

da aldea e iso non se pode consentir". Refírense, home xa, a ser nacionalista galego, pois o nacionalismo español está ben libre de resaibos rústicos polo feito de que os camponios de Soria ou das serras de Salamanca falan castelán. A aldea é menos aldea cando se expresa no idioma do Estado Maior do Exército, da Conferencia Episcopal ou do Boletín Oficial do Estado.Os nacionalistas portugueses sonche viciosos da independencia, por iso se arredaron primeiro de Castela e despoixa de España, pero non retornaron ao agro e moran contra prognóstico nos formigueiros urbanos de Lisboa ou Porto. O mesmo cabería dicir dos mexicanos, separados de España e no entanto amoreados na megápole de México D.F., nada propensos a dispersarse polas abandas de Sierra Madre ou o deserto de Sonora. Poderiamos acumular exemplos que desmenten a identificación nacionalismo=ruralismo; aínda que de pouco serviría porque os preconceptos son parasitos máis difíciles de evacuar que as lombrigas. Tanto ten que a cultura galega dialogue co xazz (Abe Rábade), con Goethe (Méndez Ferrín) ou Berger (Manuel Rivas), o discurso que necesita desacreditala para xustificar o auto-odio e a sumisión provinciana sempre apelará ao espantallo do labrego "atrasadiño". Outramente, se non tivesen alguén "inferior" para sentírense cosmopolitas, que sería daqueles desleigados cuxo maior mérito se reduce a chapurrear a lingua de Cervantes?
Eu pertenzo a unha familia ecuménica que viviu durante xeracións no Brasil, Cuba, Arxentina, Venezuela, Suíza ou New Jersey, sen arrenegar dos amenos lugares de Figueiredo, Pol ou Vilarchao. Curamos o nacionalismo (español) viaxando.
















.jpg)




















