22 feb 2009


A MIRADA RETIDA 22-02-2009

La Asamblea General del Liceo nombró ‘Socio de Honor’ al historiador y escritor ourensano Marcos Valcárcel, en virtud de los ‘relevantes servicios prestados a la sociedad como director de la sección de Literatura, habiendo alcanzado el más alto nivel cultural y prestigio para la entidad’. Además, la sociedad aprobó los gastos del 2008 y el presupuesto para el 2009. (Foto: José Paz)
El Liceo celebró el pasado viernes su Asamblea General Ordinaria de Socios, con la asistencia de numerosos asociados que aprobaron entre otros acuerdos nombrar ‘Socio de Honor’ al historiador, investigador y escritor ourensano Marcos Valcárcel López, por su compromiso con la entidad y por su destacada labor al frente de la Sociedad como director de la Sección de Literatura.La constitución de la sección de Literatura en el marco de la sociedad ha sido la principal aportación de Marcos Valcárcel a la vida social y cultural de la ciudad, continuando la labor iniciada por Carlos Cásares y aumentada con el Ciclo ‘Visións de Galicia’, el ‘Encontro de Escritores Ourensáns’, los roteiros sobre Curros Enríquez y Blanco Amor, y la constitución del Premio de Microrelato.Durante la asamblea, los socios de la entidad liceística calificaron a Marcos Valcárcel como ‘una verdadera fuente de conocimiento de la historia contemporánea, que mantiene viva la comunicación con el resto de los intelectuales de Galicia, por lo que es un orgullo para esta sociedad que él forme parte decisiva de nuestras actividades literarias, con las que el Liceo ha alcanzado en estos años el mayor nivel de prestigio cultural’.
21 feb 2009
Entrevista en Culturas, La Voz de Galicia, 21-2-09, realizada por Camilo Franco
- Vostede combina historia e xornalismo. É unha mestura que moitos consideran unha contradicción. ¿Hai puntos de encontro?
- No meu caso nunca observei esa contradición. Obviamente, a metodoloxía é diferente, pero calquera saber, tamén a historia, ten que comunicar con xeito as súas reflexións. Na miña xeración houbo revistas modélicas ó respecto, como “Triunfo” ou “Tiempo de Historia” que fixeron un labor digno de aplauso nos estertores do franquismo. Medios de comunicación e historiadores deben ser cómplices neste aspecto.
- ¿Queda espazo nos medios para a historia e para a divulgación?
- O espazo é moi limitado, agás en suplementos ou promocións complementarias. Por outra banda os medios non ofrecen ós historiadores galegos as mesmas facilidades que a pseudohistoriadores españois, na liña de Pío Moa e outros, sostidos por fortes presións do mercado. A competencia é desigual.
- Ten estudado os medios de comunicación galegos nuns anos de moitos cambios. ¿Como describiría a evolución dos mesmos?
- Creo que os cambios foron máis no plano da renovación tecnolóxica que na propia concepción informativa dos medios. No mercado da prensa escrita, por exemplo, sobrevive unha forte presenza dos medios locais e o localismo é dominante en todos os xornais galegos. A nivel de opinión e no seu ton reivindicativo, seguen sendo modélicos os proxectos máis ambiciosos da Galicia republicana, como El Pueblo Gallego, o Galicia de Vigo ou La Zarpa ourensá.
- ¿Foi unha evolución parella á da sociedade?
- A sociedade cambiou quizais máis e basta comparar un xornal de 1977 con outro de hoxe. Pero nese cambio social os medios tamén foron decisivos, sobre todo as televisións.
-Incorporouse de maneira intensa á tribo de blogueiros galegos con As uvas na solaina. ¿Cre que a rede e os medios físicos son complementarios ou pensa que competirán polos mesmos lectores?
- De momento son complementarios e aliméntanse mutuamente. No futuro os medios tradicionais imitarán, xa o están a facer, recursos dos blogues, loitarán pola interactividade e terán que ser máis creativos e imaxinativos para conquistar unha mocidade pouco receptiva ás formas máis convencionais de comunicación.
¿Escribir no blog supuxo algún cambio na maneira de escribir nos outros medios?
