11 oct. 2007

en poleiro alleo

no xornal Galicia Hoxe (11 outubro), Suso de Toro, na Revista das Letras, converte un infarto en literatura
e interesante entrevista co politólogo José M. Rivera:

Diso pódese tirar que Galicia é unha nación?
Galicia é culturalmente unha nación. Pero hai que deixar claro que ser unha nación no século XXI é moi diferente ao que eran as nacións no XIX. Non é nación porque teña un sistema político propio, senón porque ten elementos de lingua, de cultura, de identidade, de vontade de construción de país que a posibilitan para selo, pero non no sentido nacionalista.

¿De nación igual a estado?
Claro. Non no sentido de que nación significa algo que vaia máis aló da construción do país pola súa cidadanía. Nación no aspecto construtivista da identidade, que non anula que España sexa tamén unha nación, e un poida sentirse que é, ao mesmo tempo, membro da nación española e da nación galega.
Nación no sentido das identidades compartidas e non exclusivas.
(...) (...)
Galicia superou a mentalidade de sociedade dependente e subvencionada?
Este é o gran reto do país, e estámolo superando. En 2006 creáronse 35.000 postos de traballo e este ano o dobre. Cada creación dun posto de traballo é unha expresión de confianza do país en si mesmo. O depósito de confianza da xente no futuro de Galicia é maior hoxe que o que houbo en toda a súa historia. Temos que facer un esforzo para que os nosos mellores recursos humanos non emigren. Crear un espazo competitivo para os sectores económicos máis potentes. Ir a un sistema produtivo de maior calidade, que dea máis valor ó coñecemento e innovación, que permita que estas xeracións moi formadas teñan o seu sitio en Galicia. O gran salto que vexo é o interese das institucións para que o país sexa o motor do propio país.

¿A sociedade galega é máis progresista que conservadora?
Non teño ningunha dúbida: Galicia é máis progresista que conservadora. Os emprendedores e os mozos son máis progresistas que conservadores.
¿Que transcendencia teñen na rúa os conflitos que xorden entre os socios do Goberno?
Teñen unha transcendencia menor. En todos os gobernos sempre hai un grao de conflito interno. O Goberno do PPdeG era monocolor, e o seu nivel de crise foi alto e chamativo.
Iniciativas.
Encontro de Periodistas FAPE e FEGAPE.

Dende esta noite e ata o domingo andarán por terras ourensás un amplo colectivo de xornalistas galegos e españois, nun encontro organizado pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España e a Federación Galega de Asociacións de Periodistas.
Os actos están concentrados en Ourense, Celanova (venres 12), Allariz (sábado 13) e Ribadavia (domingo 14), con intervencións de Fernando González Urbaneja (presidente FAPE) e outros xornalistas (entre os promotores galegos está o amigo Luís Menéndez Villalva, que nos convidou a participar). Haberá tempo para unha visita guiada ó barrio xudeu de Ribadavia e para dúas breves charlas sobre "Curros xornalista" (que impartirá Marcos Valcárcel, Celanova, Casa de Curros, venres 13, 13,30 h.) e "Vicente Risco xornalista" (Fundación Risco, día 13). (Adxuntamos programa completo en Comentarios)
Conto oriental

Á nosa comunidade zen só chegan náufragos. As súas historias, por recorrentes, non deixan de suscitar interese: abandonos, adicións, ruínas económicas, depresións, enfermidades crónicas, mortes de seres queridos… A desgracia e a beleza son tan comúns como efémeras, igual que o brillo dunha perla. O propósito daquel home era firme: desexaba non desexar. Tal e como lle sinalamos, sentouse sobre o coxín na posición do loto, e soportou con admirable enteireza nun principiante as longas sesións meditativas fronte á parede, os cantos e o xaxún. Era o primeiro en ofrecerse voluntario para fregar o chan ou reparar o tellado do templo. Afeitou a cabeza. Pagaba puntualmente a cota da asociación. Ó pouco tempo, a luz ilumináballe o cranio como se unha lámpada se acendese no seu interior. Diríase que camiñaba sobre unha claraboia de vidro; a un paso de acadar a comprensión, a un paso do abismo. Sóubeno porque xamais dubidou e na súa faciana había claridade. Un día, marchou. Non houbo reproches: ninguén o buscou nin lle preguntou por el. Non deixou pegadas, nin débedas. Pero estou tranquilo: cedo chegará outro malpocado.
(Cuentos del Jíbaro, de Juan Gracia Armendáriz)

