31 oct. 2007


Contada por un cadáver

Contada por un cadáver, como lembraba Arume nun seu comentario. Cine e puro cine, en estado virxinal, indeleble: cine de verdade. Había moitos anos que non me achegaba a Sunset Boulevard (O crepúsculo dos deuses), de Billy Wilder: xeniais Gloria Swanson e Erich Von Stroheim, tamén William Holden, un actor que non brillou demasiado noutro tipo de papeis. Cando un ve películas como esta, pura arte (e alégrome moito de coincidir con Arume e seguro que con moitos máis), un queda reconfortado, aliviado, relaxado. Para min é como acudir a un balneario a liberarme de impurezas, da chea de estulticias que padecemos a cotío: na rúa, nos xornais, na televisión... Por desgraza, dixémolo xa outras veces, este é un mundo case vedado ós mozos e mozas de hoxe: moi poucos coñecen estas grandes películas do cine clásico.
Alguén debe estar moi interesado en apampalos cos títulos de moda: que se pode agardar dunha “oferta cultural” como Supersalidos? Lembro aquilo dos ácratas da televisión como droga que ninguén persigue e ás veces penso que tiñan toda a razón. O mundo está cheo de beleza, de intelixencia, de arte, de bo cine, e non ten perdón que moitos mozos non reciban outra cousa que esa “cocaína espiritual” en pílulas que se lles ofrece todos os días.
en poleiro alleo: sentencia 11-M

Abro este fío polo interese do artigo seleccionado, "Teoría da conspiración", de Miguel Anxo Fernán Vello, e tamén para ubicar aquí o debate e posibles consideracións arredor da sentencia do 11-M (cando escribo aínda non consultei as novas ó respecto).

O valor do xornalismo cultural
Andoliña 31 outubro (Na imaxe, Man e serpe, de Menchu Lamas, unha das artistas integradas en Atlántica).

Para documentar os datos da miña serie dominical, Cen Anos de Historia Cultural, utilizo, ademais doutros materiais, revistas da época e tamén suplementos culturais. Destes teño unha colección particular dende os 70. Nestes días, manexando un deles, decateime do extraordinario valor dese xornalismo cultural, mesmo cando pasen varias décadas da súa publicación. Velaí o caderno titulado Cultura nacido da man de Luís Álvarez Pousa en La Voz de Galicia en 1980.
Velaí a atención destacada a escritores como Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro (estes falecidos uns meses antes), Cunqueiro ou Vicente Risco. E a apertura naquel suplemento de debates relevantes na nosa historia cultural: a demanda da literatura de quiosco, as diferentes estratexias narrativas, o conflito normativo, os problemas do teatro galego, a atención á renovación das artes (Atlántica) etc.
Por aquelas páxinas pasaron autores como Carlos Casares, Anxo Tarrío, Alonso Montero, Carballo Calero, Basilio Losada, Víctor Freixanes, Xosé A. Perozo, Manuel Rivas, Xavier Seoane, entre moitos máis. Aqueles textos son testemuño vivo dunha época. Xa o é tamén a magna Revista das Letras, cada xoves na rúa con Galicia Hoxe.

30 oct. 2007

Máis de Conferencias.
Pan por Pan mércores 31 outubro
Contoume Manuel Lourenzo, director de teatro, que unha vez tivo que representar unha obra, con toda a montaxe escenográfica e demais, para unha soia persoa, nunha vila galega. Pagaba a Xunta e impúxose o seu sentido de responsabilidade: hai que actuar. Nunca dei unha conferencia para unha soia persoa, pero eu faría o mesmo: tanto respecto merece unha como cento cincuenta. Creo que foi Millás o que contou un dos peores temores do conferenciante: a sala baleira. Ou peor aínda, engado eu: a sala que se vai baleirando de vagar ata quedar só a voz do orador. Non lembran vostedes o “Ser ou non ser” de Lubitsch?: cada vez que o actor polaco inicia o parlamento máis famoso da historia do teatro, no público o tenente Sobynsky érguese e vaise: xenial a cara de apampado do Hamlet.
Imaxinen a escena: cando o conferenciante diga “Ourense, Atenas de Galicia”, por exemplo...

en poleiro alleo

SUSTO. Pan por Pan martes 30 outubro.
(Imaxe de David Bailey: un retrato de Jane Birkin dos anos 60)

Onte pola tarde leveime un pequeno susto. Un contertulio habitual do meu blog preguntaba pola conferencia que tiña que dar onte mesmo. Por un momento pensei: estou apañado, algún compromiso esquecido. Fun ver a axenda deste xornal e alí estaba: tratábase dun erro, non imputable ó xornal, porque se anunciaba a conferencia sobre Vázquez Núñez que xa dera o día 19 (non o 29). Isto lembroume que algunha vez tiven un soño con esta situación: tiña eu que falar nunhas xornadas pero nin sequera sabía sobre qué tema e o soño convertíase en pesadelo. Pero tampouco sería grave: un escritor galego falou unha vez en Auria durante media hora ata que se deu conta de que o tema polo que fora convidado non era ese, senón outro similar. E non pasou nada, porque aquel escritor, tamén amigo, fala tan ben que todos os presentes quedamos igualmente moi contentos de escoitalo.
P.S.: a ver se adiviñan quen era o escritor do que falo ó remate. Foi na cidade auriense, na Facultade de Humanidades (edificio de Ferro), hai varios anos, nun acto organizado por Xosé R. Gutiérrez Izquierdo, profesor de galego na mesma.

29 oct. 2007


en poleiro alleo
O das dúas orellas, de Méndez Ferrín, en Faro de Vigo


La poesía bisturía de Lois Pereiro, artigo de Daniel Salgado en El País
en poleiro alleo
De Antón Baamonde, "¡Dinos algo de izquierdas!", El País, 29 outubro

Todo parece augurar que el bipartito no va a tener problemas en el futuro por el lado electoral. Puede que, como sucede hoy, las ganancias vayan, sobre todo, al lado socialista o que, si cambia el ciclo - una cierta sensación de crisis económica generalizada en España- los nacionalistas recuperen posiciones-cosa que no facilita su escaso afán por practicar cierta simpatía hacia su electorado- pero sería verdaderamente difícil imaginar que no estemos ante un ciclo de, por lo menos, dos legislaturas. Que el PP vuelva a ganar por mayoría absoluta es punto menos que imposible hoy por hoy.
A eso, precisamente, es a lo que el bipartito ha de temer. Porque, una de dos, o utiliza esa ventaja para impulsar políticas de alcance, para crear otra atmósfera con más aire y fuelle, o bien irá decayendo en un progresivo marasmo. Hay que recordar que esa fue la historia del fraguismo. Una vez perdido el entusiasmo inicial generado por la vuelta a casa del patrón, y usufructuado éste por los barones, el país empezó a vivir en una inercia que sólo el Prestige y la avanzada edad del candidato supieron conmover.
Pero un gobierno progresista y nacionalista debiera ser proactivo y no reactivo: no acotar la energía en los márgenes de una gestión roma. Eso, hay que reconocerlo, es lo más difícil. Es el aspecto místico y carismático del poder. Más complicado aún en un país acostumbrado al apaño y a la no-política. Me acuerdo de lo que el cineasta Nanni Moretti le gritó en un mitin a Massimo D'Alema, entonces líder de los progresistas italianos: "¡Massimo, dinos algo de izquierdas!"

(o artigo completo)

CULTURA E NACIONALISMO (1)
La Regiuón, Opinión, 29 outubro. Ilustra un deseño de Pepe Barro, anos 70.

