Máis cidades
literarias (7)
(Andoliña sábado 9 decembro. Nas imaxes, Xela Arias e Xosé María Álvarez Cáccamo)
Vicente Risco evocou en 1920, no seu famoso U…ju…juu…(Poema futurista),
unha Coruña que miraba cara ás brétemas de Irlanda e un Vigo que esculcaba "os raña-ceos de Nova York": era un canto simbólico á modernidade das cidades e non é difícil encontrar imaxes semellantes noutros poetas, por exemplo en Fran Alonso cando escribe: "Vigo dende aquí parece Nova York./ Coma nas películas dos sábados./ E sorrime, desde enfronte, cinicamente,/ fermosa e altiva, a cidade das miñas penas,/ a piques de engulirme".
Marga Romero falou en Mariñán das cidades dos poetas e tivo moi presente Vigo, dende o Vesteiro Torres, que canta Tui e Vigo, mis dos patrias ata Amizade con Mowgli de Cristal Méndez Queizán. No intermedio dese longo camiño hai unha xeira de grandes voces como Xulio Sigüenza, Luz Pozo Garza (Vemos fuxir o corvo torvo, Badía de Vigo, Illas Cíes), Xosé Luis Franco Grande, Xosé María Álvarez Cáccamo (Os documentos de sombra), Xela Arias, etc. A cidade que cantou así Xohana Torres: "Ouh capital do mar, durísima cidade/ de violencia interior como nos leitos,/ altas querervos, grúas, franqueadas na canle,/ as casas como redes caídas polas augas".