26 mar 2008


axenda: xoves 27 marzo
Curros, Pimentel, Alcaraz

Conmemoración do Día Mundial da Poesía
Homenaxe a Curros Enríquez (no centenario da súa morte), a Luís Pimentel e a Alfonso Alcaraz (nos 50 anos do seu pasamento; Alcaraz faleceu en decembro do 57).

17 h. Sala de Tertulia do Liceo: recital poético de alumnos/as dos IES A Carballeira, Celanova e As Lagoas, acompañados de Teresa Devesa, Loli Conde e algunhas profesoras.
20 h. Salón Nobre: mesa redonda sobre Luís Pimentel (na imaxe) e Alfonso Alcaraz, a cargo de Delfín Caseiro e o poeta Víctor Campio. Modera M. Valcárcel.
Os soldos dos choferes (e outras cousas)

algúns din que os choferes da Deputación de Ourense cobran cantidades astronómicas...

Un capitán do Exército aconsellla a unha subordinada non denunciar unha violación "por ser culpa súa" (El País, 26-3-08). Os compañeiros do cuartel de Hoyo de Manzanares exculpan ó acusado e aseguran que a moza quería vingarse por "haberle dado plantón".
Ourense, universo cultural

Diso falou onte Ramón Villares en Ourense, nunha breve, pero gorentosa charla. O que antecede é o título exacto: na prensa saíu “Ourense, universo literario”, pero o enfoque era máis amplo.
Na súa excepcional Historia de Galicia (Galaxia, 2004, pp. 401-411) xa fala Villares con detalle deste mesmo tema. Onte só precisou algunhas cousas máis. Preguntouse polo papel fulcral desta pequena cidade na nosa historia cultural, no tránsito do XIX ó XX, e comparouna con outras urbes, de maior dimensión, como Oviedo (capital universitaria) ou Toledo (capital relixiosa e mística dende a Xeración do 98).
Que tiña o Ourense da época que especificaba este ámbito cultural respecto a outras vilas galegas? En telegrama, Villares fixou catro riscos especiais:
(a) O carácter de cidade de tránsito e itineraria, dende tempos moi antigos (a Ponte medieval, o río), e comunicación vital con Castela e Portugal (papel que pode revalidarse co futuro, cando?, AVE);
(b) Unha maior integración entre o marco urbano e a contorna rural, propiciado polo marco do viño, e o papel dos señores, fidalgos e burgueses;
(c) O papel determinante da burguesía foránea, chegada de fóra de Galicia, e dos maragatos dende mediados do século XIX, xulgados polos de Nós como inimigos do país e da nosa cultura. Velaí o estereotipo dos “casteláns” e o papel de símbolo da “carretera” como mecanismo de asimilación e integración cultural (nun aparte, chegou a afirmar, retándome a min mesmo a investigar no tema, a posibilidade dun xeito de “antisemitismo” en Nós, onde os galegos serían os celtas e puros e os casteláns os novos “semitas).
(d) A existencia de sempre en Ourense de elites intelectuais, cun curioso equilibrio dende tempos medievais entre elites laicas e eclesiásticas. Nese sentido, os de Nós propóñense como as novas elites intelectuais do país, que pensan o mundo dende Galicia (e dende Ourense) e elaboran un proxecto nacional e cultural para todo o país (non son localistas, non se quedan na erudición ourensá).

Subliñou ademais a vitalidade cultural dos tempos do Rexurdimento: Lamas e O Tío Marcos d´a Portela, nacemento do xornalismo en galego; formación inicial de Curros, etc. e, sobre todo iso, hai que engadir o papel fundamental do que chamou os “anticuarios”: eruditos e arqueólogos do Instituto do Posío e da Comisión de Monumentos, que están na base da formación da Xeración Nós. Citou varias veces a Marcelo Macías e Benito Fernández Alonso (eu, se se me permite, engadiría tamén, cun papel relevante, a Arturo Vázquez Núñez).
Relacionou o papel dos de Nós co desenvolvido nese momento por Costa e Ortega en toda España (cando se decatan de que non hai nación ou proxecto nacional español) e comparou o seu labor cultural e ideolóxico ós de meirande nivel da España e da Europa toda da súa época.

(Pido perdón por adiantado a Villares e a todos polos posibles erros deste resumo. Non tomei notas nin gravamos (mágoa!) a charla. Isto é só un convite ó debate no que agardo pola participación de todos os amigos/as e contertulios).
LOSANTOS
Xabi Arias, en De luns a venres, 26-3-08

Certamente (e certeiramente) creador de filias e fobias, o locutor da Cope Jiménez Losantos afirmou o 10-M nas ondas matutinas que “media España é un lixo e un horror”, a conta da vitoria de Zapatero. Manufacturador de provocacións viscerais e anatemas contra todo e contra todos, este antigo maoísta reconvertido en ultradereitista aterroriza a diario a poboación de calquera ideoloxía que non sexa a súa propia con insultos (como a Pilar Manjón, da cal dixo que facía teatro, entre outras lindezas), amenazas de querela (a TV3 por parodialo, dicindo “que se van rir do seu pai e da súa nai”), comentarios homófobos (asegurou non querer estar nunca diante de Zerolo, polo que puidera pasar) e toda clase de insultos e descualificacións da maior baixeza moral en complicidade e cohabitación co inefable César Vidal e compañía. Eu respecto a liberdade de expresión, de toda clase e especie. Agora ben, se por moito menos hai xente que está no cárcere por delitos de expresión e pensamento, da-quela haberá que reconsiderar se é xusto que eu respecte opinións coma as deste “pequeno talibán de sancristía” (en axeitadas palabras de Luis del Olmo). Resulta inconcebible que unha radio (e por riba da Conferencia Episcopal) permita a este señor proclamar a xenreira e a bile, contravindo os mandamentos do Evanxeo.
Anselmo López Morais
PAN POR PAN mércores 26 marzo

Xa hai algún tempo que non falo con el e por iso quero hoxe dedicarlle estas liñas. Na memoria cultural da cidade das últimas décadas ten un lugar reservado o avogado e historiador Anselmo López Morais (Ourense, 1924). Cronista oficial da cidade (nomeamento no seu día envolto nunha polémica absurda), Anselmo ten na súa biografía unha longa andaina como investigador e como animador cultural, sobre todo dende o Ateneo. Son coñecidos os seus traballos sobre cerámica e artesanía, sobre os museos galegos, sobre Castelar e Paz Nóvoa ou o seu último volume “Del Orense perdurable”. Non estaría mal recoller sequera unha escolma dos seus numerosos artigos en LA REGIÓN, nas seccións “Arte en Orense” e “Orense en el recuerdo”. Sería un xesto digno de homenaxe e xustiza. Sen esquecer o seu compromiso democrático en tempos máis difíciles que os de hoxe.

25 mar 2008

Pedrayo/ Villares

Mañá, se podo, poñerei aquí unhas notas telegráficas sobre a charla de hoxe de Villares. Como sempre (maxistral). Só unha notiña moi breve agora, en clave de crónica social (sempre hai quen a demanda): acto masivo, arredor de 200 persoas, presenza de todas as autoridades locais e provinciais e adhesión da presidencia da Xunta. Moi ben o grupo musical, harpas celtas e máis cousas. Pedrayo, emocionado, pero moi correcto e atinado na súa intervención. Ademais de felicitar a Pedrayo, cunha aperta, tamén o fixen coa súa dona, que algún mérito terá, non?
Para min ten un significado especial isto: nun acto protocolario como este, promovido por unha asociación civil privada, e no marco do Liceo, non quero deixar de anotar que o 80 por cento do mesmo desenvolveuse en galego. Pois en galego falaron Villares, por suposto; pero tamén Paco Nóvoa, Emilio Atrio e o propio homenaxeado, J.C. Martínez Pedrayo (só o presidente da Asociación de Amigos da Universidade usou o castelán, nun texto escrito; logo el mesmo leu en galego a mensaxe de Pérez Touriño). Quizais isto non signifique nada, quizais si...
en poleiro alleo: a poboación, a lingua

Galicia perderá poboación
, de Xosé M. Sarille (ECG 25 marzo)

Iraq e as matrículas dos coches, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 25-III)

O galego de Santander, de Afonso Vázquez-Monxardín (GH 25 marzo)

Para min está claro. Hoxe, cando se sae de Galicia, hai un orgullo de identidade lingüística clarísimo, e aínda tinxido dun certo toque de superioridade. "Eu, aínda que estea mal dicilo, son máis rico ca ti que sei falar o teu e ti non sabes o meu". E se polo camiño, diante dos osos de Cabárceno ou tomando un viño nunha bodega de Santander, un escoita falar catalán ou vasco aos veciños, pouco menos que chiscada de ollos de complicidade de "ricos" fronte aos monolingües. "Nós, coma vós, e estes, que son boa xente e acolledora, só un". E se un topa cun portugués ou brasileiro, axiña hai un motivo de pegar na conversa popular: si, falamos parecido.
¿Complexo de falar galego? ¿Autoodio? Rien de rien. Ese é un discurso tan morto como o orneo grave dos diplodocus. Creo que por sorte o galego está a superar a tensión política a que foi sometido. Xa ninguén acepta propiedades exclusivas nin farrapos de gaita. É todo moito máis normal.


