9 dic 2007


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1988: O ESPLENDOR DA NOVELA

Algúns títulos máis completan a relación do ano 1987. Na narrativa, as novelas Saraverde, de Xesús Rábade Paredes, e O sorriso de Gardel, de Isaac Otero, e a última novela de Ricardo Carballo Calero, Scórpio. A reedición do volume de José Ogea, El mundo rural (Biblioteca Gallega) e o valioso ensaio de Xosé Chao Rego, Para comprendemos Galicia, ademais do estudo da profesora Nicole Dulin Bondue, El granito y las luces (Xerais), sobre a pegada da cultura francesa na Xeración Nós. (...)

Os anos 80 foron decisivos na narrativa galega. Abríronse campos ata entón case inéditos: a novela policial, a novela de aventuras, a de ciencia-ficción, a novela histórica da guerra civil etc. E publicáronse cando menos dúas ou tres novelas por ano de relevancia destacada, consolidándose unha xeración con nomes como Alfredo Conde, Víctor Freixanes, Carlos Casares, Méndez Ferrín, Xavier Alcalá e un longo etcétera de nomes máis novos que viñan detrás.

O tema da guerra civil estivo presente en 1988 (tamén o ano anterior, como vimos, con Casares): nesta ocasión con Vísperas de claudia, de Manuel Guede Oliva, o relato do fascismo auriense, e O bosque das antas, de Francisco Xosé Fernández Naval, cun espazo xeográfico semellante (Ourense, Velle, o protagonismo do río Miño), a novela que gañou o Xerais daquel ano, resolto en Baiona. Da mesma andaina son a novela intimista de Marina Mayoral, Unha árbore, un adeus; unha procura na ciencia-ficción de Xesús González Gómez, Ucronía; a novela de viaxes e aventuras de Martínez Oca, As florestas do Mañuema; e os relatos de e os relatos de Camilo Franco, na súa estrea literaria, A lúa no cénit e outros textos. E unha das ambiciosas novelas do ciclo de Víctor Freixanes, O enxoval da noiva, trasladada ata a Italia do Renacemento, á Roma de Alexandre VI e o papa Borgia, cando as vodas da súa filla Lucrecia. , trasladada ata a Italia do Renacemento, á Roma de Alexandre VI e o papa Borgia, cando as vodas da súa filla Lucrecia. A narrativa do 88 achegounos Catro novelas sentimentais, de Ramiro Fonte; Meta-relatos, de Claudio Rodríguez Fer; O camiño de Middelharnis, de Xosé Cid Cabido; O misterio do barco perdido, novela policial de Carlos Reigosa; As cereixas, de Riveiro Loureiro, e Turbo, de Miguel Suárez Abel. Na narrativa xuvenil tiñan especial éxito, Anagnórise (Galaxia), de María Victoria Moreno, que arrasou nos institutos; Investigación 091, sobre o mundo do contrabando, de Pepe Carballude; Moncho e Driar, en clave de ciencia-ficción, de María García Yáñez; De cando o Suso foi carteiro, de Neira Vilas; Lembranza nova de vellos mesteres, de Paco Martín; Chuchamel, de Concha Blanco, e O gato metido nun saco, de Alberto Avendaño.

8 dic 2007

























Estatuaria urbana de Ourense (I)

Xulguen vostedes mesmos:
Castelao, de Buciños (foto Pili Prol).
A leiteira, de Ramón Conde (foto Nacho Rego).
A muller coa bola do mundo, na rotonda de Pardo Bazán, dun discípulo de Buciños (?), foto Trebolle.
O Otero Pedrayo, de Buciños, na praza do Correxedor.
Ladislao Reverter e Colemán, Los chicos del rallye (descoñezo o autor..., case mellor así).
O Fauno e a Serea (1995), no Parque Barbaña, as dúas de Acisclo Manzano (da web artebronce.com).
Outra visión

Outra visión dun acto comentado abondo estes días, nesta casa:
"A homenaxe a Blanco Amor" (Monxardín, La Región 8.12.07)












López-Casanova. Jane Birkin.

Os dous teñen admiradores, de seguro, nesta casa. O poeta Arcadio López Casanova, catedrático na Universidade de Valencia, estará o próximo xoves 13 (19,30 h. no Liceo), en Ourense, falando de "Tempo de procura (Casares en Compostela)", dentro do Coloquio Carlos Casares.



Zapatero, un tipo con sorte
Andoliña 8.12.07
(Imaxe: de novo de V. Brauner, artista surrealista que estou a descubrir nestes días)
Aínda non lin o libro sobre Zapatero de Suso de Toro, Madeira de Zapatero, que en galego publicou Xerais: cando o faga xa lles darei o meu parecer. Pero do libro xa andan moitas opinións circulando por aí. Din os que xa o leron que nel non hai ningunha crítica ó presidente, agás as distancias evidentes de Maragall, molesto porque Zapatero pactase con Mas o Estatut deixando en segundo plano o socialismo federalista dos socialistas cataláns.
Contan tamén que o libro, feito con entrevistas de persoas próximas ó presidente de goberno, dá en xeral a visión dun tipo con sorte, ó que todo lle saíu ben na vida: un neno que sempre aprobaba os exames, que nunca levou unha labazada dos pais, a súa nai tiña por el un amor intenso, etc. Ou sexa, un individuo do máis normal.
Pero algo máis debe ter para chegar onde chegou, digo eu: a dirixir o socialismo e logo o goberno do Estado. Din tamén que posúe unha grande intuición política, certa astucia que explica que lle saían ben as cousas: algúns mesmo falan da súa baraka (benzón ou boa sorte). Tampouco é un intelectual, nin moito menos, engaden outros. Pero, nos nosos tempos, non creo que iso sexa preciso para dirixir un goberno.

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
22. No poleiro.
Non é La Salle, pero algo haberá do seu gusto.
Para o Leituga-1 vai, logo.

O domingo había tres cousas fixas: baño, misa, cine. Podíase incluír sábado á tarde, cambiar a orde dos factores e quedar só a integral, demorada ablución, inamovible na mañá festiva. Como e cando for, a certa hora e con Ovidio pola man, paseo deica a sala correspondente, entrada, manís e para a bancada.

Non sempre fora nin sería de tal modo. Á mamá tamén lle gustaba a moderna arte; e como a tarde libre da escola era a do xoves, e ofrecían varios exhibidores nese día a Sesión Familiar, ía con ela a Silla, tránsito da popular General á privilexiada, case plutocrática Butaca. Pola Ronda, estreita beira da esquerda, á expectativa de auga sucia cando o rombar dun automóbil se escoitaba e alí estaba a poza, por onda o Bar Viveiro achegabámonos ao Kursal. Unha vez fomos ver certa película que lle debeu parecer suxestiva polo título; non esperaba ela, seguramente, que cousa tan negra e escura -en algo máis ca cromatismo- se chamase “O manancial da doncela”. Tal rótulo ficou na miña lembranza, co impacto de moitas imaxes e o paliativo final; habían servir, máis adiante, como ponte a Ingmar Bergman.

En Silla presenciaría, de moi mozo, unha representación dramática de “Nai Coraxe e mailos seus fillos” no Gran Teatro. Entre o escaso público, na fila de diante había un descoñecido señor, galegofalante e con algunha barba; quedou igualmente na memoria ata que anos máis tarde o souben nomear, Manuel María. Xa polo 71, en Compostela, viría “Macbeth” ou “Esplendor na herba”. Pero dos doce anos -ou por aí- aos dezasete, a visión da pantalla foi principalmente sen confort e desde o alto.

Era tempo de moito compartir en espazo público e espectáculos; frecuente a bancada, en cinema normalmente de madeira e sempre o acceso máis barato. General, xa foi dito, de seu nome ordinario, a retranca enfatizábaa ata Butaca Corrida ou “de Estudiante”; certa batalladora solidariedade grupal -ou mecanismo compensatorio-, convertíaa en Poleiro. O lugar, sen dúbida, máis barulleiro e ocorrente; sen dúbida así mesmo, a falta de respaldo e apoiabrazos, a carencia de mulido para as cachas, algo terían que ver na algazara.

