CULTURA E NACIONALISMO (1)
La Regiuón, Opinión, 29 outubro. Ilustra un deseño de Pepe Barro, anos 70.O asociacionismo cultural. A finais dos anos 60 e ata os primeiros 80 o nacionalismo tivo un vizoso colchón social no mundo das asociacións culturais, impulsadas dende partidos como a UPG e o PSG. Xa morto Franco, funcionaban no país entre 60 e 70 asociacións culturais, con bastante actividade e de alentos novidosos e creativos. Díxome daquela o director dun xornal galego: o Bloque non sabe ben o tesouro que ten con esas asociacións, é un activo poderoso. De certo, o Bloque sabíao e esa estrutura foi fundamental para apoiar a creación do sindicalismo labrego ou as candidaturas das primeiras municipais. Militantes moi novos desenvolveron un intenso labor cultural: revistas, debates, mesas redondas, ciclos de conferencias, exposicións, mostras etnográficas, etc. En parte este traballo estaba coordenado dende o Frente Cultural da AN-PG, no que tiven a honra de participar, ó carón de personalidades como Manuel María, Lois Diéguez, Felipe Senén, Millán Picouto, Claudio Rodríguez Fer, Carme Blanco, Perfeuto Estévez, Xosé Lois Vázquez, Anselmo López Carreira, e un longo etcétera. En Santiago había outro núcleo potente, que puxo en marcha as primeiras pedras de “A Nosa Terra”, da man de Margarita Ledo e por alí andaban (de memoria) Pepe Barro, Lois Celeiro, Galocha, Xosé Ramón Pousa, Bieito Iglesias ou Xosé Manuel González, entre outros. O estudantado participaba nas asociacións culturais O Galo e O Eixo (Auriense en Ourense) e tamén no cineclubismo da época: lembremos nomes (sempre de memoria) como Daniel Bernárdez Cancelas, Merche Penoucos, Rafael Ojea, Antón Baamonde, Camilo Valdeorras, Xosé M. Sarille, Luís González Tosar, Manuel Figueiras, Xosé Miranda, etc.
Da crise dos 80 á actualidade. A entrada na política activa, nos concellos e logo no Parlamento Galego, relegou a relevancia deste labor. Moitas asociacións desapareceron. Outras minguaron a súa actividade ou vexetaron durante anos. As máis activas foron aquelas que sabían disterar os campos da política e o da cultura (na Coruña, por exemplo, O Facho ou Alexandre Bóveda), pero moitas outras sucumbiron na loita política diaria, cargada de sectarismos e dogmatismos (escritores que sempre foran “da casa” pasaban ás listas negras cando deixaban a militancia nacional-popular). O nacionalismo non soubo recuperar aquel pulo cultural nin rendibilizar a súa enorme potencialidade. Nin sequera, creo eu, cando chegaron ás institucións. Os xeitos de traballo cultural tiñan que cambiar, é obvio, pero nesa mudanza desapareceron moitas iniciativas valiosas e non foron substituídas por outras alternativas. Se o nacionalismo estivo sempre moi vinculado ó labor cultural, a realidade de hoxe, cando mesmo está gobernando, non é excesivamente optimista. A consellería de cultura, en mans do BNG, semella estar vampirizada e engulida pola pantasma do monte Gaiás (velaí un auténtico Alien que acabará por devorar calquera forza renovadora), mentres se expande o desánimo entre moitos axentes e creadores culturais (iso é o que escoitamos de moitos escritores e xentes do teatro, por exemplo).