29 jun. 2007


A volta do xenio do mal
Andoliña 29 xuño

Rídevos cando se vos fale da liberdade de pensamento, dicía nunha pastoral Martínez Vigil, bispo de Oviedo en 1897. O seu colega, López Peláez, bispo de Jaca, escribiu Los daños del libro (1905) e deixounos un retrato apocalíptico do poder libresco para estragar a sociedade coa lacra do liberalismo: "El genio del mal ha encontrado en los diminutos movibles tipos de imprenta un auxiliar poderosísimo. El escándalo que produce un orador no pasa más allá de donde su voz llega; pero llega su voz a todas partes y resiste a la acción del tiempo mejor que grabada en mármol y bronce, si la palabra, retrato del pensamiento, se fotografía en una débil hoja que se lleva el aire".
Son estes textos de hai cen anos e nada extraordinarios: calquera persoa que manexe textos históricos podería citar moitos máis semellantes. Dende aquela o xenio do mal andaba algo escondido. Semellaba que esa linguaxe, tan arcaica e críptica, quedaba reservada só ós fanáticos islamitas que reclaman outro 11-S contra Occidente. Pero non só: velaí as declaracións do sr. Cañizares, vicepresidente da Conferencia Episcopal: os colexios, mesmo relixiosos, que adapten Educación para a Cidadanía "estarán colaborando co mal" (sic).

P.S.: a miña posición a favor da materia de Educación para a Cidadanía quedou reflectida nunha Andoliña do 31 de outubro do 2006, recollida nesa data neste blog. Por certo, daquela houbo división de opinións e moitos contertulios non eran favorables á introducción desa materia.