Homenaxe a Manuel Gómez del ValleCelebrouse onte unha homenaxe masiva (arredor de 140 persoas) no Ateneo de Ourense. organizada polo Foro da Memoria.
Falamos nese acto Manuel Peña Rei, Xesús Alonso Montero e o asinante destas liñas, ademais de Laura Pérez Landeira, unha ferrolá que logrou emocionarnos recitando poemas de Machado, Lorenzo Varela, Ramón Cabanillas e Luís Cernuda, e Ernesto Gómez del Valle (fillo do Ernesto irmán do poeta mártir) que deu as gracias en nome da familia, tamén presente
.Pan por Pan sábado 17 xuñoAínda gardo un vello libro de literatura de Bacharelato no que viña unha brevísima nota sobre García Lorca que remataba así: “Murió en 1936”. Sen máis, coma se falecese por accidente ou enfermidade: esa era a historia que ata nós chegaba no franquismo. Tardamos en saber o que significara a guerra española tamén na masacre das súas mellores voces, mortas na represión ou no exilio: Lorca, Machado, Miguel Hernández. Menos aínda se falaba dos poetas mártires galegos: quen sabía daquela quen eran Roberto Blanco Torres ou Manuel Gómez del Valle, o poeta comunista ourensán que homenaxeamos onte? Ou o artista católico Camilo Díaz Baliño ou o editor Ánxel Casal. Non é un capricho o empeño de hoxe en recuperar a memoria. Nin un aceno de desquite. É só que non queremos vivir nun país queixoso de alzheimer histórico. Dous datos para a historia: a primeira recuperación deste poeta, do que só quedan algúns poemas publicados (en castelán), tivo lugar no Liceo ourensán, cunha conferencia de Xesús Alonso Montero, no ano 1995 (24 novembro), e no III Encontro de Escritores Ourensáns: eu mesmo fun o organizador daquel acto. Logo, en 1999, Alonso Montero publicou o único estudo a fondo que existe do autor, na revista
Madrygal, da Complutense de Madrid, onde estudiou o propio Alonso. O artigo, titulado
"Manuel Gómez del Valle, poeta, comunista e mártir (1906-1936)", está na rede e podedes consultalo en PDF (está publicado no n.2, 1999: síntoo, pero non logro incluir a ligazón).
(Imaxe: o retrato de Manuel Gómez del Valle, por M.Prego de Oliver. Era un mozo ben guapo, dicían mesmo as señoritas de Auria, asasinado con 30 anos polas bestas da barbarie).