9 jul 2009


Currículum Vitae
BIEITO IGLESIAS
El Correo Gallego, 09.07.2009

Eses días de atrás o rexedor lugués Orozco contou nunha entrevista que foi profesor no bacharelato de dous altos cargos actualmente no presenteiro: o ministro Blanco e o conselleiro de medio rural Juárez. Revelou, supoño que por satisfacer a curiosidade da lingua preguntadora encargada de entrevistalo, que ningún dos dous próceres pasou dun ben na súa asignatura. Este dato carece de importancia porque a democracia non é a república dos sabios prevista por Platón senón o goberno dun calquera, do lláparo común. De por parte, as estatísticas do fracaso escolar coñecidas mostran que o seis alcanzado polos políticos á cima aludidos pode considerarse unha notaza en comparación coa media. Outramente o facto de ser un chapón non garante o suceso neste mundo castrón onde a excelencia reside nos colexios de pago, querse dicir na billeteira paterna. Así e todo, a indiscreción de Orozco tróuxome ao acordo o meu COU do Instituto Masculino de Ourense, escarranchado entre os anos 1974 e 1975. Na orla daquel curso figuran Francisco García Suárez e Manuel Prado, alcaides de Allariz polo BNG e de Beariz polo PP respectivamente; o sindicalista Xan Guerra; dous historiadores de vulto como Bieito Alonso e Marcos Valcárcel; e os escritores Manuel Guede Oliva e Pepe Carballude. Deste último acabo de ler dous libros: Xograres dun tempo novo (publicado en 2009 e dedicado a honrar a memoria das Misións Pedagóxicas) e Paisaxe con fondo gris, novela que evoca precisamente episodios autobiográficos vividos polo autor no internado do Colexio Menor e no Instituto auriense. Se nos guiásemos polas cualificacións obtidas, Carballude aspiraría ás máis eminentes maxistraturas, pois era un coleccionista de sobresalientes e matrículas, pero chéirame que non ten ansia ningunha de entrar nos gabinetes de Zapatero ou Feixóo, contento como está cos seus labores de docente, tradutor de linguas clásicas e romancista. O meu ex compañeiro e amicus certus sabe latín.