7 ene 2009


CENTENARIO DE DARWIN

DARWIN FÓRA DAS ESCOLAS. ANDOLIÑA xoves 12 febreiro 2004.
Hoxe celébrase o Día de Darwin que convoca a científicos, antropólogos e estudosos de todo o mundo no 195 aniversario do seu nacemento na localidade británica de Shrewsbuy. Para conmemorar o evento programáronse actos en varias universidades de Inglaterra e Estados Unidos. Neste último caso téñeno máis difícil: hai aínda cinco estados norteamericanos –Georgia, Kansas, Kentucky, Oklahoma e Virxinia do Oeste- que poñen en dúbida nas escolas as teorías do pai do evolucionismo e só admiten a interpretación literal da Biblia. É a América “involucionista”, baixo o pulo da ultradereita relixiosa que logrou que, neses estados, case un 60 por cento da poboación afirme como crible a explicación bíblica da creación, fronte ao 9 por cento que se inclinou pola teoría da evolución (o resto ve ámbalas dúas como compatibles). Debe ser un espectáculo un profesor de Ciencias explicando a orixe do home e rebatindo a Darwin: gustaríame velo.
Por certo, tamén en Santiago de Compostela algún docente foi perseguido e expulsado por querer levar as teorías de Darwin ás aulas. O profesor Xesús Alonso Montero publicou hai anos un traballo en “Los Cuadernos del Norte” sobre a persecución do darwinismo en Galiza. O rector compostelán presumía a finais do século XIX de que na biblioteca da súa Universidade nunca entrara unha soia obra de Darwin. Pero todo iso sucedía hai máis de cen anos. Mira ti por onde levámoslle un século de distancia a Georgia ...

Dedicada a Pepe Trebolle

Como non! A quen íamos dedicar esta fermosa imaxe dunha Baiona das lembranzas, enviada polo amigo XGT., senón a Pepe Trebolle e á súa dona?

Zapping.
PAN POR PAN mércores 7 xaneiro.
Imaxe, Christine Dumbsky.
Está claro que a Televisión ten outras linguaxes, outros medios e outras teimas. Por, exemplo, nos últimos tempos, a obsesión pola neve. Cada dez minutos sae un reporteiro dalgún programa nun pobo asolagado pola neve, entrevistando a algún paisano aterecido: é como se os xornais titulasen todos os días NEVA E SEGUE NEVANDO en letras grandes. A TV domina moi ben a linguaxe fragmentaria, a mensaxe rápida, breve e pouco substanciosa.
Velaí os múltiples programas de zapping con contidos morbosos ou escatolóxicos, curiosidades de bichos e animais, batacazos e choques de coches ou motos e algunha desgraza, ademais de artistas aspirantes a un record Guinness. Con todo ese barullo faise unha televisión fácil, tantas veces repetitiva e, sobre todo, barata. Co auxilio ademais de Youtube onde hai un catálogo millonario de chorradas diversas para copiar e difundir na pantalla de TV.

6 ene 2009

Xeoloxía e Historia de Galicia
X. L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo 5-1-09


