9 ene 2008


Un pasado non tan arredado
A Nosa Terra, 4 xaneiro 2008 (Imaxe: Borrachos, de James Ensor, 1886)

Hai unhas poucas semanas presentamos no Liceo ourensán o último libro de Xavier Castro, “Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX” (Nigra), nun acto compartido co propio autor e co tamén historiador Jesús de Juana. O traballo de Xavier Castro, que ten un precedente para a etapa anterior nun excelente estudo de Pegerto Saavedra, é unha esculca polo miúdo das formas da vida cotiá na Galicia campesiña tradicional e, en menor medida, tamén no mundo urbano. Co apoio sobre todo de testemuñas literarias (tan vizosas na nosa cultura) e tamén de entrevistas orais e doutro tipo de documentos oficiais, o historiador vai retratando como era a vida nos fogares galegos, a súa alimentación e indumentaria, a hixiene e o vivir tremendo de frío, a historia da infancia e da escola, as formas de noivado, amor e matrimonio ou o que el chama o Ars Amandi na vellez, que tamén interesou ó Castelao escritor nas súas “Cousas da vida” e en “Os vellos non deben de namorarse”.

No coloquio posterior constatei dúas realidades. Primeiro, que ese pasado non está tan arredado: os presentes naquel acto, que non somos tan vellos, tiñamos aínda vivencias en común coas que se contan no libro. Segundo, comprobei que o dirixir a mirada cara o pasado leva a dúas actitudes vitais contrapostas: dende a condena radical dos tempos idos ata unha visión idealizada do pasado que subliña a perda dos valores auténticos que definían as sociedades tradicionais e comunitarias: había outra ledicia nas caras, díxose alí. A afirmación pode ser obxectiva, pero non debe ocultar outras sombras, que están no libro que comentamos: o maltrato habitual ás mulleres, as xerarquías autoritarias que dominaban todo, o absentismo escolar porque o traballo infantil era necesario, etc. Era, admitamos cando menos isto, unha sociedade na que o azar determinaba moitas vidas: a filla maior dunha casa, por exemplo, raramente podía estudar, á marxe da súa valía, e convertíase nunha segunda nai e escrava dos seus irmáns.
Políticos mediáticos.
Pan por pan 9 xaneiro

Vivimos tempos de políticos mediáticos: Berlusconi, abriu moitos camiños neste sentido, lembran? Onte soubemos, por exemplo, por unha entrevista de Naomi Campbell a Hugo Chávez, que este querería ser un cantante latino de éxito, de non ser presidente de Venezuela. E que non lle importaría posar co torso espido, como fixo Putin. Creo que non é bo mesturar a información política e as páxinas do corazón: todo acaba ensarillado e tinguido de rosa ou, quizais, de color ocre. Velaí o caso Sarkozy, que acapara a egrexia prensa francesa, que ó mesmo tempo empeza a criticar a exhibición da vida privada do presidente galo. O que si me sorprendeu é que esta pasarela de fotos de Sarkozy coa cantante Carla Bruni vaia acompañada dunha caída da popularidade daquel. E non será unha venganza inconsciente dos cidadáns galos, atormentados pola envexa?