vergoña dicilo en voz alta. (...)


Políticos.
Pan por pan 11-2-09

Dicían os manuais do xornalismo que só as malas novas se converten en noticias. Será por iso que os políticos que saen nos telexornais son noticiosos, pero pouco dignos de aplauso. Políticos enfouzados na corrupción que estenden o mar da dúbida sobre toda a clase política, para desgraza dos honestos, que tamén os hai. Políticos que gañan as eleccións co poder do medo: velaí a vitoria da dereita e a extrema dereita en Israel, nación que se sente acosada, mesmo despois de causar máis dun milleiro de mortos en Gaza. Políticos carroñeiros como Berlusconi, quizais o máis detestable de todos, querendo forzar as leis para impoñer os seus dogmas contra o sentido común. Dezasete anos en coma irreversible e en estado vexetativo: quen pode desexar esa tortura para a propia enferma e a súa familia? A única verdade do caso Eluana está no que o seu pai sufriu ó despedirse dela nos seus últimos dez minutos de vida.

10 feb 2009

Furrichado
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 10-02-2009

Eu sempre dixen ‘furrichar’, aínda que tamén oía normalmente ‘firrichar’, cirrichar’, ‘zurrichar’ e outras formas parecidas. Agora, co avance da lingua light, xa non se oe moito disto, pero vostedes seguro que me entenden. O caso é que papei un susto cheiroso.
Cóntolles.Pedín coche prestado -tiña o meu a pintar- e parei nunha gasolineira na autopista a Santiago. Baixei bufando, abrín o depósito, collín a mangueira, introducina no burato e apertei. E por primeira vez na miña vida furrichoume para fóra. Coñecese que non metera suficiente o bico da mangueira -non coñecía ben os sangumiños do depósito- e o gasóleo debeu petar nalgunha revolta do camiño que se desviou cara a min, cuspíndome maleducado. Instintivamente apertei a man e furrichou aínda máis. Enzoufeime lixeiramente. Garabata. Camisa. Chaqueta. Pantalón. Metín de novo e máis fondo o cano, botei o que quería, entrei no baño, lavei as mans e divertido, pensando no arrecendo que me ía acompañar nas xestións santiaguesas, dirixinme á amabilísima caixeira.
-Mire, eu sonlle empregado desta empresa e acabo de ter un pequenísimo accidente laboral e...
Abriu os ollos de cuarta e atalloume incrédula mentres ladeaba a cabeza:
-¿Empregado?
-Si, veño de estar traballando para esta gasolineira e quería saber se o meu seguro como traballador...
Non saia ela do seu asombro aínda que algo ía cheirando.
-¿Como di?
Entón expliqueime o mellor que puiden.
-Si. Mire. Nas gasolineiras ‘normais’ hai uns traballadores que fan o seu traballo botando gasolina e gasóleo nos coches, por eles se cotiza, teñen a súa preparación para andar con líquidos inflamables e perigosos e o seu seguro de responsabilidade. Nesta gasolineira xa non hai eses empregados pero como o traballo non desaparece, débeno facer outros moitos traballadores momentáneos, non sei se ilegais, pero si sen contrato nin preparación que á súa vez son clientes. E non entremos xa en que se aforran media ducia de soldos e deberían vender máis barata a gasolina como forma de pagamento compensatorio a nós, polos minutos do noso traballo temporal...
A moza, moi disposta -atendía á vez a caixa xeral da tenda, a dos surtidores e a barra do bar onde preparaba cafés e puña torradas e bocatas-, escoitou o discursiño con cara de entender o que lle eu dicía, tatexou un ‘síntoo’ sentido e un ‘¿quere facer unha reclamación?’.
Entón rin e díxenlle: -Non, muller, non. Só queria botar unha risa contigo e tomar un café con leite.Sorriu comprensiva -e aliviada- e deu volta cara a cafeteira.

Credibilidade.
pan por pan 10-2-09

Xosé Vilas Nogueira, no seu día especialista no Estatuto Galego, foi redactor das Bases Constitucionais da UPG e ANPG. Hoxe, despois de paradas en ribeiras como Esquerda Unida, escribe en Libertad Digital e chámalle ‘social-nacionalistas’ ós membros do bipartito.A súa viaxe da esquerda á dereita non é un caso illado: velaí, en clave galega, Pedro Arias, que xa lle chamou subnormal a un ministro, ou Miguel Cancio, por poñer dous casos. A nivel español, a lista é longa: César Alonso de los Ríos, Pío Moa, Jiménez Losantos, Gabriel Albiac, etcétera. Por suposto, están no seu dereito a cambiar de opinión dende o comunismo, o maoísmo ou o trosquismo ata a extrema dereita nalgúns casos. Aínda que, sen facer antes unha mínima autocrítica, tamén sexa difícil outorgarlles credibilidade.