Pido desculpa, xa que entramos en materia pouco delicada. Na porta, a sala de cinema era lugar parsimonioso onde alguén, con librea ou uniforme, recollía as entradas; apagada a luz, aquel poleiro abolía cerimonias e declaraba entroido. Entre a anécdota máis estentórea figura cousa non vivida, oída, nun local de Ourense: “Acomodador! Aquí cáganse!”. “Deixa que se caguen!”. “Pero cáganse na nai que te pariu!”. En Lugo, o acomodador procuraba con lanterna os perturbadores (en Silla adoitaban queixarse) e case sempre había algún expulsado; pero o efecto disuasorio non chegaba, máis gorentoso era o delito cá película. Filme de romanos, batalla concluída, visión panorámica dun campo cheo de mortos; subitaneamente, voz xuvenil, descrida, barrial: “Mañá hai carne fresca na praza!”. Un “Cyrano de Bergerac” de serie B (por poñerlle letra), encontro nocturno entre cabaleiro e dama moi escotada; benévolo consello, con entoación certamente pousona: “Coidado, a ver se lle vas estoupar unha teta...”. Se a produción resultaba tediosa de máis -aínda que non-, o auditorio da parte alta -e os de abaixo que disimulaban- parecía agardar con impaciencia un clásico, a ventosidade anal, xulgando pola inmediatez no improperio de variada alusión porcina ou estabulante; e total, podíalle suceder a calquera...

Sen dúbida, o encontro máis ou menos romántico tiña e encontraba sitio sen buscar protagonismo; que sei eu se o bico en celuloide -que marcaba pateadura, ganido, asubío- daría lugar a encontro paralelo ou non era daquela o momento preciso. Seis eran, seis, os cines de Lugo; ben cercanos, conferindo ambiente.

Na rúa do Progreso, o España; seica nel pasaba moitas tardes Ánxel Fole, que lle traballaba alí o irmán. Dun lado, dando ás Norias, o vestíbulo aberto con carteis, imaxes e entrada para Butaca, a cuberto de sol e auga; do outro, contra os Almacéns Amaro, a taquilla de General -afora- e porta cara arriba. O España debeu acadar, nalgún tempo, algunha das superproducións, que ben me lembro de facer cola para “El Cid”; alí se viron “Os paxaros” de Hitchcock, “Morreron coas botas postas”, igual así mesmo un divertidísimo encontro de indios borrachos, mineiros sedentos, cabalaría e misioneiras, con protagonismo de dous grandes.

A cen metros, na rúa de Xoán Montes, o Central Cinema. Un comercio de electrodomésticos, pantallas no escaparate, permiten arestora prolongar o hábito de quen tantas veces, gardando quenda no lateral Canellón dos Carteiros, mirou alí fotogramas. Eran profusos no ben cumprido pórtico ao abeiro da inclemencia. A memoría non se decide, aquí, a concretar imaxe quizá de melodramas (Hudson, Day...), heist ou peplum nun se cadra máis incerto.

Moitos elixían película mirando os carteis. Se non chamaba a do España nin a do Central, deica o Gran Teatro non habería un cuarto de quilómetro.

Foi o teatro que Lugo tivo. Para a anual e esporádica xira de compañía madrileña, despois para a dramaturxia do país: o transporte de persoas e efectos cruzaba a Porta da Estación e xa se metía na praciña valada. Mitin político tamén, festival ou evento extraordinario. Por aquela táboa pasou, pasamos, profesionais e afeccionados, propio e visitante. Vexo o encerado que a cotío un operario especializado cubría con nome famoso; no magma persoal aparenta deliñarse en gran formato “Ben Hur”, pequeno e doutras veces Kirk Douglas, Gina Lollobrigida... Esmendrellouse un co Louis de Funes, viu o que marchou co vento en sesión estival e partida. Era un edificio de Alfredo Vila, excelente acústica e forma exterior imitando vella radio. Alguén demandou, non hai quince anos, o terreo para construír. Houbo cartas, manifesto, opinión contraria de voces ben autorizadas; Moncho Borrajo faría alegación in situ e sesión propia, canto de cisne. Presidía a Provincia Francisco Cacharro Pardo, e decretou que o teatro era construción horrible, carente de mérito artístico; aínda, hai unha década, pasaban tales cousas. Sen el quedamos, quedou o recinto amurallado.

No anterior daquela, se letras do encerado e fotos non convencían, extramuros e preto ficaba o mencionado Kursal, a súa gran pantalla, outro amplo vestíbulo e dúas entradas. Sobrio e duradoiro, durante anos acolleu un cine clube.

A ruta das catro salas debuxaría pentágono irregular sobre un mapa daquel centro urbano que reunía a aparente vida social; na Praza Maior, entre o bazar 0’95 e os Franciscanos, tiña carteleira o outro par de exhibidores. “Botón de ancla”, “O día máis longo”, suxerían que a mil metros andando había tamén espectáculo.

Rúa de García Abad; camiño da Milagrosa, entre a estrada da Coruña e mailas Casas Baratas. No Victoria pagábase menos, proxectaban a miúdo cousa popular de, por exemplo, non sei que gremio mexicano; branco e negro estrito, cuate e manito, charros ou modernos. Era o local máis pequeno e explicitamente humilde. Entre as dúas décadas, un cambio cultural ostentosamente emerxido no 68 renovoulle cara, tapizaría e programación: o cine de Arte e Ensaio trouxo ao Victoria unha viaxe alucinante coa sexosimbólica Raquel Welch, psicodelia e “Yellow submarine”. Buscando perfil, cobrando carácter fronte ao Paz.

Estaba ao lado e pertencía ao grupo Fraga; este en Vigo e Botas en Ferrolterra semellaban o máis consistente na industria de difusión cinematográfica galega. En Lugo, o Cine Paz tiña a mellor maquinaria; unha especie de auréola vermella realzando, entre apagar de luces e empezar de NO-DO, o entramado que bordeaba a pantalla; había butacas boas e cobraba máis có resto. Lugar distinguido, o máis prestixioso. Agás improbable lapso de memoria, fora o escollido para amosarlle á sociedade que Franco era aquel home; e amosara a tensión de Gregory Peck con Anthony Quinn camiño de Navarone.

Inicial e sucesivamente, desapareceron o cine con nome de país e o de sintaxe anglosaxona; cadanseu bloque de vivendas foi remendo estraño onde estiveran España e Central Cinema. Foise Victoria, ao lado Paz e a memoria de dous conceptos que o franquismo puxera en secuencia transcendente. Sobrou para algúns un Gran Teatro. Non hai tanto, acabaron borrando a outra sala, con modificado nome teutón. Seis eran, seis, os cines de Lugo. Houbo outros, hoxe ningún fica en todo o casco urbano.

Probablemente, unha maioría dos agora vivos nin coñeceu poleiro nin bancada. A cinematografía compartida, en lúdica asemblea, vólvese fenómeno crecentemente ocasional. Lóxica, talvez; e algo frío, coma ela.

7 dic 2007


Clotilde Iglesias lembra a Blanco Amor (Ourense, 4 decembro 2007)
Dedico este texto, que me pasou Monxardín, a Déborah Campos e a Ana Miranda.

Señoras e señores; dignísimas autoridades, mestres e alumnos do Instituto Eduardo Blanco Amor e dos outros da cidade, amigos e amigas todos.
Agradezo a deferencia que me fai o Pen Clube de Galicia a través de Don Luís González Tosar, que coñece a miña amizade co noso ben querido Eduardo Blanco Amor, e confía en min a responsabilidade de falar neste acto en lembranza do pasamento –xa van 28 anos- de Eduardo Blanco Amor.