Sobre todo supuxo a posibilidade de contrastar as miñas opinións de forma directa cos lectores. Ademais, dos debates que xorden a cotío en As Uvas na Solaina, nacen de cando en vez temas de interese para os meus artigos nos xornais.
- A historia local é outro dos xéneros nos que traballa. ¿É a parente pobre dos estudos académicos?
- Cada vez é menos parente pobre e en Galicia conta cunha forte tradición dende o século XIX. A historia local é decisiva na construción de referentes de identidade e, cando se afronta con rigor científico, ten a mesma validez que calquera outra parcela da historiografía.
-Acaba de publicar unha “Historia de Ourense”. Arredor da cidade hai unha certa mítica cultural. ¿Cre que a importancia cultural é maior en Ourense que en outras cidades?
- É unha mítica cultural que, como tal, remite ó pasado. Os dous grandes momentos do Ourense cultural foron a Xeración Nós e o Rexurdimento de Lamas Carvajal e O Tío Marcos da Portela. Neses dous momentos históricos, interconectados entre si, a cidade, sen renunciar á súa personalidade, abriuse ó mundo e constituíuse nun referente para unha Galicia dona de seu. Isto pasou tamén noutras cidades. A vantaxe ourensá foi contar con figuras tan xigantescas como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Blanco Amor, que en conxunto cobren toda a historia cultural do século XX e seguen dialogando connosco. Otero ou Blanco Amor teñen aínda moitas cousas que contarnos.
A pesar de escribir moito e de estudar aos autores de ficción, ¿non se sentiu tentado pola ficción?
- A mesma pregunta fíxoma dúas veces Carlos Casares animándome a dar o salto á ficción, pero creo que o meu territorio é o xornalismo e a investigación. A Galicia de hoxe ten excelentes escritores de ficción e moitos deles son amigos meus. Prefiro que os lean a eles, que paga a pena.
Afonso Vázquez-Monxardín
la región 21-02-2009
Non por ser un terreo común, algo dito e asumido globalmente, deixa de ser unha verdade como un templo: os extremos tócanse. Se cadra ten que ver a cousa con iso de ser a terra redonda.
Ou sexa que, como nos ensinaron Magalláns e Elcano, se un anda sempre cara á esquerda, chega pola dereita ó mesmo sitio onde estaba antes, e viceversa. Debe ser iso.
Hai casos políticos moi tráxicos e outros que, andando o tempo, deixan un regusto divertido. O asasinato de Ysaac Rabín, en 1995, feito por un fanático relixioso xudeu, foi un éxito tamén para os fanáticos relixiosos musulmáns. Para que vexan como anda o patio por alí, hai incluso xudeus integristas -o Naturei Karta- que son declaradamente pro iranís e bendicen o holocausto por ser un castigo divino contra os intentos de establecer un estado xudeu na terra. Hai xente para todo. Tamén aquí, cando entraron os gardas civís no Congreso, aquel 23-F, ao principio non se sabía ben se eran extrema esquerda etarra ou extrema dereita golpista.
En fin, xa sen traxedia, aos nacionalistas españois éncheselle a boca usando o termo ‘español’ para a fala orixinaria das terras castelás, e algo semellante lles ocorre aos máis arrichados nacionalistas periféricos (galaico-euskaro-cataláns) que sempre utilizan o mesmo vocábulo, e parece así que os que dicimos máis ben ‘castelán’ vimos quedando en posicións intermedias, con vocación de acougo e tranquilidade. Seguramente.
Pero se antes os radicalismos extremos viñan con moito da cousa política, arestora van por outros camiños. ‘Galiza non se vende’, dixo o lema dunha manifestación ecoloxísta que advertía a calquera goberno futuro e que supoño terá a súa parte de razón, pois sabemos que a razón é como un grandísimo queixo emmental: normalmente non o leva todo o mesmo comprador. Pois ante esta grandilocuencia extrema, retrucaba un paisano irónico: ‘Certo, non se vende. E que non se vende nada. Está todo parado’.
E extremos tócanse tamén cousas dos costumes. É máis fácil pasar de demo a anxo -ou viceversa- por conmutación da chave, que dun deles a xente do común. Ou todo é hiperconsumismo de compra-compra-compra, ou chegan os contrarios e fan campañas alucinadas como a de ‘Os reis non existen’.
