18 nov 2009



Liberdade 10, Galegofobia 0
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 18.11.2009
Martín Chirino.Raíz.


A galegofobia que dun tempo a esta parte deu en amosar as súas facianas máis grotescas e as súas artes máis manipuladoras acaba de recibir unha perfecta resposta por parte do Tribunal Supremo. Andaban os galegófobos a encher a boca con iso da "libertad lingüística", falando arreo de "imposición" e de "libre elección de los padres" -no seu punto de mira sempre o galego- e vai o Supremo, órgano xurisdicional superior, e dilles mediante fallo xudicial que é "absurdo" permitir a libre elección dos pais no ensino, xa que abriría as portas a que todos puidesen reivindicar unha instrución impartida en calquera idioma e en calquera territorio. O Tribunal Supremo responde así a un recurso de casación interposto polo pai dun neno vigués (don Estanislao), que pretende que o idioma propio de Galicia non contamine, nin roce sequera, o seu fillo (Teófilo), pois este "cabaleiro da liberdade" esixe que Teófilo reciba todas as clases integramente en castelán. Cousas veremos. ¿En que país e baixo que leis pensa que vive o pai vigués? ¿Como se lle pode negar a un fillo o coñecemento da "lingua propia" do seu país? ¡Vaia coa "liberdade lingüística" que defende don Estanislao! O propio Supremo ten que lembrarlle que "a Administración educativa, como a Administración en xeral, está suxeita ao bloque da constitucionalidade, do que non só forma parte a Constitución, senón os Estatutos de Autonomía, como constantemente recorda o Tribunal Constitucional". Eu recoméndolle a don Estanislao que lea -en castelán, se quere, que existe tradución- o Estatuto de Autonomía de Galicia, e en particular o seu Artigo 5. E tamén lle recomendo ao cabaleiro vigués da imposición/discriminación que repare no seguinte parágrafo da sentenza do Supremo: "A discriminación produciríase precisamente no caso de que a Administración autorizase o pretendido polo demandante, no sentido de permitir que, a criterio do peticionario, se puidera cursar un determinado tipo de estudo con esquezo ou marxinación de unha das linguas concorrentes".