Voulles falar sobre todo aos mozos e mozas que non tiveron a sorte, por cuestións xeracionais e cronolóxicas, de telo como conferenciante, como mestre o simplemente como conversador de extrarodinario voo.
Era eu moi cativa -12 ou 13 anos tiña daquela- cando lle preguntei a meu pai ¿Qué é un autodidata? E constestoume: Pois un autodidacta é aquel no que os seus coñecemento foron feitos sen axuda de ninguén. ¿Sabes quen é autodidacta? , Pois EBA.

Coñecíanse de moito tempo atrás, dende que Eduardo estivo na Arxentina na década do 30, cando era Vicecónsul Xeral de España, na Segunda República. Foi logo colaborador do diario La Nación de Buenos Aires, era máis que notable orador, dotado dunha fina ironía, cun extraordinario sentido do humor que en calquera reunión social acaparaba a atención de todos os presentes, era en definitiva, unha persoa dunha cultura e coñecementos extraordinarios.

Levábase moi ben coa miña nai, pois dicía que ela era a muller indicada para un artista como meu pai, que foi o actor máis importante na emigracion e era coñecido como “Tacholas” e que fixo estrea mundial en Bos Aires, xa que foi elixido polo autor, o esgrevio Castelao, para facer os papeis de A morte e Ramonciño na súa obra “Os vellos non deben de namorarse”.

Desde moi peqeuna lembro a Eduardo connosco, pois houbo datas en que fixemos os veraneos xuntos nas praias de Piriápolis, no Uruguai. De alí gardo unha foto moi graciosa, pois no intre de quitala, fíxenlle pi-pi na perna dereita e ambas expresións –a sua e a miña- ficaron para sempre na foto. Eu daquela tiña ano e medio… Logo cos anos, xocosamente mo botou en cara...

Cando un é mozo -e nisto é no quero facer fincapé nas miñas palabras- deixa pasar diante un intres dos que logo te arrepintes; pois as xentes maiores sobre todo os profesores, sempre teñen cousas para ensinarvos, non por seren máis ca os mozos senón simplemente, por teren máis anos vividos.
Isto pasou, certamente, coa miña xeración na Arxentina. Alí tiñamos nomes tan esgrevios ao noso lado que non lles dabamos a importancia que tiñan e logo, cos anos, cando xa non os tiñamos preto de nós, sentiamos saudades deles e daqueles días. Algún deses nomes, como o que hoxe nos convoca, son para vós, nomes de rúas ou institutos, ou lecturas obrigatorias na escola…

Pero daquela, na miña mocidade porteña, eran algo máis. Como Eduardo Blanco Amor, do que eramos discípulos das súas clases de lingua e literatura galegas… lembro o primeiro ano das clases –debía ser 1960- en que nos deu para traballar o libro “Merlín e familia” de Alvaro Cunqueiro. As clases eran organizadas pola Asociación Arxentina de Fillos de Galegos –onde estaba tamén connosco Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas- e dabamos recitais de poesía… Sempre lembro aquelas tardiñas dos ensaios en que levabamos para o intre do descanso todo tipo de pasteis e bebidas ao punto de que a Blanco Amor lle gustaba chamarlle a estas xuntanzas, “reuniones lírico-gastronómicas”.
Unha vez estando aquí en Auria –por usar o seu nome blancoamoriano- no ano 1963, díxome que lle tiraran as cartas do tarot e que voltaría definitivamente á terra; e así foi, dous anos despois…
Tiña anceios moi fondos para que isto, a volta a Galicia, se convertise en realidade… Pero non chegou a vivir plenamente satisfeito no regreso. Se cadra esperaba máis do que era posible ou se cadra o país, os seus intelectuais, non foron con el o xenerosos que debían… en calquera caso, merecer mereceu moito, polo seu traballo incansable e ilusionado xunto cos outros emigrantes e exiliados na diáspora para manter ergueito o facho da cultura galega e da lingua no lugar que non debeu perder endexamais.

En moitas tarefas participou: na fundación da AGUEA –Asociación Galega de Universitarios, Estudantes e Artistas-, na direccion das revistas Galicia do Centro Galego e do xornal do mesmo nome da Federación de Sociedades Galegas… e ben antes xa na fundación da revista “Terra” a semellanza do Nós de Ourense e baixo o maxisterio de Vicente Risco… Pero como home moderno, tivo audicións de radio desde a época dos anos trinta e foi padriño inaugural do programa La Voz de Galicia que dirixia meu pai e cuxo discurso de apertura, está no Arquivo Sonoro de Galicia, grazas ás xestións que o amigo Afonso Monxardín fixo para a tal fin, ata convencerme, hai xa ben de anos, en Bos Aires.
Xa sabedes que Blanco Amor dedicou unha parte moi importante da súa obra a escribir sobre o tema de Ourense, con novelas en galego e castelán. Unha delas, case descoñecida do grande público, La Catedral y el niño, é unha xoia e sería boa eleccion para vós, pois fai unhas acaidas descricións do Ourense antigo... Ou a Esmorga, ese húmido deambular marxinal pola cidade vella e arredores... ou A Xente ao Lonxe, nese agormar da sociedade contemporanea e da conciencia social nos inicios do XX... Ao mellor, entre os personaxes reais que cita, se pode atopar o nome dalgún dos vosos avós...

O seu talento era ilimitado para describir situacións e relatalas cunha prosa fascinante. Era creador con palabras e de palabras.
Cando ergueu da nada o Teatro Popular Galego, soubo que a filla do seu amigo Tacholas, ou sexa eu, estudaba na Escola de Belas Artes, e pediume que fixera a escenografía para as obras.... Eu tiña medo, pois sempre foi moi esixente... e un pouco rabudo. A pesar de todo, non podía negarme. E aceptou as miñas propostas e a montou de acordo ao proxecto, o que para min foi unha grande ledicia.

Unha tardiña do ano 1965, no Centro Galego de Bos Aires, atopeino especialmente ledo. Pergunteille e díxomo. Voltaba á terra para quedar. Despedímonos cun bico e apertas tensas. Non o vin nunca máis. Nunca estiven tan perto del como agora.
Eduardo, para ti esta lembranza da túa Clota, como gustabas de me chamar, coas saudades da Galicia de máis alá do mar e, se cadra, de máis alá do tempo.
A Nosa Terra reformada e a miña colaboración nesta nova etapa
(Imaxe: a que deseñou Francisco Leiro para o centenario)

Como todos vostedes saben xa, ANT empezou unha nova etapa, reformada, con melloras evidentes na súa presenza formal. E cun monográfico cheo de cousas de interese. Xan Carballa chamoume para colaborar nesta nova andaina e eu, que xa o fixen noutras (sobre todo nos primeiros anos), aceptei. De momento, cunha columna semanal: quizais con máis cousas, xa veremos. Velaí amiña primeira columna:

Contar historias
Sempre dicía que necesitaba contar historias para entender o mundo. E para entender as xentes que habitamos nese mundo. De feito, refugaba a retórica vacua de tantos discursos baleiros de ideas. E non entendía como os escritores, que por profesión se dedican a xogar coas palabras e crear historias, podían deixarse enredar pola linguaxe tecnocrática e intelectualizada dos congresos universitarios, por exemplo.
Non foi o seu caso. O seu foi o dominio da palabra e o pracer da conversa. A imaxe amable e en positivo dunha visión do país. Un galeguismo de realidades para facer florecer unha cultura, por riba dos dogmas e as teorías.
Falo de Carlos Casares. Pioneiro en tantas cousas. No xornalismo literario, dende os seus artigos en La Región dos anos 60 ata a súa columna “Á marxe” en La Voz de Galicia ata o día anterior á súa morte, tan traidora, en marzo do 2002. O Casares pioneiro na literatura xuvenil, que abriu portas e fiestras en tantos aspectos. O Carlos Casares creador de mundos propios en obras que son xa clásicos indelebles das nosas letras, dende Vento ferido a O sol do verán, pasando por xoias como Ilustrísima, Os escuros soños de Clío ou Deus sentado nun sillón azul, entre moitas outras. Ou marabillas como Un país de palabras, fóra de xénero, un diamante auténtico da palabra, que nos ensina máis sobre a literatura e o ser humano que todo un anaquel de ensaios. O Casares que estudou o país dende as súas biografías de alta divulgación (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Curros, Sarmiento, etc.).
Todos lembramos o seu faladoiro garimoso, o pracer da conversa, a imaxinación desbordada, a palabra como terapia. Dende o día 10 de decembro un Coloquio reunirá en Ourense, convocados pola Fundación Casares e a Universidade de Vigo, a diversos especialistas para falar con rigor e amplitude da obra de Carlos Casares: agardemos que non se abuse da retórica nin da palabrería inútil. Oxalá ata se conte algunha historia: como de seguro desexaría Carlos.