Nas raices profundas da palabra Historia está o verbo grego historein "narrar". Chamámoslle, pois, Historia ao relato cronolóxico dos acontecementos humanos do pasado, especialmente se se manifestan en fontes escritas. Logo ampliouse a noción e pasouse a falar de Historia Natural porque somos, obviamente, antropocéntricos. Fálase e escríbese de Historia da Terra ao ordenar diacrónicamente as súas mudanzas, e tamén de Historia do Universo. A palabra Historia inclúe matices semánticos diversos se nos referimos á sucesión dos acontecementos dos seres humanos, á evolución das especies ou ao transformacións da materia no Cosmos. A aparición da vida e a súa complicación sobre a Terra até chegar á nosa especie constitúe un clic mínimo no reloxio do Cronos cosmolóxico. Pro a Historia dos humanos ten como característica a de ser a única Historia que os humanos temos.
Juan Vidal Romaní, xeólogo, parece militar nas fileiras dos descontentes polo activación do exercicio da Memoria galega do 36. E escribe un artigo no que fai un reconto daqueles bens xeolóxicos e paleontolóxicos que posúe Galicia que nin se protexen nin se divulgan debidamente. Refírese aos xacementos do Caurel cuns restos fósiles gravemente ameazados. Fala do colosal conxunto do Ortegal, o Pindo, as Cies, o Galiñeiro que se erguen sobre o fenómeno, singular do Mundo, das rías. Bon coñecedor do Cuaternario, o doutor Vidal Romaní fainos acordantes dos vellos glaciares dos Ancares, Pena Trevinca, Manzaneda, o Xistral, o Xurés. Logo, cedendo á fatalidade do antropocentrismo, o profesor considera as centrais térmicas como verdadeiros Auschwitz dos lignitos e restos orgánicos fosilizados. E sinala co dedo ao decer, coma tal, que unha cementeira (compría o nome da compañía e os nomes do consello de administración: Historia) vai acabar coa Cova de Eirós e sos seus vestixios do urso cuaternario. E despois de mencionar Ézaro como emblema da destrucción da Natureza, o doutor Vidal Romaní continúa coa súa lista de agresións á Galicia xeolóxica engadíndolle unha simpática especie de bolboreta viva que conserva as súas características inalteradas desde os días glaciares. Sen dúbida, os entomólogos galegos poderían falar de insectos actuais con morfoloxía máis arcaizante aínda. O profesor Vidal ten razón ao esixir unha política científica, hoxe inexistente, que estimule e investigación, o estudo e a divulgación da xeoloxía de Galicia pro resulta inmoral e suxo que faga esta política incompatíbel co exercicio da Memoria Histórica dos sucesos de 1936 e seguintes.
Se o doutor Vidal se achegase á Historia humana non diría Auschwitz, senón San Simón ou Celanova. Sen a axuda desa Historia non saberiamos que Isidro Parga Pondal, pai da xeoloxía galega, foi condenado ao ostracismo académico polo fascismo. Tamén sen a axuda da Historia contemporánea, social económica, ignoraríamos o importante rol dos xeólogos postos ao servizo do lucro burgués universal na predación da Terra e conseguinte padecemento dos colonizados. Se non pensamos, e sentimos, a Historia dos humanos e a loita de clases podemos chegar a lamentar a icineración dun xacemento de trilobites nunha central térmica en canto permanecemos indiferentes ante a memoria de nove mozos mariñeiros asesinados polos franquistas en Baredo, Baiona, 1936.

O Sr. Reitor e Castelao trocaban cromos
de XOSÉ MANUEL SARILLE, ECG. 6-1-09
A imaxe é un deseño de Pepe Barro, 1979.

Rodríguez Cadarso é unha das personalidades esquecidas da Historia de Galicia. Elexírono reitor da Universidade de Santiago pouco antes de proclamarse a Segunda república e foi nomeado deputado pola ORGA nas Cortes españolas no ano trinta e un. Todo iso durou pouco tempo porque Cadarso morreu en 1933, mais a pegada deste home foi determinante. Era un republicano galeguista, empeñado en que o ensino superior galego saíse da indixencia e acadase os niveis das boas universidades europeas. Durante o seu mandato Galicia incorporouse por primeira vez ás aulas como obxecto de saber.
Cadarso era un intelectual esperto e valente, cosmopolita, cargado de soños, disposto a relacionar as elites de Galicia coas de Portugal, e a levar as clases baixas ao ensino superior. Hai que lembrar que non sempre todos os republicanos, nin tampouco todos os galeguistas foron e son espertos. Estando atentos á política galega actual é moi fácil comprobalo. Dicía Alonso del Real que o máis parecido a un bobo de dereitas é un bobo de esquerdas, non un listo de dereitas, e levaba razón. Por iso é tan recomendábel admirar só o bo e absterse do bobo.
Mais na exposición que ofrece estes días a Vicerreitoría de cultura no Pazo de Fonseca, podemos tamén acariciar a dous nenos que andaban pola vida recubertos con corazas de home. Porque cando o señor reitor chegaba a Madrid buscaba a compaña do deputado galeguista Afonso Castelao e xuntos lataban ás sesións do Congreso para ir trocar cromos soltos de As Marabillas do Mundo aos quiosques e aos corros de rapaces da Porta do Sol. A prensa denunciou o caso. Cadarso dicía que eran para os seus fillos e o outro ía de colega, mais vendo aínda hoxe eses debuxos en cor, tal vez únicos na época, cos ídolos da Illa de Pascua, os peixes abisais, as fontes do Nilo, a serpe emprumada, os camelos no deserto, os claros da lúa, o fémur humano ou as partes do cerebro, un compréndeo todo.
Cadarso morreu en accidente de automóbil camiño de Madrid. Cando amortallaron o seu corpo atoparon cromos polos petos do abrigo. Onde queira que haxa nenos, existe unha idade de ouro, dicía Novalis.
O misterio da pedra roxibranca
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 06-01-2009