O asociacionismo cultural. A finais dos anos 60 e ata os primeiros 80 o nacionalismo tivo un vizoso colchón social no mundo das asociacións culturais, impulsadas dende partidos como a UPG e o PSG. Xa morto Franco, funcionaban no país entre 60 e 70 asociacións culturais, con bastante actividade e de alentos novidosos e creativos. Díxome daquela o director dun xornal galego: o Bloque non sabe ben o tesouro que ten con esas asociacións, é un activo poderoso. De certo, o Bloque sabíao e esa estrutura foi fundamental para apoiar a creación do sindicalismo labrego ou as candidaturas das primeiras municipais. Militantes moi novos desenvolveron un intenso labor cultural: revistas, debates, mesas redondas, ciclos de conferencias, exposicións, mostras etnográficas, etc. En parte este traballo estaba coordenado dende o Frente Cultural da AN-PG, no que tiven a honra de participar, ó carón de personalidades como Manuel María, Lois Diéguez, Felipe Senén, Millán Picouto, Claudio Rodríguez Fer, Carme Blanco, Perfeuto Estévez, Xosé Lois Vázquez, Anselmo López Carreira, e un longo etcétera. En Santiago había outro núcleo potente, que puxo en marcha as primeiras pedras de “A Nosa Terra”, da man de Margarita Ledo e por alí andaban (de memoria) Pepe Barro, Lois Celeiro, Galocha, Xosé Ramón Pousa, Bieito Iglesias ou Xosé Manuel González, entre outros. O estudantado participaba nas asociacións culturais O Galo e O Eixo (Auriense en Ourense) e tamén no cineclubismo da época: lembremos nomes (sempre de memoria) como Daniel Bernárdez Cancelas, Merche Penoucos, Rafael Ojea, Antón Baamonde, Camilo Valdeorras, Xosé M. Sarille, Luís González Tosar, Manuel Figueiras, Xosé Miranda, etc.
Da crise dos 80 á actualidade. A entrada na política activa, nos concellos e logo no Parlamento Galego, relegou a relevancia deste labor. Moitas asociacións desapareceron. Outras minguaron a súa actividade ou vexetaron durante anos. As máis activas foron aquelas que sabían disterar os campos da política e o da cultura (na Coruña, por exemplo, O Facho ou Alexandre Bóveda), pero moitas outras sucumbiron na loita política diaria, cargada de sectarismos e dogmatismos (escritores que sempre foran “da casa” pasaban ás listas negras cando deixaban a militancia nacional-popular). O nacionalismo non soubo recuperar aquel pulo cultural nin rendibilizar a súa enorme potencialidade. Nin sequera, creo eu, cando chegaron ás institucións. Os xeitos de traballo cultural tiñan que cambiar, é obvio, pero nesa mudanza desapareceron moitas iniciativas valiosas e non foron substituídas por outras alternativas. Se o nacionalismo estivo sempre moi vinculado ó labor cultural, a realidade de hoxe, cando mesmo está gobernando, non é excesivamente optimista. A consellería de cultura, en mans do BNG, semella estar vampirizada e engulida pola pantasma do monte Gaiás (velaí un auténtico Alien que acabará por devorar calquera forza renovadora), mentres se expande o desánimo entre moitos axentes e creadores culturais (iso é o que escoitamos de moitos escritores e xentes do teatro, por exemplo).

28 oct. 2007

EN POLEIRO ALLEO- CULTURA EN OURENSE (B.LOSADA).
ENTREVISTA A josé maría pérez álvarez "CHESI".
"En Ourense os poderes públicos non adican nada á cultura» . O director da Casa da Xuventude leva trinta anos ao fronte dunha institución que organiza moitas das actividades culturais punteiras na capital
Entrevista con Benito Losada en La Voz de Galicia-Ourense, de Cándida Andaluz (foto Santi M. Amil).

Pola súa banda, Faro de Vigo, ed. Orense, ofrece unha interesante entrevista de Xosé M. del Caño con José María Pérez Álvarez, "Chesi", o autor de Nembrot e Cabo de Hornos. Por desgraza non a encontro na rede, así que, a quen lle interese, terá que buscar o xornal en papel. Información sobre a literatura de "Chesi" aquí.


O poder da Mafia.
Pan por Pan domingo 28 outubro
(entrada 1200)

Da mafia algúns sabemos pouco máis do que aprendemos nas películas. Pero, polo que contaba esoutro día unha xornalista italiana, está ben viva e coleando en Italia nas súas diferentes xeiras rexionais: a Cosa Nostra, Ndrangheta Camorra e Sacra Corona Unida. Informaba esa xornalista de El País, dende Milán, que a Mafia é a empresa máis rendíbel de Italia. Que os ingresos do crime nese país representan o sete por cento do PIB, cunha facturación anual da 90.000 millóns de euros. Conseguidos coa usura, a extorsión, o contrabando, o fraude e o lavado de cartos no sector inmobiliario. En negocios que non coñecen a crise: prostitución, tráfico de armas e drogas, etc. Dicía ademais que as grandes empresas da construción prefiren, antes que denunciar a chantaxe, pactar coa mafia e pagar. Así viven máis tranquilas e sitúanse por riba da competencia. Por sorte aquí non temos nada parecido, non?





CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL.
1982: a Biblioteca Básica da Cultura Galega (Galaxia)

No feliz acordo entre a Editorial Galaxia, conducida daquela por Bieito Ledo e as catro deputacións galegas, naceron os 50 tomiños de Biblioteca Básica da Cultura Galega, unha das primeiras iniciativas de popularización cultural neste país, pois pretendía recoller os máis importantes libros das nosas letras clásicas e tamén do ensaio, historia, arte e pensamento. Recuperáronse así, para o gran público, moitos dos clásicos da Xeración Nós (Otero, Risco, Cuevillas, Castelao) e dos tempos das Irmandades e tamén estudos dos autores do Seminario de Estudos Galegos (Xaquín Lourenzo, Fernández del Riego, etc.).
Nas letras hai novidades a destacar como, no campo narrativo, a primeira novela de Víctor Fernández Freixanes, O triángulo inscrito na circunferencia (Galaxia), novela histórica ambientada nos inicios do século XIX galego que se ten comparado con obras milenaristas de Umberto Eco ou Mario Vargas Llosa. Obtivo esta obra o Premio Blanco Amor e os premios da crítica galega e española. Alfredo Conde gañaba o Premio Chitón de Novela con Memoria de Noa e Méndez Ferrín recuncaba na Materia de Bretaña na novela Amor de Artur, e Tucho Calvo no campo da narrativa experimental e apocalíptica con Pae s. XXI. Outros títulos foron Os soños perdidos, de Elvira M., novela sentimental de Úrsula Heinze; e, no xénero de aventuras, Nos pagos de Huinca Loo, de Xavier Alcalá. En Xerais saía, da man de Luciano Rodríguez, a moi útil antoloxía Invitación á narrativa, que percorría unha serie de autores contemporáneos dende Gonzalo Mourullo a Xoán Ignacio Taibo. Flores e leña, preparado por Fernando Pérez-Barreiro, agrupaba un conxunto de narracións chinesas contemporáneas. Estreábase ademais como escritor en galego Carlos González Reigosa, con Homes de tras da corda, colección de relatos sobre o mundo da serra luguesa de Cordal de Neda, terra natal do autor. Méndez ­Ferrín tivo tamén en 1982 un libro de poesía, O fin dun canto, de forte ton elexíaco, e da mesma época son poemarios como O tempo no espello, de Avilés de Taramancos; O cántico da fonte, de Cesáreo Sanchez Iglesias; O ferro dos días, de Lois Diéguez; Poeta muiñeiro á deriva, de Fiz Vergara Vilariño; Aquarium, de Xosé Lois García; O tempo é un camiñante solitario, de Xosé María Costa, e Galicia, fondo val, poesía existencial de Ánxeles Penas. Pola súa banda Manuel Casado Nieto daba a luz Vendima, antoloxía da súa lírica en galego, e o seu fillo Xoán Manuel Casado conseguía o Premio da Crítica con Libro de Caldelas, evocación da patria da infancia. O Ateneo de Ferrol publicaba Fardel de exiliado, de Luís Seoane, e Claudio Rodríguez Fer lograba o premio de Poesía da crítica española por Tigres de tenrura, publicado un ano antes (...)
(O artigo completo)

27 oct. 2007

Brindemos todos...!
O amigo e contertulio desta casa Arume dos Piñeiros
celebra no seu blog a palabra sempre creativa do noso tamén contertulio e (se mo permite) amigo Xohán da Coba, que lle dá alma case permanente a este blog. Brindemos todos por Xohán da Coba e polo espírito de diálogo e intercomunicación que preside este encontro virtual.












en poleiro alleo


E dende aquí a miña felicitación pública (en privado xa lle chegou) ó amigo Miro Villar, polo recente premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez. Non era esta a primeira vez que o autor ceense, poeta e investigador literario de relevo (Xervasio Paz Lestón, Gonzalo López Abente, Celso Emilio Ferreiro, poetas do exilio, etc.) se achegaba a este xénero.
ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
16. Ámbito reservado.

Imaxe tomada de http://saltonline.com.ar/salto/images/mu_casariego01.jpg

Sobre o 1950
Remata o curso e o Colexio Fingoi ten festa; no patio aberto, alumnos e profesores pululan con bastante animación.
Onda o valado exterior, algo arredados, un grupo de nenos populares contempla a escena -cores, tecidos, caras e actos- ben diferente ao seu hábito cotián. Veos Antón de Marcos -propietario do centro-, vai onda o Director e demanda (ou suxire) que os rapaces de Fingoi e Magoi sexan admitidos ao espectáculo. Don Ricardo permite o achegamento ata a parte de aló da cerca.
Dentro, as rapazas dispóñense para danzar metidas nos traxes. Fóra, o Paquiño pensa: “Que guapas!”.

