11 may 2007

Sen que sirva de precedente
(Afonso Monxardín en Galicia Hoxe)
O artigo completo

(...) Debiamos tocar aos euros suficientes para xa non ter que traballar máis na vida. Nin os fillos. E se cadra nin os netos. Pero polas cousas que falaban os tres, non se lles adiviñaba se reviraban o fociño para a dereita, para a esquerda ou para o galeguismo... pois as palabras "socialismo", "nacionalismo", "liberdade", "conservador", etc. non se oíron... E eu, claro, feliz, pois cada vez me gusta máis que se acougue no sistema. Así pois, é desas matices de xestión do que hai que falar... e a ser posible, sen rir. E claro, deste xeito os lemas políticos son intercambiables e non din nada... "Pensado para ti", "Centrados en ti", "Ti decides"... ¡Mi madriña!, ¡Que responsabilidade! Canto pensan en min... Madia leva.
Por iso un meu amigo ácrata quixo facer unha candidatura sen programa -total vale copiar- pero cun lema diferente e sincero: "Vótame a min. A ti que máis che dá... e a min arránxasme a vida". E que aquí lles valoramos moito a sinceridade... Por iso Baltar divirte o público nos mitíns das aldeas dicindo.... "Din que coloco os amigos... que coloco os amigos... ¿e logo algún de vós ía colocar os inimigos, ou?" E todos rin cómplices.


(P.S.: Xa que uso os seus artigos aquí, déixenme felicitar ó amigo Afonso que hoxe mesmo foi elixido director do IES As Lagoas de Ourense: máis traballo aínda, pero aí van os meus parabéns)

En poleiro alleo


Galicia en Mondariz (Helena Villar, ECG)

"Yo solo sé que estoy entregada a mi destino", (a cantante Mariza nunha entrevista de FV)
A foto de Mariza é un agasallo ó contertulio e amigo APC.

PRIVILEXIADOS NA CAMPAÑA ELECTORAL
(Imaxe: Magdalena penitente, de Gentilleschi)
Hai un par de días asistín a un debate electoral na miña Auria. Convocábao unha emisora de radio e estaban os tres candidatos dos partidos con representación. Caeron por alí non sei cantos miles de vivendas protexidas, un Auditorio para vinte e cinco mil persoas, autopistas sen peaxe, parques a esgalla, piscinas en todos os barrios, e non sei cantas marabillas máis. Calquera cidadán asinaría agora mesmo que se cumprise só a terceira parte das promesas anunciadas.
Pero calquera cidadán dubidaría tamén sobre a credibilidade destes proxectos. Sobre todo neste momento cando discursos e lemas son intercambiables: o PP tamén podería escribir “pensando en ti”; o BNG asinaría aquilo de “centrados en ti” e os socialistas tamén ficharían por “confianza é futuro”. Son cousas dos partidos “atrápao-todo”: hai que chegar como sexa a todos os sectores sociais do país.
Os privilexiados nesta festa son, sen dúbida, os indecisos. Un 13 por cento en Ourense segundo as enquisas: isto é, sobre oito mil persoas co nivel de abstención habitual. Eles son os únicos que contan. A eles vai dirixido o xigantesco gasto da campaña. O resto, incluídos todos os presentes no debate, xa teñen hai tempo o seu voto decidido