16 dic. 2008

DESPEDIDA

Falece Balbino Álvarez, edil de Cultura na etapa de Veiga Pombo (La Región 16-12-08)

Foi o concelleiro de cultura máis currante dos últimos 30 anos: creo que niso haberá bastante consenso. Revitalizou festas como o Antroido ou o Corpus.
No que eu o tratei, sempre foi correcto nas formas e aberto a apoiar novos proxectos culturais na cidade.
O meu pésame a todos os seus familiares e amigos/as.

Cincuenta e dúas, e douscentos vinte e sete
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 16-12-08
Non abomino do capitalismo porque creo que é o sistema que máis esparexeu benestar entre a poboación. Si, aquí, en Occidente, onde o desenvolvemento do sistema capitalista contemporáneo se viu complementado e matizado coas ideas socialdemócratas -e socialcristiás- que crearon o estado do benestar actual, é onde mellor se vive do planeta. Moito haberá que corrixir, matizar, revisar, sobre todo da relación co mundo pobre... pero a ser posible, sen cataclismos.
Se o comparamos coa evolución actual doutros mundos que ensaiaron outros sistemas -léase a mafiosa Rusia, a escravista China, a paupérrima Corea do Norte, o destrozado Iraq, o atolado Irán -non hai moita dúbida na escolla do sistema e das partes do planeta onde nos gustaría se criasen os nosos fillos e continuasen as nosas estirpes. Aínda así, é todo moi complicado.Logo de dicir durante anos que había que reducir o consumo, agora seica o consello dos poderosos é o contrario. E a iso van dirixidas as medidas económicas. Fomentar o consumo. Non se pode parar o aro que cae; hai que lle seguir dando coa variña e correndo todos detrás del. Será pois así, que eu tampouco lles sei nada disto. Pero do consumo, dun detalle que vin o outro día, queria hoxe falar.
Fun a esa perfumería grande que hai no Paseo, que non sei como se chama, pero que ten dúas plantas e unha saída a un aparcadoiro soterraño, e eu, que me aburro entre colonias e luces, púxenme a contar cousas por pasar o tempo. ¿Saben os señores cantas clases de escuma de afeitar alí hai? Pois exactamente cincuenta e dúas. ¿E saben os señores e señoras entre cantas clases, tipos e marcas de desodorantes -en sprai, roll-on, barras, etcétera- poden vostedes escoller? Pois si, efectivamente. dúascentas vinte e sete ¿E saben o que me pareceu? Pois unha esaxeración.
Evidentemente non hai cincuenta e dúas clases de caras para facer cincuenta e dúas clases de escumas, nin moito menos duascentas vinte e sete clases de axilas. Pero ollo. Neste sistema de libre mercado, de libre competencia, de libre concorrencia no sistema, hai moitas fábricas ofrecendo o mesmo produto. Obviamente parecen situacións transitorias, porque moitas delas desaparecerán e aparecerán outras. O sistema é moi dinámico. Pero aínda así, eu non o acabo de entender. E non creo que esta hiperabundancia de bens de consumo no noso mundo teña algo que ver coa gravísima escasez noutro. Non o sei. Só sei que con repartir os desodorantes e as escumas de afeitar, non iamos arranxar nada, poias axiña se acabarían. Logo a cousa debe ser máis complexa.



ZAPATAZOS
Pan por Pan 16-12-08. Imaxe, Van Gogh.

Primeiro foi Kruschev nas Nacións Unidas, logo Beiras no Parlamento Galego. Onte vimos o terceiro zapatazo histórico cando un xornalista iraquí lle botou á cabeza os seus dous zapatos ó presidente dos Estados Unidos mentres berraba que o facía en nome das viúvas e dos orfos da guerra. Sorprendeume a capacidade de reacción de Bush (os zapatos nin lle rozaron) e as opinións dos comentaristas televisivos: o señor Bush está xa tan desacreditado que case ninguén saíu na súa defensa. De feito, o presidente leva meses recuando: acusa á CIA por enganalo co das armas de destrución masiva e van aboiando os horrores da guerra. Mesmo confesaron que trucaron os informes sobre o estado actual de Iraq e as súas forzas policiais. O de Iraq ten difícil arranxo e Bush é o primeiro e maior responsable. Quizais co tempo os libros falen tamén do zapatazo do xornalista iraquí como símbolo de tantos desastres.
Elisa e Marcela, alén dos homes
XOSÉ MANUEL SARILLE PROFESOR E ESCRITOR, EL CORREO G. 16-12-08

A comezos do século XX dúas mestras coruñesas namoradas, deciden vivir xuntas e casar. Unha delas suplanta audazmente a propia identidade, falsifica documentos e faise pasar por Mario, un personaxe inventado. A temeridade descóbrese axiña e supón un desafío ás persoas que non comprenden esa conduta, sobre todo ás que detentan o poder, os cregos, os burócratas e os políticos.
Elisa exerce de home segundo os roles da época, amarra unha pistola ao cinto, pega o xaruto nos beizos, cospe esquinado, retorce o bigote cando se pon nerviosa e acáelle o traxe masculino como unha luva. Marcela no entanto é unha alma cóncava, de corpo redondeado e dozura amante.
Este é o comezo dunha historia insospeitábel que continúa no Porto e ecoa en media Europa despois dunha fuxida novelesca. Cando o Estado Español solicita a extradición da parella, xorde en Portugal un amplo movemento solidario, ou piadoso, principalmente feminino. As multitudes reúnense ás portas da cadea, os xornais simpatizan con elas e venden máis exemplares que nunca. Despois unha casa cun vello por comenencia das dúas, a outra ten un fillo e os lectores vémolas perderse xuntas no ventre de Bos Aires.
Narciso de Gabriel perseguiunas polos arquivos durante quince anos. Elisa e Marcela. Alén dos Homes, recentemente publicada, é unha alfaia. Reúnense nela o dominio científico e a beleza literaria, as dúas cualidades necesarias para que a obra histórica acade a excelencia. Ademais é un guión de cinema. As fotos dos lugares polos que pasan as mulleres harmonizan co texto e dá gusto lelo así. Os responsábeis culturais galegos deberían presentárllelo aos mellores directores do mundo, porque Galicia ten aquí a historia máis fascinante. Poñendo interese pode converterse nunha icona universal da loita polos dereitos das persoas, das mulleres en particular. De Gabriel elaborou un estudo que debe sobardar as fronteiras españolas, porque trata un tema moi vivo en Occidente. Dúas mestras galegas que reforzan a muller como protagonista da Historia, e tamén nos amosan as persoas infames, que di Foucault; as que só son visíbeis cando as focaliza o poder.