(O Afonso veu optimista de Santander, no que respecta ó futuro da nosa lingua. Vostedes, que viaxan abondo, que pensan? Cren que é atinado o diagnóstico do amigo Monxardín? Oxalá ...)

24 mar 2008


Membro de honra.
Pan por Pan martes 25 marzo

A Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo celebrará hoxe no Liceo un acto no que nomeará membro de honor a José Carlos Martínez-Pedrayo y García, actual presidente desta gran casa cultural. A xornada contará cunha magnífica conferencia sobre “Ourense, universo literario”, de Ramón Villares, que preside o Consello da Cultura Galega. Dende hai algúns anos veño colaborando co Liceo e dirixindo a súa Sección de Literatura, precisamente por convite do señor Pedrayo, pero a amizade mutua que nos profesamos non vai impedir que hoxe manifeste aquí a miña satisfacción por este merecido recoñecemento. Pedrayo leva moitos anos servindo á cultura na nosa cidade: sempre dende posicións xenerosas de diálogo, tolerancia e liberdade. Por iso, creo que todos os que compartimos esa perspectiva cultural tamén estamos de noraboa.

AXENDA. MARTES 25 MARZO.
Os antigos alumnos da Universidade de Vigo nomea membro de honra ao presidente do Liceo ourensán (nota La Voz de Galicia, 18-III-08)
A Asociación de Amigos e Antigos Alumnos dá Universidade de Vigo nomeará membro de honra a José Carlos Martínez-Pedrayo e García, presidente do Liceo Recreo Ourensán, o próximo día 25. ás 20.00 horas iniciarase o acto coa lectura do acordo do nomeamento e a actuación dun grupo de harpas celtas. Como invitado especial para a xornada estará presente Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega, que pronunciará unha conferencia sobre Ourense, un universo literario. Tras a charla de Villares terá lugar o momento máis emotivo da xornada, coa entrega da distinción que recoñece a José Carlos Martínez-Pedrayo e García como membro de honra da asociación. O presidente do colectivo, José María Franco, tomará entón a palabra para xustificar este recoñecemento. Tras el falará o homenaxeado e, finalmente, pechará o acto un novo momento musical protagonizado polas harpas celtas.

O ESPLENDOR DUNHA CIDADE
La Región 24 marzo (Imaxe: casa de Fermín García, de Daniel Vázquez- Gulías, 1909)

Como era a cidade de Ourense hai cen anos? Fágome a pregunta, unha vez máis, revisando unha colección de fotos antigas. Era unha época en que non se facían moitas fotos, só as necesarias, para as postais turísticas ou para os grandes acontecementos. E para cousas sempre positivas, como a apertura do Hospital Modelo (hoxe no campus de As Lagoas), a construción da Ponte Nova que prolongaba a rúa Curros Enríquez e nos uniría co barrio da Ponte Maior (a nova ponte de ferro foi inaugurada en 1918), os novos edificios do ensanche moderno da cidade dende a Alameda ata o Parque de San Lázaro, obra dos arquitectos máis destacados do momento (Vázquez-Gulías, Conde Fidalgo, etc.). Houbo sucesos tráxicos naqueles anos, lembro de memoria, xa nos trinta, a obra dun edificio na entrada do barrio do Couto que se veu abaixo morrendo algún dos obreiros que alí traballaba. Pero diso non hai fotos. Tampouco hai fotos da brutal represión iniciada en 1936.
Bo gusto, elegancia. A Auria que camiña do século XIX ó XX estivo marcada polo bo gusto e o saber facer das súas xentes populares e autoridades. Pensen na estatuaria monumental do XIX, o Padre Feijóo, Concepción Arenal. Aí seguen, coa mesma dignidade do primeiro día. Cantas das estatuas colocadas na cidade nos últimos 30 anos resistirán o paso do tempo coa mesma prestancia?
Estou a falar dos tempos do Instituto do Posío, do primeiro alumeado eléctrico, da chegada do telégrafo, o teléfono, o automóbil, as conducións de auga corrente, o esplendor da prensa local. E pouco despois a Praza de Abastos, o Banco de España, a Delegación de Facenda, a Casa del Pueblo (desaparecida), o Instituto de Hixiene, o grupo escolar Curros Enríquez cos cartos dos americanos, etc. E da poderosa iniciativa privada, burguesa, que dende finais do XIX erguía edificios tan valiosos como o actual Simeón, a Deputación, a casa e comercio de Fermín García na Praza Maior (hoxe sala de exposicións de Caixanova), o antigo Hotel Miño no Paseo ou a Casa Junquera na Avenida de Pontevedra (hoxe sede de Caixanova).
Clasismo. Probablemente era unha cidade tamén cun marcado clasismo nas súas redes sociais. Basta ver as fotos. Polos xeitos de vestir distinguimos as categorías do corpo social: mozos operarios ou aprendices coas súas puchas, señoras e señores de sombreiros e tocados do señorío urbano, criadas e camareiros, mociños a vender os xornais, etc. Garavatas e “pajaritas” marcan un grao de distinción social: velaí os señores nas terrazas dos Cafés, na Avenida de Pontevedra por exemplo, no Unión, o Victoria, o Iberia, o Regio, na Bilbaína na rúa do Paseo, etc. O ordenador amplía as vellas imaxes e recoñecemos acenos e ademáns que marcan unha certa posición social. Tamén nolo contan as fontes literarias que retratan esa época: Otero Pedrayo cando narra os paseos do señorío e a fidalguía pola rúa da Paz ata o Espolón da Praza Maior, Blanco Amor cando describe o paseo central da Alameda reservado ó señorío. Un Ourense que xa se foi, pero deixou fortes pegadas.

23 mar 2008


Tintxu, en lembranza

Entereime hoxe, no café, lendo unha breve nota de El Correo Gallego. Vexo agora que Brétemas e X. M. Pereiro xa se fixeron eco da triste nova: a súa morte o pasado venres. "Tintxu" era o xornalista Agustín Díaz Blanco, a quen todos lembramos con agarimo e agradecemento: nese todos/as vai cando menos todos os que fixemos algo de cultura, política e galeguismo na Compostela dos anos 70 e 80. Porque el estaba sempre alí, informando, dende o compromiso e a máis radical galeguidade.
Foi concelleiro de Unidade Galega en Santiago e lémbroo arredor de Camilo Nogueira e o nacionalismo de esquerda en máis dunha ocasión. Pero agora lembro sobre todo as súas primeiras crónicas culturais no suplemento que sacaba El Ideal Gallego a mediados dos 70, nas páxinas de O Facho: alí asinaba Tintxu e esas crónicas debo gardalas nalgunha caixa do meu arquivo, ó carón dos debuxos que alí facía Siro López e dalgunhas das primeiras entregas de Manuel Rivas.

