7 dic 2009

T x V (s+t+sv+pn) = F

A fórmula de Alfonso Vázquez Monxardín .
(Manuel Vidal Vilaverde en Galicia Hoxe 7.12.2009).
“As repúblicas con apelidos, como o de ‘popular’, esmagaron as liberdades”
Esperemos altura de miras na redacción do novo decreto por parte do goberno e flexibilidade por parte da oposición.


Afonso Vázuez Monxardín é director do Instituto de As Lagoas, en Ourense, cidade na que vive Afonso Vázquez-Monxardín Fernández, ourensán, de corenta e nove anos, casado, dúas fillas, licenciado en Xeografia e Historia, con especializades en Prehistoria e Arqueoloxía, Arquivística e Biblioteconomía e Xeografía e Historia de Galicia. É catedrático de Lingua e Literatura Galega no ensino medio desde 1983. Na actualidade Director do IES As Lagoas de Ourense. Coñece bastante ben Bos Aires e a evolución da colectividade, porque lle interesa e porque impartiu docencia cos ollos abertos, alí –en centros galegos e nalgunha "extensión universitaria" de Arxentina, Brasil e Chile– nos anos 87 a 92. Impulsor do proxecto Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega. Apaixonado do multilingüismo e das viaxes gústalle practicar a alteridade e meterse na pel do outro para ver as cousas desde alí. Ama Europa occidental, gústalle hispanoamérica, pasear, o xamón e o cocholate. Non lle disgusta defender opinións minoritarias –a favor das nucleares, Israel...– e cre que un dos problemas é a falta de xenerosidade para buscar puntos de encontro e a inexistencia da reflexión autocrítica. Nin sabe nin lle interesa nada do deporte e desconfía de calquera dogma político, relixioso ou científico, e pensa que todas as xeneralizacións son malas incluída esta. É escéptico vital. Estivo con Marcos Valcárcel e outros amigos no Clube Alexandre Bóveda, e tamén con eles facendo as exposicións, vídeos e unidades didácticas para a SXPL durante uns anos. Coordinou a fotobiografía de Xoaquín Lorenzo para Xerais en 2004, unha biografía del para Ir Indo e colabora libérrimamente na prensa (GALICIA HOXE e La Región) desde hai tres ou catro anos. En maio pasado rapou o premio Aurelio Carracedo de xornalismo na Deputación de Ourense. Séntese máis "civil servant" que funcionario. Gústalle opinar, levar a contraria e encóntrase máis cómodo facendo que desfacendo.


Afonso, ti ben sabes que o identitario nacional galego non é outra cousa que o idioma, de aí entendo eu que procede todo. Son seculares os ataques nacionalistas españois para a súa destrución. Galicia ou Galiza é para eles unha "rexión" submedita con valores folclóricos, o demais, mesmo dende o punto de vista cultural, apenas existe, cal se fose un desiderato da subcultura. Todo isto, ao meu ver, forma parte dunha actitude colonizadora e colonizante que induce á destrución e mesmo á desaparición do fundamental da cultura galega, que non é outra cousa que o idioma. Se o idioma morre, nós somos uns mortos, uns desaparecidos... Cal é a túa opinión diante desta breve reflexión?

Unha reflexión que reduza o identitario ao idioma é falsa. Irlanda, por exemplo, é unha nación na que a lingua propia pinta pouco e Suíza séntese nación sen ter lingua común. É máis os sinais de identidade que asociamos a Irlanda veñen case todos en lingua inglesa presente en amplos territorios da illa desde o medioevo, non o esquezamos. Falamos de U2 ou autores como James Joyce ou Bernard Shaw. Ata despois da revolución francesa, que se teoriza o concepto de "nación", digamos que incluso ata o s. XIX ao poder tanto lle ten o que fale a xente; como se ladra: as pequenas liberdades do subdito. Así se explica que non houbese grandes problemas de transmisión da lingua neses séculos –a Cultura Popular estaba absoluta e plenamente viva– e así chega ao inicios, case a mediados, do s. XX. O noso problema, creo, están máis vinculado ás influencias dos medios audiovisuais modernos, a unha inercia social negativa e a que os promotores do galego non nos amosamos suficientemente atractivos, intelixentes e eficaces para inverter esa tendencia e gañarlle a partida a unha historia que nos viña bastante do revés. É obvio para calquera observador que o compoñente cultura e lingua é central na descuberta e construción da identidade galega moderna. Pero é unha realidade interpretada pluralmente, non na liña exclusionista e de enfontamento que subxacen na pregunta. A maioría dos intelectuais e escritores non presentaron nunca unha relación de incompatibilidade entre a súa galeguidade esencial que recuperaban e construían con ilusión e unha España que asumían tamén, sen complexos, como propia, aínda que con desexos dunha transformación estrutural na liña do hoxe existente. Falo, por exemplo, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Luís Seoane, Rafael Dieste, Blanco Amor, Risco, Otero... Agás Méndez Ferrín e o seu núcleo, non hai nin houbo intelectuais independentistas de nivel.
Así, digo eu, dentro das opinións minoritarias (froito do totalitarismo capitalista) paga a pena defender as nucleares e a política agresiva de Israel en Palestina?