Pois esoutro día algúns deberon pensar que andaba eu mal da cabeza -cousa que non desboto plenamente- porque me parei diante dun longuísimo texto explicativo, radical que argumentaba sesudamente o seu publicitario título: ‘San Valentín mata mulleres’ e botei a rir. ¡Mi madriña, que fío de disparates ensarillados e irrebatibles! Despois, ao día seguinte, xa non rin tanto ao ver que en Pakistán houbera manifestacións islamistas contra a mesma celebración por razóns opostas, curiosamente, ás do grupiño universitario que, con pleno orgullo, reivindicaba para si o nome con que asinaban, ‘As lerchas’. E daquela lembrei a disparatada visita das ‘mulleres artistas’ capitaneadas pola inefable Cristina del Valle a varios líderes de Hamás, entre eles ao xefe máximo, Khaled Meshal, en Damasco o día 15 de xaneiro pasado. E pensei, xa serio, se non estaremos escorregando da razón embaixo.

Obsesionado polas colores e polo movemento, Franz Marc pintou logo vacas amarelas, vermellas e verdes, e cabalos azuis e vermellos, e corzos e cans e gatos multicolores. Non era só un xogo: detrás estaba o rico debate intelectual de Der Blaue Reiter (O Xinete Azul), con figuras da talla de Kandinsky, que revolucionaron as bases teóricas das artes no tempo das vangadas-
Franz Marc prefería pintar animais antes que persoas, quería descifrar a parte interior e espiritual da Natureza. Nas súas palabras, tentaba sentir o tremor e o bulir do sangue na natureza, nas árbores, nos animais, no aire. Creo que o logrou, como Chagall : aínda hoxe nos sorprende a tenrura e a forza expresiva das súas vacas e cabalos. De certo, a realidade é algo moi complexo, non menos que a arte.
19 feb 2009
Remato de ver os telexornais da Primeira e da Cuatro. Gabilondo entrevista a Touriño e información abondo de Rajoy e Pepe Blanco, na Cuatro. Na outra, idem. E así varios días, o ideal bipartidista. E o BNG cogobernante non existe?
E tamén nos está a perxudicar ós galegos a coincidencia coas vascas, das que se informa con máis detalle.

To!Bieito Iglesias, El Correo Gallego 19-2-09
Imaxe: Vacas amarela, vermella e verde, de Franz Marc - 1912 -
Que as universidades se ocupen da onomástica do gando vacún en lugar de investigar -por exemplo- as causas da crise económica dá que pensar. Quizais na era do baleiro que nos tocou vivir, os outrora templos do saber estean abocados a entreter as masas con chilindradas, en dura competencia coa televisión.Desde logo o telexornal da TVG fíxose eco de certa pescuda da universidade de Newcastle que constatou empíricamente como as vacas con nome propio baixan o leite mellor que aqueloutras non baptizadas. Os experimentos realizados durante miles de anos polos camponios galegos xa tiñan chegado a conclusións moito máis precisas. Como se sabe, nas cortes das nosas aldeas de antes, o gando bovino tiña nome mentres que porcos e ovellas, burros e eguas ficaban no anonimato da denominación xenérica; do mesmo xeito que se nomeaban os cans (Merola, Petís, Café, etc) e non se distinguía con ese privilexio a outros animais domésticos tales como gatos ou galiñas. As vaquiñas galegas todas tiñan a súa graza, así fosen rubias, marelas ou de raza limiá, caldelá e vienesa (tres castes que os cursidosos peritos agropecuarios inclúen entre as "morenas del norte"). Chamábanse Vermella, Pinta, Cabana, Marquesa, Linda, Barrosa?con nomes puramente descritivos da cor da súa capa ou encomiásticos. Agora ben, por máis que quixeses lisonxear a vaca chamándolle, coma tal, Bonita, ás veces ofrecía un ubre inchado e outras veces o leite púñaselle nas cornas en lugar de nos tetos. Querse decir que, baptizadas ou non, había vacas de leite (frisona holandesa), animais de carreto (as razas barrosas) e rubias galegas, boas para a carne, esclavas da canga ou da molida de mellor dente que as suízas ou holandesas. Que a TVG non saiba nada disto e se guíe por nonadas pseudocientíficas de Newcastle demostra que o mundo actual despreza a cultura labrega, un patrimonio milenario vivo aquí na Galiza ata antonte. Só se me ocorre exclamar "to!", voz usada no agro para tornar ou deter o gando.