Polo blog de X.M. Pereiro, entérome ademais de que era o pai dunha das nosas contertulias, a quen dende aquí só lle podo mandar unha forte aperta e o pésame meu e creo que de todos os amigos/as destas Uvas.
Cen anos de historia cultural
1998: Mirada á Idade Media
(Os debuxos son de Chencho Pardo Valdés e apareceron en 1998 no suplemento cultural de La Voz de Galicia)

O Día das Letras Galegas de 1998 estivo dedicado ós poetas trobadorescos da ría de Vigo: Martín Códax, Johan de Cangas e Meendinho. Iso provocou, ademais dunha serie de actos de homenaxe, algúns na illa de San Simón, unha chea de estudos a cargo de autores como Carlos Barros, Henrique Monteagudo, Alexandre Ripoll, Xosé R. Pena, Víctor Freixanes, Mercedes Brea, Manuel Pedro Ferreira e Luz Pozo Garza, entre outros. A Real Academia Galega publicaba unha Homenaxe ós tres poetas medievais da Ría de Vigo, preparada por Xesús Alonso Montero.
O mundo medieval tamén estaba moi presente nalgúns dos estudos históricos do ano, por exemplo, El monacato benedictino y la sociedad en la Galicia medieval (SEG), de José Miguel Andrade, ou o colectivo Polo Reino de Galiza (ANT), con textos de Camilo Nogueira, Xosé R. Freixeiro Mato, Carlos P. Martínez Pereiro e Francisco Carballo.
A Historia contemporánea, con todo, seguía acollendo a maioría dos traballos de ensaio e investigación daquel momento. Citemos, entre outros, Sindicalistas e rebeldes (ANT), de Dionisio Pereira; Emigrantes, caciques e indianos (Xerais), de Xosé M. Núñez Seixas; Os devanceiros dos pazos (Sotelo Blanco), de Antonio Presedo; O agrarismo (ANT), de Miguel Cabo Villaverde; Vigo na historia,
de Basilio Cegarra; Temas y personajes de la historia coruñesa contemporánea (Deputación A Coruña), de Antonio Meijide Pardo; Murguía (Toxosoutos), de Francisco A. Vidal; Antolín Faraldo. O gran soñador (Xerais), de Fernández del Riego; Pé das Burgas. Estudios de historia, xornalismo e literatura (M. Valcárcel); O que fixeron en Galicia. 1936 (ANT), de Carlos Pereira Martínez, ou as memorias republicanas de Enrique Fernández Sendón (Ed. Do Castro), preparadas por Xosé L. Axeitos e Uxío Bobillo.
Xosé R. Barreiro Fernández coordinaba a Historia da Universidade de Santiago (USC), cun primeiro tomo das orixes ó século XIX; Xosé Nogueira publicaba en ANT o seu balance O cine en Galicia, e Xerais editaba en galego o Manifesto Comunista, de Marx e Engels, en tradución de Frank Meyer e introducido por Ramón Máiz. A Real Academia Galega publicaba ademais, coa Fundación Caixa Galicia, as Prosas recuperadas: o periodismo de Manuel Murguía (Antoloxía básica, 1853-1923), preparado por José A. Durán.
No capítulo de lingua e literatura, moitas novidades dignas de salientar. Como a Homenaxe a Ramón Lorenzo, publicada en Galaxia, baixo a edición de Dieter Kremel, o Consello da Cultura Galega e as Universidades de Compostela e Trier (Tréveris), con estudos de Méndez Ferrín, Carlos Casares, Alfredo Conde e Marga Romero, entre outros. O Consello da Cultura Galega daba tamén á luz as actas do encontro O futuro da lingua, coordinado por Xoán Bouzada e Anxo M. Lorenzo, e Antón Santamarina ingresaba na RAG co discurso A linguaxe e as linguas: Ramón Piñeiro revisitado. Xosé Vicenzo Freire ocupábase de A actividade editorial en Galicia (1850-1936), publicado por Edicións do Cumio. Tamén en 1998, a Deputación da Coruña editaba A poesía galega de Manuel Curros Enríquez, tese de doutoramento do profesor Elisardo López Varela, en dous volumes de dúas mil páxinas en conxunto. Pola súa banda, Pilar García Negro tamén facía o mesmo con Valentín Lamas Carvajal. Poesía en galego, máis de cincocentas páxinas de edición e estudo dos textos do poeta ourensán (Edicións do Castro). Natalia Regueiro achegábase a Os mundos de Claudio Rodríguez Fer; Armando Requeixo historiaba os Escritores mindonienses (Sociedade Cultural Valle Inclán); e Marcos Seixo daba a coñecer unha biografía de Roberto Blanco Torres (ANT).
(...) Máis polémico era o ensaio de María Xosé Queizán, Misoxinia e racismo na poesía de Pondal (Laiovento), que xerou un certo debate, dende o feminismo, na cultura galega. Andrés Pociña publicaba Galicia e Granada: dous cabos dun eixo espiritual, e Xenaro García Suárez, o volume Fendas na caverna (Xerais). Dolores Vilavedra coordinaba o segundo volume do Diccionario da Literatura Galega da Editorial Galaxia, dedicado neste caso ás publicacións periódicas literarias ou con interese literario.
No territorio da Antropoloxía subliñemos obras como Guía da Galiza Máxica (Galaxia, de Víctor Vaqueiro; Serpes e dragóns (Ed. Do Cumio), de Xosé R. Mariño Ferro, e Os labirintos do corpo (ANT), de Lourdes Méndez.
Blogueiros de Ourense

O xornalista Imanol Hernández publica hoxe no xornal La Región unha reportaxe que destaca As uvas na solaina como o blog ourensán máis lido e seguido. Tamén se ocupa esta reportaxe doutros blogs de ourensáns como os da poeta Rosa Enríquez ou o do xornalista de Celanova Antonio Piñeiro.
Transcribo a seguir algunhas das miñas afirmacións nese artigo e engado en comentarios os datos que lle aportei ó xornalista (na súa maioría, por lóxicas razóns de espazo, non recollidos).

O obxectivo do meu blog é servir de foro de comunicación e debate entre persoas con inquedanzas semellantes e, para min mesmo, servir de contraste de pareceres e achega de ideas e reflexións sobre os meus propios escritos (tamén os que saco nos xornais). Polo demais, chegou un momento, tras dous anos de vida, que o blog colleu por si vida propia e ten un abano de contertulios moi fieis, que acoden e participan a diario. Moitos dos post do blog pasan dos cen comentarios, sobre todo se son polémicos (o meu artigo sobre os “enrgúmenos” que boicotearon a María San Gil pasou dos 200 e moitos deles críticos co que eu dicía, por suposto).
O maior mérito do meu blog, con plena sinceridade, non son os meus escritos, senón o alto nivel de participación dos contertulios e o elevado nivel tamén dos debates, sobre todo históricos e culturais.
(Sobre os blogs dos políticos) Porque son unha nova realidade comunicativa e teñen moitos lectores: quen quere votos non pode despreciar nada. Ós blogs dos políticos, pediríalles máis interactividade (que permitan comentarios e os respondan) e certo sentido crítico coas súas propias posicións políticas.

Sátira e poetas (5)
María a Balteira.
(Imaxe de Luís Seoane para o libro de Lorenzo Varela)
A nosa poesía medieval ten todo un tesouro no rexistro satírico: as cantigas de escarnio e maldizer. Nelas quedaron inmortalizados algúns nomes asociados a certas prácticas sexuais. Velaí María Peres a Balteira, quen, tras unha vida de luxuria e pecado (algo así como a moza esa que tanto lle gorentaba ó gobernador de Nova York), decidiu retirarse en sinal de penitencia e buscar un crego con quen confesar. Tal arrepentimento non foi aceptado polos trobadores, porque moitos deles afiaron as súas sátiras contra a pobre muller: así, Fernán Vello insiste en que a Balteira tomou con ela a un crego “e deulle a cama en que sol jazer/ e diz que o terrá mentre viver”. Moitos séculos despois acudiría Lorenzo Varela en desagravio desta cantadeira e bailadeira cunha fermosa cantiga que racha co tópico da xograría e na que a imaxina bailando coa súa saia leda, “lume nos ollos i o aire nos pés”.

