Falemos, pois, do señor de Mondoñedo
Varios lectores suxeriron nestes días, noutros fíos, debater entre todos sobre a vida e obra de Álvaro Cunqueiro. Pois aló imos: en fío independente, que ben o merece pola súa entidade histórica. Para abrir o debate propoño algunhas consideracións xerais, miñas e, como todo, discutibles:
1. Álvaro Cunqueiro é, cando menos en tres dos campos que abrangueu a súa obra, un dos cinco grandes das letras galegas contemporáneas: falo da súa narrativa, da súa poesía e do seu xornalismo literario (en galego e castelán). Prefiro que outras persoas máis informadas falen do seu teatro ou do seu papel como traductor, entre outras posibilidades creativas.
2. É, ademais, un dos nosos autores máis “exportables” e mellor coñecidos fóra das fronteiras galegas, en parte pola súa obra en castelán (lembro gabanzas da súa obra de autores como Joan
Perucho ou
Francisco Umbral, entre outros).
3. Das súas opinións e actitudes políticas. Parto eu dos datos da que eu considero magnífica biografía de
Armesto Faginas, recentemente falecido (concordan vostedes?) e dos estudos de
Claudio Rodríguez Fer e outros autores. Xa saben: galeguista de preguerra, falanxista dende o 36, próximo ó réxime dende aquela (non foi o único:
Torrente Ballester e tantos outros, naquel momento). Pódese interpretar o seu falanxismo daquel momento como acomodación ó réxime ou só como un elemento decorativo e non demasiado substancial? Beneficiouse política e economicamente desa situación?
4. As consecuencias das súas opinións e actitudes políticas. O modelo de literatura de Cunqueiro non cadraba cos estereotipos dominantes: na época de poesía social, de
Celso Emilio Ferreiro a
Manuel María, víanse as obras de Cunqueiro como”escapismo” ou evasión da realidade. Non tivo entón Cunqueiro lectores entre o nacionalismo e quizais tampouco moitos entre o galeguismo: foi redescuberto na inmensidade da súa obra despois, poucos anos antes de morrer. En honor á verdade, digamos que houbo persoas, moi arredadas das súas ideas políticas, que sempre defenderon a súa calidade literaria:
Méndez Ferrín, por exemplo.
5. E pecho cunha curiosidade: se acoden vostedes
á web da Hermandad do Valle dos Caídos, vanse encontrar cun estudo sobre o noso poeta de Mondoñedo, da autoría de José María García de Tuñón Aza (sen referencias, pola miña parte).
Opinen. Se lles prace.