11 mar. 2010

DE LETRAS E DE SIGNOS
Ler sen pensar
ANXO TARRÍO VARELA
Galicia Hoxe, 10.03.2010

Non hai que abondar máis no asunto do desván. Un asunto, este da palabra desván aplicada ao topónimo galego de Sobrado, que por outra parte, tamén é un dos significados que dá o dicionario da RAE para a palabra "sobrado" en castelán. Doutra banda, non sei se Sobrado dos Monxes terá menos que ver cun desván, rocho ou faiado que cun sobral ou sobreiral, é dicir, cun lugar poboado de sobreiras, suberarias latinas (alcornoques casteláns), aproveitado pola súa situación e idoneidade de lugar montesío e solitario para mellor retiro e oración dos antigos eremitas ou ermitáns, despois cenobitas, dados ao aillamento e á oración mentres lles medraban as barbas e daban pinchacarneiros como don Quixote en Serra Morena polos ermos e as penedías. Teoría esta que podería levarnos a ter un topónimo ben chusco, como Alcornocal de los Anacoretas, que ao conselleiro Varela tanto lle daría, xa posto a ler calquera cousa que os seus colaboradores lle poñan diante dos anteollos para saír do paso político e entrar no momento máis interesante dos pinchos con garrafas de vinito español, que tamén levan rolla sobreira no tapón e para iso se sacrifican pola patria.
Sobre o que quizais conveña reflexionar algo é sobre a escandalosa e alarmante incapacidade e/ou incompetencia que amosan a maioría dos políticos post-posmodernos respecto da oratoria parlamentar. Unha incompetencia que os obriga a delegar sistematicamente o seu repertorio ou discurso argumentario no papel pautado que lle escriben, máis ou menos na sombra, máis ou menos coñecidos pola vox populi, os funcionarios da escala técnico-administrativa ou os seus propios colaboradores políticos subordinados nomeados polo criterio de "posto de confianza". Isto, ao parecer do cronista, si que merecería unha pluma ben afiada e intelixente que nos explicase qué é o que pasa pola cabeza dunha persoa responsábel dunha parcela de goberno dun país que le o que lle poñen diante sen se ter preocupado con antelación de lle botar unha ollada e dar o seu visto bo ao escrito sen engadir de propia colleita nada que puidese, non xa enriquecer, pero si deixar unha impronta persoal pola que o personaxe se faga conscientemente responsábel do que emite pola boca.
Neste sentido, é desalentador e desmoralizador ver que os políticos levan frivolamente ao estrado todo precociñado, tanto de se tratar de asuntos técnicos que, efectivamente, é mellor deixalos ben dispostos e ordenados por escrito no papel para que os especialistas dispoñan dun texto base sobre o que debater coa seguridade de non deturpar as palabras que se pronunciaron ao efecto, como doutros asuntos de índole máis subxectiva que, pola contra, requiren un tratamento dialéctico no que aos aspectos técnicos débense sumar compoñentes de convencemento íntimo, ideas interiorizadas sinceras e firmes acerca do que se está a defender a fin de mellor, non só impoñerse aos argumentos do adversario político, senón, sobre todo, convencer cordialmente ao público que espera axuda dunha instancia moral e ética supostamente superior e exemplarizante nun tema por acaso espiñento ou magmático de difícil solución privada. Ver que a defensa das conviccións íntimas que deben estar detrás desta clase de asuntos se delega nun escrito impersoal e anónimo, non pode ser máis que indignante polo que supón de frío trámite e, sobre todo, de frívola estafa moral.