22 mar 2008


Sátira e poetas (4)
Pan por Pan venres 21 marzo. Imaxe de J.J. Grandville.
O porco de pé. Falei onte neste recuncho da poesía satírica e de autores que usaron animalizacións nos seus versos, como Curros ou Celso Emilio. Pero o emprego máis popular deste recurso foi o que fixo Vicente Risco na novela “O porco de pé” (1928), ó retratar a Don Celidonio, o protagonista, como un porco nunha descrición burlesca ben coñecida. Remataba así: “Don Celidonio é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, misturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento”.
Para Risco aquela burla sobre aquel personaxe inculto e materialista que chega a alcalde de cidade era máis que un divertimento: na mesma novela sostén que existe unha correspondencia exacta entre tipos humanos e tipos animais, teoría fisiognomista de moda daquela. E esa correspondencia é non són física, di Risco, senón psíquica: o home-ra ten a mesma psicoloxía das ras.

20 mar 2008

O C.D. Ourense debe 832.000 euros a un profesor
O principal acreedor do equipo foi delegado de Medio Ambiente co PP
CRISTINA HUETE - Ourense - 17/03/2008


O ex delegado da consellería de Medio Ambiente en Ourense durante os gobernos do PP na Xunta, Agustín Prado Verdeal, é o principal acreedor privado do Clube Deportivo Ourense. Esta sociedade anónima que recorreu ó procedemiento concursal para facer fronte á súa situación de insolvencia débellle ó político do PP, docente de profesión, 832.160 euros, segundo o informe que o xuíz encargou a varios peritos. (ver comentarios)

Poetas e sátira (3).
Andoliña venres 21 marzo

Na poesía satírica e moralista é frecuente a utilización de animalizacións, imaxes de animais que se comportan de xeito antropomorfo, para ridiculizar os vicios dos seres humanos. Xa se fixo tal nas fábulas clásicas e tamén en obras como “Vida privada e pública dos animais”, de J.J.Grandville, en pleno século XIX.
Celso Emilio Ferreiro tamén empregou a cotío este recurso en libros como o seu “Cemiterio privado”. Usou nunha serie de epitafios imaxes como a do “can dogo” para imaxe dun policía fascista; a do “sapo”, para o emigrante abafado na metafísica da saudade; a do “cuco”, contra un escritor plaxiario, e a do “alacrán debaixo da pedra” para o bo e digno pai de familia que se converte cada noite criminal falanxista. Todo un repertorio satírico sacado do reino animal.
Eu véxolle un precedente no Curros de “O divino sainete”. Vexan este retrato anticlerical cando o de Celanova retrata, no vagón dedicado á Gula, un grupo de frades comendo anacos de ósos dos grandes escritores galegos: “Montón de frades noxentes,/ ouscenos, crasos, cebados,/ de longas uñas e dentes,/ con rudo ranxer de moas/ botan a parva, engulindo/ cal torpes serpentes boas”.
De alivio, de Bieito Iglesias (ECG 20 marzo)

Despois da tronada vén a calma enganosa, a xente volve falar de fútbol nos bares e de achaques nas reunións familiares, pero por baixo das aparencias nótase que uns quedaron aliviados e outros andan levados do demo. Este é un efecto secundario da política democrática, inevitable porque o que é bo para as costas é malo para as illargas. A escisión, a rifa, a tirapuxa forma parte esencial dun réxime de liberdades.
Como votante que nunca gañou uns comicios, estou en condicións de aconsellar aos que se fan mal sangue cando a elección non lles vai dereita. Nese caso, o mellor é pensar: "Tódalas perdas sexan esas" ou ben "Máis se perdeu na guerra de Cuba e viñeron cantando". Non é rexouba, dígolles moi en serio que a democracia consiste no convivio pacífico de persoas radicalmente diversas. O día das votacións coincidín ao pé da urna cos interventores dun partido que non me chista (un señor de gabardina e zapatos caros, dous mozotes de universidade privada con aspecto de pivots de baloncesto) e dixen contra min: "Entre nós hai máis diferenzas das que se observan entre as máis distantes razas humanas". No entanto, estamos chamados a trepar as mesmas rúas sen topeñar uns cos outros. A fala popular conta cunha frase feita que vale por cen sisudos tratados políticos: Cada un é da súa idea.
Alegreime por meu pai (el si figura entre os electores vitoriosos), porque nunha semana funesta na que mamá cegou dun ollo e un neto padeceu as vexigas loucas, cumpríalle algún suceso co que vigorizar os seus oitenta e dous anos. As batallas decisivas líbranse na vida privada. O domingo pelexamos cóbado con cóbado cun xamón de xabarín (abatido polo meu proxenitor, que está feito un Daniel Boone) e cunha cachucha de marrán sabedeiro. Non perdoariamos a comerota aínda que as urnas nos desen a patada.

19 mar 2008


Sátira e poetas (2).
Andoliña xoves 20 marzo. Imaxe: Delgado Gurriarán.
Ó longo da nosa historia literaria sempre estivo moi presente o rexistro satírico: a crítica dos costumes e vicios de persoas ou grupos sociais, con propósito moralizador, lúdico ou burlesco. O noso ricaz cancioneiro de escarnio e maldizer medieval pega paus por todas as bandas: eivados, vicios e prácticas sexuais, pecados capitais, covardes e traidores etc. Logo veu o saber da nosa literatura oral tradicional contra certas profesións como xuíces, avogados, cregos ou xastres.
Ese alegato de burlas, creado polo pobo campesiño en boa parte nos tempos dos Séculos Escuros, pasou logo á obra de Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro ou Lamas Carvajal, en diferentes rexistros, e nos centos de parrafeos, diálogos e tertulias da prensa decimonónica. Nos tempos de Nós, a sátira virou cara á prosa: O porco de pé, de Risco, ou Os europeos en Abrantes. Rexorde na posguerra coa voz xigantesca de Celso Emilio Ferreiro. E no exilio, o berro antifranquista e irreverente de Florencio Delgado Gurriarán; velaí estes seus versos para aquel personaxe que foi tan importante, do Ferrol: Noxento e bonito,/ meiguiño e traidor,/ píntega da lama/ caracol babón./ Paladín de Cristo/ e mais da cultura? Deixa que me ría/ ‘mono’ de aleluia".

18 mar 2008


en poleiro alleo: dos azucareiros ó PCE



Adeus ao Partido Comunista, de Xosé M. Sarille (ECG 18 marzo)

a sátira nos poetas

PAN POR PAN martes 18 marzo
Nun xantar con escritores e xornalistas falabamos de Celso Emilio Ferreiro. Os seus versos seguen vivos na memoria. O seu universo poético é como unha gran casa con habitacións diversas: a poesía lírica no dormitorio, o berro rebelde e social dende a solaina, o rexistro satírico na cociña, lugar de festa e rexouba. O de Celanova logrou o milagre da permanencia dos seus poemas máis conxunturais por definición, como os antifranquistas. Porque buscou neles o substancial na denuncia das inxustizas, á marxe do tempo e do lugar. Como os epitafios burlescos, cheos de retranca e mal xenio, do seu libro “Cemiterio privado”. Velaí un deles, dedicado a un locutor: “Debaixo desta lousa/ dorme un home/ que falou trinta anos/ sen dicir xamais unha verdade./ Por fin está calado. / Pasa amodiño,/ non sexa que desperte/ e se poña a argallar novas mentiras/ outros trinta anos”.

17 mar 2008

Xardín Botánico en Ourense, de Xosé Luís Mëndez Ferrín (Faro de Vigo 17 marzo 2008)

Tiñan unha alta visión de política cultural as xentes que gobernaban na deputación e no concello de Ourense no final do século XIX. Cando a Lei Moyano o fixo posíbel abriran o primitivo Instituto na actual Rúa de Lamas Carvajal, e tamén alí o núcleo da biblioteca provincial sobre a base dos libros colleitados polo abade exclaustrado de Celanova Bonifacio Ruiz. Pro non ficaron aí.A picaraña dos poderes políticos, aberta ou caladiñamente progresista, achandou as derradeiras casas da parte Sul da vila, alí onde vivían os graxos e as putas que farían inmortais Lamas, Álvarez de Nóvoa e Blanco Amor. Trazaron unha rúa nova, ancha e clara, á que chamaron do Padre Feijóo por ser este personaxe admirado nas loxias masónicas e nas hozas carbonarias. E nesa rúa ergueron o edificio do novo Instituto que durante moito tempo foi o mellor de Galicia (1896) . Non satisfeitos con instalar o Instituto con grande dignidade e mesmo aparato (notorio paraninfo, motivos árabes na decoración claustral), os políticos locais soñaron con facer daquelles lugares humildísimos e degrados da cidade unha especie de foco de irradiación da cultura laica e superior. Así pensaron que o novo edificio, ademais de centro docente, tería que ser, e así lle chamaron, o Centro Provincial de Instrucción Pública. Nel traballou a Comisión Provincial de Monumentos e conservou as súas coleccións e arquivos. Alí tivo a súa sede a magnífica Biblioteca Provincial que non parou de medrar durante moitos anos. Alí, en fin, estaban as salas dun dos mellores museos de historia natural de España, según me contaban. Pro aínda faltaba un elemento máis que fixese da marxe Sul de Ourense motor cultural de toda a Provincia: un Xardín Botánico.