Por suposto que eu creo que o AVE vai chegar a Ourense no 2012, aínda que non sei ben por onde, nin como, nin sequera en que mes. Pero logo de dar arranxado o noso Concello a baixada -ou subida, depende- ao Centro Comercial Ponte Vella en só sete anos, non vexo moito problema para que en vinte e catro meses se poda decidir un percorrido, poñer de acordo a tres ou catro administracións, facer proxecto de trazado enxeñeril e arquitectónico para a estación, executar expropiacións, deseñar, planificar, adxudicar obras e construír todo.
Como ben nos ensinou o Concello con esta realización e como seica dixera un convicto de asasinato no xulgado ante a pregunta retórica do xuíz de como matara a aquela persoa, todo é pórse. Porque si, a obra de rectificación do acceso a pé ao Centro Comercial quedou, ao meu ver, moi feituca e bonitiña. No centro, unha baixada en rampla para coches de nenos e sillas de rodas pero sen seren interferidos por automóbiles. Aos lados, dobre axuda de pasamáns para as persoas que queiran agarrarse e subiren por esas amplas e fáciles escaleiras.
A obra foi efectuada con suma dilixencia e incluso lograron que tivese menos pendente. Tamén me gustan os remates floridos que contribúen a humanizar o acceso. Señores responsables -deseñadores, planificadores, executores- felicidades e graciñas.
Así e todo hai unha cousa que me chamou a atención poderosamente e que me lembrou que no momento de matar ao touro se poden ter problemas que ensombrezan a faena. Falemos do misterio da pedra roxibranca. Saben vostedes, os que ata alí pasea ran, que para impedir a baixada de coches pola rampla central, puxeron un informe pedroulo residual de obra -deses que traen as improntas nas brocas con que se furan as pedras graníticas para que escachen na canteira- e o pintaron a modo de vello punto quilométrico das estradas, vermello por arriba e branco de lado. Certamente o efecto está conseguido. Destaca. Focaliza a atención. Así, ningún pasmarote tropezará e pegará un golpe nas canelas. Como vin ao obreiro dándolle con suma atención a pintura, como vin a estrutura cúbica provisional con que a tapou vinte e catro horas mentres secaba, podo asegurarlles que nin foi preciso que viñese Ibarrola pintala, nin foi necesario roubala no Rexo de Allariz. Case estou por asegurar que ese detalle algo kitch, oposto á estética do conxunto, non estaba no proxecto. En calquera caso, parece un remate provisional. Se cadra dentro doutros sete anos, colocan unha pedra puída, de formas moi suaves e redondeadas, sen pintar, e xa parece outra cousa.

As leis da natureza.
PAN POR PAN martes 6-1-09

A miña sobremesa está a cotío chea de crocodilos que atacan ñus, elefantes que se enterran na lama e osos polares a cazar crías de foca. Non me aburren os documentais, sempre encontro algunha suxestión neles. Onte emitiron un titulado “O león cruel”. Trataba dunha familia de leóns que non seguía as tradicionais e esforzadas técnicas de caza. Pola contra escollía animais, crías sobre todo, debilitadas pola seca e dáballes un final horrible, moitas veces devorándoos vivos nunha longa agonía.
O título era enganoso: o león non pode ser cruel, nin ningún outro animal. Simplemente segue os seus instintos primarios, alimentarse, reproducirse, etc. As leis da natureza protexen a supervivencia das especies, non a dos individuos. Os homes usamos a tecnoloxía para “corrixir” a natureza coa civilización. E non sempre acertamos, nin moito menos.

