Lembranza de Castelao en Caracas
(Andoliña xoves 9 novembro)Os galeguistas de Venezuela, con Antonio Somoza Outeiral e Silvio Santiago á cabeza, conmemoraron o cuarto aniversario da morte de Castelao, en xaneiro de 1954, cun especial da revista
Galicia, do Centro Galego de Caracas. Na portada reproducían o coñecido retrato que Carlos Maside lle fixo ó rianxeiro e logo abrían este monográfico coa derradeira foto de Castelao, tomada no Centro Ourensán de Buenos Aires, ó carón dunha pequena bandeira galega. Escribían na revista Ramón Lugrís, Francisco Luís Bernárdez, Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros (Fernández del Riego, nos dous casos), Domingo García Sabell, Alonso Ríos, Silvio Santiago e J.M. García Torrado.
Lugrís facíao sobre o significado do exilio do líder galeguista. O autor de
Vilardevós subliñaba o que Galicia debe ó labor dos galeguistas. Bernárdez comentaba
Sempre en Galiza, o libro de prosa galega máis relevante da centuria, na súa opinión. E Alonso Ríos reflexionaba sobre as estampas do artista, que "crebaron o comprexo de inferioridade co que a Hespaña centrista e uniformadora tratou de afogar a nosa vida espiritual e impornos unha mentalidade esteparia".