(O artigo completo)

XORNALISTAS CON OPINIÓN
La Región 17 marzo (Imaxe: caricatura de Basilio Álvarez, por E. Padín)

Historia do xornalismo galego. Fálolles hoxe dun proxecto no que tiven a honra de colaborar e que xa está nas librarías. Os dous tomos de “Xornalistas con opinión” (Galaxia e Consello da Cultura Galega) que constitúen unha contribución fundamental a estudar o xornalismo de opinión na prensa galega dende o século XIX ata hoxe. O primeiro tomo inclúe biografías de 20 autores e o segundo unha ampla escolma de textos dos mesmos. Víctor Freixanes e Xosé López asinan unha introdución na que reflexionan, dende o presente, no significado do xornalismo de opinión (xénero hexemónico na prensa ideoloxizada decimonónica) e na escasa atención que lle teñen dedicado ata agora os estudosos da comunicación. Con eles colaborou activamente Rosa Aneiros para conseguir estes dous espléndidos volumes, que inauguran un catálogo aberto e ambicioso: quedan pendentes moitos outros autores (outros 20 cando menos) que merecen figurar nesta antoloxía. Quedan para unha próxima entrega. Pluralidade. A pluralidade de estilos e rexistros marca a xeira de xornalistas escollidos, cada biografía a cargo dun especialista. Foron eles: Manuel Pardo de Andrade (V. Freixanes), Concepción Arenal (Rosa Aneiros), Alfredo Vicenti (J.A. Durán), Emilia Pardo Bazán (V. González Radío), Brañas (F. Campos), Sofía Casanova (Marta Pérez), Basilio Álvarez (M. Valcárcel), Antón Villar Ponte (Emilio Insúa), Julio Camba (César Casal), Xoán Xesús González (Marcos Seixo), W. Fernández Flórez (J.Mª Besteiro), Manuel Lustres Rivas (Montse Calvo), María Luz Morales (Carme Vidal), Roberto Blanco Torres (M. Seixo), Ben-Cho-Shey (X. Soengas), Víctor Casas (A. Rolmasanta), Johán Carballeira (X.M. Millán Otero), Ánxel Fole (Juan Soto), Luís Seoane (Mª Antonia Pérez) e Cunqueiro (X.F. Armesto Faginas).
Compromiso. Os lectores/as recoñecerán mellor algúns nomes que outros. Moi oportuna, por exemplo, a recuperación de María Luz Morales, que chegou a dirixir “La Vanguardia” nos anos da guerra civil e que nos deixou tamén unha “Historia do cine”. Tamén a da ferrolá Sofía Casanova, unha das primeiras correspondentes de guerra nos inicios do século XX. Ou do benquerido “Ben-Cho-Shey” que escribiu centos de artigos en defensa da nosa cultura tradicional, a nosa lingua e os nosos topónimos. Ou das estampas do vello Lugo que asinaba Ánxel Fole no xornalismo local (serie “Cartafolio de Lugo”). Velaí voces plurais: dende o xornalismo republicano (Basilio Álvarez, Blanco Torres, etc.) ata o galeguismo máis brillante (Villar Ponte, V. Casas, L. Seoane), pasando polo xornalismo literario de Cunqueiro, Fernández Flórez, Julio Camba e a mirada feminina de Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. Non sobra indicar que, para moitos deles, o xornalismo foi tamén o fío do seu compromiso coa vida: Pardo de Andrade e Basilio Álvarez morreron no exilio (tamén Seoane foi exiliado) e vítimas inocentes da guerra civil foron Blanco Torres, Xoán Xesús González, Manuel Lustres Rivas, J. Carballeira e Víctor Casas.

16 mar 2008

José Luis Baltar: “O trompazo do PP en Ourense pode ser maior”
"Aínda que sexamos a forza máis votada da provincia, con 105.000 sufraxios non imos a ningunha parte. Somos un partido gañador", afirma con decepción, pero tamén lle advirte a "Pachi" Vázquez: "Que non lance as campás ó voo porque van subindo pero non venceron"


Entrevista de balance electoral a J.L. Baltar en Galicia Hoxe (da AGN).






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL

1998: M. RIVAS, XOSÉ MIRANDA, FERNÁNDEZ NAVAL

Un país de palabras. Mércores de cinza
O lapis do carpinteiro. Sombras no labirinto
Á de mosca. A compañía clandestina da Contrapublicidade. Alén da desventura. Tánata
O fácil que é matar. Calzados Lola, Círculo. Teoría de xogos. O doutor Livingstone, supoño. Estado permanente de fracaso. Saturno tamén é Deus, etc. etc. etc.

15 mar 2008



Paseo a Outariz, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 15 marzo. Fotos: Pepe Trebolle)

O outro día fun dando unha volta deica Outariz. Ida polo lado de Canedo, cruce da nova pasarela e volta pola parte de Reza. De paso que andaba polo paseo do Colesterol ou das Ninfas, ía bendicindo a sorte e a sabedoría de termos volto nesta xeración os ollos ao río, aos ríos (aí están tamén o Loña, o Barbaña, o dos Ponxos... ), de termos redescuberto as nosas posibilidades de lecer termal. (Non quedan lonxe os anos en que baixaban os soldados máis señoritos do rexemento Zamora número 8, do cuartel de San Francisco, a bañárense nos baños do Outeiro onde eu teño ido tamén copando clases no Colexio Universitario para disfrutar das bañeiras de mármore dunha peza e das inmensas toallas brancas, moi zurzidas, que arrecendían a xabón Lagarto.Paseos das beiras dos ríos. Milleiros de persoas que pasean lonxe da Rúa do Paseo. Xubiladas remozadas que poñen a gorra ao revés, atan a chaqueta á cintura e moven os brazos rápidas como nos campeonatos da tele. Ciclistas equipados como para o Tour de France, arfando. Xubilados vellotes que pousan no banco e charlan, non máis alá do Tinteiro. Deportistas do footing que pasan bafexando -seica saúdablemente- mentres ti pasmas vendo cormoráns pousados nun penedo no medio do río...Mozos e mozas collidos da man que se miran con ollos de ollomol ao tempo que asentan os seus reais na beira do río, alí por Reza, coa cidade ao lonxe... Pais derreados agarrando pequenas triciclos de ditadores aínda minúsculos... Outra vez o mesmo ciclista que volve pasar veloz... Auguistas chupóns de poza termal -non me movo de onda o chorro en toda a tarde- e outros máis repectosos coa alternancia bañística. Iguanas humanas que se torran ao sol do mes descoñecedoras de que o sol de marzo queima a dama no palacio...Millóns de horas de palique comunicación e benestar dos paseantes... Presumindo de cidade. Cando vén alguén de fóra e o queremos agasallar, imos con el ata a Chavasqueira e Outariz. E todos abren a boca e nós sentímonos orgullosos. ¿Que non temos mar? ¿Para que? A cincuenta minutos. Aquí temos fontes termais, paseos de veciños e amigos. Parada e caña -ou auga a un euro a botella- nas terrazas de Outariz. Tren chuchú como alterntiva ao excesivo desgaste da sola. Ademáis con isto do cambio climático, acabamos por descubrir que non eramos as humidas, chuviosas e neboentas Illas Casitérides onde os gregos buscaban estaño, senón unhas máis das illas Canarias. Que guapos saímos o outro día na tele, no programa ’Ciudades para el síglo XXI’. Cando sexa maior quero vivir en Ourense.
Sexo e política.
Pan por Pan sábado 15 marzo. Imaxe: cerámica precolombina.
É unha combinación explosiva e enche estes días os xornais. O gobernador de Nova York, Eliot Spitzer, tivo que dimitir do seu cargo ó demostrarse que gastara 52.000 euros en prostitutas durante seis anos. E sempre hai quen gañe: en Palma de Mallorca, un antigo edil do PP pagou servizos en prostíbulos por un total de 50.000 euros durante dous anos. Non só gastou moito máis, senón que ademais cargaba os gastos a unha Visa municipal autorizada (non me consta o mesmo no caso de Nova York). Este segundo peixe, Rodrigo de Santos, foi un dos homes claves de Jaume Matas, polémico presidente balear, en temas de urbanismo. É tamén un activo militante de movementos católicos conservadores, deses que poñen o berro no ceo por temas morais de cintura para abaixo. Ó delito de corrupción de bens públicos hai que engadirlle, pois, o de cinismo. Con maiúsculas.