A idade (cando os poetas falan dos vellos)

La edad
A veces pienso que algo se prepara.
Cada mañana veo en el espejo
Un hombre que me mira, un hombre viejo,
Un viejo que me mira cara a cara.

No le conozco, pero –cosa rara-
Me mira con sonrisa de conejo
Y me coge el cepillo, si le dejo,
Y se afeita en mis barbas, y no para.

Y no para y no para de imitarme.
No sé si es un actor o es un abuelo,
Un viejo actor que estudia bien mis gestos

O un abuelo que viene a consolarme.
Es más viejo que yo, ya es un consuelo,
Mi compañero de los ratos estos.

(Lorenzo Gomis)

P.S.: en Comentarios encontrarán tamén poemas sobre a senectude de Pero da Ponte, Afonso Eanes do Cotón, Fernando de Herrera, Quevedo, Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Pablo Neruda, Corneille, Kavafis: poden ampliar vostedes esta lista.

Na homenaxe a Blanco Amor, no cimiterio de San Francisco (texto de Gabriel Gavela, do IES As Lagoas)
Imaxe de V. Brauner, 1945.

E a cidade abríase aos ollos dos novos poboadores. Afillados dunha metrópole enfastiada de novas tendencias, non son máis que homes e mulleres sen outra pretensión que unha pequena reforma nas súas angueiras máis intrínsecas. A urbe porfíllaos debido a esa inercia estúpida de comprensión e solidariedade característica de pobos afeitos a migracións eternas. Pero esa aceptación trastórnase no intre mesmo da manifestación da identidade. Eis o porqué da exclusión do foráneo. Todo depende do teu devir como un elemento máis da cidade. Se aceptas os acordos xa supostos e argumentados, converxes xunto co resto dos habitantes sen problema ningún. Mais, de teres un espírito desbotado e unha actitude de rebeldía, escusas cismar en reflexións creativas e innovadoras, porque a cidade non permite excesos.

Dicía Blanco Amor: “Ourense apértame como un zapato ás xaponesas.” “É unha cidade con virtudes, pero están dispersas.” E non serven para nada, porque “Ourense non se propuxo facer positivas esas virtudes.” “Ourense non ten destino”.

Algo semellante comentaban os neoprovistas. Falaban da importancia da conciencia clara e esperta. Conciencia esperta. Afirmaba Blanco Amor, cal Sócrates en Atenas, que os deuses puxérano sobre Auria como un tabán sobre un nobre cabalo: para picala e mantela esperta. E morrendo o escritor, morría o espertar.

Dez átomos de carbono e oito de hidróxeno conforman a molécula de naftalina, veleno de couza presente en todas as asociacións culturais, en todas as honras a seres inexistentes. A política aprópiase da cultura, e a cultura colle forma de boneca inchable á que todo insigne persoeiro gostaría deleitar, mais remata desdeñada no silencio colectivo.

Falaba Blanco Amor nun seu artigo do ano 69, dun debuxo de Castelao no que aparecían dous homes conversando nunha rúa.
- Quen é ise? - dicíalle un ao outro.
- Non sei.
- Entón vámoslle a botar un homenaxe.

As homenaxes son actos da época feudal, que naceron das relacións de vasalaxe, mais quedaron embutidos como ritual das tribos máis selectas para gorentar aos homenaxeados que, normalmente, xa teñen sido relados polos bichocos da terra.

Ría Aaylah Assumpta, muller sahariana ideóloga do neoprovismo, das nosas estúpidas neuroses occidentais, das nosas bágoas superficiais, da nosa intelligentsia local rifándose a xenialidade, dos persoeiros que aproveitan a opacidade da cidade e propulsan a súa actitude prepotente.

“Unha tarefa intelectual non é unicamente monólogo e soidade”, sentenciou o Blanco Amor. E laiábase, asemade, da súa cidade. “Ourense e para min o que para os gregos a moira, a fatalidade, que persegue aos heroes ata acabar con eles”.

E aínda non morreu o conto, nin morrerá mentres as mentes sexan esféricas e cortadas en imperfectos cuarteiróns que os homes que gobernan a cidade comen gostosos canda un iogur un pouco de pan de Cea.

en poleiro alleo
(Imaxe: V.Brauner, surrealista rumano-francés, Trio, 1948)

Da realidade da emigración: "Emigrantes", Xavier Castro (GH. 7 dec.)

O milagre finés.
Pan por Pan venres 7 decembro. Imaxe: W.Bouguereau: Lección difícil.

Andamos os ensinantes cos dentes longos mirando cara Finlandia, que seica posúen a chave do milagre: os nenos fineses sempre os primeiros nos informes PISA de educación. Pois ben, unha mestra finesa, profesora na Costa do Sol, descubría onte o segredo dese milagre, segundo contaba onte en “El País”: profesores moi ben formados, todos licenciados en Pedagoxía e logo especializados noutra materia; coidado dos alumnos máis demorados; liberdade ós profesores para preparar como queiran as súas disciplinas; fincapé nos idiomas, nas materias científicas e artes; normas estritas no bo comportamento e nos bos modais; bastantes deberes para a casa, porque o traballo independente é importante; respecto de toda a contorna social ó labor profesoral. Pois, e se probásemos a copiar dos que funcionan mellor? Cursiños pedagóxicos intensivos en Finlandia: eu apúntome.

6 dic 2007

O primeiro libro en galego (enquisa e exercicio de memoria)

A propósito do indicado embaixo por "Hormiga", que afirmaba que A galiña azul, de Casares, fora o primeiro libro que lera en galego. Se lles apetece e lles parece pertinente, aquí quedan dúas ou tres preguntiñas:
Lembran o primeiro libro que leron en galego?
Onde o conseguiron: mercáronllo os pais, na biblioteca ou llo deron como lectura obrigada na escola (isto só para os máis novos, claro)?
Un libro en galego que lles agasallara un mozo/ moza en tempos arredados?
E, para os que teñan idade, o primeiro libro en galego con que agasallaron ós seus fillos?
Pintadas (resume)

Só para facilitar a consulta dos posibles interesados/as, deixo en Comentarios as nove Andoliñas que naceron da colección de pintadas aquí escolmadas nas últimas semanas. Por outra parte, clicando na etiqueta Pintadas aparecen moitas máis, todas as que vostedes foron deixando xenerosamente nesta casa.

Animalia
Sobremesa relaxada.
Dous excepcionais documentais na dúas: da BBC e de National Geographic.
O primeiro sobre as paixóns dos elefantes. Os masai din que os elefantes son os únicos animais que posuen alma.
No documental houbo escenas realmente emocionantes. Por exemplo, unha cría de elefante que vai co seu grupo e é "secuestrada" entre as patas por outra familia que se cruza con eles. Despois de moito forcexear as elefantes femia da súa familia xúntanse e arremeten contra o grupo secuestrador ata que logran recuperar a cría: traballo cooperativo, en equipo, e solidariedade familiar. Parecidos comportamentos nos bisontes americanos, algúns de gran crueldade: asediados sempre por lobos e coiotes, soportando as durísimas condicións dos invernos nevados, noutra escena a manda de bisontes expulsa a golpes a unha cría de alce perdida e que se quere refuxiar entre eles e entrégalla malferida, ós pés dos coiotes para ser devorada.
(Collo prestado o título de Animalia, dun libro de Riveiro Coello, para este post e para a etiqueta e futuras achegas).
P.S.: os paquidemos poderían ter conciencia da súa propia imaxe, segundo un estudo de National Geographic (ver Comentarios).