5 ene 2009


A ministra francesa Rachida Dati dá a luz unha nena

Unha coñecida publicación francesa felicita a José María Aznar polo nacemento da pequena




Carmen Martín Gaite
Siruela inaugura unha Biblioteca dedicada a esta autora.

Os primeiros títulos son Retahilas, prologado por Manuel Rivas, e El cuarto de atrás, con limiar de Gustavo Martín Garzo.

Informa David González Couso, autor dunha interesante web sobre a escritora, Carmen Martín Gaite, hacia la magia.

Da miña nacencia como lector
Marcos Valcárcel, La Región, 5-1-09
(Imaxe: Tetis implorando a Zeus, por Ingres)

Lin dende pequeno, con entusiasmo de converso a unha nova relixión, e as miñas lembranzas do neno que fun lendo son pracenteiras e fermosas. Como a todos os nenos léronme contos e contáronme historias: difícil relembrar cales eran, pero recordo unha preferencia , dende noviño, polos contos de terror. Pouco despois descubrín unha fermosa colección de contos, que viñan ordenados por nacionalidades (‘Cuentos Rusos’, etcétera), creo que de Anaya. Moi neniño aínda, na casa do meu tío Exmelin devoraba os tebeos de todo tipo, os daquela época, e sobre todo ‘Hazañas Bélicas’ e ‘Zarpa de Acero’.E na casa dos meus avós de Ourense, a miña avoa gardaba dos anos de mocidade da miña tía Olguita a colección da revista ‘Chicas’, en varios tomos. Linos e relinos vinte veces cada un e quizais aí naceu a miña paixón polo cine: copiaba e debuxaba todos os días as caricaturas que viñas coas críticas das estreas: Gary Cooper, Spencer Tracy, Katharine Hepburn, James Dean, Liz Taylor, etcétera.

4 ene 2009






Que fado é este que trago?
Por Apicultor

Dedicado ao Saavedra, gran amador do fado

Adoito acudir dúas veces ao ano a Chaves para subministrarme de cousas que por aquí non hai ou que, en todo caso, presta moito máis comprar alí. Unha desas veces cadra sempre polo Nadal. A vila portuguesa, cada día máis fermosa e arranxada, é un remanso de civilización, ou sexa, de comercio pausado. A ponte de Traxano está xa libre de automóbiles e a Torre da homenaxe fica no seu lugar.

Desta vez viñeron, amén doutras cousas, un subministro de deliciosas alhadas, viño do Douro, mel suave de rosmaninho e de laranjeira, dous elegantes e sólidos paraugas de señora e cabaleiro, e, sobre todo, catro cedés de fado.

Hai en Chaves unha pequena tenda de música na que me aprovisiono. O dono, de trato e gusto musical exquisito, xa me coñece e me ofrece as últimas novidades. Un é afeccionado ao fado, non un experto, e por iso agradece o asesoramento. Os dous últimos traballos de Mafalda Arnauth (“Flor de fado”, 2008) e Katia Guerreiro (“Fado”, 2008) son, de seu, valores seguros e non fixo falta nin petiscalos. As dúas cultivan un fado clásico, diría que cada vez máis depurado. A fermosa Mafalda, que desta vez non versonea a ningún chansonier (no disco anterior fixérao con Aznavour e “La Bohème”) adoita ser eficaz letrista das súas cancións. Katia acode a poetas contemporáneos. Voces portentosas, de sensibilidade extraordinaria, son do melloriño que hoxe se pode encontrar. Mariza aparte, claro está.

Mais desta vez quería tamén homes, cantantes masculinos, aparentemente máis infrecuentes na nova fornada de fadistas. Daquela, o dilema estaba entre dous irmáns: Camané e Helder Moutinho. Ao primeiro xa o coñecía, ao segundo non. Así que, como o presuposto xa ía un tanto minguado, decidinme polo segundo e deixei para outra oportunidade o primeiro. Voz profunda e sobria, eficaz sen afectación, instrumentación tamén contida, Helder Moutinho (“Que fado é este que trago?”, 2008) presenta quince temas divididos en tres partes: fados clásicos-tradicionais, fados descritivos e fados orixinais escritos na actualidade. Todo un descubrimento para min.
O cuarto disco, aínda non escoitado, é unha antoloxía (“Fado presente. A nova geração do Fado”, 2008) que ten a particularidade de mesturar homes e mulleres, moitos deles descoñecidos para min. De seguro que nel atoparei novas voces nese amplo espectro de fadistas que, alén do estereotipo do fadista chorrón e afectado, lles animo a descubrir. Portugal, tan preto e tan lonxe, di o acertado eslogan que coido verdadeiro.