Non entendo ben que teñan que ver as opinións minoritarias co "totalitarismo capitalista", pero considero que a nuclear é unha enerxía limpa, barata e moi pouco agresiva co medio en comparación coas térmicas, carbón, petróleo, etc. Por iso hai que potenciar as enerxías limpas, ou sexa, a nuclear e as renovables. E sobre todo, hai que aforrar máis e gastar menos, pero non debemos excluír a nuclear pois tampouco serve de nada no mundo globalizado dicir que non ás nucleares aquí e que as teñan os países veciños. Hai que deixarse de tópicos resesos e o das nucleares é un deles. Respecto da cuestión territorial de Israel e Palestina –a necesidade recoñecida de dous estados seguros que propugnaba a ONU xa en 1948 -, do desafío á orde mundial que representa o terrorismo islamista e doutros asuntos máis ou menos conexos –Afganistán, Iraq, Irán, Pakistán,Somalia– cómpre dicir que é un tema moito máis complicado do que nos fan ver uns medios de comunicación españois –incluídos os galegos– que tender a ver por un só ollo. "Xudeu malo, musulmán bo". Cada un debe "termar" dos seus amigos para forzalos á paz no canto de "encirralos" para que se maten.

Afonso, non cres ti que a autocrítica as máis das veces non é unha autocompracencia para se xustificar mesmo dende a metodoloxía da inexistencia?
Cústame entender a pregunta –limitacións miñas, supoño– pero creo que se de algo carece este país, é de autocrítica. Por exemplo, o tránsito desde a oposición frontal, visceral, radical, á autonomía por parte do nacionalismo galego maioritario nos setenta, á asunción normalizada do marco autonómico e constitucional como campo onde se debe desenvolver o traballo político, fíxose case ás escuras e sen ningunha autocrítica pública nin recambio de dirixencias. Así parece que non se valora o sistema, que se acepta transitoriamente como mal menor e cando se toca poder, é só unha festa de novos ricos. Outras autocríticas precisas serían as dun "establishment" cultural que se repite e se reparte inericalmente, a dun goberno que se meteu nunha liada de linguas do demo e debe agora topar saída, e outras moitas. ¿Fixemos todo ben os promotores do galego?¿Non estaremos repetindo vellas mantras sen entender o s. XXI? ¿Non foron tremendísimos erro, visto o visto, o conflito ortográfico ou a politización partidaria da lingua –por este, ese, aquel–, por exemplo? Non se trata de autoflaxelarse pero debemos de saír da pequena covacha de cada un e ver as cousas desde fóra. Incluso desde o punto de vista do contrario, pero sobre todo desde eses falantes que seica abandonan o galego nas súas casas, nas súas bocas, por tristísima decisión inercial e persoal, pois dentro das bocas non chegaron as leis con Franco nin chegarán agora.