A segunda cadea de TVE está emitindo polas mañás unha serie documental moi recomendable, Rutas del Románico, conducida polo humorista gráfico Peridis. Tras percorrer nunha xeira anterior boa parte do románico en Castela e León, Peridis segue o seu camiño, lapis e lámina en man, pola montaña palentina, Álava, as grandes colexiatas de Cantabria, a arte tardía de Pontevedra, as pinturas murais das igrexas catalás, o final do Camiño de Santiago, os antigos condados de Sobrarbe e Ribagorza (Aragón) e os grandes mosteiros cistercienses e bieitos de Cataluña.
Unha completa visión do Románico dende a clave artística e monumental, que remata sendo tamén unha crónica da época, do estilo de vida e da historia social e relixiosa nos séculos nos que floreceu esta arte. Un acerto da serie é que non se centra só nas grandes catedrais e colexiatas, senón que ademais esculca nas igrexiñas do románico rural.
Tamén un modelo do documental sobre patrimonio a imitar polo audiovisual galego e a Televisión de Galicia: para cando unha serie semellante sobre o Románico galego, que se deteña tamén con agarimo nas pequenas ermidas e capelas que enchen a Galicia rural?
18 feb 2009
LUÍS GONZÁLEZ TOSAR, El Correo Gallego 1-2-09
Ideoloxías á parte, un grupo de politólogos logrou descubrir, despois de moitas e moi variadas pescudas, que as tres principais forzas políticas de Galicia depositan as súas esperanzas, seguindo nisto a tradición popular, en dous santos e unha santa.
Guñedo foi, ao parecer, antes de se converter ao cristianismo, un centurión romano do século III chamado Aulus. Denunciado por un veciño da porta que lle envexaba o rabaño das ovellas, decapitaríano na súa vila, preto do actual Prevediños (Touro), e posteriormente sería declarado martir polo Papa San Eutiquiano, no 280. Seica vén protexendo o Partido Popular de Galicia desde a terceira visita de Xoán Paulo II a Compostela. Un alto dignatario vaticano encargaríase de lle entregar a Don Manuel, no máximo segredo, unha reliquia de San Guñedo, a primeira falanxe do dedo furabolos. Ignórase o paradeiro da reliquia e da única imaxe do santo.
En canto a San Prizón, descoñécese o lugar de nacemento e os apelidos deste beato que, a comezos do XVIII, aparece rexentando unha misión xesuítica de tres mil indíxenas guaraníes á beira do río Paraná. Os oficios mediadores do santo Prizón deben remontarse aos tempos do cainitismo socialista. Está claro que foi Paco Vázquez o seu introdutor e custodio. Disque Touriño só lle pide favores a través de Antón Louro.
E por último a guía benefactora do nacionalismo, Santa Bruña. Aínda que fóra do santoral, Bruña segue a ter autoritas no BNG. As malas linguas alcúmana " A coronela", porque cinxe espada e mostra arrogancia no rostro. Para pesar dos seus siareiros, Bruña veu de fóra, tróuxoa Castelao da Bretaña. Os que saben destas cousas sitúana como advocación de Xoana de Arco. A pobre Santa Bruña botou décadas no faiado da casa do autor de Sempre en Galiza, en Rianxo. Tivo paciencia, liberárona das tebras Quin e os seus fieis de Allariz.
XOSÉ MANUEL SARILLE, El Correo Gallego 17-2-09
Asistimos á campaña autonómica galega máis pobre de contidos, de líderes, de programa e de esperanzas desde o comezo da democracia. A solvencia política é a grande ausente, mais a cidadanía é pouco exixente cos seus políticos e parece que se conforma co que hai.
