
Só por esa obra Eduardo Blanco Amor merecería a magna homenaxe que hoxe lle vai render o Pen Clube galego na súa querida/odiada Auria, cando se cumpren 25 anos da súa morte. Desde América, emigrado-exiliado no corazón, Blanco Amor emprendeu o supremo esforzo de construír toda unha lingua literaria e un mundo narrativo dun vigor excepcional. Ademais renovou as formas de contar, abriu as por
tas das cidades á nosa narrativa e introduciu na nosa historia literaria personaxes e sectores sociais ata entón ignorados e proscritos.Blanco Amor escribiu ademais outras catro ou cinco obras mestras en diferentes xéneros e rexistros: Xente ao lonxe, Os biosbardos, La Catedral y el niño, Chile a la vista (no que respecta ao xornalismo), ademais da súa poesía e teatro. Non é pois ningunha hipérbole afirmar que merecería outras tantas homenaxes máis.
A memoria, Marcel Proust, Blanco Amor
Admiraba o ourensán a obra de Proust e a súa fórmula “à la recherche du temps perdu”, pero facía notar sempre que calquera rememoración do pasado necesariamente precisa do labor estilizador e fecundador do escritor, que transforma a realidade dun xeito decisivo: “En realidade o pasado poetiza as cousas, transfigúraas, estilízaas e fai de feitos reais unha cousa entre a fantasía e a realidade”. Así, explicaba Blanco Amor que a realidade “demasiado comprobable” da masacre dos campesiños de Oseira en “Xente ao lonxe” fora tamén estilizada no seu libro, nun xeito de reviravolta literaria: “entón perde verdade e gaña verosimilitude, entón gaña tamén en calidade. A verdade é sempre nun sitio concreto, nun momento exacto; a verosimilitude é o aspecto”.
1 Decembro, día de Blanco Amor
Houbo tempo para lembrar a súa personalidade humana, marcada ás veces pola marxinación con que era acollido un espírito libre, republicano, galeguista, de esquerda e homosexual. E tamén houbo ocasión para contar algunha anécdotas valiosa. Como esta que narrou Díaz Pardo dos tempos de América. O creador de “A esmorga” tiña moi malas relacións con outro Blanco Amor, de nome José e tamén escritor. Para diferenciarse del adoitaba dicir que este era o “Blanco Amor malo”. Coincidiron nunha ocasión entrando no Centro Galego de Bos Aires e cedéronse o paso mutuamente. “A vostede correspóndelle pasar primeiro por orde
alfabética” díxolle José. Ao que Eduardo respostou: “si, pero por orde analfábetica tócalle pasar a vostede”.Unha lectura presentista de Blanco Amor
Blanco Amor escribe sobre un pasado lonxano, situado como boa parte da súa narrativa nas primeiras década do século XX, pero faino desde a altura dos anos 70, o franquismo final, e iso pode permitir unha outra lectura da novela, como indicaron hai anos Xesús Rábade e María Victoria Moreno: porque a novela é tamén unha aposta desde o presente a favor das loitas labregas (Castrelo de Miño dos últimos 60) e proletarias (as grandes folgas de 1972 en Vigo e Ferrol), movementos que nos estertores da dictadura demandaban liberdades, democracia e unhas condicións dignas de vida. Sempre pensei que a apoteose obreira da última novela de Blanco Amor estaba escrita, non como novela documental histórica, senón como metáfora dun presente.
Alonso Montero ratificou esoutro día este “presentismo” narrativa blancoamoriano cando contou que, segundo propia confesión do escritor, este se inspirou en Dolores Ibarurri para deseñar o perfil do seu personaxe Evanxelina, un xeito de Pasionaria tan socialista como galeguista. O pasado, a historia, o presente: as rodas do ciclo da vida.
Da mocidade, Blanco Amor, un milagre
Cando menos nun tema concreto moitos rapaces de hoxe (non todos, por suposto) son tan ou máis intolerantes que os de onte. Un mozo dun Instituto dunha vila coruñesa estaba a vivir un auténtico calvario entre os seus compañeiros da escola: a razón era moi sinxela, a súa libre opción sexual. Palabras como “mariquita” e similares seguen a ser os insultos máis agresivos que se poden recibir nunha aula. Un día ese rapaz, en clase de galego, escoitou dicir ao seu profesor que Blanco Amor, un dos máis grandes das nosas letras, tamén foi homosexual e aínda máis, que un colectivo coruñés se bautizou “Milhomes” en lembranza do coñecido personaxe de “A esmorga”. Aquel mesmo día o rapaz viu fender un muro ata entón insalvable: quizais se reconciliou consigo mesmo, quizais recuperou a súa autoestima, quizais...
Disque os santos fan milagres despois de mortos. Pois seica o Eduardo, ademais de crear lectores, tamén ten algo de taumatúrxico...
Melancolía polos libros non escritos
Tamén se pode sentir melancolía polos seus libros que nunca leremos, os non escritos. Como Otero Pedrayo ou Cunqueiro, Blanco Amor foi quen de soñar moitos máis títulos dos que puido escribir en vida. A Carlos Casares contoulle en 1973 que andaba na cabeza cunha novela sobre Buenos Aires que recollese a súa “vida porteña dicotómica, entre a sociedade popular galega e a alta sociedade arxentina”. E en 1977 dicíalle a un xornalista de televisión que estaba a redactar as súas memorias, “Memorias de un don nadie”, que tampouco pasaron de proxecto formulado nesa entrevista.
Noutras ocasións falou de aventuras narrativas sen rematar ou mesmo sen iniciar: unha novela sobre a guerrilla (O barallete), outra sobre o mundo da prostitución... Todo quedou polo camiño. ¡Son poucos 82 anos para un autor da súa potencia creadora!



















.jpg)