Antoni Jutglar
Mestre de historiadores e de estudos sobre o federalismo en España. Lembrouno onte Bernat Muniesa en El País.

En el pensamiento de Jutglar, como intelectual crítico que fue siempre, se combinaron tanto poderosos rasgos de un cristianismo progresista como de un cierto marxismo antidogmático (en cuanto a análisis metodológico del capitalismo), y también dosis de un anarquismo de perspectivas liberadoras, crítico de la política. Por ello, fue siempre un hombre difícil de clasificar, un heterodoxo con ciertos toques unamunianos, e incluso nietzscheanos, que muchos de sus coetáneos y colegas no supieron percibir, o percibieron con inquietud. (...)
Muy polémicos fueron -y siguen siendo- trabajos suyos como la Historia crítica de la burguesía catalana, analizada desde sus orígenes en el siglo XIX: Jutglar concluyó que en los momentos clave de su historia, esa clase social, cuando ha tenido que escoger entre sus intereses económicos y Catalunya, nunca ha dudado de desertar del catalanismo y recurrir a los poderes foráneos del Estado centralista español: una elección que fue masiva al estallar la Guerra Civil. Todavía resuena el eco de Cambó desde Buenos Aires: ¡Cuideu en Franco! O queda el perfil de la figura de Ventosa i Calvell, otro prohombre de la Lliga Catalana, vestido de falangista en Burgos, la primera "capital" de los sublevados contra la Segunda República.

BLANCO AMOR, ENGAIOLADO
Andoliña xoves 6 decembro

O martes pasado, no programa da cuarta homenaxe a Blanco Amor, organizados polo PEN Club en Auria, tiñamos un acto previsto diante da súa estatua na praza do Bispo Cesáreo (si, o mesmo bispo que denunciou a Curros). Cando chegamos aló, quedamos todos abraiados, organizadores e estudantes: o Eduardo estaba encadeado, engaiolado entre cables de luces de colores e estreliñas de nadal.
O escultor Xosé Cid, autor do monumento, xa quería escapar de alí avergoñado pola falta de respecto ó patrimonio monumental. Por sorte, a concelleira de cultura, a nacionalista Isabel Pérez, reaccionou enérxica e en menos dunha hora localizou ós culpables daquela trangallada e mandou desmontar aquela estrutura impertinente: non era o lugar, dende logo. Só lle faltaba un Papa Noel bailando ó seu carón.
A cousa deu que falar. Dalgún xeito, o Eduardo segue a protagonizar anécdotas e brincadeiras despois de morto. Un meu amigo, Xohán da Coba, vendo en positivo a cousa, di que o Blanco Amor parecía asolagado nunha esfera armilar, no centro do mundo: o ónfalos. Pero o escritor xa é centro per se, sen luceciñas decorativas. Os adobíos comerciais, se queren, mellor na fachada do Corte Inglés.

5 dic 2007


Erotismo e historia: Contra la desnudez, de Óscar Tusquets (Anagrama)

Varios xornais (El País, La Vanguardia, etc.) falan hoxe deste novo libro de O. Tusquets. Velaí a reseña en El País (de Agustín Fancelli). Tamén hai un artigo interesante de Román Gubern na contra de El Mundo, na vella columna de Umbral, pero non o encontrei na rede. (Imaxe: Anxélica e o eremita, de Rubens, 1624).

Outra galiña azul, de Xavier Senín (ECG. 5 dec.)

Durante os anos da súa estadía en Pontevedra Castelao participaba no parladoiro do café Moderno, hoxe felizmente recuperado para usos culturais. Na praza de San José, na que está situado o antigo café, inaugurouse hai un ano un conxunto escultórico, obra de César Lombera, que representa o parladoiro que tiña lugar no local máis emblemático. Os personaxes asisten á actuación do violinista Manuel Quiroga. Alí está o propio Castelao acompañado de Alexandre Bóveda, Valentín Paz Andrade e Ramón Cabanillas. Xunto a eles o artista quixo reproducir un intelectual contemporáneo, Carlos Casares, que presencia a escena de pé. O escultor deixou unhas cadeiras baleiras para invitar os cidadáns a sentar e a fotografarse, de xeito que "a escultura estableza un diálogo coa cidade", como el mesmo explicou na inauguración.
Ben que o conseguiu. Como tantos outros días xogaban unha tarde desta semana uns cantos nenos arredor do grupo escultórico. Nun momento dado unha cativa de non máis de oito anos achegouse a Casares, empenicouse e deulle un bico na cara. Esa noite Carlos, ao que tanto cariño lle tiñan os cativos, comezaría a escribir outra obra mestra como A galiña azul.

Eduardo, homenaxe e desagravio
Andoliña mércores 5 decembro. Na imaxe, a portada de Díaz Pardo para unha das súas grandes novelas.

Hai xa moitos anos, o Luís González Tosar, amigo de vello, faloume da necesidade de que Ourense lle fixese un recoñecemento relevante a Eduardo Blanco Amor como desagravio ó desprezo e indiferenza con que foi tratado en vida por certos sectores. O PEN Club galego que el preside púxose en marcha e levamos xa catro anos celebrando unha fermosa homenaxe, que comeza no cemiterio de San Francisco, coa colaboración dos institutos da cidade, empezando polo que leva o seu nome, tal como lle gustaría ó Eduardo. Onte contamos ademais coa participación nestes actos de Clotilde Iglesias, filla de Tacholas e discípula de Blanco Amor en Buenos Aires.O balance do realizado non é malo: unha edición escolar de A Esmorga, un monumento a Blanco Amor no centro da cidade, a recuperación da súa poesía amatoria en castelán en Ars Amandi, coa colaboración da Deputación ourensá nos tres casos. Onte, o Concello anunciou un premio de investigación e outro de relatos da mocidade na súa lembranza. Todo iso non é pouca cousa. Pero a mellor homenaxe é axuntar máis dun cento de rapaces arredor da figura de Blanco Amor. É de xustiza: porque Blanco Amor merece todo iso e moito máis.
Blanco Amor encadeado (Foto José Luís Troitiña)

Así nos tiñan hoxe a Blanco Amor na Alameda, na praza bispo Cesáreo, encadeado, engaiolado entre un sarillo de cables e luces. O responsable: unha empresa de iluminación do nadal contratado polos comerciantes (a mesma empresa que lle levou o ano pasado un balcón ó Liceo cuns cables e este ano aplastou un coche en Sto. Domingo coas mesmas).

Por sorte a concelleira de cultura, Isabel Pérez, foi enérxica e resolveu o desaguisado mandando desmontar todo ( a concelleira "da liberación de EBA" chamaríalle logo o Luís Tosar). Alí fixemos o segundo acto da homenaxe a EBA con lectura de textos de alumnos do IES Blanco Amor e unha intervención de Xosé Luís Díaz Leyes, director do centro, que relembrou como coñeceu ó escritor a través de María do Carmo Enríquez Salido. Tocoume rematar a faena e optei por improvisar, nuns dez ou doce minutos, un breve discurso sobre o Blanco Amor home, escritor (en todos os xéneros) e cidadán, deixando caer algunha anécdota inédita ata hoxe. Non debeu estar mal pois chovéronme as felicitacións e a tardiña xa entraba no lusco fusco. Coa desmontaxe rematamos case ás sete. Tamén andaban por alí Xosé Cid, o escultor autor da peza; Xosé C. Caneiro e a concelleira de educación, a socialista Ana Garrido; o poeta Víctor Campio; Pepe Trebolle, etc., entre un grupo de 30-40 persoas.