Polo 1966
Na ribeira dereita, o Clube Fluvial ocupa algúns hectómetros do Miño. Un caneiro delimita algo así coma piscina; ao longo da veiga hai espazo para pic-nic; máis aló do edificio, zona de tenis, xogos de pelota e piragüísmo.
Coarse nas instalacións é empeño asumido gozosamente por un número variable de mozos que non son socios; impedilo, esforzo que lles vai no salario aos empregados. Pero hoxe, 29 de xuño, é especial: no San Pedro, o Clube franquea portas e convida a unha xornada de usufruto. Vai calor e está ateigado.

1968, quizá
Detrás do muro pola Ronda, salvando a portaría na rúa López Pérez, o Colexio Marista posúe unha grande área de deporte. Tres ou catro foráneos entran pola tarde xogar ao baloncesto, é a primeira vez e disimulan entre tanto rapaz facendo o propio.
Unha segunda ou terceira, porén, deficiente ratio aro/encestadores, inevitable falta de quen os xulgue compañeiros, certa rivalidade con efecto permanente definen intrusismo e desbotan acollida. Dáse un intento oral de expulsión por iguais, os alleos resisten; é chamada a autoridade.
Chega o Hermano Tomás e demanda adscrición; que do Instituto, recoñece Manel. Afablemente, o marista declara moita amizade co señor Rábade, patentiza o incomodo nunha instalación que -di- xa non chega para os do colexio e autoriza, sempre amable, a seguir xogando.
O Manel dilles aos seus que teñen que vir menos. De feito, nunca han volver.

Contra o 1970
Na rúa do Conde Pallares, un dos pazos ten na planta baixa a coñecida e diocesá imprenta-libraría “La Voz de la Verdad”. No portal de a carón hai placa en material nobre que alude ao primeiro andar e pasa máis desapercibida: “Casino de Lugo”.
Moitísimo lugués da rúa, será a gran maioría, ignora o que hai alí dentro; ende ben ou ende mal, case todo o mundo ha carecer de dato e ansia sobre posibles feitos e faceres. O fillo dun director bancario explica: poucos membros, criterio de admisión notablemente selectivo. A sociedade escolma, e non escolma pouco.
Rodrigo di, por outra banda, que estivo no último baile de disfraces e resultou altamente divertido, moi ben o pasara. Xente falangueira e descontraída, entre eles.

O Círculo das Artes
Sede en lugar de privilexio, é a institución privada máis coñecida e influínte na cidade. Trala porta xiratoria, bo número de socios visitan a cotío salas de billar ou ambigú, soben a escaleira ata a biblioteca-hemeroteca, mandan os vástagos recibir ensinanza artística.
Lugar de realce, unha dependencia interna e espectacular loce con orgullo o nome de Salón Rexio. Madeira boa, metal brillante, dourados, un estilo modernista dotado con boa acústica. Alí son os bailes de gala e outros eventos de relevo, por veces abertos a convenio societario (a Filharmónica non encontraría lugar mellor para os concertos) ou acto con admisión xeral. Os bailes do Círculo conmoven a rutina de familias burguesas e rapaza de estrea. Cando persecución e descreto reducen o Entroido de fóra a lacón e filloas, aqueles salóns seguen acollendo versión elegante da transformación indumentaria; brilla Antonio Penedo, o cronista Rivera Manso -durante anos- relatará as actividades do Círculo baixo o rótulo “Los carnavales de nuestro pueblo”.
Ás veces un entraba con algún socio e, na sesión vespertina do San Froilán, podía escoitar a Nuestro Pequeño Mundo; ou, achegándose á hemeroteca, follear xornais de cabeceira insólita, repasar lombos de libro trala reixa do andel e albiscar un Sempre en Galiza probablemente inadvertido. Raro era no 71, porén, conseguir acceso libre salvo en día de “rellenos”.
Non se di bingo, si lotaría, hai bólas e bombo. Nas vacacións de Nadal xógase en día corrente no baixo, a tira de papel é barata e o gaño estimable, pero non demasiado alto. Ora, os días sobranceiros (Noiteboa, Anovello) sae caro o cartón e o premio sobe das trinta mil pesetas; membros e alleos acugulan o Salón Rexio cos entresollados, vocéase o número, tenso, tenso, debe estar para caer, fáltanme dous e un “Altooo!” -voz, de gutural e aguda, case rota- decepciona pero acouga. Alguén fixo o día e as festas.
Avanzando a inconformista década, certo día de baile porta e porteiros asisten a un enredo antigaravático. Antonio, fillo de socio, chega co seu carné e un polo de colo alto; non é vestiario admisible. O mozo, que vai presto para a loita, pide emprestado, volve con raquítica chaqueta -mangas deica o antebrazo medio- e garavata anoada sobre o colo de cisne. Os ordenanzas contemplan escépticos, un resolto Antonio abre os brazos, o grupo usual de curiosos parece engrosado. Están para foto.

Os últimos setenta ven no Círculo das Artes moito teatro, concerto, mostra, conferencia ou presentación de acceso libre; será xa dinámica permanente. Decorren máis anos, aumentarán as prazas escolares e festas Fin de Curso. O Casino pechou no 1975. No Colexio dos Maristas, muro pola Ronda, nova e máis alta fachada en López Pérez. O Fluvial ampliou masa social, igual tamén abano; pero os rapaces da Ponte seguen tentando coarse. Os de sempre.

Decepción
Supoño que este artigo, que sae hoxe en La Región, no Pan por Pan, asinado por min, será polémico. De feito, tardei máis de quince días en darlle saída, vítima dunha certa autocensura. Pero finalmente decidín facelo público. (Choverán paos, seguro). Imaxe de Claudia Böhm.
Cando o nacionalismo estaba na oposición, facía críticas rigorosas á política cultural do PP. Xustas e atinadas case sempre: dicíase que non se apoiaba ós creadores, que só se pensaba no espectáculo e no escaparate, etc. Era de supoñer, logo, que había outras políticas culturais alternativas. Pero acontece que cando o nacionalismo participa no goberno, tales alternativas non se ven. Pola contra, séguese o longo regueiro do que fixeran anteriores gobernos, case ó pé da letra. Velaí o concello de Ourense, onde a área cultural está desempeñada polo BNG. Que sucede logo? Ulas esas ideas alternativas? As que se escoitan parecen pouco brillantes: os fondos do concello, por exemplo, non serven para facer un museo de artistas ourensáns. Nin sequera se pon en marcha o Consello de Cultura Municipal e iso non é problema de orzamentos. Tiña que dicilo: dende a miña radical independencia.

26 oct. 2007

IIªs Xornadas da Raia: A represión, en Vilardevós 27 outubro.

Coa participación de Antonio Gamoneda, Xosé Carlos Caneiro, Xerardo das Airas, Paola Godinho, Xulio Prada e Mª Carmen Serrano Fernández, entre outros. (Programa completo en comentarios).

en poleiro alleo
Xosé Luís, naturalmente (Méndez Ferrín, en Faro de Vigo, 26 outubro)
Ferrín dedica hoxe a súa columna do Faro ó tema Carod Rovira, os nomes e as linguas e o paralelismo nas evolucións das letras catalanas e galegas.
Algunha afirmación moi dura e moi crítica ("Eu penso que nin Touriño nin Quintana cren na literatura galega"), peza cobizosa para a polémica, e o orgullo dos lectores cataláns polos seus propios autores (S.L.C. dirían segundo a terminoloxía aquí aludida algunha vez).

P.S.: Na imaxe, Joan Salvat-Papasseit, que cita Ferrín no artigo e é un dos meus poetas cataláns preferidos. Xa teño escolmado aquí poemas del. Velaí outro máis ("Poemas de amor", Visor, 1984):
Viatjar terres
no quedar-se en cap,
amar en totes una noia verge;
creure en la guerra perquè és bo el combat,
cada ferida la sang d'un poema.

Quan Déu ens cridi poder contestar:
–tant estimava que es vessava el veire.