9 feb 2009

Ferrín: firme puño de liberdade.
Luís González Tosar.
ECG. 8-2-09

Cheguei -de Buenos Aires- a Vigo, en 1969. Matriculeime en 5º de bacharelato no Instituto Santa Irene e cadrei nun grupo moi xeitoso que agromou arredor de Xosé Luis Méndez Ferrín, o noso profe de repaso de Literatura española de 4º, polas tardes. Un día chéganos a nova de que Ferrín estaba preso. Nós sabiamos mellor ca ninguén que el non facía proselitismo barato. O seu estilo era moito máis fino, clarificador, didáctico, aprendéndonos a descubrir a realidade por nós mesmos, abríndonos os ollos adolescentes ás contradicións da abafante ditadura. Durante aquelas clases, fenomenais, nunca lle escoitamos unha palabra descalificadora de Ramón Piñeiro. Pola contra, animounos, aos catro ou cinco do grupo, a ir visitar a Piñeiro unha vez que estivesemos en Santiago. "Vaivos recibir ben, vaille gustar" afirmou. A grande aventura -promovida por Ferrín- daquel COU foi unha viaxe a Madrid, para asisitir ao teatro do Círculo de Bellas Artes. Representaban Luces de Bohemia e alá fomos -unha ducia, profe incluído- en autocar.
Regresamos felices polas reviravoltas da Canda e do Padornelo, cantando, orgullosos do noso profe, sabedores de que estabamos trasgredindo. E aínda que entón non entenderamos algunha cousa, foi un tempo de útil preparación para enfrontarnos á realidade universitaria dos 70, en Compostela. Coñecín, en 1974, a Carlos Casares e a Ramón Piñeiro, fun amigo dos dous. Non por iso cortei, nin enfriei, a vinculación con Ferrín. Piñeiro falaba ás veces de Ferrín, considerábao grande escritor, destacaba nel a integridade, a firmeza de carácter. Certa vez comentou que non lle importaba o de Ulm Roam. Consideraba o personaxe como literario e que tiña máis da creatividade ferriniana ca da súa propia biografía. Corenta anos que pasaron, desde a tardiña na que o vin entrar no bar do Santa Irene a coller tabaco, até hoxe, cando Galicia enteira homenaxea a Xosé Luis Méndez Ferrín, nos setenta anos do seu firme puño de liberdade.
Sen política portuguesa.
Méndez Ferrín.

Faro Vigo 9-2-09

A inexistencia dunha política exterior é unha das características da Xunta de Galicia que presidiu Touriño. Moi especialmente notouse a faltar unha política para Portugal. Con Fraga Iribarne a Xunta tivo unha política cubana e unha política portuguesa, secundada por Fidel Castro e por Mario Soares respectivamente. Mais toda a administración Touriño viviu de costas a Portugal, sen que Quintana ousase corrixirlle nesta materia a plana ao presidente. As conversas sobre o AVE foron vistas polo pobo como frías e insinceras. Nada semellante a aquela xeira do presidente Soares polo provincia do Alto Minho que culminou nunha recepción en Valença aos intelectuais galegos, nos que Fraga Iribarne se apresurou a incluir a Camilo José Cela e así. A liga dos concellos do Limia non sei se é viva ou morta e a dos concellos do Miño xa a anulara o gobernardor Jorge Parada (PSOE) hai un mundo de tempo, por ameazar a unidade de España. Funciona, con escaso ánimo apesares de que o seu xerente, meu amigo Mao, é un entusiasta sincero, o Eixo Atlántico. Esta alianza de municipios é de alcance político moi limitado e son moitos os galegos que aspiran a máis no que se refere ás relacións entre Galicia e Portugal.Entre as posibilidades reais que nos ofrece a Unión Europea está a de constituir euro-rexións. Unha euro-rexión factíbel cuxa posta en vigor reportaría beneficios de todo tipo aos pobos de aquén e de alén Miño e Xurés sería a que englobase o Noroeste ibérico, ou sexa a actual Galicia e o Norte de Portugal até a bacía do Douro (incluída). Os territorios galegófonos da Asturias Occidental, León e Zamora estarían incluídos nesta euro-rexión que só podería chamarse co vello nome de Gallaecia. Sei ben que existen reticencias ideolóxicas e políticas, así en Portugal como en España, que levan un mundo de tempo tratando de frear ou adiar o proxecto. Hai xa moito que a miña familia e os seus amigos vigueses somos, por utilitarismo, usuarios do Sa Carneiro do Porto, onde hai un letreiro que di: "O aeroporto de tódolos galegos" (en galego). Se observamos o movemento de mercadorías nas es-autoestradas e estradas de Galicia non podemos ignorar o aumento de vehículos portugueses ano tras ano. Cada vez más os visitantes portugueses de lecer non son só os siareiros do Corte Inglés de Vigo e chegan en masa a Compostela e á Coruña, cousa que hai pouco tempo non facían. Ao revés e en dirección ao Sul os nosos conveciños fanse cada vez máis frecuentadores de Portugal. As únicas librarías do territorio español que venden literatura en portugués son algunhas de Galicia.Pois ben, a Xunta actual BNG-PSOE non diu pasos avante na constitución da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Por suposto, á oposición do PP este tema parécelle espiñento e propicio a rachar España e, sempre maís de Aznar ca de Fraga Iribarne, Núñez Feijóo e Corina Porro únense ao histerismo da Galicia Bilingüe que detesta desde as simas da alma a restauración da unidade histórica galegoportuguesa. Esperemos que no próximo Parlamento do Hórreo se trate por fin deste tema despois das eleccións. Pro teñen que aparecer novos actores e actrices no escenario