14 mar 2008


Nada hai tan voluntario como a relixión
(Emilio Castelar, Congreso Deputados 12 abril 1869). Discurso sobre a liberdade relixiosa e a separación entre a Igrexa e o Estado.

Ya sabe el Sr. Manterola lo que San Pablo dijo: «Nihil tam voluntarium quam religio». Nada hay tan voluntario como la religión. El gran Tertuliano, en su carta a Escápula, decía también: «Non est religionis cogere religioneni». No es propio de la religión obligar por fuerza, cohibir para que se ejerza la religión. ¿Y qué ha estado pidiendo durante toda esta tarde el Sr. Manterola?¿Qué ha estado exigiendo durante todo su largo discurso a los señores de la comisión? Ha estado pidiendo, ha estado exigiendo que no se pueda ser español, que no se pueda tener el título de español, que no se puedan ejercer derechos civiles, que no se pueda aspirar a las altas magistraturas políticas del país sino llevando impresa sobre la carne la marca de una religión forzosamente impuesta, no de una religión aceptada por la razón y por la conciencia.
Por consiguiente, el Sr. Manterola, en todo su discurso, no ha hecho más que pedir lo que pedían los antiguos paganos, los cuales no comprendían esta gran idea de la separación de la Iglesia y del Estado; lo que pedían los antiguos paganos, que consistía en que el rey fuera al mismo tiempo papa, o, lo que es igual, que el Pontífice sea al mismo tiempo, en alguna parte y en alguna medida, rey de España.
Y sin embargo, en la conciencia humana ha concluido para siempre el dogma de la protección de las Iglesias por el Estado. El Estado no tiene religión, no la puede tener, no la debe tener. El Estado no confiesa, el Estado no comulga, el Estado no se muere. Yo quisiera que el Sr. Manterola tuviese la bondad de decirme en qué sitio del Valle de Josafat va a estar el día del juicio el alma del Estado que se llama España.
Primeira película de Nacho Vidal.
Vía : Marga.


axenda


Presentación, hoxe venres, 20 h. en Torga

Co editor Miguel A. Fernán-Vello e a autora

Eu tamén andarei por alí

A lazada violeta, de Helena Villar (ECG 14 marzo)
Imaxe: Simone de Beauvoir, foto de Elliott Erwitt, 1952. (Mensaxe 1701)
Se mo permiten, dedícolle este artigo da amiga H. Villar a todas as contertulias e tamén ás miñas alumnas de A Carballeira: tocamos este tema a cotío nas clases e comprobo que non sobra, aínda non son cousas estas demasiado coñecidas.

As eleccións acalaron as mulleres no seu día grande, que coincidiu coa xornada de reflexión. Mais como moitas tecemos na rede unha lazada violeta que aperta a sororidade, fixemos circular entre nós felicitacións, textos críticos e reivindicativos, e fermosas na forma aínda que tristes no contido presentacións en power point.
Unha das que recibín e propaguei ten escritos contra as mulleres dos que non me resisto a copiar algún.
"A muller debe adorar ao home como a un deus. Cada mañá ha de axoenllarse nove veces consecutivas aos pés do seu marido e, cos brazos cruzados, preguntarlle: señor, ¿que desexades que faga?" (Zaratustra, século VII a.C).
"A natureza só fai mulleres cando non pode facer homes. A muller é, polo tanto, un home inferior" (Aristóteles, século IV a.C.).
"Aínda que a conduta do marido sexa censurable e se dea a outros amores, a muller virtuosa debe reverencialo como a un rei. Durante a infancia, unha muller debe depender de seu pai; ao casar, do seu home; se el morrese, dos seus fillos e, se non os tivese, do seu soberano. Unha muller nunca debe gobernarse por si mesma" (Leis de Manu, libro sagrado da India).
"Que as mulleres estean caladas nas igrexas porque non lles é permitido falar. Se quixeran ser instruídas sobre algún punto, pregúntenlles na casa aos seus homes" (Apóstolo Santiago, s. I).
"Cando un home fose reprendido en público por unha muller, ten dereito a golpeala co puño e o pé, e a romperlle o nariz para que non se deixe ver, avergoñada da súa face" (Le Ménagier de París, tratado de conduta moral, s. XIV).
"Os nenos, os idiotas, os lunáticos e as mulleres non poden nin teñen capacidade para efectuar negocios (Enrique VII de Inglaterra, s. XVI).
"O peor adorno que unha muller pode ter é ser sabia" (Lutero, s. XVI).
"Todas as mulleres que seduciran e levaran ao matrimonio os súbditos da Súa Maxestade mediante o uso de perfumes, pinturas, dentes postizos, perrucas, e recheo de cadeiras e seos, incurrirían en delito de bruxería e o casamento quedaría automaticamente anulado (Lei inglesa do século XVIII).
Con lazada violeta chega tamén a publicación do tomo I de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir. Grazas á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e a Edicións Xerais polo galano. Di a filósofa que a muller non nace, que se fai. Eu engado que o home tamén. E ten que se facer doutra maneira.

13 mar 2008

Centenario Curros (3).
Pan por Pan venres 14 marzo (Imaxe: León XIII)

Se Curros vivise hoxe, estou seguro que estaría atento ás novas que nos chegan cada semana do Vaticano. Por exemplo, os novos pecados que cataloga agora a xerarquía da Igrexa. O de Celanova podería reivindicarse como precursor da nova dogmática pois nunca mirou con bos ollos “a acumulación de excesivas riquezas” ou o feito de “causar pobreza, inxustiza e desigualdade social”, sinalados co dedo acusador de Benedicto XVI.
Tíñao tan claro Curros que lle dedicou os dous cantos finais de “O Divino Sainete” á Cidade Santa e as súas riquezas: andas de ouro, prata e ouro fino, perlas e diamantes, etc. Ante tanto esplendor Curros non fai máis que pensar na pobreza das xentes do pobo e logra do Papa León XIII unha curiosa promesa: “Ide e anunciade/ que o Papa renuncia a Roma/ pra vivir da caridade./ Dende hoxe a miña facenda,/ todo o que eu teño é dos probes...”.

(P.S.: se o sistema non falla, nestes momentos hai 14 usuarios/as conectados. Saúdos a todos eles. Agardo que esta solaina sexa do seu interese e que participen nela: iso vainos enriquecer a todos, de seguro).



Para Xoán da Cova
Sigo en débeda con vostede, amigo Xoán da Xova. Permítame corresponderlle.
Mañá venres, aí arredor das 12 h. (antes teño clase), voulle
deixar un pequeno agasallo no Trampitán, na Praza Maior: dixo nalgunha ocasión que pasaba por alí de cando en vez. Faga o favor de recollelo cando poida.
E como aquí somos todos amigos/as, doulle publicidade á dedicatoria dun dos libros que van no paquete. Unha aperta.