A MIRADA RETIDA
AS BURGAS. La Región 4-1-09
Marcos Valcárcel
A identidade das cidades consérvase de moitos xeitos: nos seus lugares máis emblemáticos e monumentos; tamén nas súas xentes populares e nos faladoiros que fan transmitir a memoria oral urbana, aquela coa que logo tamén traballan moitos artistas e escritores. Pensemos noutras urbes galegas: Santiago, Lugo, A Coruña, etc., en calquera delas hai un parque ou monumento que mantén a súa fisionomía orixinal dende hai case un século. En Auria tivemos o Xardín do Posío, derradeira lembranza do Ourense romántico do século XIX, e deixámolo estragar nas súas dúas terceiras partes.
Quedan as Burgas, sen dúbida o lugar máis visitado por turistas e curiosos. A súa contorna tamén variou, aínda que xa tiña un xeito de xardín arredor hai moitos anos. Vexan esta postal dun fotógrafo catalán, que me enviou un amigo (XGT). Dime que se sacou cara 1949, eu pensaría que era máis antiga. Había aínda un gran campo próximo e non existía a actual rúa do Doutor Marañón. Por riba deste campo, estaba o patio de recreo, unha horta, do colexio Cisneros, onde impartía docencia, entre outros, don Xoaquín Lorenzo.






POIS AÍ VAN AS FOTOS ...
Velaí algunhas das fotos que me trouxo Pili esoutro dia. Imaxes da miña infancia e adolescencia.
Na primeira, moi pequeno (8 anos?), o ano que fomos no verán a Foz. Logo, outra imaxe na praia, posterior no tempo (14 anos?), coa miña nai e o meu irmán Óscar, este poñendo o bañador.
Na terceira, unha Noiteboa cos avós paternos, José Antonio e Rosalía, e a miña tía Olguita, a súa filla Pilar e os meus irmáns Fátima e Óscar; os meus pais de costas e eu lendo un tebeo, creo, e pasando de todo. Supoño que aquel ano non estaban o tío Maxi e os primos de Barcelona, que viñan sempre polas festas.
Na última, máis recente (16 anos?) coa miña nai, Fátima e Óscar. Dos meus tempos de nadador no Pavillón: obsérvese a ausencia da barriguiña que xa aboiaría en Compostela.

3 ene 2009





Cine de calidade para empezar o 2009

Reviso nestes días obras mestras do cine en DVD.
Non fai falla nin poñer os títulos: seguro que as identifican vostedes cos fotogramas...

Compostela ...

Venres pasado recibín unha agradable visita: unha benquerida amiga, luguesa, coa que compartín horas e emocións nos tempos de Compostela. Pilar M.C. Agora vive en Barcelona, ten unha filla de 17 anos que se chama Laura e había uns 25 anos que non nos víamos. Souben dela hai meses por Pepe Miranda e logo ela mesma chamoume e escribiume.
Foi unha tarde para os recordos. Falamos da homenaxe do 29, na que non puido estar porque se enterou tarde, e das cousas que escribiron os amigos. Como o Sarille, a quen lle quero moito, di Pili, pero non é certo que o Marcos (ela di case sempre Marquiños) fora o único ERGA que estudaba en Compostela. “Que va! Eu si que estudaba e logo chegaban os cabróns do Marcos, cos seus magníficos esquemas, e o Bieito (Iglesias) e nun par de horas xa sabían máis que todos os demais”. Aínda así, Pili aprobou Prehistoria en 1º, os demais non porque lideraramos o boicot, case todo o curso, contra o profesor Luís Monteagudo, que estivera en Alemaña e parecíanos un nazi: xa o primeiro día de clase díxonos que el só daba clase para o dous por cento, a elite, que o resto non lle interesaban.
Pili lembra cousas que eu xa esquecín. “O día que antes de entrar o Ares, un profe de arte, crego e moi carca, enchiches a clase de panfletos tirados ó aire. Ou á saída das asembleas e o encontro cos grises: collíaste da miña man e eu xa me sentía segura. Ou o día que nunha carga o Bieito caeu ó chan coas muletas e fomos os dous a recollelo”. En Baldaio non, alí collemos medo; fomos dos que quedamos a 700 m. das marismas, baixando un longo camiño, ó ver toda a praia tomada pola garda civil.
Foron cinco horas de charla moi agradable e de evocación dos vellos amigos: Susy (vina hai uns meses en Ourense co seu marido, na charla de Galeano), Elvira, Loly e a súa amiga (esquecín outra vez o nome?) e a banda dos de Ribeira, O Carreirán (Quico Cadaval), Agustín, Santi, Aida, Daniel, etc. Saúdos a todos/as se lesen estas páxinas. Na conversa saen moitos outros nomes que non podo transcribir: Bragado, o Che do Irixo, o Celso de Maceda, Lobito (Xulio Gaioso), Sarille, Xulio Cuba, Suso Jares e un longo etc. Tamén os amigos de Lugo, de vello (Xosé Manuel) e novos (Xaime Da Pena), que a amiga luguesa nos le dende Cataluña.