No PPdeG o pano de fondo é a crise do partido español; algúns analistas non descartan o derrubamento completo do edificio organizativo da dereita. O PP agarda na esquina do ring a ración diaria da prensa e dos xulgados e aquí o líder galego consolida a imaxe de insípido, nin carne nin pescado nin verdura, aspecto buenote, obediente á sé central e carente de dominio na súa visión da Galicia presente e futura. Tampouco está autorizado para seguir a doutrina que heredou de Manuel Fraga, con autoidentificación teorizada, Europa das rexións, partido tacitamente autónomo, administración única, senado territorial e outras cousas ás que nunca pensei eu apelar para explicar a clase política que padecemos neste dous mil nove.
O PP galego limítase na campaña a tres cousas de patacón: pufo no voto emigrante, cadeiras de dous mil euros e coche presidencial carísimo, nas que teñen razón, pero ás que logramos chegar sen dificultade todas as persoas de intelixencia normal, sen que por iso saibamos como se goberna un país nin nos paguen por sabelo. Un discurso malo, que no entanto non condiciona apenas a tendencia dos votos nin a cantidade, porque a cidadanía non é exixente.
Fronte ao PP están os dous partidos gobernantes. Acertan os xornalistas cando conclúen que non houbo transformacións, nin ideas-forza a ensaiar, nin valentía; só afán de permanencia. Algúns pensan que o cambio virá na próxima lexislatura. É falso. A forza, os azos e a ilusión son cousas frescas, que se non se presentan ao comezo, xa non virán. Teñen medo de perder se desertan os seguidores máis fieis, os máis decepcionados, e axitan o medo á dereita en troca de ensinarlles os logros da xestión, porque saben que así non convencen. O medo ao lobo acostúmase a meter despois de tres ou catro lexislaturas, cando xa non hai remedio, non ao remate da primeira. Vaia nivel.
Afonso Vázquez-Monxardín
LA REGIÓN 17-02-2009
Arrepíame (horripílame, ou sexa pónme os pelos de punta, por vía culta) o dito de ‘feita e lei, feita a trampa’, porque creo que define bastante o comportamento co compromiso público de todos nós. E inclúome para que ninguén pense que trato de quedar de santo varón e pontificar. Non. O que pasa é que o país é como é.
Por exemplo a campaña electoral. Disque empezou o xoves pasado. Tururú. Todos sabemos que non é certo. Que desque se soubo a data das votacións houbo ducias e ducias de mitins de propaganda político-electoral -de todos os partidos- só que sen, explicitamente, pedir o voto, claro. Feita a lei dos quince días de campaña, feita a trampa de adiantala sen o ‘detalle’ de pedir o voto, o que deixa todo dentro da lei. E como é cousa xeral, non vai ser un deles só o que perda o ritmo. Pero non se preocupen moito que creo que as campañas valen para moi pouco. Dáme o corpo que hai unha sensación de ‘longo percorrido’ de meses que nos sitúa perante a nosa decisión e que por moito que falen, digan, inviten, chouten, prometan, etcétera, a cousa está feita. Incluso para os chamados indecisos -benzón aos únicos que din que pensan o voto- pois estes, de tanto impacto de anuncios, pensan á marxe.E polo dito de ‘feita a lei, feita a trampa’ cada vez se usa máis na fala política o de ‘non é ilegal’ ou ‘quen teña probas que vaia ao xulgado’. Pensemos, por exemplo, nas contratacións de persoal en calquera das administracións gobernadas por calquera partido. A todos lles proe. E por iso témome que se falamos máis de leis que de principios éticos acabemos con finais pouco éticos, dentro ou fóra da lei, cousa que persoalmente, me importa menos, pois sosteño a preeminencia da ética sobre a lei.
Por iso me parece ben a substitución do cabeza de lista do PP e aínda creo que ha beneficiar moito a ese partido. Un pouco de trapallada parece, pero que a política é un pouco trapalleira, xa o temos descontado. O que non teño claro é se é ético ou non que un candidato pillado nas patacas poida entoar o de ‘se va el caimán...’ e baixe da burra -asinou el a renuncia- a metade da carreira despois de terse comprometido a subir no macho. En calquera caso, menos razoable parece -éticamente podería dicir- que se alguén, visto que o señor xa non segue, pensa que o debe tachar e o tacha, pois que se anule o voto. Primeiro porque a intención do votante sería clara, segundo porque hai unha circunstancia extraordinaria enorme, o que está tachando non é un candidato, senon un non candidato que aparece nunha papeleta... Cousa rara, rara, por certo.
