CONVERSA NUN CAFÉ
La Región 23 xuño (M. Valcárcel)
Media España estaba pendente do que podía suceder en Valencia, no Congreso do PP, remate dun ciclo convulso na dereita española. Onte mesmo escoitamos esta conversa nun café auriense.
- Que che parece? Ó final parece que o Rajoy saíu vitorioso, elixido con oitenta e catro por cento dos compromisarios.
- Ben, en realidade os congresos gáñanse antes de inauguralos e Rajoy tíñao moi seguro cando ningún dos seus opoñentes foi quen de presentar un candidato alternativo. Outra cousa é que os resultados sexan para bater palmas: despois de todo o que pasou, é imposible restablecer a unidade ideal e xa viches como se despachou, mesmo con saña, Aznar contra o seu delfín. Hai “apoios responsables” que matan.
- Si, pero a lectura que fará todo o mundo, mira o que din xa todos os medios, é que Rajoy gañou a Aznar. E que ademais se liberou da vella garda, dos Aznar, Acebes, Zaplana, Elorriaga, Mayor Oreja, Vidal Quadras, e moitos máis.
- É unha posible lectura, pero todos eses que citas e outros, mesmo María San Gil, agora xa non teñen nada que perder e non creo que queden calados. Esperanza Aguirre non é moi silenciosa, non? E o congreso uniunos no desamparo e non se sabe como van reaccionar. Creo que a crise é xa irreversible, de verdade. Iso non ten arranxo.
- Pero hai caras novas, e femininas, mira esa moza e nova secretaria xeral, María Dolores de Cospedal, supoño que traerán novos modos de facer política. Personaxes como Jiménez Losantos ou Pedro J. Ramírez xa non terán moito que pintar nas axendas do Partido Popular.
- Véxote optimista, pero eu só vexo unha loita polo poder. Pura e dura. A renovación dos mandos co reclamo da viaxe cara o centro: tamén Aznar xogou a iso no seu día e ata pactou cos nacionalistas. E logo, xa ves. Porque no programa non hai cambios, non? Eu vexo que segue o de sempre: contra o matrimonio homosexual, contra a materia de Educación para a Cidadanía, etc. Mesmo o alcalde de Madrid, o vitorioso Gallardón, é un home de dereita pura, fóra as formas.
- Ben, haberá que darlle tempo ó tempo. Os cambios nunca poden ser radicais e menos nun partido de dereitas. Ó cabo todos os congresos fanse para ventilar as loitas de poder: despois os que gañan son os que deciden a andaina e evolución política do partido, día a día. Tamén ós “populares” galegos, que apostaron ó cabalo gañador, haberá que darlles tempo. Mira este xornal o que pon: “Acento gallego en Valencia”. Aquí di que os compromisarios galegos levaron varias emendas de corte galeguista e autonomista.
- Si, home si. Pois vaia autonomistas. Con Núñez Feijóo e Corina Porro pedindo a “Libertad Lingüística” e manifestándose ó carón dos que lle queren darlle a estocada letal ó galego. Que non estamos no século XIX. Que non hai galeguismo posible co desprezo do galego. Se se chaman rexionalistas, vale. Pero que non me veñan con máis contos.