Pili tróuxome ademais algunhas fotos da miña infancia e adolescencia que eu lle agasallara hai moitos anos. Algunha chegará ó blog, se non lles parece mal ...
Idiomas irreais.
M.A. FERNÁN VELLO, Galicia Hoxe 2 de enero de 2009
Felipe de Borbón e Letizia Ortiz, máis coñecidos como Príncipes de Asturias, felicitaron o Nadal cunha tarxeta escrita en castelán e en inglés. Xoán Carlos I e Sofía de Grecia utilizaron exclusivamente o castelán nas súas felicitacións e Elena de Borbón, máis afrancesada, incluíu tamén a lingua de Molière. Finalmente, Cristina de Borbón, duquesa de Palma de Mallorca e residente en Barcelona, utilizou só o castelán na súa postal de felicitación, esquecendo o idioma propio da nacionalidade histórica na que decidiu vivir. A Casa Real española, como se ve, ignora os idiomas oficiais do Estado, e non lles ten sequera ese típico e mínimo aprezo sentimental que se exhibe en datas tan sinaladas. O certo é que está ben fixada en España, resulta máis que obvio, unha forma de exclusividade impositiva do español, tanto no plano simbólico como no real, e os outros idiomas non se consideran, non se recoñecen, non existen. Se no conxunto de España se falan catro idiomas oficiais, sendo un deles o idioma maioritario do Estado, ¿por que se despreza a riqueza, o gran patrimonio histórico, cultural e social que representan os outros tres? Octavio Paz, premio Nobel de Literatura, definiu a poesía medieval galega como unha das xoias da Humanidade. E en galego escribiu o rei de Castela Alfonso X o Sabio. Chama poderosamente a atención a falta de sensibilidade lingüística e a falta de cultura humanística da Casa Real borbónica. Viven noutro mundo e o galego, o catalán e o euskera son, para eles, idiomas irreais.

2 ene 2009

Marcos Valcárcel.
Pan por pan.
La Región 02-01-2009.

Un consello. Falábase nos 90 do esplendor da nova novela española. Julio Llamazares era escéptico ó respecto e publicou entón un artigo neste sentido, recollido en ‘Entre perro y lobo’. Dese artigo tomo prestado este consello final, que segue sendo pertinente: ‘Nadie parece acordarse de que la literatura es ante todo oficio de solitarios, de que una novela -como un cocido- necesita su tiempo de cocción y de reposo, que en literatura el éxito es un factor secundario y que, para un escritor, lo más importante de ella ha de ser únicamente ayudarle a entender su tiempo o, al menos, a soportarlo. Y que, aún desde la óptica de quienes la consideran como un negocio o como una puerta a la fama, nada más contraindicado que convertir la novela en un ‘boom’ o en una moda, porque, a la larga, y por mucho que queramos ignorarlo, el destino de las modas es pasar y el de los ‘booms’ convertirse en ‘boomerangs’’.

1 ene 2009


A UPG reaviva as tensións internas do Bloque coa súa blindaxe nas listas
A forza que dirixe Francisco Rodríguez asegúrase por primeira vez o 54% dos escanos nacionalistas

A viñeta tamén é de LVG.

