18 feb 2008

Violencia e democracia, de Salvador García-Bodaño (ECG 17 febreiro)

Para Arume, que lembrou este suceso hai unhas semanas no blog

No seu artigo de onte, García-Bodaño lembraba a vergonza que pasou cando o Honoris Causa a Cunqueiro, Camilo José Cela e J.M. Piel.

(...) Ocorrera, concretamente, no paraninfo da universidade compostelá, a media mañá do día 20 de xaneiro de 1980. Celebrábanse os nomeamentos pola USC, a proposta da Facultade Filoloxía, de tres Doutores Honoris Causa concedidos aos escritores señores Álvaro Cunqueiro Mora e Camilo José Cela Trulock, xunto co filólogo Joseph M. Piel. O protocolo e a gala estaban coidados ao máximo. O gran salón estaba a rebordar de xente. Había un pouco que xa agardabamos á comitiva cos doutorandos e os padriños. De súpeto, fóra, nos corredores de acceso, sentíronse grandes voces e berros, un grande barullo provocado por un grupo. Non se sabía de que ía a cousa. Ao cabo entraron, a xente apertouse contra a porta. Os berros seguían de cando en cando. Dentro, os asistentes mantíñanse entre desacougados e tensos polo escándalo. Joseph Piel estaba sorprendido. Cela, amosábase impasíbel. Cunqueiro, moi triste, xa non se atopaba nada ben da enfermidade, faltáballe un ano para que a morte o levara para o estraño país imposíbel de nunca máis volver, onde sen dúbida o recibirían con xeneroso entusiasmo os personaxes do seu mundo literario e todos os seus que o precederan. Eu tiven que facer un enorme esforzo para non me deixar conmover. No medio do acto, cando era a quenda de Cela, alguén abriu a porta lateral traseira do salón e tiraron contra o teito dúas galiñas vivas que tardaron en retirar. Despois, xa cando lle tocaba ao filólogo Joseph Piel, fixérase a calma. Moitos dos que loitaramos pola liberdade, por esta terra e a súa cultura, alí presentes, sentimos vergoña, unha fonda vergoña. Non había ser a única vez.

DIÁBOLOS, CILINDROS, CAMPÁS…
La Región 18 febreiro. Imaxe: As Tres Gracias, 1530, de Lucas Cranach O Vello.

Tallas. Como vostedes xa saben, hai uns días o ministerio de Sanidade presentou o primeiro estudo antropométrico da poboación feminina feito en Europa. Disque as tallas habituais da roupa das mulleres non se corresponden en moitos casos coas súas formas naturais e afírmase que o 41 por cento das españolas tiñan problemas ata agora coas tallas da roupa. Os consumidores aplauden a medida e o estudo será enviado agora á industria téxtil para que adapte os deseños á realidade. Oxalá sexa efectivo: iso favorecería a todos, fabricantes e consumidores. O estudo tamén esculcou na relación das mulleres co seu corpo e concluíu que a maioría están bastante satisfeitas, agás un tramo da adolescencia (16 a 19 anos). Preocupante pode ser constatar, á vista doutros problemas ben coñecidos, que o 70 por cento das mozas cunha delgadeza severa están en cambio moi satisfeitas co seu corpo.
Morfotipos.
O citado estudo, realizado con datos de máis de dez mil mulleres de todo o Estado e presentado polo ministro Bernat Soria, tamén establece tres morfotipos dominantes na poboación feminina do noso país: os chamados cilindro (medidas de peito, cinturas e cadeira similares); diábolo (perímetro de peito e cadeiras simétrico e cintura máis estreita) e campá (dimensións de peito e cintura semellantes e as cadeiras máis anchas). Os nomes dos tres modelos molestaron nalgúns sectores: eu, ignorante destas cousas, non sei de onde os sacaron, pero supoño que será unha terminoloxía habitual ó respecto. Tamén dixeron que o modelo cilindro abrangue ó 36 por cento das esculcadas, sendo dominante nas mulleres máis novas; un 39 por cento veríanse retratadas no modelo diábolo, con máis presenza entre os 30 e os 60 anos, e un 25 por cento, no modelo campá, que é o maioritario entre as mulleres de máis de 60 anos.
A beleza na Historia. Eu non sei nada disto, repito, pero creo que ninguén debera sentirse molesto coa nova taxonomía. Porque nada hai máis variable na historia que o propio concepto de beleza e diso falamos hai unhas semanas neste recuncho. As mulleres de Rubens seguro que caían no morfotipo cilindro, incluída a encantadora Helena Fourment, a súa segunda esposa, que tiña 16 anos cando casou co gran pintor barroco e que tantas veces lle serviu como modelo nos seus cadros. O mesmo pasaría con moitas mulleres retratadas por Durero ou por Tiziano. En cambio, serían consideradas anoréxicos algúns corpos esqueléticos que representaban o ideal da beleza para Jan Van Eyck no século XVI. Cando retratan mulleres que representan grandes virtudes (Eva, a prudencia, a xustiza, etc.) autores como Lucas Cranach ou Hans Baldung Grien escollían corpos máis ben redondos, con barriguiñas prominentes e amplas cadeiras, na liña do morfotipo campá. Estes artistas europeos, en cambio, pintaban a Morte (no topos das Tres Idades, por exemplo) cun corpo esplendoroso digno dunha modelo de hoxe na Pasarela Cibeles. En fin, que non se contenta o que non quere.