20 oct. 2009



Ecos da Berenguela
O idioma galego unifica dignidade
XOSÉ LOIS GARCÍA
Galicia Hoxe, 20.10.2009



A manifestación do domingo en Compostela, en favor do uso do galego, foi un acto de dignidade fronte ás barreiras coas que Núñez Feijóo intenta degradar o noso idioma por medio dun decreto exterminador. A data do 18 de outubro xa pasa a engrosar esas páxinas históricas das nosas reivindicacións. Un data inicial que nos levará a tantas outras convocatorias e debates que se teñen que abrir en todo o país.
Galiza non pode seguir sendo escarnecida. Se o permitimos sería compracer o inimigo. Porque aínda que moitos non o saiban tódolos galegos somos froito dunha cultura que nos fai diferentes, e polo tanto existentes. Aceptar o tiro de graza que Feijóo e o seu xuntoiro deciden darlle ao noso idioma, sería aceptar o asasinando do atributo que nos mantén nesa coherencia de chamarnos e definirnos galegos.
A manifestación do día 18 é un complemento desa dignidade que nos mantén posicionados nesa verdade intanxíbel en defender a toda costa o noso idioma. Pero defendelo a toda costa, non significa que este tipo de manifestacións maioritarias poñan fin a esa degradación que potencia Núñez Feijóo. Esta manifestación abre unha porta segura cara a outros extremos belixerantes como deben ser os debates en tódolos sectores da sociedade. Non nos vale ir a unha manifestación para exhibir a credencial partidaria; para facer ver que un está no trollo alborexando bandeira reivindicativa, cando despois disto se fai moi pouco por explicarlles o problema ás persoas. Abrir fendas de comprensión cara a aqueles que aínda están nun estadio de orfandade ou de pasividade é aí onde hai que facer un traballo no que se indique que se somos galegos é sempre no idioma.
O decreto de Feijóo non é mais que unha trama para desarticular o idioma e continuar domesticándonos. Pero desta vez, agresivamente. As provocacións de Núñez Feijóo, Jesús Vázquez e compañía van alén do que moitos non agardaban. Creando situacións anómalas e inventando problemas de profundo calado para unha sociedade galega indefensa. Nesta dirección, apunta toda esa estratexia do nacionalismo español na súa continxencia de pórlles atrancos aos idiomas das tres nacionalidades do Estado español. Eles saben que o galego está desprotexido e en peores condicións que o catalán e o éuscaro, e nesta situación vulnerábel poden obter vantaxes para impor un poder exemónico e totalitario do castelán sobre as outras linguas. Esta é a estratexia dese unitarismo fundamentalista e reaccionario que se pretende impor, tendo ao galego na antesala desas probas loxísticas.
A manifestación do domingo pasado dignifica esa unidade. Pero isto aínda sabe a pouco, ten que haber máis contidos de centrar as estratexias en todo o territorio galego e levalo a institucións internacionais como remata de facer Teresa Táboas na ONU. Temos que polarizar a estratexia nunha loita eficaz en todas as nosas xeografías. Tanto na sensibilización como na procura de apoios. Esta loita non debe admitir voluntarismos senón pragmatismo. Adiantarse dialecticamente ás contraofensivas que procedan da Xunta será sempre un acto de coraxe patriótico en defensa do noso idioma. Cando isto se produza baixarán a tensión do problema que eles crearon. E buscarán apoios incondicionais naquelas grupos que están supeditados ás subvencións da Xunta e que manteñen asociación de tipo cultural que moitas veces non comungan cos ditados do Partido Popular e que son capaces de facer un traballo honesto en favor do idioma, serán apartados da dádiva ou aceptarana agradecidos. Estas doazóns son unha maneira de condicionar e en momentos clave de rebaixar a tensión ou buscar alianza co fin de desbaratar o proxecto das masas. Polo tanto, crear independencia e liberdade de acción é unha prioridade que pasa pola dignificación do país.