31 dic 2008


FELIZ 2009
(entrada 2528)

Unha imaxe de Chagall para desexarlles a todos vostedes un Feliz Ano 2009.

Voume permitir, tamén para min e para os meus, desexar que sexa moito mellor que o 2008. Os últimos meses supuxeron un cambio radical na miña vida, ben visible na aparencia física pola miña perda de mobilidade. Quizais sexa este o reto máis grande da miña vida, pero teño que afrontalo. En positivo.
E coa axuda de todos. Porque o 2008 tivo cousas moi positivas tamén: dubido que haxa moitas persoas que se sintan tan queridas como o fun. eu nestes meses. A homenaxe do 29-XI só foi un elo dunha cadea na que están moitas persoas, ademais dos propios familiares, como é obvio, e a miña sorte por contar ó meu carón con María e con Eire.

Grazas a todos e todas, por todo.
Ós meus compañeiros do Instituto, alumnos, amigos/as do blog, colegas e amigos do mundo cultural, xornalistas, etc.
Ás fisioterapeutas que me atenden dous días á semana en AODEM, Marian e Ana, e a Diego, o conductor do transporte adaptado.
A Bragado e a Xerais pola edición da Historia de Ourense.
Graciñas ós amigos ourensáns que seguen pendentes de todo, a Afonso, Benito, Moncho, César, Xulio, José Luís, Xoán, e un longo etc.
Ó amigo Eduardo Núñez, que me agasallou con dous álbums de fotos, un deles da homenaxe do 29, con case 200 fotos, que xa é un documento excepcional da vida cultural ourensá do 2008.
A Pepe Trebolle, a quen xa teño convertido no meu taxista persoal e cultural e do que algúns pensan que é o meu pai: sería un orgullo telo como tal.
E as donas de todos eles (e fillos/as), a Belén, Lourdes, Manu, Ana, Milagros, Mary Loly, etc.,
polas horas que lles rouba cumprir xenerosamente co seu fondo sentido da amizade.
Crise e barbarie
Xosé M. Sarille, ECG. 30-12-08


Leo no informe dun organismo da ONU, serio, científico, que para soster o actual nivel de consumo e ao mesmo tempo chegar ao ano dous mil trinta, farían falta os recursos de dous planetas como a Terra. Outra institución, tamén da ONU, publicou hai un tempo que con este ritmo de depredación non haberá vida nos océanos en dous mil trinta ou dous mil corenta, non lembro ben a data exacta, pero tanto ten.
Calquera que vaia mercar a un supermercado pode decatarse do que está a suceder; a maioría dos peixes teñen nomes rarísimos e formas descoñecidas; estamos devorando os intragábeis, despois de esgotarmos os máis saborosos. Eu non entendo nada de economía pero temo que nos estean enganando igual que nos últimos anos. Non querían dicirnos que a crise actual estaba a piques de chegar. Atreverse a facelo antes de que estoupase implicaba delatar aos grandes estafadores, aos que se forraban con operacións especulativas alucinantes, pero que en realidade dominaron a economía mundial mentres lles durou. Que lobby socialdemócrata sería capaz de semellante valentía? Agora dinnos todos os poderes que hai que incentivar o consumo para recuperar a produción e saír da crise. Pero claro, a cousa ten mala pinta. Como se por primeira vez non se soubese por onde tirar. O esgotamento da Terra non vai permitir que se repitan as vellas fórmulas de sempre. Regalan diñeiro público a moreas para reiniciar o ciclo. Talvez a nova burbulla especulativa se produza no horrendo Complexo militar-industrial, porque manda o curto prazo, que é un dogma inalterábel do becerro de ouro; daquela haberá que observar o valor das bombas de fragmentación no Dow Jones. Radian e televisan as bolsas como se emitisen os resultados dos partidos de fútbol. Ao mellor a solución sigue estando nos retorcementos especulativos dos brokers.
Ninguén ten unha vara máxica para resolver o problema, dirán vostedes. Non, nin sequera Obama, o rei Baltasar de estética Walt Disney que se foi perfilando no espectáculo mediático do último ano. Dá a impresión de que aínda vivimos na calma que precede á tormenta.