Fotos e espíritos.
Pan por Pan mércores 12 decembro. Foto enviada por Monxardín.
Falei o domingo aquí da fascinación que produce a morte: dos anuncios sensuais dunha funeraria italiana ou das campañas en Centroamérica con simulacros de mulleres asasinadas. Quizais sempre existiu esta fascinación. Velaí as fotos dos defuntos para lembrar a un ser querido, tan abundantes en Galicia mesmo con fotógrafos ambulantes que ían polos pobos. Ou as chamadas “spirit phtohraphy” nas que din que saen os nosos antepasados ó carón dos vivos. No blog dime un colega que no París de mediados do XIX a xente pagaba para visitar a morgue, onde se exhibían os cadáveres dos suicidas ou dos que sufrían morte violenta (contouno Dickens nun texto). Logo viñeron as fotografías forenses: o libro de Eugenia Parry, “Crime Album Stories!, dos arquivos policiais franceses de finais do XIX. E agora a serie C.S.I.: o mundo xira e xira. Cantas cousas volven!