O eterno exilio de EBA

Nesta reportaxe de El País, a xornalista Cristina Huete recolle con acerto unha parte das miñas declaracións e mesmo o espírito da miña intervención onte pola tarde, diante do EBA xa liberado das estreliñas do nadal. Todo o que segue está sacado das miñas declaracións a C.H.:

Como glosaría después el historiador Marcos Valcárcel, "fue un hombre que tuvo a gala su libertad y el consecuente precio de soledad que hay que pagar por ella". Y fue también un polemista, un hombre de carácter que se enfrentó a los poderes fácticos del tardofranquismo orensano, al mundo cultural oficial representado entonces por Otero Pedrayo y hasta a los comerciantes "que venden libros como si fueran chorizos". (...) Sus tonalidades las desveló Valcárcel quien, sin embargo, apenas le trató. Sobre su perfil, dejó claro que Blanco Amor "estaba completamente seguro de su valía; sabía que era uno de los grandes, era consciente de que A Esmorga iba a pasar a la historia de la Literatura como una de las cuatro piezas maestras del siglo XX".

Pero el acto de ayer intentó recuperar al Blanco Amor poeta "de una calidad enorme aunque oscurecida por su prosa", al dramaturgo empeñado en un papel didáctico "con los campesinos prácticamente analfabetos de Argentina" y al ciudadano comprometido, galleguista y republicano que participaba de los actos del Partido Comunista. Y, junto a ellos, al homosexual igualmente comprometido que en la última entrevista, concedida a Maribel Outeiriño en La Región, contestó a la pregunta de "¿por qué vale la pena salir a la calle ahora?" con un rotundo: "Por el estatuto de autonomía y por la abolición de la ley de peligrosidad social", saliendo del armario en una época en la que aún mandaba el riguroso blanco y negro.

4 dic 2007







No cemiterio de San Francisco, con EBA

Noraboa a todos os alumnos e alumnas dos Institutos Blanco Amor, As Lagoas e A Carballeira que participaron neste acto.
Noraboa ás dúas alumnas do IES Blanco Amor (non teño aquí os nomes), que acudiron coa súa profesora Soedade, polo texto que leron sobre o "cabaleiro medieval" Eduardo Blanco Amor.
Noraboa a Sandra Campos e Laura Blanco, do IES A Carballeira, polo seu traballo sobre os espazos ourensáns de Blanco Amor.
Noraboa a Gabriel Gavela (fillo de dous amigos, Antón e Rita), do IES As Lagoas (que acudiron co seu profesor, Carlos Varela), polo fermoso texto, tan literario e tan crítico (coa cultura oficial), que preparou para este acto: mágoa que se escaquease e llo mandase ler a un compañeiro (despois apareceu el por alí).
E grazas a Pepe Trebolle pola súa rapidez e xenerosidade de pasarnos estas fotos (clicando nelas pódense ampliar).
Nas imaxes, da abaixo enriba: 1.A bufanda de EBA, inmortalizada en bronce por Acisclo Manzano. 2. Grupo de 2º Bacharelato IES A Carballeira, co seu profesor. 3. Intervención de Clotilde Iglesias na homenaxe. 4. De novo o grupo de A Carballeira.
Chávez
Para animar un posible debate, van aquí dous artigos de ópticas ben distintas:

A derrota do presidente Chávez, de Xosé M. Sarille (ECG 4 XII)

Lo callaron, de Carlos Luís Rodríguez (ECG 4 XII)
disparates nos exames

Coincido solemnemente con Monxardín, o peor da nosa profesión (que ten tantas cousas boas): corrixir exames. Aínda que ás veces haxa disparates ben simpáticos: A Rosalía marimacho e outras cousas (Galicia Hoxe).
Se queren colaborar, o dos disparates nos exames é como o das pintadas... infinito.

3 dic 2007

Lectura e Universidade.
Pan por Pan martes 4 decembro. Imaxe: Retrato dun home con libro, de Lorenzo Lotto, 1526.

É mellor que os profesores non lean os xornais algúns días. Para non deprimirse. Vexan varios titulares recentes: “España retrocede en lectura”, “España, suspenso en ciencias”, etc. O peor de todos é un informe do Ministerio de Cultura onde consta que o 22 por cento dos universitarios admite que non le ningún libro. Algo vai mal: ou a cultura ou a Universidade ou todo xunto. E non todo está en Internet e son medios complementarios, por suposto. Mal vai a cultura do libro por este camiño se as súas elites, as que chegan á Universidade, refugan dos libros como do demo. Son os rapaciños de 10 a 13 anos os que máis páxinas devoran, din os editores. Ou sexa que o futuro son bestsellers para todos e libros infantís para os cativos. E o resto? Outra nova: “Isi & Disi” e “El calzonazos” as películas españolas máis vistas na tele. Terá algo que ver co anterior?



Pintadas (10). En Buenos Aires.

Un amigo, que andou de vacacións pero que segue atentamente as Uvas, fotografou para este blog estas dúas pintadas en Buenos Aires. A de Evo Morales no barrio de San Telmo; a outra en Palermo (Grazas, Tacho) .


Traballando...

Ademais de atender o blog e as miñas clases e os artigos da prensa, estes días estou a traballar bastante en dúas citas inmediatas, xa saben: Prensa e Nacionalismo e Coloquio Casares.
Cada vez estou máis de acordo con esta cita do autor de O sol do verán:

“Eu teño desde sempre unha visión puramente narrativa da vida. En realidade, gústame conta-lo mundo máis que pensar nel. Se me piden que fale de algo, que dea unha opinión ou exprese unha idea, dunha maneira espontánea póñome a contar. Ó final, sen pretendelo e quitándolle á palabra calquera contido didáctico ou moral, acabo facendo unha parábola (...) Despois de moitos anos cheguei á conclusión, que por outra parte non ten demasiado de orixinal, de que a facilidade, a transparencia e a sinxeleza son sempre resultado do esforzo e a elaboración. Esas virtudes do estilo nunca se dan dun xeito espontáneo, senón que son froito do traballo, ás veces dun grande traballo. É o mesmo que sucede coa orde, que hai que conquistala. Só un bo lector pode darse conta desto. (...)
A min sucédeme que cando vou a congresos sempre me sorprende a teima que teñen os escritores de imita-los filósofos e os profesores. Fano fatal. Eu creo que os escritores temos a nosa propia linguaxe, que é máis metafórica ca conceptual, pero que nos permite pensar a través dela e explicar o mundo e as cousas. Ese polo menos é o meu caso”. (AMP, 1998, p.20 e 25)

Blanco Amor e a memoria da cidade (I)



Foto: EBA en Santiago de Chile (1952)
IV Xornada de Homenaxe a Eduardo Blanco Amor
Programa, Auria 4 decembro 2007
12 h. Cemiterio de San Francisco. Participan Luís González Tosar (presidente PEN Galicia), Clotilde Iglesias (discípula de EBA, da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos) e de alumnos/as de catro institutos da cidade. A seguir haberá outras intervencións de cargos políticos (Deputación, concellería de cultura, tenencia de alcaldía).
17 h. Homenaxe do IES Eduardo Blanco Amor diante da estatua do escritor, nos xardíns da Alameda. Participarán o director deste centro, Xosé Luís Díaz Leyes, e Marcos Valcárcel.
19,30. Presentación no Liceo do libro ARS AMANDI, de EBA. Intervirán os críticos e profesores Luciano Rodríguez e Luís Pérez Rodríguez e José Luís García Martín, poeta, crítico e profesor da Univ. de Oviedo.

2 dic 2007


Unha caricatura simpática

Onte (1.12.07) en La Voz de Galicia, de Leandro.

