19 nov 2008

Un corazón,
de XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR
El Correo Gallego 18-11-08

Erguinme moi cedo e coas ideas amarradas, para que todo saíse ben no momento de sentar diante destas teclas, que agora se me encerellan completamente. Escribín o título antes de nada, rápido e sen pensalo, porque se refire a Marcos Valcárcel, un recolector de estrelas, de Historia e de palabras e porque Marcos é sobre todo un corazón. Mais o resto do escrito que tamén vai tratar del, rómpeseme constantemente cando parece que quere arrincar.
Quixen prender o fío pola xoiaría familiar ao lembrar a primeira vez que entrei alí. E levaba bo camiño, porque Marcos sempre fixo talla doce sobre aceiros e cobres de papel e de luz de pantalla. Creo que toda esa teima naceu de imitar o pulido do ouro no taller da casa, visto cada día durante a infancia. Marcos lixa e almacena o tempo e as palabras e cando os demais tirabamos coios na rúa, que temperan tamén o carácter, mais doutro xeito, el seguramente se metese para dentro, para buscar a paz e a dozura, á beira do buril e do foco do pai, até acabar converténdose en alfaia de tanto velas facerse. Sendo adolescentes en Compostela regalounos aos máis próximos o candor da súa forza sen conto, que xa daquela consistía en saber reunir o disperso e en procurar a medición ordenada para proclamar Galicia e destrozar o tirano. Sen berro ningún de quen nunca os soubo botar, nin daquela nin nunca.
Eu convídoos a que busquen a súa obra. A que está á vista, todos os días no Galicia Hoxe, o xornal irmán de EL CORREO GALLEGO; en La Región; en calquera dos seus libros e no seu blog que se chama As Uvas Na Solaina, a principal referencia do galeguismo en Internet.
Un grande corazón que impulsa e transporta, desde o pasado para o porvir deste país, e desde a sombra para o entendemento e o amor. Non lle coñezo a outra obra, a do erudito e coleccionista paciente. Tenme falado dela nos cálidos días en que nos retratabamos xuntos e sei que en Ourense hai casas enteiras de arquivos de papel que pola lúcida escolla constitúen talvez a notaría máis importante da Historia de Galicia do último medio século. E todo porque Marcos Valcárcel é tan grande como imprescindíbel.


(Do xefe desta casa: graciñas tamén a Xosé Manuel Sarille con quen compartín tantas cousas e de quen aprendín outras moitas. Menos mal que estes días non saio de casa, porque parecería un semáforo en vermello andante)