En fin, atrévome a apostar a que non han ser moitos os votos nulos, pois a xente non é parva. Isto das eleccións seralles máis ou menos complicado pero a xente bota a quen lle peta. Faltaría máis.
17 feb 2009
Desta xornada, ben agradable, quedará, ademais do saboroso bacallau que comemos, a imaxe dunha tardiña ó sol do inverno. O sol quentando sentimentos, emocións, soños, arrombados os medos por unhas horas. Unhas cativiñas xogan na praia cos seus monecos, baixo a atenta mirada dos seus pais. As nenas poñen na empresa todas as forzas que posúen, case envexo os seus folgos que eu xa non teño. Non podo correr pola praia nin adentrarme nas ondas doutrora, só camiñar collido de alguén, tropezando unha e outra vez. Pero si teño o cariño dos amigos e seres queridos. E este sol que me quenta a cariña con tanto agarimo: hoxe por hoxe ninguén me pode quitar iso.
Hitler lectorSegundo leo nunha reportaxe, seica Hitler foi lector habitual, mesmo compulsivo ás veces, e axuntou na súa biblioteca uns dezaseis mil exemplares. Pero din tamén que foi mal lector, asistemático; que, en realidade non lía por pracer nin lle gustaban as novelas, só lía para confirmar os seus propios prexuízos. E sábese polos subliñados que facía nos seus libros, sempre de carácter instrumental.
16 feb 2009
O LECER DE ISOLINOMIGUEL ANXO FERNÁN VELLO, Galicia Hoxe 16-2-09
As andolas, ben o saben vostedes, son unha caste de bolboretas miúdas que gustan de revoar arredor dunha luz, e andoliñas –a súa forma en diminutivo– foi o título que Marcos Valcárcel quixo que figurase á fronte da súa colaboración xornalística e literaria en Galicia Hoxe. E acertou o escritor con esta fórmula, con esta poética comunicacional. Porque os artigos de Marcos Valcárcel, que agora ven a luz no libro Dende a palabra, dende o corazón. Primeiras Andoliñas –unha escolma das aparecidas entre outubro do 2003 e outubro do 2004–, son un paradigma de precisión prosística, sometidos os textos a unha esixencia, natural no autor, de sonoridade e ritmo e, ao mesmo tempo, tinxidos dun culturalismo de vea asequíbel e intelixente, sen se esquecer en ningún momento da visión directa da realidade e da pura reflexión de carácter cultural e aínda social e político. Así son as andoliñas de Marcos Valcárcel. Lixeiras na súa arquitectura e densas no seu poder comunicante. Formas literarias de intervención directa e ánimo de crónica a fixar nomes, lugares e feitos. Os dicionarios galegos do futuro terán que incluír, sen dúbida, a voz andoliña, á par do seu significado xa coñecido de bolboreta, como "columna xornalística de definido alento literario, breve na extensión e intensa no seu voo de ideas, concrecións e matices". Ou algo así. E ten toda a razón Afonso Vázquez-Monxardín, prologuista deste primeiro libro das andoliñas de Marcos Valcárcel, cando di que que estas folerpiñas –así as denomina tamén Monxardín– "establecen connosco unha comunicación tranquila e fluída, pousan sobre nós suavemente e imos quedando engaiolados coas reflexións de Marcos sobre o mundo cotián ou extraordinario, coas súas lecturas, películas e músicas preferidas, coas evocacións de historias e reflexións diversas". A andoliña xa é, pois, unha marca, un estilo, un selo da casa. Marcos Valcárcel soubo crear e manter un xénero que xa forma parte da historia máis brillante do xornalismo literario galego do noso tempo.
O autor do libro "Dende a palabra, dende o corazón", que GALICIA HOXE regala hoxe, asegura que o seu único patrimonio, xunto a familia, o seu arquivo e a súa biblioteca, "son os amigos" e confesa que lle gustaría escribir unha "Andoliña" que levase por título "Crer no país"
R.R . SANTIAGO 15-2-09
Marcos Valcárcel é un observador único e un analista sistemático da vida mesma durante estes últimos cinco anos en GALICIA HOXE. No seu recuncho da contraportada escribe as súas "Andoliñas", que agora son recollidas no libro "Dende a palabra, dende o corazón" que hoxe se regala con este xornal.
