ALGUNHAS CIDADES LITERARIAS (2)
(Andoliña 3o novembro) E de Ourense imos cara Santiago. O imaxinario literario de Compostela é moi complexo. Complexo por antigo porque parte a súa andaina dende o mundo medieval cos peregrinos cantados polos trobadores e a pastorela do Sar. E complexo por heteroxéneo, pois collen neste continente referencias tan dispares como “La Casa de la Troya”, os poemas de Rosalía, Paulo Coelho ou autores como Torrente Ballester (“Compostela y su ángel”, 1948) ou Gerardo Diego (“Ángeles de Compostela”, 1940). Coñecemos tamén a Compostela do século XVI con “A tecedeira de Bonaval” de López Ferreiro e a dos anos 30 con obras como “A modelo de Paco Asorey” de Xoán Xesús González.
Otero Pedrayo deixounos a súa visión de Santiago en “Arredor de si”, “Devalar”, “O espello na serán” ou “A romeiría de Xelmírez”, pois, como dicía Carballo Calero, a novela de Santiago é tamén a novela do seu primeiro arcebispo. Podemos seguir a cidade dos anos 50 ós 70 a través de tres grandes novelas, de acenos universitarios: “No ventre do silencio” (1993), de Méndez Ferrín; “Xoguetes pra un tempo prohibido” (1975), de Carlos Casares, e “Dos anxos e dos mortos” (1977), de Rey Ballesteros. E mañá, máis novelas de Santiago.