En Seoane do Courel, unha ferraría
Chegar ata Seoane do Courel dende Ourense non é doado (tampouco dende Lugo, creo). Hai que ir ata Quiroga e dende alí facer 35 km. que levan case unha hora de viaxe lenta por un vieiro de congostras, curvas interminables, baches continuados, etc. (a volta foi máis levadeira, porque o automóbil xa coñecía o camiño). Pero cando un chega aló, e mesmo xa polo camiño, advirte unha nova dimensión: unha sinfonía de colores e ulidos que poucas fragas poden acumular no noso país. Un auténtico paraíso de silencios e sons perdidos dalgún animal doméstico.
Alí se celebraron onte, en Seoane do Caurel, onde está enterrada a poeta María Mariño, os actos de homenaxe do Día das Letras Galegas. Do contido das intervencións de Méndez Ferrín, Darío Xoán Cabana, Charo Álvarez e Barreiro Fernández dá conta resumida a prensa (ver ligazóns): foron todas entusiastas, por se alguén ten dúbidas (e quizais como resposta a outras visións críticas que non estaban presentes no Caurel).
Tras dun xantar enxebre, con productos naturais do país, fomos convidados, despois dunha longa paseata costa abaixo cara o río Lor (despois houbo que subir e a calor era atafegante, mesmo nesas paisaxes de montaña), a ver unha antiga ferraría (Locay), que conta con 200 anos de vida e está parcialmente restaurada (pola antiga Xunta). Digo parcialmente porque o edificio, todo de lousado, mantense incólume dende as súas orixes: o que se amañou foi parte do entramado industrial interno. Seica é a máis grande de Galicia (maior que as de Taramundi) e paga a pena chegarse aló para vela: fixósenos unha demostración de como funcionaban todos os aparellos para fundir o ferro, todo coa única forza da auga que cae en cachón dende moitos metros de altura e impulsa todos os mecanismos: rodas, fuelles, etc. Ó carón da ferraría hai tamén un enorme muíño en moi bo estado. O noso anfitrión, que nos ensinaba todo con entusiasmo, aproveitou para pedir das autoridades culturais presentes maior apoio para recuperar tan impresionante infraestructura industrial, que podería servir de polo de atracción turística nun paraíso de paisaxes na súa contorna, á beiriña do Lor, o río máis limpo imaxinable naquelas augas. Agardemos que desta visita quede cando menos unha maior atención para estas terras do Caurel (un meu compañeiro de traballo, Xabier López, un dos mellores camiñantes e coñecedores deste país, infórmame que hai unha casa de turismo rural e un fermoso camping máis enriba, que desta non puidemos ver), unha visita necesaria sen dúbida se se supera o problema das comunicacións do que falei antes: quizais por iso foi quen de manterse como un paraíso case intocado.
(Segue en comentarios...)
A crónica dos actos na prensa: El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Galicia Hoxe.