7 feb 2008


Gioconda Belli
(e unha pequena escolma)

El infinito en la palma de la mano, unha sorprendente novela da poetisa nicaragüana Gioconda Belli (Managua, 1948) gaña o premio de novela Biblioteca Breve, na súa edición número 50.

Hai uns cantos anos que sigo con admiración a carreira poética desta autora (Apogeo; El ojo de la mujer; Mi íntima multitud, todos en Visor) e por iso lle fago aquí un oco, coa miña noraboa. Haberá que ler esa novela. (Por certo, gustaríame saber que pensan da súa obra os/as contertulios/as, sobre todo, por ser unha autora que reivindica con forza o mundo feminino, a opinión das donas que nos visiten ...).
Velaí un dos seus poemas "feministas", ben breve:
MÁXIMA
En verdad en verdad les digo:
No hay nada más poderoso en el mundo
que una mujer.
Por eso nos persiguen.
(En Comentarios deixo unha pequena escolma dos seus poemas:
Y Dios me hizo mujer; De la mujer al hombre; La eterna pregunta; Hasta que seamos libres; Como pesa el amor; Reglas de juego para hombres que quieran amar mujeres; Pequeñas lecciones de erotismo. Máis poemas e datos na web sololiteratura).



Espantallos, de Bieito Iglesias (ECG xoves 7 febr.)

Con estupor lin un día destes as declaracións de dous "cidadáns" (non de dous tipos calquera, senón dun par de voceiros de certo partido que pretende monopolizar a cidadanía) que sentencian: "Ser nacionalista supón volver á cultura da aldea e iso non se pode consentir". Refírense, home xa, a ser nacionalista galego, pois o nacionalismo español está ben libre de resaibos rústicos polo feito de que os camponios de Soria ou das serras de Salamanca falan castelán. A aldea é menos aldea cando se expresa no idioma do Estado Maior do Exército, da Conferencia Episcopal ou do Boletín Oficial do Estado.
Os nacionalistas portugueses sonche viciosos da independencia, por iso se arredaron primeiro de Castela e despoixa de España, pero non retornaron ao agro e moran contra prognóstico nos formigueiros urbanos de Lisboa ou Porto. O mesmo cabería dicir dos mexicanos, separados de España e no entanto amoreados na megápole de México D.F., nada propensos a dispersarse polas abandas de Sierra Madre ou o deserto de Sonora. Poderiamos acumular exemplos que desmenten a identificación nacionalismo=ruralismo; aínda que de pouco serviría porque os preconceptos son parasitos máis difíciles de evacuar que as lombrigas. Tanto ten que a cultura galega dialogue co xazz (Abe Rábade), con Goethe (Méndez Ferrín) ou Berger (Manuel Rivas), o discurso que necesita desacreditala para xustificar o auto-odio e a sumisión provinciana sempre apelará ao espantallo do labrego "atrasadiño". Outramente, se non tivesen alguén "inferior" para sentírense cosmopolitas, que sería daqueles desleigados cuxo maior mérito se reduce a chapurrear a lingua de Cervantes?
Eu pertenzo a unha familia ecuménica que viviu durante xeracións no Brasil, Cuba, Arxentina, Venezuela, Suíza ou New Jersey, sen arrenegar dos amenos lugares de Figueiredo, Pol ou Vilarchao. Curamos o nacionalismo (español) viaxando.
(Nas imaxes: Goethe, Abe Rábade e John Berger)

Buciños.
Pan por Pan xoves 7 febr. Imaxe: Maternidade, de Buciños, 1971 (detalle).

Entrevista Moncho Conde Corbal ó escultor Buciños no seu programa de Telemiño. Nun momento dado, o entrevistador fala dos artistas que levaron unha vida extravagante ou bohemia e a posible repercusión destas poses na valoración da súa obra. Interpelado, Buciños, responde, como el é, con sinxeleza: “Home, eu son como son. Son así”. E engade que o traballo do escultor son moitas horas de labor no seu obradoiro, de estudo das formas e dos espazos, de reflexión sobre a obra en xestación. Nada que ver coa suposta bohemia que se lles atribúe ós artistas. Non foron bohemios, entendido isto como pose mediática, nin Prego, nin Faílde nin Arturo Baltar e ninguén discutirá que todos eles foron (son) grandes artistas. Buciños estuda a realidade e o mundo, esculca coa súa mirada formas que se renovan sen rachar coas raíces da tradición: non ten tempo para ser extravagante, supoño.