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1987: DIARIO SEN DATAS

(Imaxes: portadas de dous libros daquel ano e da película "Divinas Palabras", de García Sánchez, rodada en Galicia)

No eido da narrativa, o 1987 foi un ano fecundo e con valores indiscutibles. Podemos salientar obras como Os mortos daquel verán, de Carlos Casares, unha achega do ourensán ó subxénero da guerra civil, cunha aposta no modelo de escrita ousada e ambiciosa; Arnoia, Arnoia e Bretaña, Esmeraldina, dúas obras clave da narrativa de unha achega do ourensán ó subxénero da guerra civil, cunha aposta no modelo de escrita ousada e ambiciosa; e dúas obras clave da narrativa de Xosé Luís Méndez Ferrín, concibidas como relatos xuvenís pero moi vinculadas ó persoal imaxinario do universo literario ferriniano; Contra morte e amor, novela intimista de Marina Mayoral; Tempo novo, de Xosé Neira Vilas; O ano do cometa, de Xosé Bernárdez Vilar, premio Xerais no ano anterior; Irmán Rei Artur, de premio Xerais no ano anterior; de Carlos G. Reigosa, outra reviravolta sobre a materia de Bretaña; Doncos, o pacífico, de Xoán Ignacio Taibo, que coincide coa anterior no tema artúrico; Foumán, de Xosé Cid Cabido; Land Rover, de de Suso de Toro, unha incursión no mundo marxinal dos arrabaldes; Detrás do silencio, de Xosé M. Martínez Oca (premio Casado Nieto); e Longo voo do paxaro, de Fermín Bouza. Na narrativa xuvenil aparecían obras como O globo máxico, de Andrés García Vilariño (premio Barco de Vapor 1987); A chave das noces, unha das obras máis populares de Xabier P. Docampo, un dos creadores máis potentes da narrativa xuvenil; e Viaxe a Illa Redonda, de un dos creadores máis potentes da narrativa xuvenil; e de Helena Villar, que tamén mereceu un Barco de Vapor. Palmira González Boullosa gañaba o segundo premio Merlín con A princesa e o enigma de Kian e na colección Xabarín aparecían, ademais do libro de Carlos Reigosa, títulos de M. Tournier, J.M. G. Le Clézio e Italo Calvino (Marcovaldo).

Quizais non se poida incluír na narrativa, pero, fóra de xéneros, está ese magnífico ensaio autobiográfico de Antón Tovar titulado Diario sen datas, unha peza excepcional na súa fondura nas letras galegas. O Premio Xerais, resolto nese ano na vila de Baiona, gañábao Xosé Ramón Pena coa novela Para despois do Adeus. Recuperábase ademais, no ano que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas, unha escolma de textos e descrición da vida e obra de Francisca Herrera Garrido, preparada por Carlos Casares e publicada pola Real Academia Galega.
(...) (...) Tampouco foi mal ano para este cronista pois daquela saía o seu primeiro libro, A prensa en Ourense e a súa provincia, publicado pola Deputación ourensá e con limiar de Ramón Villares Paz.

(Nota: como a versión dixital do artigo sae hoxe un pouco "traspapelada", prefiro poñer o artigo enteiro en COMENTARIOS).
Nostalxia.

Un cento de persoas comeron xuntas onte nun restaurante de Allariz. Convocadas polo “Roi” (Bieito Alonso), alí acudimos moitos/as que, espallados por diversos lugares e ocupacións, temos algo en común: militamos na histórica Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) entre 1974 e 1982. Moitas cousas cambiaron dende aquela: militantes clandestinos onte, algúns están hoxe nos despachos do goberno. Por alí andaban os vellos xefes (Alfredo Suárez Canal, Xaquín Méndez Anta “O Rubio”) ; algúns nomes do mundo cultural (Chus Pato, Lois Paradelo, Xosé Lois “O Carrabouxo”, Carlos Méixome, Xerardo das Airas) e unha chea de xentes que puxeron as raíces e moito máis do sindicalismo nacionalista, obreiro e labrego. Ata houbo tempo para repasar as vellas cancións de combate: “E se eres perseguido, torturado, masacrado, compañeiro, non te esquezas do teu deber máis sagrado”.

Á chegada, recibían ós que ían chegando o Roi e a súa compañeira Sara. Caras que non se vían hai 30 anos. Algúns abondo cambiados; outros, os menos, coma sempre. Vaise xuntando a xente diante do restaurante Porta da Vila, por alí Tino Fandiño tamén recibindo e organizando. Chega a prensa e saca as fotos de grupo de rigor: desorganización total, para sacar a foto, dez minutos. Pouco obedientes estes militantes.
O máis atractivo foi encontrarse con esas xentes case esquecidas, sobre todo cos que non viven en Ourense. Por exemplo, Carlos e Delfina, que foron mestres no País Vasco, moitos lembrarán á loira Delfina de actriz en “Retorno a Tagen Ata” co Anxo vestido de crego. Ou a Moncho Boán, da UTEG histórica. Ou Cali (Hixinio Mtez.) e Bea, que tampouco se deixan ver moito por Ourense. Por alí andaban os xefes, os que mandaban nos 70, sobre todo Alfredo Suárez Canal e “O Rubio” (Xaquín Méndez Anta), moitos nos lembramos tamén de Fernando Pérez, Fernando “de Sarria” xa desaparecido (e do Quintela, e da Genucha, e do Manuel María, etc.) . Estaba presente boa parte da CIG Ourense e das antigas Comisións Labregas, con Etelvino Blanco á fronte (Eduardo Míllara, Antolín, Moncho do Santander, etc.). E nomes da primeira hora como Berto Tabarés, Milagros Freán, Luísa Escudero (de Ribadavia).
Na mesa de máis ambiente, cómo non, Xosé Lois O Carrabouxo e a súa dona Xoana: a mesa que se converteu tamén en masa coral: Grandola Vila Morena, Se eres perseguido..., ata a Internacional. Eu xantei con Lois Paradelo e Xosé Luís de Prado (Pepe Luís) e un grupo da CIGA. De memoria, podería citar aínda a Manuel Amil, Conchiña, Corral e Consolo, Xela, Xavier de Vilar de Barrio, o director de Montes, Xoán Alfonso do Carballiño, Secundino de Correos, Celso de Maceda, Anxo Rúas (do que falamos esoutro día e que xa nos visitou no blog), etc. Anxo Quintana chegou case ó remate a saudar e volveu marchar. Non houbo discursos: non se trataba diso.

1 dic 2007

Tres artigos en La Región

¿Habla usted holandés? (Afonso Vázquez-Monxardín)

Cando o viño fala galego (Antonio Piñeiro)

Cumpreanos: punto e á parte (X.M. Piñeiro)

Memoria e afectos.
Pan por Pan sábado 1 decembro. Imaxe: Avó con neno, de Ghirlandaio.

Uns investigadores da Universidade de Buenos Aires afirman que a memoria garda con máis facilidade datos vinculados a algunha carga afectiva. O cerebro garda aínda milleiros de misterios e moitos deles están asociados á memoria: non podemos lembrar todo, é necesario que vaiamos borrando datos do disco duro. Ou quedarán por aí esquecidos ata que alguén aos resucite de novo? As persoas maiores poden lembrar cousas da súa infancia e esquecer as cousas cotiás só poucas horas despois. Todo iso debe ter moito que ver cos niveis de emoción, como din os estudosos arxentinos. En realidade, eu creo que xa o sabiamos, sequera como intuición. Sabíano os poetas e os artistas. Como a dama namorada do trobador Xulián Bolseiro que lembraba con agarimo a brevidade das noites de amor co seu amado e se angustiaba ante a longura das noites en que o amigo estaba ausente.