Psicopatoloxía do retorno
Andoliña venres 26 outubro. Foto de Manuel Ferrol. (Este post vai dedicado a Torre de Babel)

Cando marcharon cara á terras descoñecidas encontráronse cun choque cultural inevitable. Cando volven, os nosos emigrantes, sofren un choque cultural inverso: a terra idealizada nos recordos non é o paraíso prometido. Encontran defectos aquí que antes nin sequera percibían. Disto fálase en Psicopatoloxía do retorno (Galaxia) : eis o título do volume asinado polos novos psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, presentado o mércores no Liceo ourensán cun rico debate no que tamén participaron Víctor Freixanes e os psiquiatras e amigos Santiago Lamas e David Simón.
O retorno é silandeiro. Cambio de valores. Frustración. Somatización. Depresión e alcoholismo nalgúns casos. Os autores do estudo, que mereceu o Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2006, recorren a metáforas literarias para explicar estes fenómenos: narrativa odiseica dos homes, viúvas de vivos das mulleres, etc.
Ela di: "Esperei todo este tempo a que volveses e agora non te recoñezo". E logo el: "Traballei arreo toda a vida para que vivísedes ben, e agora chego á casa e nin mirades para min". Tamén a Galicia de hoxe despreza o saber acumulado polo tempo co esforzo de tanta xente.

25 oct. 2007

en poleiro alleo
"Chovendo pedras" (Bieito Iglesias, ECG, 25-X-07)
"A Constitución foi imposta dende fóra de España" (X.M. Beiras en El País)
"Vivamos tal como somos" (Xosé M. Pereiro en El País)

Xenofobia.
Pan por Pan xoves 25 outubro (A imaxe, tan xusta, de Gallego y Rey, en El Mundo 25-X-07)

O mala besta que de forma tan salvaxe atacou a unha menor ecuatoriana en Barcelona está en liberdade con cargos: incomprensible. Disque houbo un fallo do sistema porque o fiscal non foi á declaración. Menos mal que había cámaras gravando, porque se non o mozo racista quedaría totalmente libre de responsabilidades. Se o agresor fose un ecuatoriano, é probable que as cousas fosen diferentes.
Agora, o mala besta di que estaba bébedo e que non é racista: algún avogado xa o aconsellou ben, se a agresión é por motivos racistas a pena pode ser maior. Este suceso non é unha anécdota illada. Hai múltiples agresións xenófobas en grandes cidades como Madrid, Barcelona, Valencia ou Zaragoza.
Entre once mil e quince mil mozos están integrados en bandas de ultradereita en España, agresivos potencialmente. Non se pode mirar cara outro lado.

24 oct. 2007

Máis medo.
Pan por Pan mércores 24 outubro
(Foto: Mario Cravo Neto, Brasil)

Tamén meten medo estas imaxes de TV: nun tren de Barcelona, un skinhead pega brutalmente a unha moza ecuatoriana, menor, patadas na cara, nos peitos, todo ante a indiferenza doutros pasaxeiros e sen soltar o agresor o seu móbil nin deter a conversa: de que estaría a falar o monstro?
Os que traballan teñen medo de perder o traballo, escribiu Eduardo Galeano. E os que non traballan teñen medo de non encontrar nunca traballo. A democracia ten medo de lembrar e a linguaxe ten medo de dicir. Os civís teñen medo ós militares, os militares teñen medo á falta de armas. As armas teñen medo á falta de guerras. É o tempo do medo. Medo da muller á violencia do home e medo do home á muller sen medo”, remataba o autor uruguaio.
E tamén me asusta, a min cando menos, a ignorancia ou provocación chulesca: Rajoy, por exemplo, cando nega o cambio climático.

23 oct. 2007

en poleiro alleo

"Maldita choiva", de Afonso Monxardín (Galicia Hoxe): choiva ou chuvia?

"Divino, demasiado divino", de A. Elorza (El País) : de Tariq Ramadan a Ratzinger.

Non deixen de ler tampouco o magnífico artigo que publica El País sobre o novo partido de Savater e Rosa Díez, nunha achega moi crítica (non o encontrei na rede).
O medo
Pan por Pan martes 23 outubro

Cando se pensa nos sentimentos e emocións que nos conducen na vida, acoden á cabeza cousas como o amor, a empatía cos outros, a solidariedade, tamén a lexítima arela do éxito, económico ou doutro tipo. E razóns non dignas de aplauso: dende a vinganza ata ese instinto primitivo de competencia que compartimos con outras especies do planeta. E quizais desestimamos o poder do medo: O medo á morte. Medo a vivir sen dignidade. Medo a quedar cego ou eivado. Medo a non poderse valer por si mesmo. Medo a quedar sen memoria e esquecerse no mar da incertidume. Medo polo ben e a saúde dos fillos e por todos os seres queridos. Medo á guerra, á fame, á miseria extrema. Medo ó absurdo, ó sen sentido. Medo á loucura. Medo ó descoñecido. Hai tantos medos axexándonos que é un milagre que sexamos quen de loitar contra eles cada día e seguir. Mellor aínda, cun sorriso na boca.

22 oct. 2007

Presentación de Psicopatoloxía do Retorno

O próximo mércores 24 de outubro, ás 20 h. e no Liceo de Ourense, vaise presentar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2006, isto é, o libro PSICOPATOLOXÍA DO RETORNO, editado por Galaxia, da autoría de Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo.
No acto participarán o director de Galaxia, Vítor F. Freixanes; o director provincial do Sergas en Ourense, David Simón; o psiquiatra Santiago Lamas, e os dous autores do estudo.
Bermejo Barrera: contra a cultura espectáculo

Dende hai uns meses,
o historiador Bermejo Barrera está a desenvolver, dende a prensa, unha campaña de reflexión sobre a Cidade da Cultura e a cultura espectáculo. Nesa liña incide hoxe, na entrevista que lle fai Nacho Miras en La Voz de Galicia (entrevista completa). Creo que pode ter interese para o debate e por iso transcribo aquí un anaco:

Como a canción, «La vida sigue igual»...
-Nin a cultura produce riqueza na medida que eles din nin nada diso. Pero eles teñen que demostrar que invisten moito en cultura para vender politicamente unha imaxe de que se preocupan polo tema e, así, conseguir votos. Iso en Fraga estaba claro, co PP. Non cría en nada pero repetía sempre o mesmo; tomaba posesión con non sei cantos gaiteiros, que identifican a Galicia... O problema é que cando se produce a alternancia política, ¡O novo Goberno asume o mesmo discurso!
-Din que non, ¿pero é que si?
-¡Porque os tres partidos comparten a mesma concepción da cultura! ¿Como pode ser que intelectuais nacionalistas, de esquerda, digan que todo o futuro depende do turismo? ¡Pero vamos a ver! Fraga publicou nos anos sesenta un libro, Horizonte español, no que dicía: «Ojo, cuidado con el turismo. El turismo puede dar muchos ingresos, pero la demanda turística es caprichosa, es voluble y es inestable. El dinero del turismo hay que invertirlo en industrializar un país o en modernizar la economía». ¡Iso o dicía Fraga!
-Fanse propostas culturais, cando menos, curiosas... un mirador para mirar a posta do sol...
-Iso viola o sentido común. A ninguén se lle ocorre que a posta de sol se vexa mellor desde Fisterra. O grave é que digan que iso entra dentro dun plan económico de revitalización da Costa da Morte despois do Prestige. ¡Iso é o grave! ¿O futuro é converter a Costa da Morte en Benidorm? E, aínda por riba, aquí cando chove, chove. ¿A cultura só serve para semellante cousa?
-¿Qué faría vostede coa Cidade da Cultura?
-¡Eu que sei! Propuxen nun artigo vendela, pero non a podes vender porque ninguén a quere comprar.

21 oct. 2007


as trece rosas
La Región, 22 outubro
(Imaxe: Julia Conesa, unha das trece rosas, de 19 anos, coa súa irmá)