en poleiro alleo

BAÑESES, de Bieito Iglesias
(ECG. 11 outubro)

Na miña infancia teleadicta a pantalla era un fanal que nos alumeaba cunha luz exótica. As series ou telefilmes americanos (actores e decorados de USA e dobraxe chicana) transportábannos á xungla de asfalto dos gangsters (Os intocables), ao mapa de Nevada que ardía ao empezar Bonanza ou a ambientes diplomáticos enrarecidos polos espías da Guerra Fría. Agora, co suceso da tele-realidade e das comedias de situación, a grella oriéntase ao autoexotismo: tenta explicarnos qué pasa na comisaría da esquina e convencernos de que son riquiños os médicos de emerxencias. Ata as series dos EEUU se volven próximas, sigan se non Caso aberto, que recupera un tema tradicional galego: as señas ou espectros dos mortos que se aparecen aos vivos no remate de cada capítulo.
Na última entrega de Hospital central chegaron a penetrar na miña intimidade. Parte da historia transcorreu en escenarios aurienses, nas escadas de Santa María Madre e na Burga da Chavasqueira. Neste ámbito presentemente dedicado aos baños budistas (hai un pavillón de madeira de traza xaponesa), moraban nos anos sesenta os xitanos que viñan pasar o verán ao pé do Miño. Os veciños aproveitaban o que bombasticamente se coñece hoxe como termas para escaldar e facilitar o desplume das galiñas. No agosto baixaban os bañeses dos Chaos de Amoeiro, labregos que esperaban aliviar a reuma mollando os membros nas charcas quentes. Estes bañistas non se bañaban, apenas mergullaban as partes doloridas, porque existía daquela a convicción de que a auga desgastaba o corpo e quitaba o arxil. Por se non abondase tal intromisión no meu paraíso perdido, no coiñal miñoto en que brinquei e naqueles canedos que proporcionaban o material para confeccionar asubiotes, en Hospital Central actuou Miriam Blanco, parenta coa que partillo ancestros comúns en Vilamarín. (É esa actriz pencosa que leva pintados nas meixelas varios arquipélagos polinesios). Espero que ao roteirista que escribe a serie non se lle ocorra matala en sucesivos capítulos, porque causa graza ver unha prima onde antes mangoneaba O Santo ou O Virxiniano.

Drama e traxedia.

Pan por Pan xoves 11 outubro


Falamos onte dos bechos que nos rodean e quedamos en que hoxe lles falaría da leoparda e o babuino. Non, non se trata dunha fábula nin dunha lenda oriental (hainas preciosas). Trátase de que tecleen en San Google as palabras “leoparda” e “babuino”: o primeiro que encontrarán é un vídeo de National Geographic que ben pode cualificarse de impresionante. Non lles conto de que trata: mellor que o descubran vostedes mesmos. Só dicirlles que ten os ingredientes todos do drama e a traxedia clásica: violencia, sangue, medo, amor, supervivencia, tenrura, etc. E logo virán as preguntas. Como estas: Podemos afirmar con seriedade que os animais carecen de sentimentos? E logo non soñan coma nós? Podemos manter imperturbable a nosa visión androcéntrica que nos sitúa no centro do universo, á marxe dos animais e do resto dos seres vivos que nos acompañan nesta viaxe?