NORABOA.

A miña noraboa a Agustín Fernández Paz, premiado con xustiza e todos os méritos pola AELG.
E graciñas tamén por isto:
"Igualmente, farase entrega dun galardón á Sección de Literatura do Liceo de Ourense, personificada na figura de Marcos Valcárcel".

Anos 50 / A Mirada Retida
Marcos Valcárcel
La Región 08-02-2009

Francisco Fariña Busto, director do Museo Arqueolóxico, garda unha boa colección de fotos de paisaxes e edificios da nosa cidade, realizada polo seu pai, Luciano Fariña. As que eu vin son dos anos 50, concretamente de 1956, creo: estaba aínda en construción o Colexio Marista na rúa Bedoya, por exemplo.Da mesma época debe ser esta que escollín hoxe, o edificio, ó carón do Goberno Civil, onde ten a súa sede o Instituto Nacional de Previsión. Supoño que foi unha das grandes obras da época, cando o Paseo aínda non estaba cheo de altas torres.O edificio, no que eu observo, non cambiou moito dende aquela: a foto foi tomada nun día tranquilo, sen automóbiles, quizais un domingo. A imaxe respira un ton de gran pracidez no pasear das xentes ou no paisano que se achega en bici, que ben podería ser Antonio Ricci, o protagonista de ‘Ladrón de bicicletas’ (1948).Para os que non vivimos esa época, o cine, sobre todo o neorrealismo español e italiano, é como un álbum de fotos de familia ou un caixón de soños perdidos. Pero, mentres soñamos, vivimos como plenamente reais esa nostalxia dos tempos non vividos.

7 feb 2009

Dinamita para San Francisco.
Afonso Vázquez-Monxardín.

La Región 07-02-2009.