A represión. Fun ver con certo escepticismo a película “As trece rosas”, de Emilio Martínez Lázaro. Deste director só coñecía realizacións no xénero da comedia, que non me entusiasman, e ademais lera xa algunha crítica nada positiva da súa estrea en Madrid. Pero tal crítica (C.Boyero), creo que é inxusta: dá moitas reviravoltas que pouco teñen que ver co cine e conclúe despois que a película non lle emociona. Pero iso sempre é subxectivo: ó meu carón unha muller secaba as súas bágoas e esa foi a reacción de moitos espectadores/as. A película ten a dignidade necesaria e un modelo de narración correcto. Digamos que un produto fílmico na liña de “As bicicletas son para o verán” (Fernán Gómez) ou “A lingua das bolboretas” (J.L. Cuerda). Se a película de Cuerda reivindicaba con acerto o papel renovador e transformador do maxisterio republicano, a de Martínez Lázaro céntrase na represión de trece mozas das Xuventudes Socialistas Unificadas (varias delas tamén militantes comunistas, aínda que isto non se cita na película), agás unha, de crenzas católicas, envolta no sarillo da represión por axudar a escapar a un militante do PCE.
É unha película que conta unha historia abraiante (pero só unha máis das moitas que houbo naqueles horrorosos anos) e que o fai dende os sentimentos: beleza e tenrura, fraxilidade e solidariedade, a ledicia de vivir enterrada polo fascismo. A carga ideolóxica ten unha importancia menor e o director resérvase un final conciliador, que quizais queira suavizar o ton nada radical da historia. Hai momentos excelentes. Dous deles: o plano xeral que enfoca o cemiterio dende enriba, cando chegan as mozas no camión ó pelotón de fusilamento, e a escena do xuízo, cun avogado militar que se limita a pedir “benevolencia” (así era a realidade) sen a máis mínima acollida por parte do tribunal sumarísimo. Un pensa tamén noutros cemiterios: no de Ourense, onde ese estoupar de disparos na madrugada foi escoitado durante moitos meses por moitos ourensáns que vivían nos arredores.
Lei da Memoria. É inevitable saír do cine preguntándose cousas? Ante tal apoteose de crueldade e inxustiza, a quen lle pode molestar que un réxime democrático queira borrar os sinais máis infames que conmemoran aquel réxime criminal? Quen se pode sentir orgulloso de que os nomes da guerra sigan no rueiro: Coronel Ceano, General Aranda, Capitán Eloy, na nosa mesma cidade? Non merecen unha compensación, mesmo económica, as vítimas daquel horror? Non deben ser abolidos para sempre calquera tipo de homenaxes a un sistema totalitario que ben se simboliza na megalomanía do Valle dos Caídos? Estase a reclamar só un proceso de limpeza democrática da simboloxía fascista como se fixo en Alemaña ou en Italia, entre outros lugares? Recoñecer as vítimas e condenar o totalitarismo: pode iso cualificarse como “un desexo de abrir feridas e dividir España”?
Oxalá moitos mozos e mozas vexan esta película e opinen logo libremente. Tampouco lle viría mal vela a Mayor Oreja que se nega a condenar o franquismo, “vivido con naturalidad y normalidad”.





CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL



1981: Dorna. Nace o Premio Blanco Amor.


Todos lembramos 1981 como o ano do "tejerazo" (e logo a Loapa), sobre todo os que estabamos no servizo militar daquela. Pero no 1981 pasaron cousas mellores. Foi daquela, por exemplo, cando se puxo en marcha o Premio de Novela Blanco Amor instituído por un grupo amplo de concellos galegos: o primeiro gañador foi Daniel Cortezón, con A vila sulagada. Ademais diso, a narrativa foi abondosa: Ánxel Fole publicaba Historias que ninguén cre, ademais do seu Cartafolio de Lugo, a mellor mostra do seu xornalismo. En Xerais, que acubillaba a maioría dos novos títulos do xénero (colección Montes e Fontes), recuperábase Néveda, de Francisca Herrera Garrido, e aparecían novos títulos como Breixo, de Alfredo Conde; A chamada escura dos caborcos, de X.M. Martínez Oca; Corrupción e morte de Brigitte Bardot, de Xosé Fernández Ferreiro; A semancia, de Xoán Ignacio Taibo; E agora cun ceo de lama, de Paco Martín, e Relatos pra salferir, de Afonso Pexegueiro. Outros títulos do ano foron A ceo aberto, de Fernández Ferreiro, e Froito das lembranzas (premio Galicia 1980), de Tucho Calvo.

(...) Entre os autores máis novos cabe subliñar volumes como Ábrelle a porta ó día, de Darío Xoán Cabana; Fentos no mar, libro de sonetos de Xavier Rodríguez Baixeras; Cántigo, primeiro poemario de Xaquín Agulla; Xénese e apocalipse, do poeta coruñés Manuel Miragaia; Retrato de sombra en outono, primeiro poemario de Román Raña (versos vangardistas cos que gañara o premio Celso Emilio Ferreiro un ano antes); Herdo e alucinación en Fisterra, de Xavier Rodríguez Barrio; Tigres de tenrura, de Claudio Rodríguez Fer; o poemario No aló de nós (premio Galicia), de Helena Villar e Xesús Rábade Paredes, e o segundo volume poético de Manuel Rivas, compartido con Xavier Seoane, Anisia e outras sombras. Con Ferida acústica do río gañaba Manuel Forcadela o premio Celso Emilio Ferreiro do concello de Vigo e dábase a coñecer como poeta galego e Vítor Vaqueiro gañaba o premio Esquío con Camiño de Antioquía (os dous volumes sairían un ano despois).

Pero a gran nova lírica do ano foi o nacemento de Dorna, revista poética subtitulada "Expresión Poética Galega" que aparece en maio editada primeiro pola Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa e logo, dende o n.2, pola Cátedra de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago. Coordinada por Luís González Tosar, no seu consello de redacción figuraban autores como Ramiro Fonte, Henrique Monteagudo, Xesús Otero Molanes, Miguel Bugallo e Eusebio Lorenzo Baleirón. Daquela en adiante Dorna constituíse nun dos corpus privilexiados da poesía galega do seu tempo.

Darío Xohán Cabana.

Pan por Pan domingo 21 outubro

Pertence á Gran Xeración dos nosos poetas, a de Manuel María e Méndez Ferrín, e está nas portas de ser un dos nosos clásicos. É unha delicia compartir a súa conversa. Os lectores poden facelo agora nun libro de conversas co autor de Roás preparado por J. Luís Calvo e Yago Rodríguez (Xerais).
Cóntanos nel o Darío dos días da infancia, fillo de labregos pobres, e das pegadas culturais que o marcaron: Xosé Mª Álvarez Blázquez, Manuel María, Alonso Montero, Rábade Paredes, Novoneyra, Ferrín, etc. Aboia en cada páxina o seu intenso amor pola lingua, que demostrou non só coa súa obra lírica e narrativa senón tamén facendo falar en galego a Dante, a Petrarca, ós trobadores occitanos.
E fala sen complexos da nosa cultura, velaí: “Pondal está polo menos ó nivel de Carducci, o seu estrito coetáneo, e Pero Meogo é diferente de Guido Cavalcanti, pero non inferior”.

20 oct. 2007






"Pobre Mundo Rico" chega a Ourense o martes 23 de outubro con Cinema contra a Pobreza e o mércores 24 coas Conferencias

"CONFLITOS, NARCOTRÁFICO E POBREZA EN AMÉRICA LATINA,", por Robert Matthews
(foto da esquerda)
E "CRISE DE ESTADO, POBREZA E VIOLENCIA", por Mariano Aguirre (foto dereita)
Ámbalas dúas no Centro de Desenvolvemento de Caixanova (Avda. de Pontevedra, 9) ás 19:30 da tarde, en senllos actos abertos a todo o público en xeral
Organiza Club Internacional de Prensa (nota completa en comentarios)

Fugacidade.
Pan por Pan, sábado 20 outubro
Onte entrou na miña casa o cuarto ordenador que compro (algúns din que en galego sería máis axeitado computador). O primeiro merqueino a finais dos 80: aínda escribín a máquina o meu primeiro libro (1987) e os artigos de entón, nunha vella e pequeniña Remington. Aquel era un pesado ordenador de mesa e logo veu outro para a filla; e logo un portátil para min e agora o portátil que precisa ela.
Case non lembro a fasquía física daquel primeiro aparato, quizais porque usei outros diferentes no traballo e noutros lugares. Hoxe sería incapaz de escribir noutro formato que neste informático: non son un romántico radical das vellas máquinas de escribir.
Aínda que quizais quede unha certa saudade daquelas máquinas imperfectas, incapaces de arquivar os nosos documentos. As novas tecnoloxías son moito máis útiles. Pero tan fugaces que tampouco dá tempo a collerlles cariño.
ENTRE HORTAS E PORTAS (Xosé Manuel González). 15. Curas e misas.



O Papa Xoán XXIII (1963).

Na sancristía da Catedral, vou e dígolle ao crego: “Venía de parte de don José Rebolo a ver si me da unas hostias”. Eu notar ben notaba a inconveniencia, pero o demandado -grande, forte- reaccionou con xeito: “Hombre... ¡no te las daré!”. E foi polas obleas.

Os curas de Lugo, coma calquera, censuraban e advertían contra a expresión procaz, principalmente se aludía a asunto sacro maior. Ningún deixaría sen admonición, presumo, aquela arroutada famosa dun alcalde -ignoro onde- transtornado polo furor cultual: “Viva Cristo Rei, me cago en D...!”. Pero se a ocasión o indicaba, había quen tampouco non andaba con monarías. Contáranme que certa enérxica figura, indo co Sacramento na procesión do Corpus e ao escoitar entre o público unha blasfemia, dispúxose decontado con aviso ao acompañante: “Fulano, mira ti pola Hostia divina, que das outras encárgome eu”.