Historiador, articulista, profesor, home da cultura... que actividade lle satisfai máis?.
Creo que no meu caso son actividades compatibles, con diferentes metodoloxías, pero sempre relacionadas e intercomunicadas entre si. Entregueille moito tempo da miña vida ó xornalismo e quizais é a actividade á que máis lle debo no que se refire á comunicación directa coa sociedade.
Vive o idioma galego un mal momento ou todo o contrario cando alguén se manifesta porque o castelán está discriminado?
O galego non vive un bo momento e necesita todos os apoios posibles. O discurso do castelán discriminado é un absoluto disparate en Galicia e todos sabemos que nace dunha manipulación política: o máis triste é que un sector dun partido como o PPG xogue esa carta tan suxa co fin de rañar algúns votos. Pensa que hai algunha medida milagrosa para recuperar o galego?.
Non hai medidas milagrosas, pero si é necesario un conxunto moi amplo de novas estratexias, creativas, intelixentes, contundentes, que teñen que implicar por igual os gobernos e toda a sociedade. Sen o apoio explícito e comprometido dos cidadáns fracasará calquera iniciativa por ben intencionada que sexa.
É unha persoa cunha forte capacidade de autocrítica. A súa evolución ideolóxica cambiou ao longo dos anos. Reprocháronllo algunha vez?.
Podo ser autocrítico porque son consciente das miñas capacidades e das miñas limitacións. A miña evolución ideolóxica puido cambiar en matices ou nunha concreta afiliación partidaria, pero, por riba diso, mantiven sempre un territorio común, que foi o do galeguismo, o da democracia e o da liberdade. Tamén o da confianza no ser humano como chave dun progreso respectuoso co medio e co planeta que lles deixaremos ós nosos herdeiros.
Andoliñas naceu hai cinco anos. Cal foi a súa evolución?.
Primeiro foi un reto, pola periodicidade case diaria. Logo, un lugar de encontro cos amigos e cos lectores. Eu mesmo quedo sorprendido de ter entre os meus lectores personalidades da cultura ás que admirei sempre, o que supón un plus de responsabilidade ante a pantalla en branco.
Os seus artigos serven para crear opinión, para reflexionar. É ese o seu obxetivo?.
Non sei se crean opinión, en todo caso queren favorecer un debate en liberdade e tolerancia, que moitas veces se produce logo no meu blog As Uvas na Solaina. Moitos articulistas movémonos nun "humus" común de ideas e opinións e é da confrontación pacífica entre todos e da riqueza de matices de onde xorden as mellores realidades: ese é o segredo do mellor xornalismo de opinión.
No prólogo Monxardín fai unha fermosa presentación do libro. Sente que ten moi bos amigos, xente que agradece os seus escritos e que o seguen habitualmente.
Moi fermosa presentación sen dúbida. Reitero que, coa familia e o meu arquivo e biblioteca, o mellor e o meu único patrimonio son os amigos e as amigas, sempre xenerosos no seu apoio. Esa é unha das meirandes riquezas, aínda que non sirva para cotizar en bolsa, pero tampouco está en perigo cando chegan as crises económicas.
Que Andoliña lle gustaría escribir que aínda non pode. Que levaría por título?.
Como son breves terían que ser tres. Unha titularíase "Crer no país" e narraría en forma breve o proceso de descubrimento, por parte dos galegos, da súa cultura e identidade. Daría conta dunha forte inxección de autoestima das nosas xentes. Outra podería chamarse "Mocidade de noso" e falaría duns mozos e mozas que falando en galego, e dominando tamén outras linguas, constrúen unha Galicia máis moderna e solidaria, con maiores cotas de benestar para todos. E na terceira, titulada "A Terra fala", sería a propia Natureza a que nos contaría como se chegou a un pacto cos cidadáns para que o desenvolvemento da riqueza necesaria no país non hipoteque nin estrague os tesouros medioambientais dunha Galicia única nas súas fragas e mas súas costas, desde Os Ancares ata as terras fisterrás.