A cuestión identitaria galega, o idioma leva o risco de desaparecer polo castelán impositivo e totalitario?
Falar das linguas só con descualificativos non axuda nada. Teño a impresión de que igual que os Reis Católicos entraron co apoio popular contra unha nobreza feudal –como sabe calquera medievalista–, así a lingua debeuse "coar" case sen notar, porque pertencía a ese mundo do poder distante e viña asociada a moitos outros cambios como a imprenta que o galego non chegou a tocar daquela. En calquera caso, non vai desparecer ningunha lingua en Galicia. Pero como non podemos ser parvos debemos tratar de ver sempre máis alá dos prexuízos, propios e alleos, e sinalar desde a promoción da identidade lingüística colectiva ao redor do galego, os espazos de comunicación que lle imos reservar a un castelán que sabemos falar todos xa e que nos é tan útil polo mundo físico e virtual adiante. Ante a dixuntiva teórica da desaparición dunha das linguas faladas en Galicia –galego ou castelán– eu quedo coa necesidade de promoción e clarificación da convivencia. Só hai que pensar e acordar colectiva e lealmente como o facemos. O demais son soños ou pesadelos.

Os teus libros de cabeceira, se me permites a expresión, cales son?
Non teño libros-totem. En tal caso o Coromines. Apaixónanme os dicionarios e as orixes.

O mundo é un lugar común ou é un disparate propiciado pola autarquía?
Un lugar común diverso, fermoso e, fóra das democracias occidentais, organizado dun xeito bastante disparatado. Se cadra hai que afacerse a convivir con eses disparates para vivir en paz. Pero será complicado deixar o noso saboroso etnocentrismo de tratar de impor a igualdade da muller, o respecto á sexualidade de cada quen, e a historia esa de "un home un voto"e o valor supremo da vida e da xustiza.

O galego, como idioma, está en perigo de extinción, ou polo contra é unha imposibilidade contra os que pensan inútilmente diferente?
Non me gusta ver a palabra "galego" na mesma frase que: perigo, extinción, contra, imposibilidade, inutilmente. Non está, evidentemente, en perigo de extinción. (E se así fose, non se debería falar mal da vaca na feira). Convén si, amar e saber que se pode amar de moitas maneiras. Non fai falta chegar ao bondage. Cómpre ser tolerante e buscar puntos de encontro. Unha lingua dunha ideoloxía, sería suicida. O galego non está nesa situación –nin monopolio ideolóxico, nin perigo de extinción– aínda que por activa e por pasiva haxa quen se empeñe niso.

Nos credos, discretamente onde se sitúa Afonso Vázquez- Monxardín?
Son un laico orgulloso da cultura xudeo-cristiá, por ser esta a que evolucionou ata facer posible que dentro do sistema cultural que dominaba nacese o agnosticismo, o ateismo, a cultura científica, e a groseira blasfemia sen castigo público. ¿Politicamente? Buf. Supoño que algo que combinase o radicalismo á italiana de Emma Bonino e Panella, co movemento libertario, o liberalismo, a raíz socialdemócrata, a esencia galeguista e o pensamento futbolístico de Arsenio. Así de sintético e ecléctico vexo o mundo.

Que libro non escribiches e aínda pensas escribir?
Unha historia de política ficción sobre a época do corraliño en Arxentina e algo en clave optimista sobre o pasado da lingua galega. E do futuro, que carallo.
Poderías facer un autorretrato teu, con palabras e adversidades?Un tipo normal, nada nada delgado, que pronuncia o "erre" á francesa, de sangue A + coma todos, casado hai máis de vinte anos, madrugador, que, como mortal, odia corrixir exames, que se encontra a gusto coa familia e coa vida, viaxeiro vocacional pero nunca turista, que sabe onde tomar un café por 80 céntimos en Venecia, que sempre estudou na pública, amante do multilingüismo, a quen lle gusta cociñar cousas de comer que non de mirar, escribir a pluma, que ten un móbil rosa, e obviamente, como estas frases, un pouco desordenado. As adversidades, mellor deixalas estar que xa virán soas.

Cal é a solución, ao teu sentir, para achegarmos a unha República Popular Galega?
Deus nos libre dunha República Popular Galega! Todas as repúblicas que levaron apelidos acabaron esmagando as liberdades dos cidadáns!¿Por que ía eu desexar que nos achegásemos a tal disparate?

Ten sentido hoxe en día a monarquía entre a democracia?
Resúltame intrascendente a diferenza organizativa entre as xefaturas de estado en Suecia e Finlandia. A monarquía pertence ao mundo da maxia e da tradición. Non vexo o inconveniente en que haxa algo arbitral, non elixible, e que pode ser unha vía útil para algúns temas como a relación coas repúblicas hipanoamericanas. Inda máis, o feito de que sexa España unha monarquía, creo que contribúe a esta relación grazas ao que podíamos chamar, asimetría estética. Ademais ¿quen serían os candidatos con posibilidades á presidencia da República? ¿Aznar e Felipe González? Mellor deixalo estar. O que me resulta antipático é a pervivencia actual de innominadas monarquías absolutas onde o poder real pasa de pais a fillos ou a irmáns, como Corea do Norte, Cuba ou Siria.