Noraboa a un amigo

Poeta de ampla obra e recoñecidos premios, Miro Villar é ademais amigo, da tribu fisterrá. Souben esoutro día por Alonso Montero que presentaba a súa tese doutoral, na que leva anos traballando, sobre o poeta do exilio Antón Zapata García.
Polo blog do tamén amigo fisterrán Modesto Fraga, sabemos dos avatares da presentación da tese e do tribunal que a xulgou.
Por suposto, agardamos un traballo excelente, que debe publicarse canto antes, porque Miro Villar xa ten demostrado moitas veces a súa valía investigadora e crítica: por poñer só dous exemplos, o seu estudo sobre Xervasio Paz Lestón (Ediciós do Castro) ou aquel excelente caderno que nos deixou sobre O soño sulagado, de Celso Emilio Ferreiro (Xerais, 1998).

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1908: O ENTERRO DE CURROS
(A imaxe procede dos fondos da RAG)

O enterro de Curros na Coruña foi un dos grandes eventos culturais de todo o século XX. Ningún escritor galego tivo unha despedida tan apoteósica. Colocáronse bandeiras nos balcóns, pecharon antes os comercios, os Círculos Recreativos enloitaron os seus balcóns, encendéronse as farolas do alumeado público e cubríronse de crespóns, e disque corenta mil persoas acompañaron o féretro na cidade herculina. O poeta de Aires da miña terra morre o 7 de marzo de 1908 no Centro Asturiano da Habana por un problema cardíaco. Ás 11 da mañá o seu corpo é trasladado aos salóns do Diario de la Marina e é embalsamado por médicos do Centro Galego, para ser trasladado ao día seguinte a esta sede, segundo contan Belén Fortes e X.A. García López. Institucións como o Casino Republicano coruñés (do que Curros era socio honorario), a Liga de Amigos e a Academia Galega, presidida por Murguía, son os primeiros en declarar o seu pésame. O 10 de marzo a Asociación da Prensa da Coruña, que presidía Manuel Casás, lanzou a idea do traslado do cadáver á Coruña. La Voz de Galicia informa con detalle destas xestións, mentres outros medios respostan con indiferencia á morte do poeta celanovés (véxase a crónica detallada destes días en Curros Enríquez. Crebar as liras, A Nosa Terra, 1987).
O 20 de marzo o cadáver de Curros zarpa no vapor Alfonso XIII dende A Habana. Con el veñen José López Pérez, presidente do Centro Galego (contra o que Curros escribira un poema moi crítico); o egrexio compositor Castro Chané e o poeta Nan de Allariz, representando ao Diario de la Marina da Habana. Os restos do poeta chegan o 31 de marzo á Coruña, cobertos pola bandeira de Cuba, e son recibidos por concellais da cidade e representantes das asociacións promotoras do traslado. Neses días vendéronse “infinitos” exemplares dunha tarxeta postal coa foto de Curros en Bonaval, depositando flores no sartego de Rosalía (o 27 de setembro de 1904), co seu poema “Na tomba de Rosalía” no reverso. A prensa ofrece detalles da capela ardente instalada na planta baixa da Casa do Concello da Coruña, con Curros rodeado polo escudo da cidade e a bandeira galega e acompañado, en primeiro lugar, do seu fillo Adelardo e da súa irmá Ramona. O 2 de abril, ás 3 da tarde, tivo lugar o multitudinario enterro que, despois dunha dura polémica entre partidarios dunha cerimonia civil e outros dun enterro relixioso, finalmente foi polo rito católico, como quería o seu fillo Adelardo. O cadáver repousou no nicho 92 do 3º departamento do cemiterio de San Amaro, cedido polo Concello.
O 3 de abril celébrase unha velada fúnebre no Teatro Principal coruñés na que participan Murguía, Filomena Dato, Manuel Lezón, Lisardo Barreiro, Alfredo Vicente, Linares Rivas, Cabeza de León, Manuel Casás, Lugrís Freire e López Pérez. O 12 de abril haberá tamén no Teatro Circo da Coruña un novo acto en honor de Curros e en protesta polo seu enterro católico: este foi auspiciado polo Casino Republicano, Unión Campesina, Antocha Galaica, Jóvenes Republicanos Librepensadores, Escola Laica e outras asociacións radicais. Alí léronse algúns dos poemas máis críticos do celanovés como “A igrexa fría”, “Mirando ao chau” ou “Diante dunha imaxe de Iñigo de Loyola” e pronunciáronse fortes ataques contra os “ajesuitados” da cidade en expresión do Sr. Arias, de Antorcha Galaica. Non faltaron as críticas a Vicenti e a Adelardo Curros por permitir o ritual relixioso. En cambio, o Sr.Martín, de Izquierda Solidaria, comparou a Curros con Jesucristo e M. Martínez dixo que o cemiterio da Coruña quedaba secularizado dende o momento no que alí era enterrado Curros. Tamén en Madrid houbo unha velada necrolóxica no Ateneo por iniciativa de Segismundo Moret.
(Ver Comentarios)
Un milagre? A Igrexa fuxiu da Bolsa xusto antes de empezar a caída...

Información de El Economista (vía Tacho).
Panorama, de Bieito Iglesias (ECG 13 marzo)

Walter Benjamin describe n´A infancia en Berlín contra 1900 a emoción infantil de sentar diante do Panorama Imperial para contemplar indíxenas pintorescos de terras remotas, estacións de camiños de ferro coas súas fumeiras amarelas, viñas nas que podía ver o mínimo pormenor das pugas e das follas, oasis e ruínas fúnebres, fiordes e palmeiras... cincuenta estampas bañadas nunha luz cinsenta. O primeiro panorama fora inaugurado por Daguerre en París, por volta do 1838, e Benjamin describe aquela caixa relucente, aquela máquina portentosa como un acuario no que, en lugar de peixes, se mostraban lonxes e pasados.
Na miña infancia en Ourense cara a 1965, somente coñecín sucedáneos: a pequena esfera con nomes xeográficos de letra tan miúda que requiría lupa para descifrala, con arquipélagos que apenas eran cagadas de mosca; o atlas que permitía pasar o furabolos por continentes ou océanos e os ollos por recifes de coral; e o cativo tomavistas remetido polos pais desde Suíza para que me familiarizase coas fulipadas de neve asabaneando as paisaxes, coas abandas das serras trepadas pola camurza e coas árbores dos parques agatuñadas por esquíos. Pobres estímulos que me permitiron fuxir -no escapismo está a salvación- e percorrer o Globo: "Para o neno é semellante o mundo á súa curiosidade" (Baudelaire). O lapelista crese na obriga de xustificar a regresión á nenez do gran pensador alemán e anota na capa do libro: "Acaso a tenrura pola infancia lembrada sexa a única forma lexítima de expresar o amor por nós propios".
Dese logo quérolle máis ao raparigo que fun que á meniña de Raxoi, ese fugaz espectro que xogou á mariola durante a campaña electoral e que irá dar a roncha a outra parte cando acabe esta lideira. Adiós, muñeca. Farewell my Lovely. Adeus, ruliña.
axenda
Terras de Acolá, o programa que dirixe Luis Menéndez, hoxe no Paraninfo do Otero Pedrayo


Centenario Curros (2).
Pan por Pan xoves 13 marzo

Falamos de Curros o martes no Liceo e aboiou o tema inevitable do seu anticlericalismo. Alonso Montero lembrou o conflicto co bispo Césareo Rodrigo e as reaccións sociais da época, coa defensa entusiasta de Luciano Puga, que estudou o fiscal Benito Montero. Non era Curros ateo, nin moito menos: velaí, como un posible exemplo, o seu artigo “El símbolo”: un enxalzamento do Cristo crucificado (editado nunha escolma da Xunta). Pero sobre el choveron as pauliñas do dogmatismo eclesiástico, utilizando o poder civil da época. Unha voz civil, comprometida, rebelde, republicana, como a de Curros, sería incómoda tamén hoxe. Mesmo neste Estado que se define aconfesional na Constitución e logo abusa de cerimonias político-relixiosas. Alonso lembrou que ata Zapatero xurou o cargo diante dun crucifixo e a Biblia: que pasaría se quixesen facelo diante do Corán?