Un ten lido e escoitado cousas, pero o certo é que -salvo esquezo selectivo- nunca apañei de man de crego unha hostia das outras. Teño bastante curiosidade, posiblemente de complexa satisfacción, por saber dos que serviron na cidade en tempos pretéritos. Houbo dous relevantes ilustrados, aquel bispo catalán Armanyà e o avogado e cóengo lucense Juan Francisco de Castro, sobranceiros no establecemento da Sociedade Económica de Amigos do País e promoción dunha mínima cobertura educativa. Máis tarde seguramente exerceron carlistóns; aínda así, pode resultar sorprendente o que George Borrow deixa consignado en The Bible in Spain: “El Señor quixo beicer os meus débiles esforzos, xa que trinta exemplares do Novo Testamento foron vendidos en Lugo nun único día, e os mesmos sacerdotes recomendáronlles a lectura aos seus fregueses”. Non todo o clero católico, xaora, instaba os fieis cara ao Libro sen hermenéutica.

Xaora, polo 1970 a clerecía máis aparente adoitaba conservadorismo e seguramente certo apego a modos perentorios. Dez anos antes, os nenos preferiamos sacerdote novo de idade e amable en comportamento, coma o don Ángel que actuaba en San Roque. Mediando os sesenta, que o de Relixión fose mozo -coma don Ubaldo Casanova ou Daniel Rodríguez- tamén era estimado no Instituto, e iso que home de trato máis cómodo -e profesor, ao tempo, máis vello- ca don Pedro López Rubín dificilmente se encontraría. Pero a década seguinte viña brava, novidosa, e ben que ía afectar as nosas relacións co estamento eclesiástico.

A éxida diocesá portábaa don Antonio Ona de Echave, navarro e segundo creo requeté; supoño que todos os párrocos e membros da Curia coenxil deberan vivir tamén a Guerra, inútil precisar en ou desde que bando. Non mantiña o señor bispo gran presenza pública -fóra o mediático e representativo-, tampouco non lembro grande afecto entre a xente do común; de feito, coa xubilación marchou para Iruñea e debeu volver só de corpo presente. Máis no día a día estaba don José Ferro, cóengo de sona e ampla actividade, oratoria apaixonada; vinculado á confraría do Cristo do Perdón, conducía o Mércores Santo un concorrido Via Crucis na Rúa da Raíña e aínda o lembro nos derradeiros anos, espírito forte e voz cansa que un altavoz espallaba desde o balcón de sempre. Ou don Francisco Fontela Aldegunde, abade na miña Nova, voz profunda, acougada e ton monocorde que lle traían algunha sona de pesado; tocante ao demais, nin o trato era particularmente antipático nin el se privou de recoñecer querenza polo autoritarismo mesmo pasando as décadas.

Barroco e espectacular Ferro, Fontela controlado e clásico, ambos foron de por vida aquela Igrexa que bastantes, cada vez máis, consideraban xa a vella Igrexa. Hai vinte e seis anos, aínda vin o pai labrego dun interno facerlle o beixamán a don José Castiñeira, rector do Seminario, que pola súa banda negaba coa cabeza; grazas a el e chamada do actual epíscopo deuse realizado na Catedral, o 13 de maio daquel 1981, un concerto do Coro Universitario que o Clube Valle-Inclán organizara. Para a miña idea Castiñeira, home a todas luces de bo xorne, seguramente era conservador pero tiña outra disposición. Moitos anos dirixira a Schola Cantorum do Seminario, por músico era coñecido e lembro ben (1971, sería) o seu coro con grupo musical moderno; certa versión do “Jericho!” producira sensación: “ai o batería, se non sae cura, non morre de fame”.

Novos xeitos, logo. Pero ah, é que desde o 1959 alguén dinamitara toda unha liña do catolicismo, ou alomenos tal pensaran moitos. Xoán XXIII (chamáronlle o Papa Bo, nada menos) convocou o Vaticano II, publicou a “Pacem in Terris”, morreu cedo pero nada desapercibido. Paulo VI rematou o Concilio, veu “Gaudium et Spes”, “Populorum Progressio”; o mesmo nome das encíclicas conmovía. A Igrexa oficial española, e maila galega, encaixaban como podían mantendo en gran medida o apego franquista... pero o teito pingaba e a novidade coábase. Aquela incipiente COPE non cedía en progresismo ante a SER. Na freguesía de San Pedro coñecín un sacerdote novo -pouco tempo estivo- seica achegado ao Partido do Traballo, a ORT ou algo así.

Obviamente, o panorama xeral non era tan “avanzado”. Todos coñecían o testemuño, estrepitosamente silandeiro, de Antonio Gandoi e a súa imaxe subindo na bicicleta -un cura!- desde As Pedreiras co correspondente e circundante dixomedíxome; alí queda el agora, coa bicicleta e nunha peaña, onde remata a costa que tanto lle tiraba ultimamente. Xesús Mato xa trebellaba acó e aló, que se a cultura popular, os minusválidos, a radio, todo o que a este bulebule lle encargan ou é capaz de emprender. Xosé Alvilares Moure, considerable formación teolóxica e facilidade para a escrita, distinguíase con Chao Rego, Pérez Vilariño, Celso Montero ou Torres Queiruga como expoñente da Igrexa nova e seguramente un tanto molesta.

Como molestia... Un ano daqueles, penso que na Infraoitava do Corpus, varios cregos sentaron na escalinata do Pazo Episcopal comendo touciño mentres dentro había un supostamente suntuoso xantar; entre eles seica estaba Alvilares e algún de menos idade, coma Xosé Antonio González García. Este era un crego ben especial, a quen nunca vin con sotana, ten o pelo rubio e andaba connosco de viños correntemente; a outra amiga morréralle na boca -fulminado- certo comentario sobre o seu aspecto físico ao saberlle a profesión. Máis discreto co statu quo -aínda que este despois secularizouse, e aquel non- conducíase o José Rebolo que me mandara á Catedral buscar obleas.

O Pepe estaba de coadxutor en San Antonio, pola parroquia andaba ensotanado e foi o primeiro señor cura que atuei, sendo el consiliario da Acción Católica xuvenil que presidía en Lugo Manuel Lombao. A Acción Católica tiña deficiente imaxe segundo para quen -por caso Gandoi, fortificado na JOC, non quixera trato nin conversa-, pero viña voluntariosa. Polo 70 comezara no Instituto Masculino a Misa de la Juventud, oficiando Rebolo ou Manuel Silva, e durou cando menos ata o 72; ese ano pedira eu un domingo pola universidade española -así dixera- na súa loita pola liberdade e xaora non toda a asistencia secundara. No tal oficio actuou correntemente máis dunha voluminosa figura -madurecendo ou en agraz- da canción e música galegas. Porque a modernidade levou guitarra e canto ás igrexas, o Venceremos nós que por orixe e carácter tan ben quedaba alí coma nas manifestacións; e sacou do templo un Pange lingua que andaba nos Superventas; mudanza abondo para quen empezara coa liturxia en latín e as prédicas de don Francisco.

Un clero, aquel, de orixe máis ben popular, rural sobre todo, pouco ou nada simpatizante co Opus Dei e exemplarmente diglósico: case sempre galego na conversa, case nunca galego na liturxia. De todas as cidades galegas, Lugo debeu chegar derradeira á misa en lingua do país; e pola traza, durante décadas aparentou que só Mato, inaccesible ao desalento, e algunha outra faba contada superaran certos traumas alegados da estancia no Seminario. Seica algunhas cousas pouco mudaron.

19 oct. 2007


A coidada dialéctica de Josep Lluís
Galicia Hoxe 19 outubro (debuxo: Luis Parejo)

Máis de catro millóns de persoas seguiron o programa de TVE coa entrevista múltiple a Llamazares, Duran Lleida e Carod-Rovira. Case cinco millóns trescentas mil cando falou este último: nunca se viu tal audiencia a un líder dun partido catalanista en ningún medio de comunicación. Porque foi Josep Lluís quen colleitou todos os éxitos: coa anécdota de defender con contundencia o seu nome en catalán, soubo levar ó seu rego o discurso do difícil diálogo entre Cataluña e España. E deixar en evidencia actitudes que aínda non entenden o que é unha España plural: unha España definida en catro idiomas e marcos culturais, todos dignos de respecto por igual.
Carod-Rovira demostrounos a moitos o que xa sospeitabamos: que se trata dun político moi intelixente, de extremada habilidade dialéctica. Ben sabía o político independentista que toda a carcundia hispana estaba a miralo con lupa. Velaí algúns xornais de Madrid, coa argumentación xa precociñada: intolerante, maleducado, intransixente. Non se agardaba menos dalgúns medios instalados na comunicación como noxo. Pero Carod-Rovira dixo o que quería dicir. O que, nun exercicio de ben pensada didáctica popular, tiña que dicir.

