21 feb 2008


O desencanto, de Bieito Iglesias (ECG 21 febreiro)
(Foto: Virxilio Viéitez)

Houbo manifestación populosa en Santiago convocada pola plataforma "Galiza non se vende". Os convocados protestaban contra Reganosa, Ence, o plano eólico, o plano acuícola, o plano mineiro, algunha autovía e tantiñas afrontas que non me caben na pancarta. Esta denuncia deseña un panorama de xeral destrución paisaxística, proxecta a imaxe dun país vendido por leiros ás multinacionais. Quen o vende? Pois Núñez Feijoo e os traidores do tándem Touriño-Quintana. Contra tal ofensa érguense as boas xentes que cren que outra Galiza é posible, unha coligación de verdes, independentistas da póla lusista e da isolacionista, damnificados por algunhas obras ou cheiros infectos, afiliados sindicais e encomodados do Bloque. Pepé, Psoé, Benegué, a mesma merda é! Se estiver nos zapatos de Paco Rodríguez ou do vicepresidente da Xunta, andaría preocupado porque a parroquia parece decepcionada ou inclusivamente traicionada. Espero que das reas protestantes xurda un partido cun programa claro, ecoloxista, socialista, independentista e altermundialista, capaz de conquistar, se non o poder, si o corazón da sociedade civil. Así contribuirían desde este corruncho do orbe a engrosar a Multitude que -segundo Toni Negri- desafía o Imperio.
Para min o bipartito peca de incompetente, non de dereitista. Non levei -polo lado ideolóxico- ningún desengano, porque supuña que as dúas formacións socialdemócratas do goberno autónomo non ían facer maiores lobadas que os laboristas británicos, os demócratas italianos ou os socialistas portugueses. Imaxinaba que asumirían, como así foi, a economía de mercado, o capitalismo máis ou menos reformado, a liberdade de costumes e un galeguismo temesiño, o único posible cando a parte nacionalista do gabinete representa en termos de apoio popular menos do vinte por cento. E tan bo día. Esperaba, si, que houbese mellores xestores, máis ideas e máis arxil. Son bo de conformar, pero Deus nos dea outras mellorías.
Outras visións...

Eleccións e valores (2).
Pan por Pan xoves 21 febreiro (Imaxe: Gil Robles)

Cando se constituíu a CEDA de Gil Robles en Ourense na Segunda República, os congregados resumiron o seu programa no lema “Dios, Justicia, Familia, Trabajo y Propiedad”. Nesas cinco palabras están as claves de todos os partidos da órbita conservadora europea e os expertos en teoría política engaden outras como Xerarquía, a confianza na Tradición e unha concepción pesimista sobre a natureza do home e as consecuencias do Progreso. Supoño que na cerna do seu persoal sistema ideolóxico as persoas que se consideren de dereitas non estarán moi arredadas dun esquema coma este: de feito o Partido Popular leva meses mobilizando a poboación invocando os intereses da Igrexa católica (da súa xerarquía) ou bocexando un discurso catastrofista da política actual que reflicte esa escasa confianza no que representa o avance das ideas e das sensibilidades sociais.