Foto(Trebi
Polo seu traballo a prol da difusión da cultura
Marcos Valcárcel, premio Otero Pedrayo
O xurado do Premio Ramón Otero Pedrayo acordou por unanimidade recoñecer co galardón ao escritor e historiador Marcos Valcárcel. O premio, dotado con 30.000 euros, recoñece o traballo a prol da difusión da cultura galega.
A Nosa Terra, 20.05.2009 17:03
O xurado valorou a longa traxectoria de Marcos Valcárcel como investigador, divulgador, dinamizador cultural, xornalista de opinión e ensinante e destaca que é un “punto de referencia do presente e da cultura galega”. En opinión do xurado este galardón outórgase “a unha vida dedicada á cultura e ao coñecemento ao que se une un talante aberto, dialogante, galeguista e, en definitiva, universal, que posúen a súa obra e a súa persoa”.
Marcos Valcárcel (Ourense, 1958) é doutor en Xeografía e Historia e catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Os seus traballos de investigación afondan na historia cultural e literaria, así como na historia política dos anos 1900-1936 e no estudo do galeguismo e de temas relacionados cos medios de comunicación galegos e coa obra de escritores ourensáns.
Membro correspondente da Real Academia Galega, forma parte ademais do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares e da Fundación Curros Enríquez, sendo tamén secretario do Centro de Estudios Carlos Casares en Ourense e director da sección de Literatura do Liceo de Ourense. Pertence, así mesmo, ao PEN Clube de Galicia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Marcos Valcárcel ten publicados máis dunha vintena de libros de ensaio e investigación e os seus artigos foron difundidos nun elevado número de congresos e revistas especializadas. Cómpre destacar tamén o seu labor a prol da difusión de textos e do estudo de autores como Basilio Álvarez, Xabier Prado “Lameiro”, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Carlos Casares ou Antón Tovar.
Impulsor do xornalismo en galego, dende fai 30 anos Marcos Valcárcel leva desempeñando un destacado labor xornalístico no campo da opinión e a cultura. O resultado son máis de 3.000 artigos publicados en diversos medios. Así mesmo, en marzo de 2006 puxo en marcha o seu blog “asuvasnasolaina”, cunha capacidade de convocatoria importante.
O xurado, que hoxe dictaminou por unanimidade a concesión do premio para Marcos Valcárcel, reuniuse no Centro Cultural da Deputación de Ourense, e estivo formado por representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións galegas, as universidades de Vigo, Santiago e A Coruña e a Real Academia Galega da Lingua.
Libros do Mes
-
*The Strategy of Conflict* de Thomas C. Schelling [*E*]
**Everything is Predictable *de Tom Chivers
**Why Nations Fail* de Daron Acemoglu [*E*]
Hace 2 semanas