4 mar 2007



Martin Pawley + Galicia Encantada



Tamén están de aniversario os amigos de Galicia Encantada. E Roberto G.Méndez entrevista en El Correo Gallego a Martin Pawley (A Coruña, 1974), crítico de cine da Radio Galega e responsable do blog Dias estranhos (na foto).






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1957
O artigo completo
(Na imaxe superior, parte do Grupo Galaxia nos Ancares: Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole e Ramón Piñeiro)

Nace en Buenos Aires Follas Novas, librería e distribuidora do libro galego, da man de X.Neira Vilas e Anisia Miranda. E o Teatro Popular Galego de Blanco Amor. E a Editorial Citania. E libros como “Non agardei por ninguén”, de R. de Valenzuela; “Mito e realidade da Terra Nai”, de Xoán Rof Carballo; “A roseira da soidade”, de Antón Zapata García; a “Antoloxía Poesía Galega” de Galaxia, século XIX (Del Riego). O “Merlín” en castelán e a primeira parte de “Los gozos y las sombras” de Torrente. E “Literatura gallega actual” de Xavier Costa Clavell.
E nace tamén a colección Illa Nova en Galaxia. E publícase “Do sulco” de Xoana Torres, e “Voce na néboa”, de Ferrín, e o “Auto do taberneiro” de Manuel María.
Inaugúrase o monumento a Rosalía de Castro no Espolón de Padrón, realizado por José María Mateos, discípulo de Asorey.
Nacían Os Tamara e o Conservatorio de Música en Ourense, e Música en Compostela. Rodábanse tres películas en Galicia, entre elas “Camarote de lujo” de Rafael Gil (sobre un relato de Fernánde Flórez, e “Orgullo y pasión” de Stanley Kramer, que traía a Galicia a Cary Grant, Sofía Loren e Frank Sinatra.
Nacen, entre outros, Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Ramón Caride, Ramiro Fonte, Antón Reixa, Alberto Avendaño, Gonzalo Navaza, Pilar Pallarés, Joâo Guisan, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Francisco Leiro, Antón Patiño, Nancho Novo, Xosé M. Olveira "Pico", Xosé M. Piñeiro, Alberte Ansede, Xosé M. Pazos, Caetano Díaz, Paulino Pereira, etc. (vaia fornada de luxo!!).


«Africanos, celtas, árabes e indios comparten fantasías»
"Series como "Falcon Crest" son unha recreación do Olimpo"

Entrevista de Xesús Fraga en La Voz de Galicia, 4 marzo 2007 (Foto da web de Xerais)

O escritor lugués vén de reeditar unha das súas obras menos coñecidas, «O castrón de ouro», unha novela de aventura na que a fantasía e os mitos desenvolven un papel central

En 1993 Darío Xohán Cabana (Roás, 1952) gañou o premio de literatura xuvenil O Barco de Vapor coa novela de aventuras O castrón de ouro . Pero a obra distinguida quizais sexa unha das menos lidas do escritor lugués, xa que apenas contou con difusión. «De feito, quedou durmindo no almacén da editorial os 15 anos de rigor ata que venceron os dereitos. Había algunhas palabras no libro que non lles pareceron ben, pero é que eu escribo coas palabras que emprega a xente, mesmo os rapaces. Está escrito cunha linguaxe libre», di o autor. O castrón de ouro vén de ser reeditado por Galaxia, dentro da súa colección Árbore .

-Así que foi vítima do politicamente correcto na literatura xuvenil, que en vez de matar ao lobo do conto mándano a unha reserva, seica.
-É un auténtico desastre. Pero é que ademais non se modifica a realidade por disimulala. E se falo dun castrón, teño que empregar a palabra collóns . Home, podería dicir testículos . O problema é que eu non escribo para rapaces, eu fago literatura, boa ou mala, pero literatura que a pode ler calquera. Dame mágoa que algúns adultos non lean libros meus como As viaxes do príncipe azul ou As aventuras de Breogán Folgueira por aparecer nunha colección de literatura xuvenil. Eu, ademais, escribinos cando tiña entre 35 e 40 anos e divertinme moito.

-O seu libro apóiase nunha visión da realidade que ten moito de espazo mítico.
-É que os mitos e a fantasía pertencen a unha realidade e non ese intento de disimulala. É que ademais non se transforma: esa visión dun mundo tan correcto fai que non se modifique. Pero este non é un libro de análise social. É unha fantasía, historias fantásticas baseadas na mítica europea, galega e europea. Hai mitos galegos, anglosaxóns, artúricos, o Rei Don García, o pasado mítico.

-Os mitos propoñen unha cosmovisión e un sistema de valores. ¿Que peso teñen na súa obra?
-A min os mitos interésanme, en principio, porque me parecen divertidos. Levan funcionando mil, dous mil, tres mil anos, e son actualizados por cada xeración. Ao mellor me equivoco, pero é que me parecen moi divertidos. E tamén resulta moi interesante comprobar a súa universalidade. Se les a épica cabaleiresca europea do século XII e comparas coa épica dos pobos do Sael do XIX, verás que somos iguais. Os negros africanos e os celtas comparten as mesmas fantasías, mesmo os árabes ou os indios norteamericanos. É unha proba de que todos soñamos coas mesmas cousas.
«É necesario que os ourensáns se atopen coa súa historia»

Velaí a entrevista que hoxe publica La Voz de Galicia-Ourense, sobre a campaña para a recuperación do Banco de España...



Pascual Veiga.

(Pan por Pan domingo 4 marzo)

Celebrouse en Compostela un encontro sobre Pascual Veiga, o compositor da musica do Himno Galego (con letra de Pondal). Esta cita trouxo varias novidades sobre a súa vida e a súa obra, que é o mellor que pode pasar nun congreso deste tipo. Vexamos algunhas delas. Estas xornadas conmemoraban o centenario da primeira interpretación en público do Himno Galego, na Habana, en 1907. Pois ben, o musicólogo Fernando López-Acuña sostén que tal composición xa se escoitara en 1896, once anos antes. Tamén se revelou nestas xornadas a estreitez económica que padeceu o músico, que tiña embargado polos acredores o seu soldo de profesor en Madrid. Na prensa do XIX hai moitos lamentos pola penuria dos nosos autores. O caso de Veiga foi dos peores: a familia non podía afrontar os custos do enterro e só coa presión popular logrouse traer o seu cadáver de Madrid a Mondoñedo.

Cambio climático.

(Pan por Pan sábado 3 marzo)


Hai só uns anos algúns estudos e películas ridiculizaban as teses ecoloxistas sobre o cambio climático provocado polo home. Hoxe hai datos xa incuestionables de que tal proceso se está a dar e de que o home é o causante do maior problema medioambiental do planeta. Lémbranolo David Attenborough, naturalista e divulgador científico que leva 54 anos facendo documentais sobre a natureza (moitos deles, da BBC, emitidos na TVE-2), en España nestes días para recibir o premio da Sociedade Xeográfica Española. Xa non podemos parar o cambio climático, di con contundencia este naturalista, non sexamos ilusos: o máis que podemos aspirar é a impedir os seus desastres e non prexudicar demasiado as novas xeracións. O planeta non pode seguir a recibir contaminación e lixo ó ritmo actual: isto tamén é un problema político, o meirandes reto do mundo no que vivimos.