ENTRE HORTAS E PORTAS
21. Vostedes son formidables.
Para o Xohán da Coba, que tan ben recorda.
Moito terá el, tamén, oído.
(A foto procede da web de euskalnet)


... Chegaba un da escola, dáballe volta á chave de ferro, adquiría nitidez un disco dedicado, intensidade o magnífico aroma a caldo de nabizas. Pousada a carteira, bico á mamá, ola a todos, un sentaba e aquel fondo sonoro viña logo con palabras necrolóxicas. O Parte que xa non describía guerra propia dicía U Thant, Kennedy, a guerra allea contrapunteaba alegado progreso, Castiella, López Bravo; e o caldo xa feito sabor, prometendo enerxía.

... Fai de neno Matilde Vilariño ou certa melodía con Cola-Cao precede a Juana Ginzo. Mamá pasou o ferro, vai no corredor e un ten que lles ir dando cabo aos deberes. Baixa da repisa voz grave, masculina -o rei da casa- pero ao final persiste a delas; non sendo que o nobre e saudoso Guzmán poña silencio terminante co revólver. Parte nocturno acabado non pode collernos en pé, veña logo, bule; hoxe é novembro, hai de cea castañas e leite.

... A estreada vacación detenta case fragancia matutina, calidez aínda que neve; un par de entoacións alternan sincopadamente, alpeira, que hoxe hai lotaría. Gran fortuna ser neno que fala pola radio, algún premiado seica lles dá cartos aos dese colexio; en Lugo, boh, nunca toca, pero sempre xogas. Tampouco non se atina coas quinielas, e o domingo quen lle saca orella ao Carrusel Deportivo; ora que algunha voz ben o vale, fai que oídos se volvan ollos.

A radio permite conversa, pero seguramente lles quitou saúde a certos contos que aínda algún pai ou avó quere contar. É moito mundo, porén, o que mete na casa, empezando pola restra de nomes rexistrada na pantalla transparente, por riba da agulla buscadora; algúns poñen París, Nueva York, outros serán cidades, pero abofé non os entendo. A radio premia nenos con viaxes en avión; senten os maiores que son algo, poden moito cando un cartiño, con outro cartiño, reduce traxedia, fornece alegría. Aínda que todo pase ben lonxe, en lugar nunca antes coñecido, improbable visita.

Determinado intríngulis formal parece xogo: ¿como se chama o Papa, Paulo ou Pablo?; a prensa aquel, a radio este. Cousa de xerarcas e eruditos. Palabra máis cercana chega ao mediodía: -Dios día boas tardes a todos. “La Provincia. Relato de tipos, costumbres e historias de la provincia”. A inflexión chairega de José Trapero Pardo mete o país pola antena, o vello e rural país definido en castelán que salfire constante expresión galega, aforismo ou costume; nomes e argalladas, pretérito imperfecto suxiren que o 1960 xa non é o 30, moitos dos que foron aldea paran na Milagrosa, Domingo Tallo, San Roque. “Bon proveito... amiguiños!”, marcha Trapero; do lado de aquí, o pai contesta a miúdo “Gracias, ho!”, e mesmo o rapaciño, algo aldea tamén malia nacer no barrio.

Un significábase cando á cidade era anunciado o seu aniversario e onomástica, aínda sen apelido; tamén no deceso ou cabodano, con referencia a fórmula completa. A cidade recreábase no “Micrófono de Oro”, onde veciños adultos expoñían talento ou afección musical e xente miúda competía ás adiviñas; no Gran Teatro hai piano, canta Marisa Pelarigos e é feito visual que Carlos Losada Aizpitarte, alén de voz, posúe volume e prestancia. EAJ-68, Radio Lugo.

En pouco tempo haberá tamén Radio Popular. Pero no 65 ou 66 entra o televisor pola porta, fúrase un tabique para ben acomodalo e fica no alto, como nova referencia. Un mira a outra caixa de madeira, con tea, agulla e altavoz, o voltímetro accesorio; agoira saudade e abandono, presente un aquel de ingratitude.

E é felizmente desmentido. O vello receptor acabou morrendo, viñeron os transistores, radio casete; a FM, radio fórmula, tertulia e debate. Corenta anos despois, con lugar para todos, moito nome permanece onda unha nostalxia desactivada: Losada, Daniel Hortas, Amalia Paredes, a florida verba do Titín, Tonina Gai... Lombao, Paco Rivera, Xulio Xiz, veludo vocal e Teresa Castro, Paco Arrizado. Eles si que eran, son formidables.

30 nov 2007

SIMPOSIO INTERNACIONAL CARLOS CASARES

Fundación Carlos Casares. Cátedra Carlos Casares. Universidade de Vigo - Campus de Ourense
Liceo de Ourense
Xoves, 13 decembro (Dependencias da Universidade de Vigo-Campus de Ourense)

10.00: Recepción dos asistentes e entrega de credenciais e documentación
10.30: Inauguración
11.00: Conferencia: Un mundo de palabras: vida e literatura na obra de Carlos Casares, Marcos Valcárcel Profesor, escritor e historiador
12.30: Panel de Narrativa: Claves para unha lectura de “Xoguetes para un tempo prohibido”. Xavier Carro Universidade de Alicante. Carlos Casares: imaxinación e memoria, Carmen Mejía Universidade Complutense de Madrid. Modera: Camiño Noia Universidade de Vigo
16.30: Comunicacións: “Os mortos daquel verán”, de Carlos Casares. Novo informe sobre esta novela, vinte anos despois da súa publicación. Xosé Luís Ferraces
Carlos Casares, tradutor de si mesmo. Xosé Manuel Dasilva

Dependencias do Liceo de Ourense
19.30: Conferencia: Tempo de procura (Casares en Compostela). Arcadio López-Casanova Universidade de Valencia
20.30: Presentación de novos libros de Carlos Casares: Marxe, 1996. Obra xornalística V
Á Marxe, 1997. Obra xornalística VI.

Venres, 14 (Dependencias da Universidade de Vigo-Campus de Ourense)
10.30: Conferencia: A achega decisiva de Carlos Casares á Literatura Infantil e Xuvenil. Blanca-Ana Roig Rechou Universidade de Santiago de Compostela
12.00: Panel “O xornalismo de Carlos Casares”: Carlos Casares e a crítica literaria: “A ledicia de ler” na construción do sistema cultural galego na Transición. Iago Martínez Durán Xornalista
Nas canles dunha nova forma de facer xornalismo. Xosé Antonio Neira Cruz, Universidade de Santiago de Compostela. Modera: Dolores Vilavedra, USC.
16.30: Comunicacións: Ecos e lecturas da narrativa europea contemporánea en Carlos Casares. Teresa Bermúdez. Casares como editor e descubridor da Literatura galega infantil e xuvenil. Montse Pena. Teoría e técnica nos relatos de “Vento ferido”. Eva Ocampo Vigo

Dependencias do Liceo de Ourense
19.30: Conferencia: Novela e política en Galicia de 1968 á fin de século: ficción e ideoloxía en Carlos Casares. Manuel Forcadela Profesor e escritor
20.30: Velada artística no Liceo: Lectura dramatizada da novela “O sol do verán”,
de Carlos Casares. Mabel Rivera Actriz

Sábado, 15
Dependencias da Universidade de Vigo-Campus de Ourense
10.30: Conferencia: Carlos Casares e a Xeración Nós, Olivia Rodríguez González Universidade da Coruña.
Dependencias do Liceo de Ourense
12.00: Comunicacións: "Ilustrísima” e a novela española da Xeración do 98. Ana I. Carballal
Contra a traxedia da esencia humana: a lectura de Cunqueiro por Carlos Casares. Mª Xesús Nogueira
13.00: Roteiro Literario “Carlos Casares e a Cidade de Ourense”, guiado por Marcos Valcárcel, con saída e regreso no Liceo de Ourense onde se descubrirá unha placa á memoria de Carlos Casares
17.00: Tertulia Literaria “As viaxes de Carlos Casares”. Modera: Luís González Tosar
19.00: Visita comentada por Kristina Berg, viúva do autor, á e exposición ”Os mundos de Carlos Casares”.
20.00 Acto de clausura do Simposio Internacional Carlos Casares.
(Máis datos en Comentarios)