

Co desprazamento da vida bohemia (dos beatniks dos 50 ata os hippies dos primeiros 70) ao Village cobrou un vigor extraordinario neses anos de efervescencia contracultural. Desa época datan os episodios máis célebres: Joplin, Hendrix, Dylan, Cohen constitúen o abecedario dos seus cuartos, cos correspondientes relatos, xa míticos, de destrucción ou amor. A última (coñecida) historia de perdición e abismo foi executada por Sid Vicious e a súa fiancée Nancy na suite 100 dese lóbrego albergue.
Agora eleva a súa fachada escurecida de balcóns de ferro no medio dunha rúa ruidosa, de poucos comercios e xa ningún teatro, apenas visitada, agás por aqueles que se adentran por ese decadente barrio con afán de comprobar que o edificio segue en pe e que as ánimas suicidas que algunha vez amaron non teñen peto onde ficar ancoradas. Mirei o hotel desde a outra beirarrúa un día de cinza e imaxinei a terra leve con aqueles nomes de amantes, cheos de balbordo e furia.
Leonard Cohen cantou as súas batallas de pluma e lume con Janis, enfundado nunha gabardina coas solapas levantadas, cos arpexios fráxiles e coa voz dun ensalmo tristísimo. Pero o Chelsea Hotel ha ocupar a historia sentimental, porque foi alí onde Bob Dylan escribiu para Sara Sad eyed Lady of the Lowlands, esa melancólica despedida que soa mentres escribo esta lembranza.






































