4 sept. 2008

Empresarios contra o idioma galego
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO (Galicia Hoxe, 4-9-08)


Creada no ano 1993, a partir duns primeiros contactos levados a cabo pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, a Fundación Galicia Empresa naceu para, entre outros fins, teimar na cristalización dunha idea central: establecer un maior compromiso social das empresas coa cultura, concretando este máis particularmente "na recomendación de usar a lingua galega como símbolo dese compromiso e como marca de identidade e da calidade dos seus produtos, sen prexuízo do apoio á poliglosia como factor esencial da actividade empresarial". O primeiro presidente da Fundación Galicia Empresa foi Ramón Castromil e forman parte actualmente da institución -cito case de memoria- empresas e entidades tan importantes como Caixanova, Coren, Feiraco, Finsa, Gadisa, Otero Pombo, Pescanova, R Cable, Rodman, San Luis e Televés, entre outras. En definitiva, toda unha lección dada á sociedade galega por parte dun número altamente significativo de empresarios, todos eles punteiros e de gran calidade nas súas creacións e ofertas. Sinxelamente extraordinario. Como extraordinaria foi tamén a recente decisión do estaleiro vigués Barreras, unha empresa recoñecida mundialmente, que pasa a adoptar de xeito progresivo o galego como a súa lingua vehicular. Mais esta realidade normal e natural, intelixente, acaba de sufrir un golpe ben escuro, sen dúbida de carácter reaccionario e retardatario (como diría Díaz Pardo). O Club Financiero de Vigo -unha asociación empresarial- acaba de posicionarse, en coincidencia coa dereita extrema, en contra do emprego do galego no sistema educativo. Empresarios -altamente politizados- metidos a sociolingüistas. Empresarios contra o idioma galego, empresarios que falsean e manipulan os datos da realidade no que atinxe á lingua, empresarios que critican o Goberno Bipartito da Xunta dicindo (Jesús Bahillo) que hoxe "en Galicia es prácticamente imposible educar a un niño en castellano". Alguén (a Universidade) debería pór algo de racionalidade en todo isto.




Fío Musical (31)

Aproveitando a Johnny Cash, eiqui vai outra xoia (Tacho):


BONANZA. Andoliña xoves 4 setembro
Poucas vivencias teñen a forza de impregnar a memoria como algunhas da nosa infancia. Asocio eu a volta do colexio cun engaiolante bolo de pan que contiña no seu interior unha onza ben grosa de Chocolates Chaparro, que ademais estaban moi preto da miña casa. Gustábanme tanto que lle daba á onza para abaixo para que durase máis o pracer saboroso. E como melodía de fondo, unha musiquiña ben atractiva e un mapa ardendo polas beiras mentres asomaban o bo de Ben Cartwright, o patriarca viúvo da Ponderosa, e os seus tres fillos.
Falo de "Bonanza", marca e símbolo da miña xeración. Neste verán puiden ver algúns capítulos, en horario matutino da TVG, con certo temor: co arrepío de asomarme ó pasado e encontrar decepción onde houbo felicidade. Pero non sucedeu tal. O paso do tempo non foi quen de estragar o mito. Con tramas sinxelas, pero ben articuladas; sen grandes medios, e con personaxes poida que tópicos pero ben construídos; cun espírito que cando menos bebe nas fontes do western clásico. Con xeito, co resultado final dun produto moi agradable.
Sobrevive "Bonanza" na TVG e nas webs de fans de internet. O gran Robert Altman dirixiu moitos episodios: non me sorprende.