12 mar 2008


Resaca electoral (faragullas)
Teño unha sensación estraña: dende que vexo a Rajoy asaeteado con crueldade pola Brunete (EM-La Razón-Pedro J.-Ansón), ata empeza a caerme simpático...
Dende logo a política debe ter unha erótica máis que especial: velaí a Mariano que nin lle fai caso á súa querida Elvira que lle pide que o deixe...
Un dos meus trasgos-espías especiais cóntame a sorpresa que tiveron na mesa electoral dos Maristas, pleno centro de Ourense, onde adoita haber máis votos do PP, ó abrir os sobres do Senado. Había unha boa chea deles, cos tres candidatos do PP cruzados, que quedaron como nulos porque ó carón do nome dun deles estaba escrito ben clariño: "analfabeto". Saben de quen se trataba?
Que é de Xosé Manuel González, que hai días que non nos visita. Queremos saber da súa análise electoral. E agardaba que opinase tamén sobre Batallán. Seguro que anda o pobre agobiado cos exames, como outras veces...
Graciñas abondas a Xoán da Coba polo seu agasallo de cumpreanos. Ando a pensar algún xeito de corresponderlle...

Centenario Curros (1).
Pan por Pan mércores 12 marzo (Imaxe: M. Murguía)

Foi Curros Enríquez un poeta moi popular xa en vida, quizais o máis popular do seu tempo. A súa difícil biografía, o enfrontamento co dogmatismo da xerarquía eclesiástica, o seu alento rebelde e civil, fixeron aboiar unha chea de seguidores dos seus versos. Demostrouse en varias ocasións e tamén no traslado dos seus restos dende Cuba a Galicia e o enterro dos mesmos no cemiterio da Coruña, por iniciativa da Asociación da Prensa desa cidade. Basta lembrar algúns nomes que participaron na solemne velada fúnebre no Teatro Pincipal coruñés: Manuel Murguía, Filomena Dato, Linares Rivas, Cabeza de León, Manuel Casás, Lugrís Freire, etc. Din os xornais que 40.0000 persoas foron tras do féretro. Poucos días despois a Escola Laica, os centros republicanos e núcleos librepensadores convocaron un mitin de desagravio polo seu enterro católico en Cuba.

A muller e a poesía


Recital no Liceo de Ourense,
mércores 12 marzo, 20,15 h.
Recitarán Teresa Devesa e Loli Conde. Organiza a Sección de Literatura do Liceo, no marco da semana da Muller do Concello, concellería de Igualdade (Marta Arribas). Coordena: M. Valcárcel.

Homenaxe a Curros no colexio auriense do seu nome e no Liceo

La Región informa hoxe dos actos celebrados onte na homenaxe do centenario da morte de Curros. Na súa web figura unha crónica de Imanol Hernández e un video con detalles do acto e doutras novas culturais do día. Pódese escoitar tamén como os pequeniños facían o coro "cro" "cro"...
Nestoutra imaxe, ó remate dos actos, diante
do busto de Curros por Enrique Barros (1932),
cos directivos do Liceo ourensán, o director do colexio Curros Enríquez, Antonio Piñeiro, Benito Losada, Xulio e Mariló (de Castro Floxo-Raigame).
Foto enviada por José Luís: ben, en realidade coa cámara de José Luís, que está no centro da foto; de verdade a foto fíxoa o fillo de Segis Bobillo que traballa en Telemiño. Grazas, pois, ós dous.

11 mar 2008

en poleiro alleo

Un PP sen complexos (X.M. Sarille, ECG 11 marzo)

A crispación, a altivez, as actitudes intolerantes, as posicións lepenistas destes últimos catro anos non van desaparecer coa derrota de antonte, como insinúan algúns portavoces da esquerda. Continuará porque hai unha renovación de fondo calado, da que fican excluídos os que non estean dispostos a un novo envite radical, coa inmigración indesexábel, a crise económica, a ruptura de España e a inseguridade cidadá como paisaxe de fondo, forzado e intencionadamente dramatizado.
Mandará Rajoy ou un novo líder, mais a liña está firmemente trazada. Teríase esfarelado se o PSOE acadase a maioría absoluta, porque o PP percibiría de verdade o fracaso e un porvir de doce anos a pan e auga. Iso non sucedeu, o PP conserva o solo electoral despois de tantos despropósitos. O arsenal de adrenalina fica intacto, e aínda aumenta en Madrid, a comunidade máis rica, un territorio que usan como exemplo de modernidade da súa política.
Bilingüismo paletoide, de Afonso Vázquez-Monxardín (Galicia Hoxe 11 marzo)

No mundo actual, os europeos occidentais de nivel medio somos unha elite culta, progresista nos costumes, dinámica, viaxeira e de tendencias cosmopolitas. Usuarios de internet, Ryanair, TV por satélite, os nosos estudantes chegan ao punto de teren máis en común entre eles -música, cine, tecnoloxía, debuxos animados, moda, literatura, coñecemento do inglés...- que cos seus antepasados de procedencia. Así pois, a opción dunha Galicia bilingüe paréceme pobre. Non quixera que as miñas fillas falasen dúas linguas... as mesmas que o seu tataravó. Sería ir para atrás. Hoxe os nosos nenos estudan en galego e en castelán, e tamén inglés como primeira lingua estranxeira e francés ou alemán como segunda. Ou sexa catro. E como parvos non son, entenden bastante ben o portugués. Cinco. Iso, unido ao gusto pola música en inglés, ao traballo dos profesores, á presenza das E.O.I e aos cursos no estranxeiro con bolsas da administración, sitúannos ante uns mozos abertos desprexuizadamente a unha riqueza lingüística como nunca antes se vira. Esta paixón polas ferramentas de comunicacion é cousa europea e o coñecemento de linguas, un dos indicadores máis claros do nivel socio-cultural. O 7% fala catro linguas á parte da propia. Sen dúbida, a elite máis preparada das zonas máis ricas; principalmente, lugares de falas pequerrechas -luxemburgués, holandés, danés, sueco- onde compatibilizan ese amor ao local co dominio doutras grandes como inglés, francés e alemán. Nós, por suposto, debemos tender a estar nesa elite. O galego porque é a lingua en que se creou esta terra. O castelán porque é unha marabillosa ferramenta comunicativa, chave para España e o mundo a través de Iberoamérica e porque é a lingua principal de moitos galegos e dunha parte importantísima da literatura feita en Galicia. De Rosalía a Valle-Inclán, de Torrente a Valente. En fin, que ninguén pense que os amantes do galego somos tan obtusos como para querer borrar das nosas cabezas ou das dos nosos fillos esta vantaxe comunicativa e renunciar ao que sabemos que nos é tan útil. Queremos só liberarnos de prexuízos e fomentar o uso do galego para garantir o seu uso normal. Nada máis. O inglés, precisámolo por ser a lingua principal de comunicación internacional e co portugués temos unha intercomunicabilidade que debemos aproveitar. Hoxe a vella Galicia rural esmorece -cada vez hai menos nenos con aldea- e a posiblidade de recibiren as clases en galego debe ser valorada, como de feito o é entre a maioría dos pais, como unha sorte que eles non tiveron e que suma coñecementos, non os resta. Non cremos problemas onde non hai, porfa.

Cadro branco, cadro mouro
Andoliña 11 marzo 2008 (Imaxe de Lorenzo Goñi)

Os galeguistas de A Nosa Terra histórica resumían dúas das novas importantes de cada día nunha sección titulada ‘Cadro branco’, para noticias en positivo, e ‘Cadro mouro’, para as negativas ou as máis indignantes para o noso país. Para o ‘Cadro branco’ de hoxe, que en realidade xa o escribiron antonte os cidadáns nos colexios electorais, eu subliñaría o fracaso da estratexia da crispación, a derrota das mentiras e das teorías surrealistas a favor de non sei cantas conspiracións, a nidia rectificación dun discurso insultante contra a poboación inmigrante, a descualificación das teses que optaron pola confrontación coas linguas periféricas para gañar votos en Madrid. Alguén debería tomar nota de todo iso: alguén debería pensar en construír unha dereita con outro discurso e xubilar unha longa ringleira de personaxes, empezando por Rajoy, Acebes, Pujalte e Zaplana.
Como ‘Cadro mouro’ da xornada do domingo, eu non teño ningunha dúbida na escolla: sería para ese 41 por cento de cidadáns que optaron pola abstención, seguindo as consignas de ETA en Arrasate-Mondragón. Un moi tristeiro agravio máis á memoria de Isaías Carrasco, asasinado nesa vila vasca no final da campaña electoral.