25 feb 2009

DE LETRAS E DE SIGNOS
Follas de limoeiro fritidas
POR ANXO TARRÍO VARELA, galicia hoxe 25-2-09

Adoitaba dicir Carlos Casares que para ter certo éxito ou suceso nisto de escribir columnas de xornalismo literario, á parte, naturalmente, de se manexar estilisticamente con algunha frescura e habelencia, cómpre non tocar nunca estes temas: política, relixión e sexo. A actualidade, no entanto, ponnos aos columnistas moi difícil driblar, quero dicir, canear por entre eses asuntos sen tocalos un chisco. Porque, imos ver, estamos no vórtice da campaña electoral e o cronista non pode pasar asubiando e mirar para outro lado, cando o certo é que a feira dos votos o tenta a cada intre a se pronunciar contra todo ese mercadeo onde do que menos se fala é das necesidades da cidadanía e moito das miserias dos políticos e das políticas, que deixan o campo de xogo cheo de detritos e inservíbel para o estabelecemento dun terreo de diálogo intelixente, dunha ágora civilizada, produtiva, creativa e lista para o progreso.
O da relixión tamén é asunto difícil de esquivar, pois entre outras intromisións das relixións na vida civil e laica, que tanto recordan o nacional-catolicismo dos corenta anos de marras, aparécennos agora os autobuses ateos e deístas disparándose anatemas e dogmas entre eles, cando o agnóstico cronista ten que se situar equidistante para poder manter unha certa coherencia, malia sospeitar que este negocio do universo pode estar rexido por un equipo de investigación ben cualificado e autofinanciado, quérese dicir sen subvencións de I+D+i nin pendente de índices de impacto, ao que decote se lle escapa o control das esferas parar amolarnos aos terráqueos e vai ti saber a cantos trillóns de seres intelixentes que andarán rolando a cen mil mi- llóns de anos luz procurando unha explicación a tanto misterio.
O do sexo sería quizais, a estas alturas, o máis doado de evitar, pero, claro, con Penélope Cruz a gañar un Oscar, algún pensamento se desvía sempre, quéirase ou non, e o cronista ten que disimular indiferenza diante da parroquia.
Polo tanto, o mellor, xa que estamos en pleno entroido, será falar de algo que, cando estaba a pensar na escritura desta columna, veu tocar o meu padal como unha epifanía. Trátase dunha fritura de sobremesa da que decote oín falar na contorna familiar pero que non recordo tela probado nunca até agora. Son as follas de limoeiro fritidas (case lle copio o título a Jon Avnet), consistentes nunha masa ou amoado semellante en todo ao das filloas ou das "flores" (que tamén teñen o seu aquel), co que se impregnan as follas de limoeiro para as meter a fritir en aceite ben quente. O resultado é excelente, e para este cronista, que non é nada lambón, foi todo un descubrimento, até o punto de que coloca esta arte de sobremesa no primeiro posto dos gustos de entroido, só por detrás do cocido e das filloas. Leo na arañeira que é un "postre típico murciano". Seica se chaman por alí paparajotes. Se as fan vostedes, que lles aproveiten! pero non lles coman as follas do limoeiro, só a fritura. De nada

Miradas Alleas (II)
andoliña 25-2-09

Lembro ben a Carlos Casares pronunciando en Auria, nun acto de inauguración de curso da Universidade de Vigo, a conferencia Hemingway en Galicia. Era un dos seus escritores favoritos e un dos temas do que lle encantaba falar. De feito, repetiu esa charla en varios lugares de Galicia e foi ampliando datos ata publicar un libro ben gorentoso con esta temática na Editorial Galaxia. Agora ese libro é reeditado na colección Miradas Alleas, da Xunta de Galicia, cun texto complementario de Carlos G. Reigosa.

É fascinante percorrer o periplo de relacións galegas do Nobel norteamericano, que incluíu personaxes galegas nas súas novelas e contos, dende a Pilar de Por quen dobran as campás? ata os cregos que lembran as andanzas agraristas de Basilio Álvarez.As opinións de Hemingway sobre os galegos son diversas, ás veces considerados como brutos ignorantes ou desprezados por ser unha cultura allea ó mundo dos touros.

Pero, como di Casares, o escritor fíxose inmortal logo pola épica do mar, reflectida en O vello e o mar e Casares sostiña, sobre textos do Nobel, que esa visión puido nacer vendo o esforzo heroico dos nosos mariñeiros na ría de Vigo.