Vai un pequeno extracto do discurso que pronunciei en Ribadavia con motivo do 25 aniversario do Coro de Cámara do Cub Artístico. Aquí mesmo podedes consultar o texto completo.
A Biblia dinos que “ó comezo foi o verbo”: a palabra. Sen embargo, hoxe en día, os expertos inclínanse por pensar que, antes que a palabra e a linguaxe foi a música e o canto. Vamos, que unha xuntanza dos nosos antepasados homínidos debía parecerse máis ó ensaio dun coro que a un faladoiro de café. Antes de falar os humanos cantaron e cantaron en grupo, a coro.
Convértese así a voz nunha ponte entre as persoas, entre os individuos, facilitando a comunicación e o intercambio interpersoal; facendo, en suma, sociedade. Nace daquela o canto coral, o canto colectivo. No coro a voz individual e persoal atopa un novo ámbito de socialización, un lugar de encontro cos outros. O coro aparece como unha das primeiras manifestacións da vida colectiva e comunitaria. O canto colectivo convértese, para os nosos antepasados de tódalas culturas e civilizacións, nunha das primeiras manifestacións da vida social ó tempo que nun forte vínculo de unión da mesma colectividade tribal. E así estaba unido sempre ás múltiples formas en que esta vida colectiva se manifestaba: tanto nos traballos (recordar os nosos cantos da vendima, da seitura, da sementeira, das muiñadas) como nas cerimonias simbólicas festivas ou relixiosas que ían pautando a vida social das comunidades primitivas. Deste xeito conservouse ata o día de hoxe ó longo de séculos o que entendemos como música popular e tradicional.
É por isto que o canto coral ségueme parecendo a forma máis exquisita e democrática de vivir a música e o grupo que vos presento (b vocal) son unha boa mostra.








