18 oct. 2007

en poleiro alleo
De bandeiras fala hoxe Bieito Iglesias (velaí esa tremenda definición da Enciclopedia Álvarez) e da presenza de Carod-Rovira en TVE escriben Fernán Vello e Anxo Tarrío (por certo, á marxe do que se pense do político catalán, admitirán vostedes que estamos ante un dos políticos máis listos do mapa peninsular dos últimos tempos). O contertulio Xosé M. González incide nos problemas da educación do alumnado inmigrante, tema que tamén se tratou nesta casa.

Bandeirantes (Bieito Iglesias, ECG, 18 outubro)
Carod-Rovira e os idiomas menosprezados (Miguel Anxo Fernán Vello, GH, 18 outubro)
Pensamento estepario (Anxo Tarrío, GH, 18 outubro)
Chegan e chegan (X.M. González en www.xornal.com)
Vázquez Núñez. Nestes días o Liceo lembra ó escritor, erudito e historiador Arturo Vázquez Núñez. Morreu solteiro, sen descendencia. Foi un dos impulsores da Comisión de Monumentos, precedente do Museo, e a súa biblioteca tivo abondo que ver na formación dos intelectuais que logo forneceron a Xeración Nós. Malia todo o dito, só o Liceo se lembrou do centenario da súa morte. Da man desta sociedade houbo en anos anteriores celebracións semellantes dedicadas a Alberto García Ferreiro, ó pintor Parada Justel e a Lamas Carvajal. Con escasas colaboracións públicas: a Deputación e Raigame apoiaron a homenaxe a Lamas; o concello puxo unha placa dedicada a Parada Justel. O triste da miña reflexión é que sen a iniciativa desta casa cultural todas esas citas de seguro serían esquecidas. Unha cidade culta e normalizada precisa dunha memoria urbana propia. Ou non?

16 oct. 2007

Xoán da Coba non chegou a académico da Historia

Non sei se estaría hoxe no Liceo o noso amigo Xoán da Coba. Mágoa se non asistiu, porque falouse del. Ben, non del: do seu egrexio antecesor do s. XIX. Francisco Fariña contou con detalle que o da Coba e Arturo Vázquez Núñez competiron polo posto de corresponsal da Real Academia da Historia. Cadaquén presentou o seu curriculum. O de XDC foi un completísimo listado de obras -dramas, traxedias, zarzuelas, óperas....- todas cos seus títulos ben escritos, cunha letra manuscrita fina e redonda, moi fermosa. Pero o elixido foi Vázquez Núñez. Seica os académicos dixeron que non tiña méritos en publicacións de Historia.



Ostras e caracois.
Pan por Pan 17 outubro
Xa que falamos onte do “Espartaco” de Kubrick, velaí vai unha anécdota simpática. Na súa estrea a película foi censurada por un diálogo no baño entre o xeneral e patricio romano Craso (Laurence Olivier) e o seu escravo Antonino (Tony Curtis). O primeiro pregúntalle ó escravo por temas morais: roubas, mentes, deshonras ós deuses? A todo resposta Antonino que non. Logo dille Craso: Comes ostras?. Cando as teño, amo, resposta o escravo. E comes caracois? Non, amo. Consideras moral comer ostras e inmoral comer caracois? Non, amo. Cuestión de gustos, non? Si, amo. E o gusto, remata Craso, non é o mesmo que o apetito e polo tanto non se trata dunha cuestión de moralidade, non?. Pode verse así, amo, conclúe o escravo. O sedutor Craso engade aínda que no seu gusto inclúe tanto caracois como ostras... Ben, Ana Botella falaba de peras e mazás, non?
XORNADAS EN LEMBRANZA DE VAZQUEZ NUÑEZ.

As Seccións de "Literatura" e "Arte e Historia" do Liceo de Ourense programaron para a vindeira semana unhas Xornada en lembranda de Arturo Vázquez Nuñez", (Ourense, 15 de novembro de 1852 - Ourense, 2 de marzo de 1907) foi un dos máis destacados polígrafos ourensáns do século XIX, especialista en Historia e Arqueoloxía. Estudou Medicina en Santiago de Compostela aínda que abandonou en 1871. Ó ano seguinte pasou a traballar como oficial no Ministerio de Graza e Xustiza sendo ministro o galego Montero Ríos. De volta en Ourense en 1887 incorpórase ao claustro do Instituto como profesor de francés ata 1891.
O programa iniciaráse o martes, día 16 de outubro, ás.18.00 horas. cunha Ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, continuando 20.00 horas, no Salón Noble da entidade liceísta coa Inauguración da Exposición bio-bibliográfica sobre Arturo Vázquez Nuñez, e a seguir unha Conferencia de Francisco Fariña Busto co título : Vázquez Nuñez e a Comisión Provincial de Monumentos.
O Día 18 de outubro, xoves, as 20.15 horas. Salón Noble. Conferencia de Jesús de Juana López : Vázquez Nuñez, biografía dun ourensán de pro.
Día 19 de outubro, venres, as 20.15 horas. Salón Noble. Conferencia de Marcos Valcárcel López : Vázquez Nuñez e o periodismo ourensán.
en poleiro alleo
A memoria doutros botellóns (X.M. Sarille, ECG 16-X). Imaxe: Claudia Böhnm.

(...) Claro que os adultos e os gobernantes, que tamén parecen adultos, poden comprender iso, mais por idade e responsabilidade non deben toleralo. É lei de vida. Resulta lóxico indignarse coa conduta adolescente. Pero os concelleiros, antes de expresar o seu parecer xeracional, deberían lembrar que hai uns anos, dun xeito paternalista, sen contar moito cos interesados, decidiron abrir pavillóns para que os rapaces fixesen exercicio físico ás catro e media da mañá, o cal ven sendo parecido a irse ao cinema despois de erguerse. Senta como un tiro. E fracasaron, en Compostela, en Ferrol, porque a esas horas apetece unha copa, unha canción ou a calor dun corpo. Cucos como son non dixeron nada e pasaron por riba do fracaso sen avalialo. Agora o alcalde de Lugo volve explicarnos, con suavidade episcopal, onde reside a virtude, o cal está ben como exercicio espiritual, pero mellor estaría que nos dixese onde reside a solución. Porque non é fácil. (O artigo completo)

Irreverencia para o Che Guevara (Afonso Monxardín, GH, 16-X)

15 oct. 2007


MILEURISTAS. UN CREGO ARXENTINO.
La Región 15 outubro. Imaxe de Claudia Böhnm.

Mileuristas. Existe a macroeconomía e a microeconomía. Dúas realidades que deben estar moi vinculadas, pero non sempre o sente así o cidadán. Non todos os que lemos os xornais sabemos interpretar ben o que é unha crise financeira ou como funciona a Bolsa nun mercado globalizado. Pero todos entendemos ben datos moito máis evidentes. Datos da microeconomía como estes, publicados nestes días. Por exemplo, que o 60,6 % dos asalariados galegos, segundo Facenda, cobra menos de 1.100 euros ó mes, case tres puntos por riba da media estatal. Hai máis aínda en Extremadura, Murcia, Andalucía e Canarias: non sei se iso será un consolo. Outro exemplo que entende todo o mundo: os fogares españois só aforran 1 de cada 10 euros da súa renda dispoñible, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). Estes son datos moi elementais, que comprende todo o mundo, como todos sabemos tamén que os Bancos sempre gañan cartos. Con estes números sobre a mesa, a quen van dirixidas tantas mensaxes na publicidade e na televisión estimulando múltiples gastos suntuarios? Quizais suceda, simplemente, que uns poucos, só algúns poucos, poden gastar moito e os outros teñen que conformarse só coas cores do papel couché.
Un crego arxentino. Vexo nos xornais as fotos de Christian Von Wernich, excapelán a Policía da provincia de Buenos Aires e o primeiro relixioso sentenciado por delitos de lesa humanidade cometidos na ditadura militar arxentina. Nas fotos está aínda cos seus atributos eclesiásticos na vestimenta: nalgunha imaxe parece un pobre home, de 68 anos, que remoe no fondo da súa conciencia; noutra, en cambio, amosa un xesto airado, pero quizais o fotógrafo buscou a propósito ese retrato máis expresivo. Á marxe da fisionomía, que non nos explicará as claves do personaxe, lemos que este crego está acusado de participar en 31 casos de tortura. E que confesaba os detidos e logo os delataba ós propios torturadores. Chamáronlle o “cura do diaño” e participou en sete homicidios tipificados como tales. A Xustiza arxentina condénao agora a cadea perpetua. Que pasará pola cabeza dese home tan fiel ós seus principios que o levaron ata o asasinato e a violación de todo tipo de Dereitos Humanos? Quizais estea lembrando que el só foi un peón máis ó servizo da crueldade totalitaria. Que Pinochet comulgaba con toda a parafernalia eclesiástica diante das cámaras de TV. Que Franco entraba nas catedrais baixo palio. Despois do que pasou, dubido que o señor Von Wernich manteña algunha crenza relixiosa cun mínimo de consistencia: en calquera caso, chegoulle a hora de render contas ante a súa propia conciencia.
Alejandro Sanz. Seica non vai poder cantar en Venezuela porque o goberno de Hugo Chávez lle está a poñer problemas para ceder un escenario axeitado (os locais máis grandes para concertos pertencen ó Estado). O motivo foron unhas declaracións do cantante, hai xa varios anos, críticas con Chávez (e tamén con Aznar). Ata moitos chavistas queren que cante en Caracas. Supoño que a ninguén con sentido común lle gusta ser protagonista dun esperpento coma este.

