11 feb. 2009


DE LETRAS E DE SIGNOS
Eluana descansa
POR ANXO TARRÍO VARELA, Galicia Hoxe, 11-2-09. Ilustración, A.Goyanes.

Aínda sentindo un total respecto por quen poida pensar doutra maneira, resulta moi difícil comprender cómo hai quen prefire ver sufrir unha persoa e todo o seu entorno familiar antes que ceder a unha eutanasia que, en casos como os de Ramón Sampedro ou Eluana, estaba máis que xustificada. Un querería saber se quen defende esas cativas (cautivas) vidas, cheas de sufrimento e desespero pasou algunha vez por ter na súa familia un caso semellante. Dá a impresión de que non, non saben o que é ter un familiar enfermo no seu día a día, con dores ás veces insoportábeis; con dependencias absolutas, dende inxerir a comida até todo o que supón o necesario mantemento diario da hixiene, e sen esperanza de volver a ter unha vida normal nunca máis. O cronista sabe de que fala.
Resulta inhumano impoñer as propias crenzas sobre o sufrimento dos demais, administrando así os males alleos sen ceder aos argumentos máis elementais acerca dunha vida sen posíbel aumento de calidade pola que se xustificaría a esperanza de que algún día volvería o enfermo a gozar de plena autonomía e dos praceres aos que acceden os que están con boa saúde. É tan elemental que mesmo dá algo de vergoña dicilo en voz alta. (...)


Políticos.
Pan por pan 11-2-09

Dicían os manuais do xornalismo que só as malas novas se converten en noticias. Será por iso que os políticos que saen nos telexornais son noticiosos, pero pouco dignos de aplauso. Políticos enfouzados na corrupción que estenden o mar da dúbida sobre toda a clase política, para desgraza dos honestos, que tamén os hai. Políticos que gañan as eleccións co poder do medo: velaí a vitoria da dereita e a extrema dereita en Israel, nación que se sente acosada, mesmo despois de causar máis dun milleiro de mortos en Gaza. Políticos carroñeiros como Berlusconi, quizais o máis detestable de todos, querendo forzar as leis para impoñer os seus dogmas contra o sentido común. Dezasete anos en coma irreversible e en estado vexetativo: quen pode desexar esa tortura para a propia enferma e a súa familia? A única verdade do caso Eluana está no que o seu pai sufriu ó despedirse dela nos seus últimos dez minutos de vida.