Vicente Risco era moi listo e coñecía a cidade de Ourense como se a parira. Pedra a pedra, xente a xente, historia a historia. Por iso, hai oitenta anos, cando escribiu O Porco de pé, a primeira novela galega moderna, púxolle un final simpático. A apoteose da mediocridade representada na escena final: o incendio da Biblioteca como fondo ante a pasividade das ‘forzas vivas’ enredadas nunha festa de claudicación. Pois ben, non andamos hoxe lonxe. O que pasa é que agora é de verdade. O claustro de San Francisco está para caer.
Xa ensaiamos todas as formas posibles de combinacións políticas. Gobernos todos dun (aquí, alá e acolá), todos doutro, gobernos entrefrebados en varias combinacións...e nada funcionou. Polo tanto, a cousa pola política dos partidos non parece ter solución. Entrementres, unha cidadanía, pasiva, resignada, cada vez que comeza outro capítulo do esperpento di ‘vaia por Dios’, ‘outra vez’ e pasa a páxina do xornal rápido como para escorrentar a culpa e esquecer os anos que leva pechado e aqueles fermosos frescos renacentistas aparecidos no inicio da obra e desaparecidas coa deixadez posterior. Logo detense nas esquelas que, como saben, é o pasatempo favorito dos ourensáns. O político de turno explica de novo que nós non entendemos ben o problema, que é todo moi complicado e trata de sinalar a outro. E agora vai a Consellería de Cultura e di que o Goberno central oculta datos. Cando o Demo non sabe que facer, espanta moscas co rabo. A min, como espectáculo gratuíto sempre me gustaron máis as cheas do río desde o mirador de Oira. Somos caldo de cultivo de ditaduras: unha sociedade civil inerme agardando que sexa sempre outro o que solucione as cousas. Pero ¿imos, meus queridos concidadáns, permitir que as leguleias de empresas manifestamente incompetentes e uns xuíces excesivamente comprensivos deixen caer o claustro? ¿Imos permitir que sexan o vento e chuvia os que rematen a obra da desidia colectiva? ¿Imos permitir que o noso Concello siga a camara lenta? Non señor, non. Non deberiamos.
Hai moitos anos, en 1981 ou así, pedín dinamita para voar o ‘Volter’ -que eu sempre chamei Tucho-, porque era unha ignominia deixalo agonizar entre saudades literarias pero sen mover un cella. Ninguén fixo caso, claro, e as termites e a chuvia fixeron moi profesionalmente o seu traballo. Agora creo que debemos reclamar con forza dinamita para o Claustro de San Francisco. Porque se a cidade non sabe máis que ver aos políticos dándose coa cachiporra falsa como no Barriga Verde, ou cantando a coro aquilo de ‘fuches tu, fuches tu, o que fuches cagar no palleiro; fuches tu, fuches tu, que aínda levas as pallas no cu’, pois ben, se todo é así, o non-remedio pero si alternativa ética, é a eutanasia activa. Como nas películas en que o vaqueiro mata ao cabalo para que non sufra. Como o fidalgo de Otero Pedrayo que cruza Galicia para ser el o que lle ferre dous tiros ao can vello e enfermo, compañeiro de cazatas lembradas. Ademais, está desacralizado o recinto e non é xente...
Que sexa o Concello, ou sexa o noso nós máis próximo e colectivo feito forza, coas mans dos veciños que o queremos, e en lembranza das fotos de vodas que alí se facían, o que meta a dinamita e remate coa agonía. E que o vexamos todos todiños metidos ao quente nas augas mornas da Chavasqueira ou Outariz, cunha presa de castañas municipais e un cacho de empanada na man. Propaganda gratis nos medios de Europa. ‘Un concello voa un claustro gótico no medio dunha festa termal para os veciños’. E logo de derrubalo, podemos proxectar para o solar, un ‘centro de interpretación da cultura medieval’ dedicado á cidade de Ourense, mon amour.

6 feb 2009




Feijóo arreda o número un por Ourense por cobrar comisións a través dun paraíso fiscal .

O candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta xustifica a decisión de sacar da lista a Luis Carrera Pásaro polas súas "irregularidades con Hacienda" .

EL PAÍS 6-2-09
O arraiano Martin Sheen e o poeta cimarrón,
Manuel Rivas

Ferrinianos e ferrinistas
O autor de 'Con pólvora e magnolias' recibe unha homenaxe no seu 70º aniversario
XOSÉ MANUEL PEREIRO 06/02/2009

Homenaxe a Méndez Ferrín, de MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Méndez Ferrín, por ANTÓN BAAMONDE
Ferro. Pan por pan 7-2-09
Foi onte o día de Xosé Luís Méndez Ferrín, homenaxeado en Vigo cunha cea e un libro de homenaxe, ‘A semente da nación soñada’.Estiven alí co corazón, non coa presenza física. Ferrín, a quen os amigos máis ferrinianos chaman o Ferro, é hoxe símbolo de moitas cousas. Antón Baamonde, que nunca foi ferriniano, comenta nun blog o impacto (perdón, don Vicente) que supuxo na nosa cultura a aparición de libros como Con pólvora e magnolias ou ‘Crónica de nós’: eu podería dicir onde estaba e con quen o día que lin por vez primeira eses libros.E o mesmo cabe dicir de obras mestras como ‘Arraianos’ ou ‘Estirpe’. Co tempo tiven a honra de presentarlle en Auria algunha novela e de ter con el certo trato de amizade, con citas periódicas en Celanova ou en actos da Academia. Hoxe teño outra imaxe do Ferro que en nada diminuíu a súa valía literaria, ó tempo que agrandaba a súa calidade humana.



Formación y Futuro.
Lalo Pavón.


Mellor preparados os nosos mozos, teñen que emigrar para traballar ...

En LA REGIÓN 5-2-09