14 oct. 2007





cen anos de historia cultural

1980: Ferrín, Casares, Xavier Alcalá...


Outro ano excepcional nas nosas letras. Xa o fora cen anos antes, o 1880, ano marabilloso que consagrou con ese nome Carballo Calero. Cen anos despois aparecían libros moi relevantes da nosa historia cultural. Por exemplo, a memoria urbana ourensá e a loita en prol da tolerancia da Ilustrísima, de Carlos Casares, un dos seus libros máis lidos e admirados. E a crónica biográfica, auténtica novela de iniciación de Xoanciño, un neno co que se identificaron centos de rapaces nunha das novelas máis lidas (e ata pirateadas) das nosas letras, A nosa cinza (Ed. Follas Novas), de Xavier Alcalá. E a fonda riqueza expresiva dos relatos de Méndez Ferrín en Crónica de nós, libro de forte marca xeracional para os mozos da época e que contén, na miña opinión, algunhas das mellores páxinas do Ferrín prosista (velaí contos como ‘Sibila’, ‘Episodio de caza’ e ‘Xeque-Mate’, entre outros).
Tamén no terreo narrativo, aquel ano 1980 nos deixou dúas novelas de Xosé M. Martínez Oca, A fuxida e Un ano e un día, novela sentimental; unha das obras máis relevantes de Camilo Gonsar, Cara a Times Square, longo e complexo relato, aberto a diversas lecturas e que M. Forcadela considera como despedida das conviccións literarias da mocidade do autor, nos tempos da Nova Narrativa Galega. Xosé Neira Vilas achegaba naquelas datas dous valiosos títulos de narrativa, Querido Tomás e Nai e aparecía ademais Era tempo de apandar, a crónica da guerra civil dende a perspectiva dun dos narradores do exilio, Ramón de Valenzuela. Pola súa banda Xosé Fernández Ferreiro achegábase ó relato antropolóxico dos afiadores ourensáns en A saga dun afiador, e o matrimonio Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro publicaban a súa novela conxunta Morrer en Vilaquinte, arredor das memorias dun vello acordeonista. Xoán Guisán Seixas publicaba unha xeira de contos co título A origen certa do faro de Alexandría, e saía o quinto tomo dos relatos do Pedrón con contos de Xoán I. Taibo (‘Pacífico Sul’) e Román Raña, entre outros.
Na crónica da lírica dese ano hai que subliñar a publicación de libros como Herba aquí e acolá, de Álvaro Cunqueiro, dentro da Obra Completa en Galego deste autor (en Galaxia, nun primeiro tomo dedicado á súa poesía e teatro); Estacións ao mar, de Xoana Torres, premio da crítica española nese ano por este volume ou a Poesía enteira de Heriberto Bens, de Xosé Luís Méndez Ferrín, na nova editorial Xerais. Francisco Xosé Fernández Naval, ‘Chisco’ en terras ourensás, gañaba o Premio poesía Cidade de Ourense con A fonte abagañada e saían á luz ademais Antonte das salamántigas, de Cesáreo Sánchez Iglesias; o segundo poemario de Vicente Araguas, Ás veces en domingo abonda coa tenrura; Sonetos da lúa chea, de Millán Picouto; E direivos eu do míster das cobras, primeiro poemario en galego, épico e lírico, lúdico e bíblico, de Manuel Vilanova, e Informe da gavilla, de Vítor Vaqueiro. De 1980 é o renacemento poético de Antón Tovar, con Calados esconxuros, libro moi ben considerado pola crítica dende os seus inicios; Do recuncho amado, de Sebastián Risco; Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen, de Bernardino Graña, e o poemario conxunto de H. Villar e X. Rábade, Sangue na paisaxe, premio Manuel Antonio. Na poesía en castelán anotemos o volume Cabalum, de Carlos Oroza. (...)

O Congreso dos Deputados aprobaba a redacción definitiva do Estatuto de Autonomía de Galicia, que sería logo votado no país, o 21 de decembro, con taxas históricas de abstención (o que provocou o abraio de Álvaro Cunqueiro: Galicia, un pobo que abdica do seu destino). Nacían daquela a Mesa de Forzas Políticas Galegas (formada polo UPG, PSG e ANPG) e, doutra banda, sen conexión co anterior, o partido nacionalista Esquerda Galega (EG), dende as faíscas do anterior POG de Camilo Nogueira.



Como galegos (épica de supermercado)
Pan por Pan domingo 14 outubro

Arrasa no You Tube, nos blogs e en todas as webs de Internet: o anuncio da cadea Gadis titulado Vivamos como galegos”. Dende logo os publicistas acertaron: eu diría que é o anuncio necesario neste momento. Iso debe explicar que xa houbese máis de 170.00 descargas na rede dunha simple mensaxe en principio comercial. O anuncio subliña todos os xeitos de ser máis positivos do galego (relativismo, comidas e festas, sociabilidade común, etc.) e mesmo se permite unha gran arenga épica final estilo “Braveheart”. Remarca a imaxe galega da empresa e despide optimismo por todos os poros: “como aquí en ningún sitio, a xente aínda é amable”; “onde a xente non é fea, é riquiña”, etc. E esa é a función principal da publicidade: vender unha imaxe amable. Neste país, tan necesitado de lecturas en positivo, unha dose de hiperoptimismo tampouco sobra.

Que falen de un...
Pan por Pan 16 outubro

Sigamos coa épica do supermercado, pois así lle chamei no meu blog ó anuncio de Gadis. Moita xente está entusiasmada con esta campaña e seica o vicepresidente da Xunta falou dela esoutro día. Hai, con todo, obxeccións. Algúns lembran que o empresario que está detrás, Tojeiro, é o mesmo da polémica Reganosa e insinúan que estamos ante un lavado de imaxe da empresa. Outros apuntan posibles pegadas doutros anuncios semellantes: son evidentes as coincidencias da segunda parte coa publicidade dunha cervexa arxentina (Schneider), por non falar do espírito próximo doutro spot canadiano. A arenga a cabalo do heroe, inspirada en Braveheart, ten tamén antecedentes no Espartaco de Kubrick: Kirk Douglas dirixíndose ó seu exército de escravos. En calquera caso, os publicistas conseguiron un éxito indiscutible: aquilo de “Que falen de nós, aínda que sexa ben”.

13 oct. 2007


Cunqueiro e os caraois
Andoliña sábado 13 outubro

Contouno Cunqueiro: aló polo século XVIII, cando os fidalgos irlandeses ían ó continente loitar cos españois e franceses. Un crego predicou contra o costume de colocar na cabeceira matrimonial o retrato do marido, feito por algún pintor ambulante. O retrato non se parecía ó marido, pero a muller, á forza de miralo, remataba por esquecerse do rostro do amado e amando a fermosa faciana do mozo de loiros cabelos que colgaba da parede. Cando chegaba á vila algún rapazote semellante, a muller, feliz polo regreso, corría a entregárselle. Pero era outro, non o marido. Con esta historia hai algunha película. Pero sen a elegante melancolía de don Álvaro...

Quen se acorda xa de Bazaar e Primera Plana, revistas aperturistas do final do franquismo?
Nelas deixou Cunqueiro uns artigos deliciosos recollidos en La bella del dragón. Neles fala o irónico don Álvaro de sexo, bivalvos e receitas de caracois, e dunha solteirona puritana de Filadelfia e un seu surrealista soño cos caracois subindo polos seus redondos xeonllos e coxas e deixando un baboso ronsel. A dama contoulle o seu soño a un psiquiatra americano: así naceu a tese da incontinencia sexual a causa do consumo destes bichos.
(P.S. Sobre a sexualidade dos caracois: www.gireaud.net/es/reproduction_es.htm)