20 sept. 2008


éche o que hai, de López (Galicia Hoxe 20-9-08)
Un documento político

Un amigo desta casa tivo a ben enviarnos este documento político do Partido Galeguista. Colgámolo aquí porque pode interesar a algúns dos nosos curiosos e espelidos lectores/as:

GALEGUISMO: A IDENTIDADE

O Partido Galeguista é unha organización política de mulleres e homes que teñen por obxectivo erguer a Galicia até situala en pé de igualdade cos pobos europeos máis desenvolvidos.

Nós, os Galeguistas, entendemos que Galicia, como nacionalidade histórica europea e tamén como expresión sociopolítica da irmandade universal que conformamos os galegos espallados polo mundo, demanda unha renovación da teoría e da praxe política que redeseñe os puntos referenciais de calquera acción que interprete, administre ou reivindique os seus dereitos lexítimos como nacionalidade participativa, soberana e diferenciada tanto da Unión Europea como do Estado de Dereito definido pola Constitución do 78, baixo a denominación xenérica de España, que implicitamente recoñece e debe protexer os diferenciais da nosa IDENTIDADE como pobo, da nosa cultura e tradicións, do noso idioma e das institucións que representan e expresan, sociopolítica e administrativamente, tanto os intereses como os lexítimos e históricos dereitos dos cidadáns galegos e, por extrapolación, do concepto de nacionalidade, de nación, que reside no pobo galego e debe de expresarse por medio dos seus órganos constitucionais representativos.

Xa que logo, SETENTA E SEIS ANOS despois da súa fundación e ás portas de cumprirse VINTETRÉS ANOS da aprobación (no V Congreso), da liña programática de "Concordia Nacionalista", o Partido Galeguista abre un proceso para acada-los devanditos obxectivos o máis axiña posíbel, polo que defenderémo-los intereses dos galegos en tódolos ámbitos de actuación convenientes, mediante a elaboración e a execución de estudos, programas e demais traballos que posibiliten a conquista dos maiores niveis de desenvolvemento económico, social e cultural, das xentes dos lugares, parroquias, aldeas, vilas e cidades, tanto dos residentes dentro dos territorios históricos da Galicia como daqueles que residan noutros países ou estados da península Ibérica, Europa, América e no resto do mundo.

Queremos que a mensaxe galeguista chegue ós cidadáns do único xeito xenuíno que ten de manifestarse: a través do Partido Galeguista; e para iso traballaremos sen desmaio e executarémo-las formas de actuación política máis idóneas e axeitadas, principiando pola loita para acada-las cotas de autogoberno que precisámo-los galegos para podérmonos desenvolver como pobo diferenciado que somos, cousa que compatibilizaremos cun traballo concertado e solidario cos demais pobos. Somos e seremos, cada vez máis, a opción política capaz de garanti-la máxima capacidade operativa e decisoria para o parlamento e o goberno galego, sen caer en sinerxías excluíntes nin illacionistas; unha opción, en definitiva, que será capaz de interpretar axeitadamente o concepto da IDENTIDADE GALEGA, cunha VISIÓN de ESTADISTAS da política centrada en construír País, en facer País, en facer Galicia e, por iso mesmo, en ter unha visión axeitada de concertación política a nivel do Estado Español e da Unión Europea. (...)

(Segue en Comentarios)