Na docencia o galego está en crise?
Evidentemente o galego anda bastante desacougado. Esperemos altura de miras na redacción do novo decreto por parte do goberno e de ambos –goberno e oposición–, altura de miras, intelixencia e flexibilidade na busca de puntos de encontro para sacar a lingua –e a súa promoció–- do debate político. Outra cousa sería suicida. Obviamente.

Que imaxe con palabras poderías ti retratar do tempo, Afonso?
Enténdolle mal as preguntas, ten que desculpar. Para min o tempo ten rostro de guía turístico. En 1979 visitei o Teatro Olimpico de Vicenza. Vinte anos despois volvín de novo e alí estaba el. Antes, un home maduro, lanzal, de ollos gazos, cunha voz penetrante que gustaba de falar alto. Vinte anos depois era un vello decrépito, amouchado, que arrastraba os pés e a fala e tiña imaxe de nazi acabado. Ei-lo tempo.

Soñas cunha República Socialista galega?
Sería un pesadelo. O mesmo que a República Popular. O chamado "socialismo real" foi o que foi. Antes de caer o muro a xente escapaba dun sitio para outro e non ao revés. Igual que a lei prohibe posters de Hitler debía facer o mesmo cos de Stalin. Fóra da xestión socialdemócrata do sistema non hai nada no campo da esquerda. Fóra da xestión liberal do sistema non hai nada no campo da dereita. A cousa é fácil. Os intentos de construír algo mellor que as vellas democracias occidentais foron fracasos sonoros e dolorosos, por un lado e por outro. Logo estou contento onde estou. Perfectible, claro, pero aos poucos.

Escéptico e vital non é unha contradición nos termos?
En absoluto. Son vital porque son escéptico. A vida vou tratando de decidila eu, e as miñas circunstancias, claro. Pero o que dá vida é a dúbida. Non me creo grandes verdades porque mas digan, lea ou vexa na televisión. Os escépticos somos independentes pero non necesariamente indiferentes.

Son inivitabeis as bandeiras como patrimonio dos seres humanos?
Mentres existan estacións de servizo, equipos de futbol e festas nas aldeas, si.
Ah. Tamén está iso da politica. Hoxe aos concellos, rexións, nacións, estados, supraestados, a ONU, a todos lles gusta o desenvolvemento téxtil. Ben. Pero como demostra o Paseo de Elduayen en Baiona, é máis fermoso cando hai moitas de cores combinadas que se son todas iguais. A nosa, branca e azul ten cores bonitas e tranquilas de auga e ceo.

Que tal te levas coa poesía, coa novela, co ensaio...?
Coa poesía, lamentablemente, non todo o ben que debería, Fardel do eisiliado, de Seoane, gústame moito e Novoneyra paréceme marabilloso, aínda lembro algún recital del. Coa novela lévome mellor e son omnívoro. Paseino moi ben no verán coa triloxía de Stieg Larsson e estou pensado en ir a Portugal para compar A viagem do elefante e Caín, porque Saramago, como escritor, gústame moito. Estou debullando O museo da inocencia de Pamuk. Non teño moito tempo para o ensaio, o último tocho, sumamente recomendable, Postguerra de Tony Judt.

O tempo, que é para ti o tempo, Afonso?
Algo que se escorrega entre os dedos das mans, que me fai ver as fillas máis medradas cada segundo, que me vai aconsellando quitar os lentes para enfiar as agullas, que me permitiu enterrar a bisavós e avós e que espero permita ás fillas –e á súa descendencia futurible– enterrarme a min. Ou sexa, o lugar etéreo dos elos entre as xentes e os lugares.

Tempo e vida, cal é a ecuación posíbel?
T x V (s+t+sv+pn) = F. (Ou sexa, o Tempo da Vida, multiplícase por unha combinación de saúde, tranquilidade, satisfacción vital e poucas necesidades e todo iso é igual á felicidade.