14 feb 2010

O custo do escano
No peto do deputado
Cobran un fixo mensual de 2.094 euros, aos que engaden un plus de 2.092€ por "aloxamento e manutención", que reciben mesmo os que viven en Santiago
Galicia Hoxe, 14.02.2010, M. CASTRO

O camiño para coñecer cal é o resultado final da nómina de cada deputado galego é nun labirinto de final imposible que o Parlamento protexe esgrimindo o amparo da Lei de pro­tección de datos. Tan só as recentes filtracións sobre os 26.000 euros de quilometraxe facturada por un dos deputados do PPdeG -que desmentiu a acusación do PSOE de que realizaba desprazamentos aproveitando o coche oficial do vicepresidente da Mesa, José Manuel Baltar- permitiu coñecer ese dato. Calquera intento de ampilación sobre cal é o presuposto anual que dedica a Cámara a pagar os 0,26 céntimos por quilómetro ós que lles dá dereito o réxime económico que pactaron populares, socialistas e nacionalistas, tópase co escurantismo e evita os compromios de transparencia.
Os gastos por desprazamento, que permitirían a un deputado da Mariña cobrar ao redor de 82 euros e máis de 60 ó que viva en Allariz cada vez que se despracen a Santiago para asistir a un pleno ou a unha comisión, é tan só un dos complementos ós que teñen dereito os representantes que saen elixidos das urnas. As autoestradas sáenlles gratis, e aínda que ningún deles resultou partidario do transporte alternativo, o Parlamento facilítalle un bono que lles permitiría chegar á estación de tren e cruzar a avenida que a separa do pazo do Hórreo para poder sentar no escano.
Compartir os coches e cobrar a indemnización parece ser unha práctica que existe pero só se recoñece entre bambalinas. Comprobar o rumor e frear a fraude ás portas da Cámara parece unha cuestión para a que aínda non se atopou a fór­mula que permita o control.
O soldo base dos 75 deputados galegos quedou este ano en 4.486 euros brutos ó mes, que obteñen dunha asignación fixa mensual de 2.094 euros á que suman un plus doutros 2.092 para "o aloxamento e manutención que orixine a súa actividade parlamentaria" que cobran igual os que viven en Santiago e os de fóra, e engaden 300 por "gastos de representación".
Os pluses continúan sumándose ó exercer o parlamentario como voceiro ou vicevoceiro do grupo, ­unha responsabilidade que deixará a final de mes na nómina 400 euros máis que se contabilizan baixo o título de "gastos de representación". As funcións de presidente de comisión que nesta lexislatura recaen nos deputados populares, excepto na de Economía -que está ocupada polo socialista Ismael Rego-, levan o pago de 300 euros pola actividade, o mesmo importe de compensación para vicepresidentes e secretarios das comisións.
Ocupar un dos cinco postos da Mesa do Parlamento implica, ademais de dispor de coche oficial, engadir un plus de 2.000 euros para cada membro. A presidencia conta ademais con 1.800 euros para gastos de representación e 1.025 de libre disposición que no caso de vin­cepresidente e secretario serán de 1.000 e 525 euros.
RETENCIÓNS
O BNG, o que máis "morde" o soldo dos seus parlamentarios
Non só suman a partir de que adquiren a condición de deputados. Ademais das retencións habituais, a nómina dos deputados galegos sofre automáticamente a mordida da cota que deben ingresar na conta dos partidos os que representan na Cámara.
As cantidades varían no caso de cada partido. Así, na práctica, aos diputados populares suponlles entre 150 e 300 euros cada mes que reparten entre a organización provincial e a rexional.
O PSdeG, pola súa parte, aplica un 5 por cento que se traduce nunha media de 300 euros do soldo dos seus deputados que pasa ás contas do partido. Finalmente, o maior desconto é o que aplica o BNG, que retén case o 12% da nómina dos seus deputados. Ao peche de mes cada un dos nacionalistas con escano contribúe cunha cota de máis de 500 euros ao financiamento do seu partido.